UNHA EXCURSIÓN EN CATRO ACTOS
ACTO III
"Me pregunté de dónde se sacaría aquellas historias. Yo sabía perfectamente que se tomaba el cóctel con el árbol para eliminarlo del paisaje y evitar que mamá se volviera aún más loca, ni más ni menos. Pero al imaginármelo en un barco lleno de piratas surcando el mar Caribe, o el del Norte, para descubrir islas secretas, decidí creer su historia. Porque, como siempre, sabía contar hermosas mentiras por amor."
OLIVIER BOURDEAUT: "Esperando a míster Bojangles". Narrativa Salamandra. Barcelona, 2017.
Debuxo do Altar do Sol. Versión de Ramón Boga Moscoso 2024 |
E proseguimos a escudriñar a necrópole de Parada de Alperiz: en moi pouca distancia agrúpanse tres elementos megalíticos que conforman (xunto aos xa desaparecidos) un auténtico outeiro sagrado, pagano, de importancia arqueolóxica única. A chaira onde se asenta a necrópole, o altiplano, desde onde se divisan amplas e singulares perspectivas paisaxísticas, foi sen dúbida unha paraxe sagrada, simbólica, como se pode deducir pola salvaxe cristianización, pola potente etnografía, pola indubidable simboloxía das gravuras conservadas e polo indiscutible lugar de aposento. Un extraordinario, impresionante e máxico enclave de características arqueolóxico-simbólicas sorprendentes.
O Altar do Sol na única imaxe que posuía no ano 2012. Concello de Lalín |
Comentaba Manuel Lestón (o arqueólogo que levou a cabo as intervencións) que este enclave foi importante desde a antigüidade, polo emprazamento, polos relatos lexendarios, polo inmensidade das estruturas..., aparecendo a denominación de Altar do Sol por primeira vez nun texto de Bouza Brey do ano 1953, onde recollía as indicacións dos veciños.
O motivo destas peculiaridades que a singularizan son as concavidades circulares naturais que hai na pedra cabeceira da anta, un esteo que foi empregado adrede polos construtores e que fixo pensar en cultos helioteistas: tanto a pedra cabeceira do Altar do Sol como a da Mámoa do Cruce están orientadas ao nacente. Coa súa monumentalidade debeu ser durante moito tempo o centro de todas as miradas, o lugar central visible desde lonxe, e sempre este tipo de monumentos arrastran numerosas lendas de tesouros ocultos, polo que é moi fácil que os buscadores de tesouros acudisen a cotío... En plan ensoñación podería imaxinar poderosos ritos sagrados celebrados nos solsticios, onde a xentiña do Neolítico adoraría, mediante sofisticados rituais iniciáticos, a chegada dun novo ciclo no eterno retorno das estacións.
Foto procedente de: |
Este segundo elemento que estamos a admirar, escrutar e nomear, é a anta sinalada co número 6 da necrópole: o Altar do Sol que a min sempre me recordou aquel primeiro tebeo de Tintín que leín aos 12 anos a saber, "O Templo do Sol", cousa non moi orixinal, me temo.
Escavación do ano 2015. Fotografía estraida do blogue Megaliticia. |
A primeira entrada que publiquei neste blogue data do 8 de xullo de 2012, e daquela non atopei o Altar do Sol, pero baixei unha fotografía escaneada dunha publicación do Concello de Lalín. Non o atopei a pesares de que estaba a menos de 40 metros da Mámoa da Cruz. A paisaxe era outra e as inclemencias metereolóxicas impedíranme poder descubrilo.
Escavación do ano 2021. Fotografía estraida do blogue Megaliticia. |
Describía entón -a partires das informacións de Filgueira Valverde e García Alén- unha agrupación de pedras con forma de recinto circular pechado, presidido por unha gran pedra con dúas oquedades en forma de círculo que a veciñanza coñecía como Altar do Sol. Desde aquela, dicía, moitas cousas cambiaron.
O Altar do Sol no ano 2024. Fotografía de Moncho Boga. |
Efectivamente, no ano 2015 unha equipa de arqueólogos capitaneados por Manuel Lestón, acometeron a espléndida e benvida tarefa de por en valor o conxunto megalítico de Alperiz: os traballos de recuperación do Altar do Sol.
Pero antes das escavacións arqueolóxicas de 2015, o Altar do Sol xa fora obxecto de diversas interpretacións e incluso non se chegou a considerar coma unha anta. Por unha banda, mantíñase que poidera ser unha mámoa arrasada da que só se conservou a anta; pola outra, que foi unha anta preparada para ser cuberta por un túmulo, cousa que non se chegaría a realizar: ficaría inconcluso.
O Altar do Sol no ano 2024. Fotografía de Moncho Boga. |
Sen embargo as cousas trocaron a partires do ano 2015, logo da intervención arqueolóxica dirixida por Manuel Lestón, como ben dicía mais enriba. Foi entón cando se manifestou a evidencia de que estamos diante dunha mámoa moi arrasada cos seus chantos esnaquizados, uns pola metade e outros directamente pola base. Polo tanto é, sen dúbida, unha anta clásica, coa súa cámara e tapada por unha morea de terra e pedras.
Trátase así dunha anta que describe planta poligonal cunha forte tendencia a circular, con corredor de entrada en apariencia pouco desenvolvido, formada por sete esteos. Orixinalmente medía dous metros e vinte centímetros de altura e once metros cadrados no interior da cámara. A pedra cobertora ou tampa medía case dous metros de lado e tiña un grosor duns 50 centímetros, situada hoxe a un lado da anta.
O Altar do Sol no ano 2024. Fotografía de Moncho Boga. |
Nesta intervención escavouse o interior da cámara e logo procedeuse á recolocación de tres esteos que estaban fracturados. Tamén se avaliou a posibilidade de volver a colocar en posición vertical unha das lousas do corredor que estaba caída. E acometeuse así mesmo unha intensa laboura de limpeza.
O Altar do Sol no ano 2024. Fotografía de Moncho Boga. |
O Altar do Sol no ano 2024. Fotografía de Moncho Boga. |
Para rematar, constatar que as inmediacións da anta aparecen espallados, formando parte dos lindes das leiras, enormes esteos que probablemente proceden tanto desta anta como das outras que foron arrasadas por labouras agrícolas.
O propietario dos terreos onde se asenta o Altar do Sol esnaquizou completamente tres das mámoas da necrópole cunha máquina escavadora. Segundo Antonio Presas, si non desapareceu o Altar do Sol foi debido ao medo do propietario a destruir "unha construción simbólica da que tiña recibido anteriormente información por parte dalgún organismo público, como o Ministerio de Información y Turismo". Estes feitos aconteceron na década de 1990.
O Altar do Sol no ano 2024. Fotografía de Moncho Boga. |
É, POR ÚLTIMO, UN OBRIGATORIO TRAXECTO E UNHA INEXCUSABLE VISITA.
Desde a estrada de Lalín a Rodeiro (PO-533), hai un desvío á dereita, mais ou menos á metade do traxecto, xusto despois dunha gran fábrica (Nucansa), onde hai indicadores cara a Dozón, por onde debemos dirixir o noso automóbil.
Ábsida da Igrexa de San Pedro. Foto Moncho Boga, 2024 |
Este é un percorrido que eu fixen moitas veces nas miñas viaxes cara a Ourense, por iso recomendo unha perentoria excursión por estes sobranceiros paraxes, pois calquera día poden facer algunha desas desfeitas as que lamentablemente estamos tan acostumados. Desde que eu non ía por esas frondosas terras, hai xa uns cantos anos, a estrada permanece mais ou menos igual, o cual posibilitou unha certa reconciliación co mundo, sen que sirva de precedente. Por iso é necesaria unha incursión, unha visita que sempre procuro realizar cando vou por isas estradas onde o mundo se chama Dozón.
Ventá con arco de medio punto moldurado, cimacios, columniñas acodilladas nas xambas coroadas de capiteis vexetais e óculo. Foto Moncho Boga, 2024 |
Trátase dunha estrada que leva a Castro Dozón e está nunha boa parte flanqueada de carballeiras o que permite circular por unha especie de galería cuberta dunha frondosa masa vexetal durante varios quilómetros: un pintoresco traxecto que debería figurar nas guías turísticas. Desviandonos á esquerda (hai varias sinalizacións) teremos que ir á forza a visitar o mosteiro de San Pedro de Vilanova de Dozón. O que permenece en pé do antigo mosteiro é unha igrexa románica de planta rectangular e ábsida semicircular das mais singulares e fermosas das moitas singulares e fermosas que podemos visitar en Galicia: "a mais fermosa do mundo e unha das mais fermosas de Galicia."
Porta do norte con dúas arquivoltas, todo elo coroado por unha ringleira de arquiños cegos a xeito de tornachoivas. Foto: Moncho Boga, 2024 |
En Sigrás, nos día centrais do mes de xuño de 2024.
Saúdos, sorte, ánimo e moita lectura!!!!
CONTINUARÁ...
PARA SABER MOITO, MOITO MAIS
Antonio Presas: "A Necrópole Megalítica de Alperiz (Lalín). PDF.
Vázquez Crespo, A. e González Alén, D.: "A comarca do Deza". Servizo de Publicacións da Deputación Provincial de Pontevedra, 1977.
Filgueira Valverde e García Alén: "Materiales para la Carta Arqueológica de la Provincia de Pontevedra, 1956". El Museo de Pontevedra.
Filgueira Valverde e García Alén: ·Inventario de Monumentos Megalíticos", 1977.
https://megaliticia.blogspot.com/2015/11/dolmen-altar-do-sol.html
https://omeigodotea.blogspot.com/2016/12/altar-solar-e-antas-de-alperiz-lalin.html
https://twitter.com/Turgalicia/status/1310655718857543681
No hay comentarios:
Publicar un comentario