PEDRAFITA-MENHIR A EIRA DOS MOUROS.
"Colón parte a la conquista de las Indias y se topa con América. Colombo es la capital de Ceilán. El antiguo nombre de Ceilán es Serendib. De Serendib, por latosísimos motivos literarios, viene serendipity. Devotamente consultado el muy distinguido Devoto y Oli, informa a quienquiera saberlo que serendipity es "la capacidad de interpretar correctamente un fenómeno ocurrido de modo completamente casual en el curso de una investigación científica orientada hacia otros campos de búsqueda".
Santo Piazzese: "Asesinato en el jardín botánico". Siruela Policiaca. Ediciones Siruela, Madrid 2017.
A Eira dos Mouros segundo versión de Moncho Boga. Sigrás, 2024 |
Unha vez mais, unha outra vez (e serán moitas mais), voume adentrar no tantas veces mentado e lustroso universo internet, transmutado nun internauta que non o quere ser, un eterno dilema. Como todo, ambivalencia, dúbida, maniqueismo, inseguridade, medo, dialéctica..., cousas que fan que todo sexa un drama, unha traxedia, unha traxicomedia talvez. Vou de cabeza, sin manguitos.
Fotografía de Xabier Moure do bloque onosopatrimonio. |
A primeira vez que tiven coñecemento desta fermosa, rara e única pedrafita, foi a través do amigo J.A. Gavilanes, alo pola década de 2010, a primeiros. Amosábame un curioso chanto no que se podían apreciar uns petroglifos con forma de cazoliñas e outros dous motivos en espiral. No entanto, lamentablemente, deixei de publicar entradas no blogue: pero seguín a recabar informacións e xuntando elementos megalíticos coma un coleccionista de cromos ou de calquera outra cousa.
Fotografía do blogue Galicia Máxica. |
A pedrafita-marco da Eira dos Mouros atópase nas fértiles e históricas terras do Ribeiro (terra de viño, de monxes, de condes, de castelos de caudalosos ríos...), no límite entre os concellos de Ribadavia e Cenlle, e emprázase nunha ampla chaira, nun terreno en pendente, sulcada polo primitivo camiño, hoxe arranxado, que comunicaba Cenlle con Ribadavia, a poucos metros da divisoria destes dous términos municipais.
A aldea Eira dos Mouros está hoxe deshabitada, como tantas outras na Galicia, e pertence á parroquia de Santo André de Campo Redondo (Ribadavia); sen embargo, o marco-pedrafita atópase mais arriba, moi preto deste cativiño pobo valeiro, pero xa no territorio do Concello de Cenlle.
Fotografía de Clodio González Pérez. |
Ao deixar detrás as viñas da Eira dos Mouros (segundo Xabier Moure), subindo cara a Cenlle, á esquerda, permanece un tramo do primitivo camiño mencionado mais enriba, sen saída: a pedrafita atópase seguindo de fronte. Non está protexida, nin sinalizada, nin catalogada. Soa. A uns poucos metros do límite entre Cenlle e Ribadavia onde, tamén moi preto, conflúen catro parroquias: San Xoán de Sadurnín (Cenlle), Cenlle (Cenlle), Santiago de Esposende e Santo André de Campo Redondo en Ribadavia.
Fotografía do blogue megaliticia. |
Segundo Alberte Alonso, compañeiro de inquedanzas pedrafiteiras, os trazos e as gravuras (espirais e coviñas) son sen dúbida de adscrición prehistórica, megalítica. As coviñas ou cazoliñas son un dos criterios para datar e conferir carta de natureza ao monumento no catálogo megalítico; as espirais son un motivo moi escaso, pola contra, tanto nas antas galegas como nas pedrafitas. Si estas espirais son de época megalítica, estamos sen dúbida diante dun caso único dentro do universo megalítico galego.
Semella que, ademais, esta impresionante pedrafita ubícase (como en tantos outros casos) estratéxicamente ao carón das áreas tumulares, das necrópoles, ben como fito anunciador, ben como representación fálica, referente da fertilidade, aludindo, probablemente, á eterna dicotomía vida-morte.
Fotografía do blogue Galicia Máxica. |
Formalmente estamos diante dun poderoso bloque de xisto, material de pouca consistencia, de tamaño medio cunha certa forma cónica irregular, o que lle está a conferir unha clara apariencia de pedrafita. As dimensións oscilan desde o metro e sesenta centímetros para a altura, ata preto dun metro para o ancho. Na súa superficie aparecen esculpidas (na cara orientada ao suroeste) dúas pequenas gravuras con forma de espiral, así como nove cazoliñas.
As coviñas (concavidades hemiesféricas de casi imposible interpretación) acadan desde os sete centímetros de diámetro ata os dous e medio as mais cativas. Posúen diferentes profundidades e están distribuidas sobre todo nas zonas inferior e central da superficie, á esquerda dos motivos en espiral. Dúas das cazoliñas son significativamente mais grandes e de mais profundidade que o resto. As dúas espirais (segundo as conclusións do Colectivo A Rula) son dextróxiras (no mesmo sentido que as agullas do reloxo) e miden, a mais cativa, de 12 centímetros de diámetro, e describe dúas voltas, mentres que a mais grande (18,5 cms de diámetro) desenvólvese a través de tres voltas.
Foto nocturna do Colectivo A Rula. |
Esta extraordinaria, e atreveríame a dicir que única, pedrafita foi descuberta e citada por primeira vez polo mestre Clodio González Pérez no seu libro "Cenlle, historia e patrimonio". Aí recolle un documento de doazón ao mosteiro santiagués de San Paio de Antealtares. Mantén que a "petra scripta", que figura como linde entre Santo André de Campo Redondo e San Paio de Ventosela, na doazón que os reis Sancho Ordóñez e dona Godo outorgan ao mosteiro de Antealtares no século X, é precisamente a pedrafita que nos ocupa. Traducido ao galego:
"...a mámoa onde está a pedra escrita, e dereito ao Monte do Rei e Eira dos Mouros".
Como se deduce obviamente do documento, a pedrafita estaba sobre unha mámoa, polo que a pedra escrita nomeada neste valioso documento de doazón, é probable e mais que posible que sexa a pedrafita da que estamos a falar. Tamén podemos inferir que se trata, polo tanto, dun dos esteos da mámoa hoxe destruida.
Fotografía do blogue megaliticia. |
A tremenda pedrafita Eira dos Mouros non se atopa hoxe no seu lugar orixinal e é probable que tampouco a orientación sexa a mesma. Tamén aparece danada na parte inferior onde se atopa a espiral inferior.
Un pequeno excursus sobre o topónimo:
Composta de dous termos "eira" en galego é a parte exterior da casa tradicional galega, onde se facían a maior parte dos traballos e tamén onde xogaban os nenos. Zona dos hórreos, dos alpendres, área da malla... Un auténtico "patio", un auténtico obrador, espazo central da casa galega, un elemento adxetivo por antonomasia, onde se adoitan colocar as outras múltiples construcións adxetivas. Lugar de reunión tamén, de traballos tamén comunitarios, malia que de ámbito privado. Era a parte de atrás da casa, a que non daba ao camiño.
Fotografía do blogue Megaliticia. |
Galicia enteira está chea de "mouros", de seres máxicos que viven ocultos: son sen dúbida o trasunto máxico e mítico das mulleres e dos homes galegos: somos nós. Moura/o podería derivar do adxetivo e antropónimo "maurus"; sen embargo considero que se debe optar polo significado de raíz oronímica "mor-" ou "mohr-" esto é, "monte, pedra ou rocha". Trátase dun topónimo profusamente extendido por todo o país galego e por toda a Europa Atlántica: sitios, lugares, emprazamentos cheos de pedrafitas, de antas, de castros e/ou de formacións rochosas singulares. Polo tanto "mor-" simboliza e significa o asentamento no chan ao que un pertence e se identifica, a terra de mámoas e de megálitos sustentados aquí por xentes mouras, nada que ver cos mouros de orixe musulman.
Galicia está chea de "eiras dos mouros" que nomean lagoas, círculos de pedra, pequenas aldeas... E malia que non coñezo lenda algunha sobre esta Eira, de momento, a meirande parte delas están asociadas a un rico acerbo etnográfico lexendario, que as caracteriza e singulariza.
SAÚDE, SORTE E MOITA LECTURA!!!!
En Sigrás, no irreverente estío de 2024.
PARA SABER MOITAS MAIS COUSAS:
Clodio González Pérez: "Cenlle, historia e patrimonio". Editor: Noia (A Coruña): Gráficas Sementeira, 2017.https://colectivoarula.com/2020/07/04/o-derrubo-do-marco-da-eira-de-mouros-en-cenlle/
https://colectivoarula.com/2020/03/13/o-marco-da-eira-de-mouros-no-concello-ourensan-de-cenlle-en-perigo/
https://culturagalega.gal/noticia.php?id=31321
https://www.galiciamaxica.eu/galicia/marco-eira-dos-mouros/
https://megaliticia.blogspot.com/2017/05/marco-eira-dos-mouros.html
https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-falicas.html
https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html
No hay comentarios:
Publicar un comentario