xoves, 4 de setembro de 2025

ANTA-DOLMEN DA NECRÓPOLE DO OUTEIRO DE OMBRA. Santo Tomé de Piñeiro, Marín.

ANTA-DOLMEN DA NECRÓPOLE DO OUTEIRO DE OMBRA 

SENDA DAS MÁMOAS DE MARÍN II


"Estos elementos nunca cesan de cambiar de lugar continuamente, ahora son todos unidos por amor en uno, ahora cada uno aparte por el odio engendrado en luchas, hasta que se reúnan en la unidad del todo y sea conforme a él."
 
Empédocles de Agrigento


Debuxo de Moncho Boga, 2025.

Esta mámoa, aínda que con algunhas dúbidas, é a numerada, nos paneis informativos da Senda das Mámoas de Marín, como a número 3 da necrópole de Outeiro de Ombra.



Fotografía 2024. Wilkiloc, rutas-sendeirismo.

Teño que confesar que esta necrópole tenme un pouco desconcertado en canto á numeración que se lle ven dando...: non son capaz de saber, a partir das fotos de que dispoño e da información pertinente, cal é o número que ten cadansúa. Non obstante, a necrópole atópase moi xuntiña e incluso dúas mámoas tócanse entre sí. A única delas que fun quen de asignarlle un número foi a número cinco e dicir, a última. Semella que tamén se está a conservar a mámoa sinalada co número un: non a recollo posto que non conserva resto algún de estrutura arquitectónica.  

Malia todo iso, froito de deseño desta Senda das Mámoas de Marín, todas elas están perfectamente sinaladas e pódese chegar sen ningún problema.



Foto wilkiloc, 2024. Rutas-sendeirismo.

Esta necrópole, e con ela a anta número tres, atópase emprazada nun collado da Serra Domego, coñecido como A Chan de Armada, nun obreiro ou espolón no flanco meridional do alto de Cotorredondo. Malia que se albiscan eucaliptos por aquí e por aló, semella que a contorna inmediata está repoboada con árbores autóctonas sobre todo con carballos. Tamén se trata dun lugar natural para o florecemento do monte baixo.



Foto wilkiloc, 2024.Rutas-sendeirismo.

Todas as mámoas que conforman a necrópole están ubicadas na penechaira, que ven sendo unha divisoria de augas e ademais límite fronteirizo entre os Concellos de Vilaboa e Marín: é unha zona de paso natural que se veu transitando desde a prehistoria. Aínda podemos contemplar o camiño hoxe en día, á beira do que se van aliñando todas as antas. O vencellamento entre vías de tránsito e necrópoles megalíticas é algo que xa se ven estudando desde os albores da arqueoloxía en Galicia. Neste caso a liña de tránsito lonxitudinal combínase con outras transversais como a de Chan de Armada, unha outra portela que comunicaba Marín e Vilaboa e, por ende, as rías de Pontevedra e Vigo.



Fotografía megaliticiablogspot.com

A Anta/Mámoa número tres da necrópole que me ocupa acada un diámetro máximo de aproximadamente uns quince metros e, para altura, un metro. Na parte superior, na croa, ábrese o consabido funil de violación ou saqueo por onde asoman catro esteos da cámara. A mámoa atópase recuberta por unha impresionante coiraza pétrea, aínda que un pouco tapada polo manto vexetal. Na parte baixa, algunhas pequenas pedras son o que queda ou que se pode ver do anel peristalítico. No camiño ancestral que a limita, a coiraza tócase coa mámoa de Outeiro de Ombra 2, ubicada no Concello de Vilaboa.



Croquis de situación da Senda. 


En Sigrás, no inicio escolar de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


ENLACES IMPRESCINDIBLES

F. Carrera Ramírez e R. Fábregas Valcarce: "Arte parietal megalítico en le Noroeste Penínsular". Tórculo Edicións, 2006.

https://patrimoniogalego.net/index.php/5156/2011/09/mamoa-de-pedralonga/

https://megaliticia.blogspot.com/2024/07/Senda-mamoas-Marin.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-das-mamoas-de-marin-219310977/photo-132766529

https://cousasdecarragal.blogspot.com/2025/03/marin-la-recomendada-ruta-das-mamoas.html

https://www.diariodepontevedra.es/articulo/o-morrazo/ruta-pasada-auga-estrear-senda-das-mamoas/202406162121471308969.html

https://www.diariodepontevedra.es/articulo/o-morrazo/nueva-senda-das-mamoas-marin-podra-realizarse-proximo-2-junio/202405011229341302690.html

https://www.carriola.es/index.php/noticias-de-marin-by-julio-santos/7174-el-concello-inaugura-el-proximo-domingo-la-ruta-das-mamoas-con-una-andaina-desde-el-lago-de-castineiras

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/2024-roteiro-das-mamoas-de-marin-otonal-noviembre-desde-lago-castineiras-a-lagocheiras-192112111/photo-118661999

https://nl.wikiloc.com/routes-wandelen/ruta-das-mamoas-de-marin-circular-desde-lago-castineiras-jmc-mamoas-192531087

https://it.wikiloc.com/percorsi-escursionismo/vilaboa-lago-de-castineiras-y-rio-maior-204892555

https://pt.wikiloc.com/trilhas-trekking/ruta-das-mamoas-de-marin-circular-desde-lago-castineiras-jmc-mamoas-192531087

martes, 2 de setembro de 2025

ANTA-DOLMEN DE PEDRALONGA/CHAN DE CASTIÑEIRAS 2. Santo Tomé de Piñeiro, Marín.

ANTA-DOLMEN DE PEDRALONGA/CHAN DE CASTIÑEIRAS 2.

SENDA DAS MÁMOAS DE MARÍN I


"Míseros mortales que, semejantes a las hojas, ya se hallan florecientes y vigorosos comiendo los frutos de la tierra, ya que se quedan exánimes y mueren."

Homero



Debuxo de Moncho Boga, 2025.


Comezo hoxe a xeira de entradas adicadas á Senda das Mámoas de Marín, inaugurada no ano 2024, se as miñas fontes non están equivocadas. Xa neste blogue e nas miñas publicacións anteriores ocupeime mais ou menos polo miudo dalgunha destas antas, coñecidas desde hai xa moitos anos. 


Planta a partir de Carrera Ramírez.

Sen embargo, nestes últimos tempos fóronse facendo accesibles algunhas novas para min e, ademais, moitas das coñecidas foron obxecto de escavacións arqueolóxicas que cambiaron sustancialmente o seu aspecto xeral. Tal é o caso da Mámoa do Rei e as cistas e mámoas asociadas a esa necrópole, a anta da Chan de Armada, ou esta mesma, a Anta de Castiñeiras 2,  denominada tamén Anta de Pedralonga. Así mesmo moitas mámoas fóronse limpando de maleza e agora son mais accesibles.



Fotografía de 2009, Moncho Boga.

A rota, carreiro ou senda comeza na mais importante das antas da necrópole da Chan de Castiñeiras, moi preto da lagoa do mesmo nome. Trátase dunha área que visitei por vez primeira no ano 1991 e os cambios, tanto a nivel megalítico como natural, son asombrosos. Noutro orde de cousas, a anta foi declarada Ben de Interese cultural o 15 de marzo de 2011e publicada no DOG nº 70  do 08/0/2011 debido sobre todo ás pinturas e gravuras que conservan tres dos esteos.



Fotografía do ano 2010.

Para chegar hai que coller a estrada que leva á BRILAT en Figueirido e continuar ata chegar á Lagoa de Castiñeiras. Os xacementos que conforman a necrópole atópanse ao carón da Lagoa, ao leste e sueste do grupo de Vilaboa e ao suroeste de Pedralonga de Marín.



Fotografía de patrimoniogalego.com, 2011

Ao longo dos anos a historia desta paradigmática anta pontevedresa foi certamente  unha historia chea de avatares mais ou menos penosos, trátandose como se trata dunha anta senlleira. Intentarei desenvolver unha breve escolma destes azarosos contratempos.



Fotografía do ano 2019.

Como estaba a contar, forma parte da necrópole denominada Chan de Castiñeiras, Peta o Chan e tamén Pedralonga, formada por oito mámoas. A necrópole ocupa en liña a dorsal que, desde o alto de Cotorredondo, discorre en dirrección norte cara ao Alto da Graña. Só esta anta se atopa no Concello de Marín, o resto están dentro do termo municipal de Vilaboa. 



Fotografía do ano 2020.

Unha das actuacións mais insidiosas sobre a mámoa foi a salvaxe construción dunha estrada que a partiu case pola metade leste no ano 1997, obra da Xunta de Galicia. O arrasamento afectou lonxitudinalmente a  once metros da masa tumular e a uns seis metros do radio cara ao norte. O corte permitiu apreciar parcialmente os restos da coiraza. 



Foto de megaliticiablogspot.com do ano 2024 ou 2025: pódense
aprecial perfectamente os restos da coiraza e da pedra cobertora.

No ano 1957 foi obxecto dunha escavación arqueolóxica a cargo de Sobrino Lorenzo-Ruza que consistiu no valeirado total do centro da cámara, deixando ao descuberto unha estrutura megalítica ou dolmen que se desenvolvía a través dunha planta poligonal con corredor pouco desenvolvido orientado ao sueste. Conservaba dez esteos de granito de gran medio fino e unha altura dos esteos de entre un metro e dez centímetros e un metro e vinte centímetros. Configurábase así un espazo megalitico cunhas medidas internas de dous metros e medio no eixo NE-SW e os dous metros no eixo NW-SE. Esa escavación de Lorenzo-Ruza deixou ao descuberto o basamento dos esteos, o que provocuou a súa total desestabilización e o consecuente derrumbe. 



Fotografía de: es.wikiloc.com/rutas-senderismo/2024

Tres dos chantos que estruturan a cámara conservan gravuras que debuxan formas onduli-serpentiformes e posiblemente antropomórficos, malia que son moi esquemáticas. Así, dous destes chantos aparecen decorados con liñas sepentiformes horizontais e o terceiro con ondas verticais así como unha figura aproximadamente triangular conectada con dúas liñas verticais. Sen dúbida a decoración está vencellada ao universo sagrado das crenzas neolíticas: o estado das investigacións hoxe en día permiten concluir que o interior das camaras galegas estaban completamente decorados con pinturas e gravuras, das que hai algúns restos pintados que consisten en ondulados e zigue-zague e empregando sobre todo cores negro e vermello sobre unha base branca de caolín, que cubriría todos os esteos do interior.



Foto de megaliticiablogspot.com do ano 2024 ou 2025

Na área do NE do interior da cámara aparecía un oco duns cincoenta centímetros que coincidía aproximadamente coa cota acadada pola escavación, o cual foi o causante da desestabilización da estrutura e que provocou o esnaquizamento dun dos esteos. Nese burato apareceron diversos croios de pequeno e mediano tamaño que probablemente eran os calzos internos, a xeito de soporte. A mámoa medía ao redor de quince metros de diámetro.



Un dos esteos decorados. Fonte, Fernando Carrera.

Por último dicir que a anta foi obxecto dunha actuación arqueolóxica (limpeza) na actualidade o que permitiu reconstruir o seu posible estado orixinal así como observar perfectamente a coiraza pétrea que está a cubrir completamente a mámoa de terra, co que se evitaba a erosión e contribuía a unha maior visibilización. A escavación arqueolóxica (ou limpeza profunda) permitiu constatar que o túmulo perdeu o corenta por cento da mása túmular orixinal que acadaba os doce metros de diámetro e unha altura máxima dun metro e vinte cetnímetros. A pesares das obras da estrada construida no ano 1997, a cámara permanece completa: os once esteos mencionados así como tres lousas de granito pousadas na aba da mámoa que probablemente son os restos da tampa ou pedra cobertora.



Fotografía de: es.wikiloc.com/rutas-senderismo



Croquis do itinerario da Senda, segundo a sinalética actual.


En Sigrás: menos mal que chove, senon ardemos todos. No ano 2025.
Saúde, sorte e libros!!!

ENLACES

F. Carrera Ramírez e R. Fábregas Valcarce: "Arte parietal megalítico en le Noroeste Penínsular". Tórculo Edicións, 2006.

https://patrimoniogalego.net/index.php/5156/2011/09/mamoa-de-pedralonga/

https://megaliticia.blogspot.com/2024/07/Senda-mamoas-Marin.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-das-mamoas-de-marin-219310977/photo-132766529

https://cousasdecarragal.blogspot.com/2025/03/marin-la-recomendada-ruta-das-mamoas.html

https://www.diariodepontevedra.es/articulo/o-morrazo/ruta-pasada-auga-estrear-senda-das-mamoas/202406162121471308969.html

https://www.diariodepontevedra.es/articulo/o-morrazo/nueva-senda-das-mamoas-marin-podra-realizarse-proximo-2-junio/202405011229341302690.html

https://www.carriola.es/index.php/noticias-de-marin-by-julio-santos/7174-el-concello-inaugura-el-proximo-domingo-la-ruta-das-mamoas-con-una-andaina-desde-el-lago-de-castineiras

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/2024-roteiro-das-mamoas-de-marin-otonal-noviembre-desde-lago-castineiras-a-lagocheiras-192112111/photo-118661999

https://nl.wikiloc.com/routes-wandelen/ruta-das-mamoas-de-marin-circular-desde-lago-castineiras-jmc-mamoas-192531087

https://it.wikiloc.com/percorsi-escursionismo/vilaboa-lago-de-castineiras-y-rio-maior-204892555

https://pt.wikiloc.com/trilhas-trekking/ruta-das-mamoas-de-marin-circular-desde-lago-castineiras-jmc-mamoas-192531087

venres, 29 de agosto de 2025

ANTAS-DÓLMENES DA SENDA DAS MÁMOAS DE MARÍN. Santo Tomé de Piñeiro.

ANTAS-DÓLMENES DA "SENDA DAS MÁMOAS DE MARÍN"

SENDA DAS MÁMOAS DE MARÍN

LIMIAR

“Dicen también que las cosas hermosas, unas lo son por naturaleza, mientras que cosas justas en modo alguno lo son por naturaleza, sino que los hombres continuamente disputan entre sí y las alteran siempre, y las que alteran y cuando las alteran, ésas son las que dominan convirtiéndose en tales por arte y por las leyes y no por naturaleza alguna.” 

Protágoras de Abdera



Debuxos das antas-dólmenes da Senda das mámoas de Marín.
Moncho Boga, 2025.

A península do Morrazo constitúe unha auténtica comarca natural inserida no contexto inmediato da ría de Vigo e da ría de Pontevedra. Os límites son precisos: ao Oeste cae a chumbo cara ao Océano Atlántico co seu punto mais extremeiro no Cabo do Home; pola zona do meridión, coa Punta Borneira, xa na ría de Vigo e, polo setentrión, coa ría de Pontevedra, con estremos na Punta Udra e Marín. O lindeiro Oriental cadra coa Depresión Meridiana.



Mapa da Península do Morrazo, extraído de aventurasgalaecia.com

Estamos pois diante dun estreito brazo de terra que se adentra no mar servindo de divisoria entre as rías de Pontevedra e Vigo. Contén grandes zonas de rocha granítica e a altitude media está comprendida entre os catrocentos e os seiscentos metros.



Elaboración de: documentaliaxeaclio.blogspot.com

Con respecto ao horizonte megalítico ou tumular, as antas atópanse nunha penechaira  que ocupa a parte central da península. Algunhas antas-dólmenes e mámoas foron escavadas e estudadas entre os anos 1953 e 1957 por Sobrino Lourenzo-Ruza, Alonso del Real e García alén, descubríndose importantes enxovais dos que unha parte están hoxe en paradeiro descoñecido. Actualmente foron obxecto de actuacións arqueolóxicas a Mámoa do Rei e a Anta de Pedralonga, por destacar algunhas. Da Idade do Bronce é importante o descubrimento de dúas cistas na parroquia canguense de Aldán.



Lagoa de Castiñeiras

Así se describía no ano 2020, pola Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo e Mámoas, este espectucular Parque (ver enlace):

"O Parque Forestal destaca pola presenza a nivel botánico de ao redor de medio cento de especies de árbores e arbustos dos 5 continentes (cipreses, cedros, tuias, alerces, abetos, araucarias, carballos americanos, liquidámbar, castiñeiros, bidueiros,…) xunto con outras naturalizadas como salgueiros e ameneiros do bosque de ribeira correspondente á conca alta do rego de Castiñeiras. No seu momento, ao carón da construción da lagoa, realizouse tamén un proxecto de cría de peixe, en concreto de truitas, do que se conserva as instalacións das antigas presas pola canalización das augas procedentes dos mananciais naturais da zona húmida do lugar."



Brañas de Castiñeiras. Fotografía de: es.wikiloc.com/rutas-senderismo/roteiro-pola-proteccion-dos-montes-e-mamoas-do-morrazo-85052033

"Conta con dous espazos, as brañas de Castiñeiras e a propia lagoa de Castiñeiras, que están integrados dentro do Inventario de Zonas Húmidas de Galiza. Destacan pola presenza de flora de turbeira e específica de zonas húmidas e de fauna tanto invertebrada como vertebrada, representando hábitats naturais prioritarios a nivel europeo, con especies de fauna e flora endémicas e vulnerables a nivel ibérico."



Mapa das Chans de Castiñeiras. Concello de Marín.

O turismo, nos últimos anos, constitúe unha alternativa fundamental e entre os recursos que se ofertan (a demais dos de sol e praia), podemos destacar varios roteiros históricos e algunhas áreas de ocio como a Lagoa de Castiñeiras, obxecto destas dez entradas que hoxe comezo.



Mesa informativa da Senda das Mámoas de Marín.

En definitiva, trátase dunha ruta megalítica que acada uns sete quilómetros de lonxitude e transcorre polo Concello de Marín (en moitos casos lindando co Concello de Vilaboa).  A realización da Senda, no ano 2024, perxeñada polo Concello de Marín, arrinca cun presuposto fundamental de recuperación patrimonial, cosiderado coma un valor engadido á riqueza paisaxística da contorna da Lagoa de Castiñeiras.



Anta Chan de Armada, 1991. Foto de Moncho Boga.

A ruta, a senda, serpentea polos altos da Península e comeza na Lagoa de Castiñeiras, segue pola Chan de Castiñerias, o Outeiro de Ombra, a Chan de Armada, a Chan de Fonteseca, as Lagucheiras e a Chan de Xaxán. Son once antas-dólmenes que intentaremos analizar polo miudo e así albiscar, coñecer e disfrutar dunha área megalítica mítica dentro do Horizonte Tumular galego.



Panel informativo da Senda das Mámoas de Marín.

Na Chan de Armada e na Chan de Outeiro de Ombra (límite entre Santo tomé de Piñeiro en Marín e Santa Cristina de Cobres de Vilaboa) atópase unha importante concentración de mámoas ou necrópole a saber, cinco no Outeiro de Ombra e dúas na Chan de Armada. Unha particularidade dunha das antas da Chan de Armada é que os chantos que conforman a súa cámara megalítica así como a  posible tampa non son de granito (como adoita ser habitual) senon de xisto, feito se cadra realcionado polo predominio da rocha metamórfica, propia do complezo xeolóxico Vigo-Pontevedra.



Anta-dolmen da Chan de Armada, 1991.
Foto de Moncho Boga.

As antas da Chan de Castiñeiras, Chan de Armada e Outeiro de Ombra forman parte da Ruta das Mámoas do Morrazo (hoxe abandonada e que non se chegou a rematar) que se complementan coas da Chan de Fonteseca, Lagucheiros e Chan de Arquiña. Nesta xeira adicada á Senda das Mámoas de Marín deixo para outras entradas as que se atopan nos concellos de Vilaboa e Moaña, adicando estas vindeiras entradas ás once antas da devandita Senda.


EN SIGRÁS, NUN BENVIDO DÍA CHUVIOSO DO ESTÍO DE 2025.
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!



ENLACES

https://www.concellodemarin.es/

http://www.adelaleiro.com/gestion/catalogo/docs/ruta%20Parque%20Lago%20Casti%C3%B1eiras%20e%20Cotorredondo.pdf

https://www.desnivel.com/images/2018/01/mapa-de-la-ruta-por-el-lago-castineiras-en-la-peninsula-del-morrazo.pdf

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/roteiro-pola-proteccion-dos-montes-e-mamoas-do-morrazo-85052033

https://aventurasengalicia.com/destinos-galicia/peninsula-do-morrazo-marin-bueu-cangas-do-morrazo-y-moana/

https://documentaliaxeaclio.blogspot.com/2011/05/o-releve-da-peninsula-do-morrazo.html

https://nl.wikiloc.com/routes-wandelen/ruta-das-mamoas-de-marin-circular-desde-lago-castineiras-jmc-mamoas-192531087


mércores, 27 de agosto de 2025

ANTA-DOLMEN A MINA DAS CAXADAS. San Xoán de Cambeda, Vimianzo.

ANTA-DOLMEN A MINA DAS CAXADAS

"Toda verdad pasa por tres etapas. Primero, es ridiculizada. En segundo lugar, es violentamente rechazada. En tercer lugar, es aceptada como evidente por sí misma."

Arthur Shopenhauer



Debuxo versión de Moncho Boga, 2024.


E seguimos, e sigo..., continúo perseguendo soños, perseguendo sombras doutros tempos, pedras acurrucadas nos confíns dos nosos montes, nos lugares mais insospeitados, como sombras pétreas e impenetrables nos seus segredos milenarios, no seu silencio de sempre. Grandioso silencio, grandiosas sombras, grandiosas historias que esperan a poder ser contadas: ser contadas para poder existir.



Situación Necrópole e Mina das Caxadas.

E así volto novamente a Vimianzo, ás terras soneirenses de castelos, pazos e mámoas. Volto debido a  unha nova xornalística do ano 2016 na que o Concello de Vimianzo anunciaba o descubrimento dun novo dolmen no seu agarimoso territorio. Dicíase nas diversas notas de prensa que, a tamén coñecida como Arca de Ogás, atopábase sen inventariar, preto do camiño entre Caxadas e Sanfíns, dous lugares da parroquia de Cambeda. Semella claro que esta non é a coñecida como Arca de Ogás, senón a que se inventariou co nome da A Mina das Caxadas, a medio quilómetro (mais ou menos) do groso da necrópole megalítica das Caxadas, que se compón agora de cinco mámoas e onde está a Anta de Ogás. A pesares de atoparse moi preto dun camiño veciñal, a súa existencia pasou desapercibida ata aquiles momentos.



Mina das Caxadas no ano 2016. Foto Concello de Vimianzo.

Atópase á esquerda da estrada Nacional a Fisterra, as outras catro mámoas atópanse á dereita. Na contorna do emprazamento desta mámoa debúxase unha paisaxe de monte alto, terras de labradío e algunhas vivendas. Os terreos nos que se asenta están repoboados de peiñeiros e, polo sul, noutras parcelas inmediatas, xurdiu unha nova repoboación de eucaliptos. O que queda da cámara megalítica atópase case completamente cuberto de rastroxos así como de diversa ramaxe ou masa vexetal.



Mámoa da Mina das Caxadas, 2024.

A cámara, construida con grandes pedras de granito, está bastante esnaquizada, bastante descentrada do centro da cámara e cun burato de saqueo que aparece mais ao norte. Este burato acada unhas dimensións que van desde os catro metros de diámetro ata os trinta centímetros de profundidade, a simple vista. Nun lateral da mámoa ábrese unha gavia de dous metros na parte norte e con preto dun metro e medio polo sul.



Fotografía de megaliticiablogspot.com

A estrutura arquitectónica da cámara megalítica foi artellada con grandes esteos de granito e, como dicía antes, atópase moi descentrada con respecto ao diámetro da anta. O que permanece en pé desta estrutura mide de longo, polo interior, os dous metros e setenta centímetros (no eixo norte-sul), malia que está moi alterada e estas medidas seben ser tomadas con precaución. O esteo mais alto acada unha altura, ou sobresae do chan, un metro e dez centímetros. En total pódense identificar entre seis e oito esteos así como outras varias lousas espalladas e apoiadas sobre as outras, feito que me fai pensar en que sexan os restos ou anacos da pedra cobertora.



Fotografía de megaliticiablogspot.com

O chanto da cabeceira mide uns dous metros de longo; un esteo no lado esquerdo (mirando ao sueste) e dous mais no lado dereito están imbricados; aparecen outros tres ou catro esteos mais colocados a continuación, un deles a mais dun metro se miramos cara ao norte.



Fotografía do ano 2024.

A Anta A Mina das Caxadas corre serio perigo de desaparición: a acción antrópica sobre todo pola repoboación de masa arbórea enriba da mámoa e pola acción das máquinas repoboadoras. Si non se toman mediadas me temo, nos tememos que, como noutros moitos casos, este espléndido exemplar da arquitectura megalítica galega sexa pasto da incomprensión, da ignorancia, da desidia e..., en definitiva, da acción devastadora provocada polos seres humáns, por nos.



Mapa da Ruta dos Dólmenes no Concello de Vimianzo.
Fonte: Concello de Vimianzo.



EN SIGRÁS, NO VERÁN DA VERGOÑA INCENDIARIA DE 2025. 
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!


ENLACES NECESARIOS

http://patrimoniogalego.net/index.php/5696/2011/09/arca-de-ogas/

https://vimianzo.gal/turismo/?idioma=gl

https://historiadegalicia.gal/2016/08/galicia-o-pais-das-mamoas-esquencidas/

https://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com/2012/06/anta-pedra-cuberta-san-miguel-de-treos.html

https://www.quepasanacosta.gal/articulo/vimianzo/descobren-novo-dolmen-vimianzo-inventariar/20160825062753081761.html

avozdegalicia.es/noticia/carballo/vimianzo/2016/08/25/mamoa-hallada-cambeda-conserva-anta/0003_201608C25C2992.htm

https://vimianzo.gal/media/documentos/0MAPA_VIMIANZO.pdf

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/somosagro/agricultura/2008/05/21/arca-lugar-ogas-languidece/0003_6837001.htm

https://www.economiadigital.es/galicia/politica/descubren-en-vimianzo-un-nuevo-dolmen-sin-inventariar_375570_102.html

https://www.galiciaconfidencial.com/noticia/34297-descobren-vimianzo-novo-dolmen-inventariar

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-das-minas-de-caolin-e-dolmen-de-ogas-1835136

domingo, 24 de agosto de 2025

ANTA-DOLMEN PEDRA DEREITA. San Pedro de Martul, Outeiro de Rei.

ANTA-DOLMEN PEDRA DEREITA

RUTA ARQUEOLÓXICA DE O ACEVEDO XIV

"La Tierra se mueve en un círculo alrededor del Sol, causando la evidente reubicación anual del Sol. La Tierra tiene más de un movimiento."

Aristarco de Samos, 310 a.C.




Debuxo de Moncho Boga, 2025.


Debuxo de Moncho Boga, 1993.

"Para chegar. Antes do núcleo da aldea de Martul, deixando unha casa nova á esquerda, hai que circular por unha corredoira ou pista forestal que se introduce polo medio dun monte de espesos piñeiros nórdicos. Debemos camiñar preto de catrocentos metros ata chegar a un muro de pedra onde o camiño describe unha curva. Trinta metros máis atrás hai un carreiro que case non se ve e que se adentra na espesura de fentos, piñeiros, silvas e toxos. A anta está a uns vinte ms e non se pode ver desde o camiño debido á impenetrabilidade da floresta." Esta era a descrición do percorrido para chegar hai moitos anos. Non creo que hoxe se recoñeza nada do  percorrido que describía daquela.



Planta de Pena Dereita a partir de Pérez Losada e Cano Pan. 

A anta que estou a ensinar atópase enclavada nunha mámoa de dimensións convencionais para o megalitismo galego. Conserva sete esteos: dous deles fóra da súa posición orixinal apoiados na aba da medoña. Posiblemente os outros cinco permanezan in situ. A mámoa atópase parcialmente cortada no norte e no sul. Hai indicios de violación antiga e sobre a mámoa sobresaen seis chantos (e fragmentos de chantos) deitados, procedentes da cámara. Cando eu a visitei era imposible albiscar mais que os tres que permanecían fincados á vista.



Sección do esteo mais grande, a partir de Pérez Losada e Cano Pan.

O esteo que podemos ver na fotografía (sinalado coa letra "A") acada considerables dimensións: dous ms e dez cms de altura, un metro e vinte cms de ancho e trinta e sete cms de grosor. O segundo esteo posúe base cadrangular medindo os seus lados vintecinco por trinta e tres cms e, na altura, cincuenta e cinco cms. No estado actual era case imposible a reconstrución tipolóxica da planta, aínda que non se debe desbotar (polas características doutras antas da zona) unha cámara poligonal con corredor, como a que describen e debuxan Pérez Losada e Cano Pan a saber, cámara das do tipo poligonal con probable corredor orientado ao sul-suleste. Algúns dos esteos semellan estar movidos cara a fóra.



Vista da mámoa. Foto:https://rutasdesendeirismo.blogspot.com/2022/11/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-outeiro-de.html.

Pola aba da mámoa podemos ver ciscallados diversos croios de seixo de tipo medio en canto ao tamaño e, como dicía, ese gran esteo da cabeceira amosa dimensións considerables: diríamos que colosais, sen esaxerar porque esaxerando...



Foto:https://rutasdesendeirismo.blogspot.com/2022/11/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-outeiro-de.html.

Todo esto era o que escribía eu neste mesmo blogue xa hai uns anos. Agora as cousas foron cambiando: as autoridades fóronse decatando da potencialidade turística que ofrecen os recursos arqueolóxicos, sempre e cando estéan ben coidados, limpos e sinalizados. Sen embargo, cando eu fun por primeira vez a buscar esta anta nos primeiros anos noventa, aínda non sei como cheguei a ela: o que hoxe é un eucaliptal, era entón un espeso bosque de piñeiros nórdicos, piñeiros espesos, piñeiros que xa logo non deixaban pasar a luz do sol.
 


Fotografía patrimoniogalego.

Daquila a anta estaba completamente colmatada por capas e capas de materia vexetal que non che deixaban ver mais que os tres esteos que eu amosaba naquilas fotografías analóxicas xa ancestrais. Hoxe en día semella que hai vaivéns: unhas veces, segundo as fotografías que me van chegando, está perfectamente desbrozada e outras, sobre todo cando fan tala de árbores, aparece completamente cuberta de rastroxos, pólas...



Foto megaliticiablogspot.com

En calquera caso actualmente é o elemento megalítico mais destacado da Ruta Arqueolóxica de O Acevedo e, malia que poidera formar parte da necrópole do mesmo nome, pola súa monumentalidade e grandeza, adoitase sinalar á parte, como un elemento illado.



Fotografía de Moncho Boga, 1993.


Para rematar, unha consideración. No Concello lucense de Outeiro de Rei estánse a conservar e están catalogadas ao redor de cento oitenta mámoas, sendo o seu estado de conservación bastante deficiente, en xeral  tirando a malo. É de agradecer que nos últimos anos se levaran a cabo labouras de limpeza de moitos dólmenes, sobre todo ao deseñar a Rota Arqeuolóxica de O Acevedo.



Fotografía Moncho Boga 1993.



Fotografía Moncho Boga 1993.

Indicar ademais que esta é a primeira anta que atopamos na Rota Arqueolóxica, moi preto de Martul. Deixeina para o final por cuestións absolutamente anárquicas.


En Sigrás, un día calquera de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


ENLACES SUXESTIVOS

https://outeiroderei.gal/turismo/natureza/rutas/ruta-arqueoloxica-de-o-acevedo/

https://historiadegalicia.gal/2018/10/en-total-abandono-e-desproteccion-o-dolmen-de-pedra-dereita-un-dos-mais-espectaculares-de-lugo/

https://patrimoniogalego.net/index.php/15773/2012/04/anta-da-pena-dereita/

https://gl.wikiloc.com/rutas-sendeirismo/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-69241883/photo-45584001

https://www.wikiloc.com/hiking-trails/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-69241883/photo-45584001

https://rutasdesendeirismo.blogspot.com/2022/11/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-outeiro-de.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-69241883