miércoles, 19 de junio de 2024

ANTA-DOLMEN MÁMOA DO CRUCE. Parada de Alperiz, Lalín

UNHA EXCURSIÓN EN CATRO ACTOS

ACTO IV

"PULPO Á FEIRA ESTILO CARBALLIÑO

PREPARACIÓN:

Limpiamos el pulpo, y lo ponemos a cocer, si puede ser en una cazuela de cobre. Metemos el pulpo cuando el agua empiece a hervir. Su cocción suele rondar los 20 minutos, aunque siempre tenemos que darle más tiempo si es más grueso. Después de cocinarlo apartamos la cazuela del fuego y la dejamos reposar unos 5 minutos. Sacamos el pulpo con un pincho procurando no arrancarle la piel y lo dejamos un poco fuera de la cazuela. Para cortar el pulpo, lo troceamos con unas tijeras colocándolo en un plato, preferiblemente de madera. Le echamos la sal gruesa, el pimentón picante, el aceite y alrededor, las patatas. Se recomienda comerlo con pan de Cea."

ÁLVARO CUNQUEIRO Y ARACELI FILGUEIRA IGLESIAS: "Cocina Gallega". Edición do Cumio.


Anta-dolmen da Mámoa do Cruce (Nº 1 e/ou 7)
Debuxo de Ramón Boga, 2024.

E seguimos no Conxunto de mámoas ou Necrópole do Monte Fonteiriño en Alperiz. 

O día estaba metálico, gris por momentos, e cun sol espléndido por outros. A herba mollada, ás árbores coas follas cun verdor incipiente e as pradeiras cun olor a mil diaños, froito da idílica (é unha ironía, non vaia a ser) actividade agraria. 



Situación e numeración da Necrópole do Monte Fonteiriño
en Alperiz, segundo Antonio Presas García.

É probable que por aquí serpenteara un camiño medieval que partía das terras de Dozón: desde o mosteiro de San Pedro de Vilanova de Dozón (aproveitando unha posible vía romana) seguía ata Parada e Santo Domingo. Moi cerca está a Ponte dos Cabalos, ponte medieval que salva o cauce do río Arnego.



Un dos primeiros debuxos dos serepntiformes da 
Mámoa do Cruce.
Non sei quen eo autor, aínda que posiblemente
sexa de Lorenzo-Ruza. 
A imaxe collínlla prestada a Antonio Presas, do 
seu traballo mencionado na bibliografía.

E para rematar esta bonita, inolvidable e inefable viaxe-excursión en catro actos, tócalle á Mámoa do Cruce, que para algúns aparece nomeada co nº 1 e para outros co número 7. Nas recientes escavacións tamén se sinala co número 1. Nós seguimos a numeración de Antonio Presas García no artigo que vai na bibliografía. 



A Anta do Cruce.
Fotografía de Ramón Boga, 1990.


Si a necrópole recibe o nome da mámoa que tiña chantada a cruz no lombo da pedra cobertora, deduzo que esta  ten que levar o número 1. Si a denominación "cruz", tan común no territorio galego para nomear un cruzamento, fose a causa do nome da necrópole, entón mantería que o número 1 debería adscribirse á Mamoa do Cruce. Pero deixemos esta peregrina disquisición..., e prosigamos.

 


A Anta do Cruce.
Fotografía de Ramón Boga, 1990.

Segundo Presas, a primeira referencia aos monumentos megalíticos na Terra do Deza procede dun documento de San Martiño Pinario onde se cede a vila de Filgueira ao mosteiro de Antealtares, para sinalar os seus lindeiros. Sen embargo a primeira nova contemporánea procede de Álvarez Lineses na "Geografía General del Reino de Galicia" (1936), onde expresamente menciona as mámoas de Alperiz e Parada. 



A Anta do Cruce.
Fotografía de Ramón Boga, 1990.

Crespo Názara, no ano 1951, Fermín Bouza Brey (1953) e Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza (1957) tamén nomean estas mámoas, sobre todo Ruza que fotografía e debuxa as gravuras serpentiformes da Mámoa do Cruce e o Altar do Sol. Bouza-Brey debuxa as plantas de seis mámoas. Ruza centrouse nas gravuras serpentiformes do  chanto da cabeceira da anta, únicos casi a escala galega (María José Bóveda). Ruza, en colaboura con Martínez López  realizou, no ano 1957, unha pequena escavación na cámara da Mamoa do Cruce para deixar ao descuberto as gravuras, constantando a presenza de seis serpentiformes na lousa da cabeceira. A cámara conservaba á vista catro esteos completos.


 
Vista da Anta da Mámoa do Cruce no ano 2008.
 Autor, Ramón Boga


Pero sobre todo serán Filgueira Valverde e García Alén no "Inventario de Monumentos Megalíticos da Provincia de Pontevedra" do ano 1977, os que describiron a necrópole que estaba composta por seis mámoas de sete soportes cadansúa, así como un pequeno corredor, e unha delas con representacións serpentiformes. 



Vistas da Anta da Mámoa do Cruce no ano 2008.
 Autor: Ramón Boga


Como dicía na anterior entrada, a bibliografía megalítica foi deudora e cautiva durante anos das consideracións de Lorenzo-Ruza e Martínez López que non as consideraban antas (Altar do Sol e Mámoa do Cruce), senon unha especie de colocación de pedras típicas da área occidental da Cultura Megalítica.  O mesmo consideraban Filgueira e Alén. Esta situación cambiou sobre todo despois da intervención de Penedo (1989) e da actuación de M. Lestón no ano 2015.



Traballos de escavación en 2016.
Fotografía Xunta de Galicia.

A primeira intervención arqueolóxica na Mámoa do Cruce foi executada por Penedo Romero no ano 1989, promovida pola Xunta de Galicia: pronto se voltou a recubrir para que o impacto fose mínimo. Esta intervención permitiu constatar que aínda se consevaban as gravuras serpentiformes. As sondaxes arqueolóxicas posibilitaron observar, ademais, a estrutura e estado de conservación da cámara. Pese a estar bastante alterada polos traballos de apertura da pista que vai a Alperiz, na década de 1970, todavía conservaba tres dos ortostatos fracturados descritos por Bouza Brey e os gravados da pedra da cabeceira.



Traballos de escavación en 2016.
Fotografía Megaliticia.

A seguinte intervención na Mámoa do Cruce, despois de anos de abandono e ostracismo, realizouse no ano 2016 a cargo de María José Bóveda: centrouse sobre todo na limpeza da mámoa. A fase inicial consistiu na eliminación da vexetación para a continuación realizar un levantamento planimétrico e avaliar o seu estado de deterioro. 



Fotografía Xunta de Galicia.


Procedeuse tamén a eliminar a cubrición feita por Penedo no ano 1989 e a sustituila por outra mais axeitada e menos agresiva. Deste xeito quedou á vista a cámara do megálito ao completo podéndose contemplar as gravuras serpentiformes. Tamén se axeitou a estrutura tumular. Un cercado de madeira e paneis informativos completaron a intervención. Constatouse do mesmo xeito que os gravados foron remarcados con pintura branca e que o ton roxizo foi causado polo lume procedente, probablemente, tanto polos fachos cos que se entraba para colocar aos mortos, como os que se encendían na Idade Media para os que se refuxiaban das inclemencias metereolóxicas no interior.


Fotografía propiedade do blogue megaliticia.blogspot.com
                      

En canto ao enxoval rescatado, hai que resaltar asombrosos obxectos tan impresionantes como pezas de calzado, botellas, potas de ferro, plásticos varios..., e ademais anacos de cerámica prehistórica e unha xerra enterrada na mámoa. Este vaso ovalado ou xerra acada unha altura de 20 cms e foi atopado fóra da cámara, no que podería ser un depósito secundario.  Pola súa forma semella que non se corresponde coa época de construción nin coas primeiras etapas de utilización da mámoa, senón que é probable que proceda da Idade do Bronce. Os zapatos son de datas históricas incertamente indeterminadas.



Anta do Cruce.
Fotografía de Ramón Boga, 2024

Desta noutrora poderosa anta consérvase hoxe unha mínima parte: a pedra da cabeceira íntegra e a parte inferior doutros tres esteos. Na cara interior da pedra da cabeceira e nos restos dos dous esteos contiguos aínda se poden admirar os gravados de liñas ondeantes que ben poideran representar serpes. É probable que tiveran, como dicía antes, o seu bordo pintado de branco, talvez para acadar un maior realce.




Anta do Cruce.
Fotografía de Ramón Boga, 2024



No ano 2023 acometéronse traballos de posta en valor e limpeza das Mámoas de Alperiz, control arqueolóxico da roza da vexetación e sinalización das mámoas coa sustitución dun panel informativo. 


Anta do Cruce.
Fotografía de Ramón Boga, 2024


En definitiva, a pesar de ser un ben que ten a máxima proteción por ter sido declarado Ben de Interese Cultural (BIC), atópase moi dereriorado maiormente  debido á perda de boa parte da masa tumular que, xunto cos poucos restos conservados da estrutura arquitectónica, convértena nun monumento en bastante mal estado de conservación. Aínda que, pensándoo ben, todo é susceptible de ir a peor. Sen embargo, pensándoo un pouquiño mais, desde a miña primeira visita as cousas foron indubidablemente a mellor.



Anta do Cruce.
Fotografía de M. Vázquez, 2024



LÁSTIMA QUE REMATOU

E proseguimos a viaxe-excursión. Transitamos por esas feraces e fermosísimas terras da profunda Galicia, onde a naturaleza e a arte van cinguidos por unha estola consustancial ao espíritu galego, ese que eu sinto pero que non sei si existe. Son estradas que serpentean flanqueadas de carballos, castaños, bidueiros..., plagadas de paxaros que nos acompañan trafegando nos seus quefaceres diarios. Son estampas inolvidables, sempre distintas e sempre iguais. E, con tranquilidade, molestando e contaminando co ruxido do motor do automóbil, fumos chegando á cidade do Carballiño. E fumos xantar polbo.



Igrexa da Vera Cruz, obra do
arquitecto Antonio Palacios.
Foto de Moncho Boga, 2024.


Tamén mellorou O Carballiño como cidade desde que eu non fora. Rúas limpas, paseo fluvial no Arenteiro cun viveiro de troitas, o pequeno pero fermoso balneario, a igrexa da Vera Cruz (obra de Palacios), etc.

E, por suposto, unha terraciña na praza do Concello onde fixemos honra a un pequeno refrixerio antes de xantar. E fumos xantar: e xantamos polbo...

Polbo á feira, polbo á feira con cachelos (estilo Carballiño), polbo ao ferro e unha boa ensalada con moitos elementos vexetais e marítimos. E fartamos. Con postre e café.

E fixemos unha pequena visita turística e por fin merendamos: "cañitas fritas" do Carballiño, pastel con personalidade de seu, propio e esencia da oferta gastronómica dos carballineses. 

O retorno foi case polo mesmo traxecto: Castro Dozón, Rodeiro, Agolada, Santiso, Melide...

Un día que merece ser recordado, repetido e honrado ao longo da nosa pequena existencia; pequena si a comparamos coa inmensidade do océano e do universo sideral...

Saúdos desde Sigrás, nas prostrimerías da primavera de 2024.

Saúde, sorte e lectura!!!!

 

BIBLIOGRAFÍA FUNDAMENTAL

BOUZA BREY, F. "Dólmenes con grabados serpentiformes y hacha y rompecabezas nórdico en la Galicia Central". Archivo Español de Arqueología XXVI. 1953.

PENEDO ROMERO, R: "Escavación arqueolóxica na mámoa 1 de A Cruz, Alperiz (Lalín, Pontevedra)". Arqueología/Informes, 3:179-82. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. 1995.

PRESAS GARCÍA, A.: "A Necrópole Megalítica de Alperiz (Lalín). PDF.

VÁZQUEZ CRESPO, A. e González Alén, D.: "A comarca do Deza". Servizo de Publicacións da Deputación Provincial de Pontevedra, 1977.

FILGUEIRA VALVERDE e García Alén: "Adiciones a la Carta Arqueológica de la Provincia de Pontevedra". El Museo de Pontevedra. 1959.

FILGUEIRA VALVERDE e García Alén: "Inventario de Monumentos Megalíticos de la provincia de Pontevedra". El Museo de Pontevedra, 1977.

AURORA E OLIVA GONZÁLEZ GALÁN: "El camino de peregrinación a Compostela por el sur del municipio de lalín. La ruta de Invierno".

Https://megalitos.arqueoloxico.com

https://megaliticia.blogspot.com/2015/11/dolmen-altar-do-sol.html

http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2015/01/06/compromiso-denuncia-grave-deterioro-conjunto/1160718.html

https://www.farodevigo.es/deza-tabeiros-montes/2021/11/25/alperiz-paso-cerca-version-original-59925217.html


http://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/lalin/2015/08/22/lalin-busca-potenciar-patrimonio-natural-proteger-mamoas-alperiz/0003_201508D22C39915.htm

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/lalin/2016/08/20/hallan-vaso-campaniforme-trabajos-alperiz/0003_201608D20C2993.htm

http://patrimoniogalego.net/index.php/76978/2015/08/mamoa-da-cruz-1-do-grupo-mamoas-de-parada-1-41/

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/alperiz/#google_vignette

https://turismo.lalin.gal/es/prehistoria/-/asset_publisher/JEtGPFCe1Cit/content/id/96975

https://cuevadelapileta.blogspot.com/2015/11/instan-la-xunta-ampliar-la-excavacion.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario