viernes, 9 de febrero de 2024

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DA PENA VERDE, Trabada.

 PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DA PENA VERDE, Trabada


"Las pesquisas iniciales arrojaron, para sorpresa de todos, que el finado había sido alcanzado por una flecha en el corazón. Muchos no entendían qué querrían decir con "una flecha", lo cual motivó un debate profuso al respecto, hasta que, por fin, la máxima autoridad del barrio aclaró el asunto:"

 Naguib Mahfuz: Los susurros de las estrellas. Alianza Editorial, 2021.


E voltei a Trabada. E non chovía. Tivemos un día normal, se cadra, ata bo. Vou escribir hoxe unha segunda entrada adicada á pedrafita-menhir do Marco da Pena Verde (a primeira foi o 24 de maio de 2012), unha das pedrafitas mais fermosas e mais fantásticas do megalitismo galego, unha extraña excepción.  



Debuxo da Pedrafita-menhir O Marco da Pena Verde.
Por Ramón Boga Moscoso, 2024.

O primeiro fin de semana  de febreiro de 2024 voltei á Mariña de Lugo, algo así  como "regreso á Mariña lucense". A Mariña non só é a espectacular costa cos seus cantís, praias, monumentos naturais, turismo de sol e praia..., a Mariña lucense tamén é o interior, moi descoñecido por moitos ou ben ignorando que algúns outros concellos do interior pertencen tamén á comarca da Mariña: sinuosos e profundos vales, verdes pradeiras e altos montes. O interior da Mariña existe e é impresionante, magnífico por todos os seus valores histórico-artístico e naturais. Esta é a distribución comarcal da Mariña:

-Mariña Occidental: Cervo, O Vicedo, Ourol e Viveiro.
-Mariña Central: Alfoz, Burela, Foz, Lourenzá, Mondoñedo e O Valadouro.
-Mariña Oriental: A Pontenova, Barreiros, Ribadeo e Trabada.



Mesa Informativa  no Marco da Pena Verde.
Foto de Ramón Boga Moscoso, 2024

Como podedes ver, está dividida en tres partes e mistura a devandita espléndida costa do Cantábrico cos feraces e amenos vales e os altos montes do interior. Pradeiras, ríos, bosques, cidades históricas, pontes, mosteiros, castelos, catedrais e, por suposto, megálitos.

Terra feraz, a veces abrupta, por veces suave, por veces bucólica. Terra de grandes historias, de fermosas lendas: o Mariscal Pardo de Cela, a lenda do reparto de moscas, o Rei Charlo de Lourenzá, o Rei Cintolo, o Conde Santo e o seu sartego... Terra de escritores, terra de Cunqueiro. E terra de camiños de ferradura, de aventura, de fronteira, de historias con naturaleza de seu. 



Fotografía realizada por

Ramón Boga Moscoso, 2024



Fotografía realizada por
Ramón Boga Moscoso, 1999


E terra tamén, como non, de megálitos, de dolmenes, de pedrafitas e de círculos líticos, hoxe ben representada por senlleiras arquitecturas colosais, sinal nítida do carácter neolítico tamén destas terras:  ao complexo megalítico de Santo Tomé no Valadouro (con mámoas, dolmenes, círculos líticos e pedrafitas e aínda non ben estudado), hai que engadir o círculo lítico (henge) A Roda en Barreiros (o primeiro desta tipoloxía atopado na Península Ibérica),  a pedrafita-menhir da Toxiza en Mondoñedo, a Anta da Pedra da Arca na Pontenova, a Anta de Penabor (Barreiros), o círculo lítico de A Mourisca en Cervo, a Anta de Cova dos Mouros (Xove), a Mámoa de Chan de Armada e a da Cruz do Loureiro tamén en Xove, a Mámoa de A Medela Pequena en Cervo, a Anta de Guilán en Xove (unha das mais monumentales do norte de Lugo), a Casa dos Mouros de Budián (destruida e reconstruida) no Valadouro, a Anta das Pallaregas e Marco da Pena Verde en Trabada, a Pedrafita de Catarou en Viveiro, o Pau da Vella (límite entre Viveiro, Xove, Cervo e O Valadouro), a Anta Arca de Sinás (O Cadramón), a estatua-menhir O Cristo da Lagoa no Vicedo, etc, etc.


                
                Fotografías de Ramón Boga Moscoso, 2024.
                

Pois ben, nun día sen choiva, sen auga, sen néboa, sen brétema, sen ceo ameazante en suma, fumos de escursión a ver novamente (mais de vinte anos despois) o magnífico Marco da Pena Verde, sito no Concello de Trabada, límite de Concellos e parroquias e fito anunciador dunha necrópole megalítica, pedrafita reaproveitada no senso funcional, cambio no tempo, contextos diferentes: o tempora o mores!, como diría Cicerón. Probablemente o cambio no seu uso posibilitou a súa conservación ao longo de milenios ata hoxe. Os seus dous metros de seixo branco destacan coa súa cor alba no mais alto do cordal montesío onde se asenta, posiblemente elexido (entre outras cousas) pola súa mellor visibilidade a longa distancia, para anunciar, como estaba a dicir, a presenza cercana da necrópole das Pallaregas.



Fotografía de Ramón Boga Moscoso, 2024


Tamén se denomina "A Pena Alta" e cóntase que a responsable do seu emprazamento e construción foi unha muller vella (posiblemente unha moura) que a levou na cabeza mentres estaba a comer castañas asadas e alí a deixou chantada.

Lugar de camiños antigos, de históricas vías de comunicación (como consta nun documento do Rei Silo no século VIII que o caracteriza como lugar de converxencia de camiños); lugar de rica toponimia megalítica como Fórnea, Monte do Marco, Penas Mouras, Pena Ansela...

A nosa fermosa pedrafita aséntase, como viña dicindo, no monte situado sobre a capital municipal do Concello de Trabada, nunha prolongación da Serra de A Cadeira, Pena Verde, Monte do Marco, á beira ou moi preto da vía que comunica Vidal e Fórnea, chaira cunha lixeira pendente que descende desde as altas cumes do Monte das Penas.



Fotografía de Ramón Boga Moscoso, 2024

Como estela anunciadora da necrópole, como fito anunciador do lugar sagrado..., é o seixo un material que só ten unha función práctica? Pode ter que ver con outros ritos, con outras prácticas hoxe olvidadas? Por qué non utilizar o granito que abonda na zona e é mais doado de tallar? Como ben sabedes, na Galicia xa están documentadas unha boa xeira de pedrafitas, despois dun valeiro de moitos anos na bibliografía arqueolóxica, moitas delas reutilizadas como marcos de termo, separadores de parroquias e concellos, de coutos, de xurisdiccións... Maila que este novo uso contribuiu sen dúbida á súa conservación, tamén talvez posibilitou a xustificación para que non se adoitase  consideralas auténticas pedrafitas.

Aínda que o uso do seixo (cuarzo branco) foi estudado con certa asiduidade para a sociedade tradicional galega (casas con tellado de pizarra e seixo para suxeitar, p.e.) e o uso en diversos castros como Viladonga, no eido megalítico, á parte das intuicións de Maciñeira, un dos traballos primeiros que aborda o tema buscando as regularidades do emprazamento dos megálitos galegos é o interesante artigo de Criado e Vaquero no que, entre os factores como o tránsito ou as referencias sociais, destacan as rocas de cuarzo empregadas nas coirazas megalíticas pola súa cualidade especial que permite diferencialos desde moi lonxe, cunha clara significación simbólica. A isto debería engadir a consideración de que o cuarzo, os prismas de cuarzo, formando parte de moitos enxovais megalíticos, reflicten tamén un mais que probable significado simbólico  (Fábregas).

Unha suxerente e fundamentada análise do antropólogo e amigo Rafa Quintía  analiza o uso do seixo na Galicia tradicional e mantén que o emprego desta pedra como material construtivo só se pode interpretar pola existencia do carácter simbólico que puido ter o seixo noutrora. O emprego do seixo ten sido documentado en todo o megalitismo europeo para, posiblemente, facer resaltar os monumentos. Ademais, xeralmente, onde hai seixo, tamén hai granito, que é mais facil de traballar pola súa menor dureza: este feito, segundo Quintía, redundaría nese carácter simbólico, do tipo que sexa.



Fotografía realizada por Meli Vázquez, 2024.


En fin, a nosa pedrafita segue no mesmo lugar de sempre, atemporal, orgullosa, soa... Sen embargo hoxe en día está ben sinalizada, xeorreferenciada e o emprazamento no que se asenta atópase normalmente limpo, a pesares dalgún pequeniño detalle, de xeito que xa non está tan soa...

A verdade é que non sei como a atopei eu nin  como cheguei ata alí nalgún ano da década de 1990. Un era mais xoven e coa vista avezada e acostumada, vixiante. Recomendo unha visita a este máxico lugar e á cercana necrópole das Pallaregas, onde aínda se está a conservar unha espléndida anta de tipoloxía poligonal en bastante bo estado de conservación.

Como remate, transcribo a descrición formal da pedrafita neste mesmo blogue o 24 de maio de 2012 : "Trátase dunha pedrafita de cuarzo branco, de sección irregular. A forma xeral da pedra é a dun paralelepípedo rectangular e amosa unha clara inclinación hacia o norte. Probablemente  conservouse ata hoxe porque foi sempre considerada coma o marco que divide os concellos de Ribadeo, Trabada e Barreiros e as parroquias de Fórnea, Vidal e Arante".

Saúdos e boa sorte!!!
En Sigrás, no entroido de 2024.


PARA SABER MAIS

Criado Boado, F. e Vaquero Lastres, J.: "Monumentos en el pañuelo. Megalitos, nudos en el espacio: Análisis del emplazamiento de los munumentos megalíticos gallegos".

Fábregas Valcarce, R.: "Estudio de los ajuares líticos de las sepulturas megalíticas de Galicia y norte de Portugal" Madrid, Universidad a Distancia, 1990.

https://www.ribadeando.com/

https://arqueotoponimia.blogspot.com/

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/

https://onosopatrimonio.blogspot.com/

Rafa Quintía Pereira: "Uso simbólico do cuarzo na cultura galega" Monografías da SAGA, nº 4.


No hay comentarios:

Publicar un comentario