Esta sobranceira necrópole atópase a unha altitude de 313 ms no barrio da Devesa, da parroquia de San Cristovo de Candeán. Ubícase nunha dorsal e está composta por catro mámoas.
Antas da necrópole de Chan dos Touciños. Candeán.
Anta nº 1
Para chegar debemos dirixirnos cara ao local da A.VV. deixando atrás a encrucillada que vai pola dereita ao Zoo. Cincuenta metros máis adiante hai outro cruzamento do que se colle dirección á Protectora de Animais. Antes de chegar a ese cruzamento, nun monte de piñeiros e eucaliptos, atópanse as dúas mámoas, á dereita. Dicir tamén que están sinalizadas. O cemiterio está á beira.
A mámoa na que se insire mide ao redor de 16 por 18 ms nos seus eixes. A altura aproximada é de 1,5 ms. Atópase en bastante boas condicións a pesar das diversas alteracións.
Aprécianse algunhas pedras que poderían formar parte da estrutura tumular, así como a cámara con corredor. No corredor de entrada pódese ver un dos esteos da cuberta e outro chanto máis caído cara ao sul do funil de violación. A cámara é de tipo poligonal composta por cinco esteos e un pequeno corredor con dous esteors orientado ao leste. A altura máxima dos esteos é dun metro e trinta e cinco cms.
Esta pequena anta foi obxecto de varias escavacións furtivas.
Anta nº 2
Sitúase a uns trinta ms da anterior cara ao sudoeste, no mesmo piñeiral que a anterior, pero á beira da estrada. Tamén está bastante esnaquizada posto que foi escavada clandestinamente.
O túmulo mide 16 por 14 ms no seu eixo máis longo, e unha altura de ao redor dun metro e medio. Amosa un gran funil de violación.
En canto á cámara, quedou ao descuberto unha cámara poligonal con nove esteos e un corredor máis desenvolvido que o da anta anterior, conservando unha pequena pedra cobertora. Esta tampa acada os dous metros de longo e os setenta e cinco cms de ancho. O esteo máis grande da cámara ten, para a altura, un metro e setenta cms.
Dicíase que conserva nove ortostatos da cámara: oito deles están fincados. Outros tres corresponden ao corredor. Aprécianse numerosas pedras espalladas que poderían formar parte da estrutura tumular.
Anta nº 4
Está parcialmente destruída pola construción do cemiterio, e estaba formada por once esteos.
Hai uns anos que a Comunidade de Montes, en colaboración co Concello de Vigo, puxo en valor esta necrópole. Publicitouse en diversos foros e sinaláronse os principais elementos megalíticos, todo elo acompañado por unha senda peatonal.
Antas da necrópole megalítida da Costa da Freiría-Ferradouro
Anta de Herminde
Ao pasar Herminde, un pouquiño antes dunha casa illada á dereita, hai unha corredoira de monte á esquerda que vai sair á mesma estrada preto de medio quilómetro máis enriba, pouco antes de chegar ao Monte Vixiador.
Trátase dunha construción megalítica formada por unha mámoa pquena á que lle falta a parte superior, quedando ao descuberto unha sinxela cámara poligonal formada por sete esteos de moi pequeno tamaño. A mámoa acada 12 por 13 metros no eixo máis grande e atópase bastante arrasada. Na parte occidental está moi alterada debido ao paso dun camiño antigo. Consérvanse nove pequenos esteos da cámara que conforman unha planta poligonal.
Anta 1 da Costa da Freiría. San Cristovo de Candeán
Polo mesmo camiño forestal, ou bordeando pola estrada que leva ao Monte Vixiador, cento cincoenta ms antes de chegar á estrada principal, seguindo unha ruta sinalada, vanse atopando ás mámoas desta necrópole.
A primeira vez que estiven nesta anta, estaba oculta por unha espesa vexetación de acacias e era moi dificil de atopar. Hoxe a anta foi escavada e restaurada e atópase moi fácilmente.
Fotografía da anta 1 no ano 1993.
A mámoa na que se acocha a anta mmide ao redor de 16 ms de diámetro (N-S) e 16,5 no diámetro E/O, cunha altura aproximada de 1,80 ms. Estaba, antes da escavación arqueolóxica, bastante alterada polo lado do leste e amosaba un amplo funil de violación debido ás actuacións furtivas. Dentro acocha unha cámara con corredor que conserva 10 esteos, oito da cámara e dous do corredor.
Seguramente esta é unha das antas escavadas polo matrimonio Leisner nos anos 50.
Anta 2 da Costa da Freiría.
Esta pequena mámoa mide 10 ms no eixo N-S e 13,70 no eixo L-O, acadando unha altura de medio metro, aproximadamente. Da mámoa sobresaen varios esteos de moi pequeno tamaño.
Anta 3 da Costa da Freiría.
A mámoa na que se acocha esta pequena anta, mide 17 ms no eixo N-S e 17 ms no L-O, cunha altura aproximada dun metro. A mámoa está alterada polo leste.
Ao redor desta estrutura tumular pódense observar varias pedras que probablemente pertenzan ao recubrimento tumular. En canto á estrutura arquitectónica da anta, confórmase a través de sete ortostatos dos cales tres están desprazados fóra do seu lugar orixinal.
Anta da Mámoa do Monte Vixiador. Candeán, Vigo
Atópase formando parte dunha necrópole composta de once mámoas ubicadas no alto do Monte Vixiador, nun curuto a 430 m.s.n.m., e foi escavada por Santiago Vázquez Collazo da empresa Tomos Conservación-Restauración S.L no ano 2007.
A mámoa acada unhas medidas máximas de entre 23 metros e medio por 25. Sobresae en altura ao redor de metro e medio. No centro aparecía un profundo funil de violación de máis de seis metros de diámetro e un metro de profundidade.
Fotografía de Santiago Vázquez Collazo, 2007
A cámara non ocupaba o centro da mámoa e só conservaba in situ dous esteos e outros dous fóra da súa posición orixinal. Puidose definir a tipoloxía da anta grazas ás improntas e á situación de dous esteos do corredor: así conseguiuse fixar a posición exacta de nove esteos, de xeito que se definiu unha cámara composta por nove esteos e catro mais nun corredor corto de dous tramos. Estamos así diante dunha cámara poligonal con corredor pouco desenvolvido e tamén pouco diferenciado en planta, pero si no alzado. Atinxe unha altura total de catro metros e a pedra da cabeceira mide 2,70 ms de lonxitude e 1,20 de longo.
Froito da escavación arqueolóxica exhumáronse 145 fragmentos de cerámica, 82 líticos e 55 obxectos metálicos.
Sen embargo un dos descubrimentos máis importantes consistiu nos restos de pintura, tanto pola calidade como pola cantidade conservada: trazos vermellos discontinuos e liñas ondulantes horizontais, sobre todo. Tamén apareceron, noutro esteo, gravados de liñas ondulantes verticais recubertos de pintura branca.
BIBLIOGRAFÍA
Hey! I am getting bored, please fchat with me ;) ;) ;) ████████████████████████████████████████████████████████████████████████████████████████████████
ResponderEliminar