lunes, 29 de enero de 2024

ANTA-DOLMEN DE ZARRAMACEDO OU DAS EMBARRADAS: chegaron os exércitos invictos.

ANTA-DOLMEN DE ZARRAMACEDO OU DAS DERRAMADAS: crónica dunha desfeita patrimonial.


"Elle est arrivée. Quoi? L`eternite"

("Ha llegado. ¿Qué? La eternidad")

A. Rimbaud, "Eternité".


A Mediados de xaneiro de 2024 aproveitei unha viaxe a Lavacolla (Aeroporto Rosalía de Castro en Santiago de Compostela) para achegarme á cercana parroquia de Salto a visitar a Anta de Zarramacedo ou das Derramadas.



Anta-dolmen de Zarramacedo.
Debuxo de Moncho Boga, 2024.

Neste blogue xa publiquei dúas entradas. A primeira data do 13 de decembro de 2012 onde me limitaba a describir a estrutura arquitectónica do que se conservaba da cámara: medidas, número de esteos e características orográficas, así como un debuxo da planta. Atopábase no medio dunha pradeira e os chantos podíanse contemplar perfectamente, limpos de vexetación. Talvez o único  problema estrutural afectaba á total inexistencia do túmulo-mámoa no que debía estar inserida.



Planta da Anta de Zarramacedo
Debuxo versíon de Ramón Boga.


Fotografías realizadas desde a mesma perspectiva ao longo do tempo:

    

Fotografía da
páx. web megalitos.arqueoloxico.com
,
década de 2000.



Fotografías de Alex Negreira, 2014.
Podemos cotemplar
como os sucos están practicamente enriba da anta.




Fotografía de Manuel Boga, 2024.


A seguinte entrada data do 27 de maio de 2014, dous anos despois da entrada anterior, e titulábase "A única cámara megalítica existente en Santiago de Compostela, en perigo de desaparición". Nas fotografías que me enviou daquela Alex Negreira e coa información do nunca esquecido e sempre presente Papigil, puiden ver os sucos abraiantes para plantar os eucaliptos que ían pasar case por enriba da anta. A paisaxe era por iso absolutamente desoladora: un exército en perfecta formación semellaba avanzar desde a lonxanía con paso marcial, ameazante, en pé de guerra. Os regos dos futuros exércitos coloniais xa se atopaban ao carón da anta, sen ningún tipo de separación ou distancia de seguridade, sen control arqueolóxico de ningún tipo.

Pero deixovos coas miñas indignadas palabras de entón, que brotaran como un torrente de silenciosa protesta e indignación:


"Santiago de Compostela, o mellor valor histórico-turístico e cultural do pobo galego, olvida outra tumba, unha humilde tumba se cadra, que non recibe visitas, que non deixa cartos. Visitámola catro zumbados que non facemos máis que dar a lata... Pero somos tercos e, polo menos desde aquí, non nos resignamos a perder este probe recurso arqueolóxico, si o comparanos coa formidable tumba da cidade do apóstolo.

A Porta da Mámoa, a quintana dos mortos, o Santiago Peregrino que descansa na súa  furna "dourada", protexido de todas as inclemencias, érguese todopoderoso transmutado no Santiago Matamouros, onde a nosa pequena anta, feita polos máxicos "mouros", habitantes subterránesos da nosa terra, está a perder a sempiterna batalla fronte ao brillo da belicosa relixión triunfadora.

Hoxe, como sempre, estamos cos vencidos; os vencedores están a outro nivel, lonxanos, impertérritos, noutra dimensión... As nosas testemuñas do pasado, as humildes mámoas (con cámara ou sin ela), esmorecen olvidadas no seu sono de milenios: a única cámara megalítica que se conserva no Concello de Santiago desaparecerá  incomprensiblemente para sempre si non se poñen os medios axeitados para salvala." 




Fotografía de Alex Negreira, 2012.



Fotografías de Manuel e Ramón Boga, 2024.


E cando chegamos alí, ao lugar de Zarramacedo, na parroquia de Salto, do Concello de Santiago de Compostela, cabeza visible do patrón das hespañas, heraldo das hordas de turistas, o que era unha visión futura desvelouse na mais crúa realidade: xa chegaron os exércitos de eucaliptos, xa están por enriba do que o tempo e os milenios non estragaron. Como a relixión vengadora, a especie invasora conseguirá o que non conseguiron nin o tempo nin as costumes. 

E chovía: caeunos outro pequeno diluvio, como xa ven sendo habitual. Manuel e eu esperamos estoicamente a que escampara, a que as portas do firmamento se pechasen para poder dar un pequeno paseo ata este probe vestixio, cada vez mais esnaquizado, do noso legado prehistórico.


Saúde!!!

En Sigrás, no medio de xaneiro de 2024.



No hay comentarios:

Publicar un comentario