sábado, 18 de mayo de 2024

PEDRAFITA-MENHIR DA PONTE DO ARCEDIAGO. San Xoán de Arcediago, Santiso



UNHA EXCURSIÓN EN CATRO ACTOS

ACTO I

"El menú incluía tallos de mostaza, tofu frito, guiso de arenque y berenjena, nabos marinados en salmuera ligera, una tortilla de alevines de sardinas secas, caballa en vinagre, pecíolos del taro con aliño de sésamo, palometa asada...

Iwakura se dio cuenta de que todo estaba recién hecho y de que la sopa de miso llevaba cebolla y patata. Cuando Nagare se retiró, juntó las manos con discreción. Luego cogió el cuenco de arroz de cerámica kiyomizu-yaki con la mano izquierda y empuñó los palillos con la derecha".

Hisashi Kashiwai: "Los misterios de la taberna Kamogawa". Narrativa Salamandra. Penguin Random House, Crupo Editorial. Barcelona 2023, pág. 78.


A cita non é por casualidade, nin ao azar ou porque me guste mais ou menos.

Hoxe vou a iniciar, en tres entradas, o relato dunha pequena viaxe-excursión turístico-megalítica, artística e gastronómica. Foi unha excursión dun día e discorreu polo centro de Galicia; unha excursión das que sempre me entusiasmaron: natureza, arte, historia, prehistoria, paisaxe, etnografía, xentes e lugares... E, por suposto, ampliar o horizonte existencial, a mente, o espíritu.


Debuxo da Pedrafita da Ponte do Arcediago
segundo versión de Moncho Boga.


Foi así que o día 1 de maio de 2024, pola mañanciña, entre nubes e claros, entre intensas treboadas e un magnífico sol de xustiza, saimos da cidade de Xerión e de Hércules (tamén da miña paisana María Pita) con destino ao Carballiño, terra, entre outras cousas, do polbo: a intención, precisamente, era ir a fartarnos do magnífico cefalópodo á feira que cociñan con sabiduría ancestral os cociñeir@s da cidade do Arenteiro.


Esta era a única foto que tiña ata de agora, do ano 2012 
cando foi descuberta por
Cristina Vázquez e Xurxo Broz, autores da mesma.

Evidentemente, non fumos por autoestrada: mergullámonos, pola contra, polos fermosos e espléndidos roteiros que sulcan o interior mais interior da nosa terra. Desde A Coruña, Culleredo, Cambre, Bergondo, Betanzos, Oza, Cesuras (isto é adrede), Curtis, Vilasantar, Boimorto, Melide, Santiso, Agolada, Lalín, Dozón, Cea..., ata chegar á Vila Termal do Carballiño.



Pedrafita da Ponte do Arcediago.
Fotografía de Moncho Boga.

A planificación foi sinxela e ao mesmo tempo ambiciosa: buscar a Pedrafita da Ponte do Arcediago preto da ponte do mesmo nome e voltar, moitos anos despois, á necrópole das Mámoas da Cruz en Parada de Alperiz no Concello de Lalín.

Como dicía mais enriba facía un marabilloso día de primavera, onde os verdes comenzan a despuntar con tonalidades indescriptibles, onde os chubascos tormentosos alternaban cun sol prodixioso, onde os negros nubarróns que se avistaban na lonxana cercanía precedían a un ceo dun azul esplendoroso. Facendo honra ás pequenas coplas que nos recitaban os mais vellos cando cativos: "Cando chove e quenta o sol, anda o demo por Ferrol, con agullas e afinetes para pincharlle...", e non sigo.



Fotografía de Moncho Boga, 2024.

Fumos amodo, despacio, disfrutando da paisaxe, da arquitectura. Tamén da historia pensando nos Condes de Présaras, en Santa María de Mezonzo, no pazo-castelo de Borraxeiros, nas peregrinas terras de Melide... O primeiro destino: a pedrafita do Arcediago, no Concello de Santiso (por si non quedara claro), último na provincia de A Coruña no linde con Pontevedra, á beira do impresionante río Ulla.



Fotografía de Moncho Boga, 2024.

Así pois, pola estrada AC-840, que leva de Melide a Agolada,  chégase, ao sul do concello, á Ponte Nova onde se empraza a pedrafita. Aí tiña que realizar unha visita moitas veces cancelada, moitas veces posposta. 

A Ponte Nova do Arcediago salva o cauce do río Ulla e aí este lexendario río recibe as augas doutro non menos lexendario  a saber, o Río Furelos. Tamén separa ou une, abraza, as provincias de A Coruña e Pontevedra. 

Pois ben, xusto antes do inicio da Ponte, á dereita con dirección a Agolada, pódese descubrir a pedrafita, chantada nunha aba contemplando, desde a súa grave soidade, o suave fluir das augas do río Ulla.



Fotografía de Moncho Boga, 2024.


A primeira vez que tiven novas desta soberbia pedrafita (como de tantas outras da zona) foi a través da información que me enviaron Cristina Vázquez e Xurxo Broz, os incansables e inconmensurables detective-arqueólogos da Terra de Melide. Desde que eles tomaron as rendas das cousas de antes, a Terra de Melide incrementou notablemente os seus recursos prehistóricos, que xa non eran poucos.



Fotografía de Moncho Boga, 2024.

A nosa pedrafita foi atopada ao carón dun camiño que aínda hoxe leva ao río Ulla e á estrada antiga. Foi eliminada do seu lugar orixinal e enterrada cando se comezaron as labouras de mellora para o acceso a unha propiedade particular e hoxe volta a erguer no mesmo terreno, na mesma ubicación ou moi preto do emprazamento primitivo. Parece que está enclavada nunha paisaxe megalítica maila que, segundo o meu amigo e compañeiro  de inquedanzas pedrafiteiras Alberte Alonso, xa case non existe toponimia neste eido: fai énfase especial na presenza case inaudita de numerosos topónimos vencellados ao ámbito cristiano, eclesiástico, o que ao seu xuizo e ao meu, denota de xeito claro e distinto unha profunda cristianización da bisbarra. Posiblemente esta área sexa un paradigmático exemplo da práctica cristianizadora, evanxelizadora, da Igrexa Católica. Así os elementos paganos foron sustituidos por capelas, igrexas, cruceiros e incluso pola toponimia menor. É interesante, neste senso, a reflexión ben fundada de Ana Boullón ao redor dos topónimos de santos:

""...informan sobre a cronoloxía da fundación das parroquias, pois son das advocacións mais antigas, con culto atestado entre os cristiáns da Hispania romana e do período suevo e visigodo. A toponimización con base en nomes de santos foi parte do proceso de cristianización da paisaxe local."



Fotografía de Moncho Boga, 2024.


A primeira e única entrada neste blogue sobre a Pedrafita da Ponte do Arcediago foi escrita o 24 de marzo de 2014 e definíase (segundo información de Vázquez e Broz) coma un chanto ou esteo atopado no lugar de A Ponte Nova. Trátase -dicían- dun bloque granítico realizado en gneis ocelar que amosa unha forma xeral amendoada. As caras son aplanadas, a base é redondeada e o remate é apuntado. Acada ao redor de dous metros e medio de altura e un metro e setenta e cinco centímetros de ancho máximo.


Fotografía de Moncho Boga, 2024.


E alí sigue, e esperemos que siga para sempre a Pedrafita da Ponte do Arcediago mirando silenciosa, orgullosa e impertérrita ao río Ulla, amenazado hoxe en día por proxectos empresariais  de dubidosa calidade ambiental.


Saúde, sorte e moita lectura!!!
En Sigrás, na primavera chuviosa de maio de 2024.

CONTINUARÁ...


PARA SABER MOITO  E VER MAIS FOTOGRAFÍAS

-Artigo publicado no boletín nº 25 do Museo de Terra de Melide, coa autoría de Cristina Vázquez e Xurxo Broz.
-megaliticia. blogspot.com
-patrimoniogalego.net
-catalogacióndepedrafitas.blogspot.com
-onosopatrimonio.blogspot.com
-Ana Boullón: "Panorama da toponimia galega (a través dos seus nomes mais frecuentes)." 2021, Estudos linguísticos e literários 71. Revista de programas de pós-graduaçao em língua e cultura e em literatura de cultura UFBA.

No hay comentarios:

Publicar un comentario