Amosando publicacións coa etiqueta Castrelo do Val. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Castrelo do Val. Amosar todas as publicacións

venres, 25 de outubro de 2024

PEDRAFITA-MENHIR PENA BOEIRA. Santa Eufemia de Piornedo, Castrelo do Val.

PEDRAFITA-MENHIR PENA BOEIRA

"La tecnología como tal no puede ser separada del empleo que se hace de ella; la sociedad tecnológica es un sistema de dominación que opera ya en el concepto y la construcción de técnicas".


Herbert Marcuse: "El Hombre Unidimensional".



Pedrafita-menhir Pena Boeira, segundo versión
de Moncho Boga, 2024.

Atópase nos arredores do Castro de Pena Boeira, auténtica mole montesía desde a que se contemplan amplos horizontes, e que é visible desde infinitas perspectivas. O lugar onde se encrava a posible pedrafita é Monteveloso, entre Pedra Zancaleóns e a Rega de Veiga. Trátase dunha penechaira  que se asenta moi preto do límite co Concello de Riós. Segundo o gran Alberte Alonso (de onde recollín esta información) moi próximo a este poderoso esteo atópase o nacemento dos regos do Porto e de Portozón. Tamén indicar que na contorna inmediata e mais próxima do monte Pena Boeira, abondan os xacementos arqueolóxicos de diferente adscrición crono-cultural: necrópole megalítica, xacemento castrexo e indicios importantes da presenza romana. Sinala Alberte, co bo criterio que o caracteriza, a probable adscrición desta pedrafita á tipoloxía de observación astronómica. Atópase a uns 950 metros de altitude.



Pedrafita-menhir  Pena Boeira.
Foto: Rafa Quintía.

Coñecín a existencia desta pedrafita a través do blog de Rafa Quintía asombradebouzapanza, que define e describe unha auténtica atalaia, que é o monte da Pena Boeira, como un verdadeiro "niño da águia". Este poderoso monte  álzase contundente e maxestuoso sobre o Val do Támega e a cume está conformada  por unha inmensa formación de seixo: esta característica posibilita que a súa presenza na paisaxe non pase desapercibida. Conta Quintía que aló no mais alto desta gran mole rochosa aséntase a "fortaleza onde viven os mouros", unha fortaleza esquecida.



As escarpadas paredes de Pena Boeira.
Foto: es.wikiloc.com/rutas-senderismo/roteiro-de-pena-boeira-castrelo-do-val


Pois aí, no camiño de acceso, no camiño que leva a esta furibunda fortaleza dos mouros, atópase a posible pedrafita-menhir Pena Boeira. Situación extratéxica de acceso a Galicia, terra de minería desde polo menos os romanos, de camiños  prehistóricos, de vías romanas. Esta situación non é allea ao universo das pedrafitas, algunhas delas vencelladas a xacementos castrexos, feito aínda non bén estudado na bibliografía especializada.

Remexendo por aquí e por acolá con respecto ao significado do Boeira, atopei varias interpretacións: desde lugar de pasto do gando bacún por unha parte; ou aquiles topónimos que engaden a forma "boi", que nomean sitios de grandes formacións rochosas, seguendo a interpretación de "boi" co significado de "pedra", pola outra.


Pena Boeira.
Foto: Rafa Quintía.

Cóntase que no alto de Pena Boeira (no que pode ser un castro ou unha fortaleza altomedieval) viven os mouros, os nosos míticos seres que nos acompañán desde sempre e para sempre, que son parte consustancial e fonda da nosa natureza como pobo ancestral e máxico: os mouros, como excepcionais construtores, teñen túneis que  conducen ata a aldea de Marbán e, ademais, pasan gran parte das xornadas diarias abrillantando as enormes rochas de seixo da súa fortaleza. Deste xeito consiguen que o gran curuto da montaña máxica brille "coma un facho e destacase sobre a xeografía montesía que a circunda", e dicir, as maxestuosas terras de Verín e o Val do Támega.



Pena Boeira.
Foto:  es.wikiloc.com/rutas-senderismo/roteiro-de-pena-boeira-castrelo-do-val


Para rematar, vou deixar unha fermosa lenda recollida do bloque de Quintía que, á súa vez, a recolleu de Bruno Rúa (ver bibliografía). Bruno Rúa, na súa recomendable “Guía arqueolóxica do Alto Támega”, relatou unha lenda que lle escoitou a unha veciña da aldea de Feilas e que, segundo ela, lle acontecera a súa bisavoa:

"A bisavoa desta muller de Feilas tiña un porco que tódalas mañás marchaba cara a fortaleza da Pena Boeira e alí no alto botaba todo o día ata que regresaba a casa polo solpor. O ver a señora que o porco nunca chegaba famento da súa diaria excursión e comprobar que tampouco comía nada na casa pese a estar gordo, forte e fermoso pronto empezou a sospeitar se non lle estarían dando mantenta os mouros que habitan na fortaleza da Pena Boeira. Chegado o tempo da matanza a dona quixo facer do animal o que se fai nestes casos pero seica o porco non quixo acabar feito chourizos e fuxiu para a montaña non volvendo xamais".


COORDENADAS

Lat 41º 59´24,69´´N Lon 7º 21´ 29,96´´ O


QUE PODEMOS VER A MAIORES EN CASTRELO DO VAL?

A indiscutible riqueza natural do Concello individualízase sobre todo na parte norte, coas estribacións da Serra de Queixa e o macizo de Cabeza de Manzaneda, que se van achairando cara ao sur, ao val de Verín. 



Recuncho do Invernadeiro.
Foto: castrelodoval.gal/o-concello/patrimonio-natural


Pero o que marca verdadeiramente a diferenza é o Parque Natural do Invernaderio que forma parte do espazo Serra de Queixa-Montes do Invernadeiro. Conta cunha Aula da Natureza e Sete Rutas marcadas, algunha delas restrinxida ao acceso público.



Vista de Castrelo do Val.
Foto: castrelodoval.gal/o-concello/patrimonio-natural


As parroquias, a etnografía, a estela do Guerreiro de Castrelo do Val (o 16 de outubro de 2012 publiquei unha entrada neste mesmo blogue sobre a estatua-menhir da Pedra Alta), son un conxunto de recursos que se poden tomar coma un harmónico todo onde un ten a posibilidade de afundirse coa natureza e coa arte.



Estela-menhir Pedrra Alta de Castrelo do Val.
Foto: castrelodoval.gal/o-concello/patrimonio-natural


Entre  eses variados elementos de arquitectura, etnografía, natureza, pobos singulares..., teño que subliñar actividades como a Romaría dos Danzantes de Santa Marta de Fontefría e a Noite do Lume Novo en Servoi (San Xoán).


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!!!



BIBLIOGRAFÍA BÁSICA

Bruno Rúa Martínez: "Guía arqueolóxica do Alto Támega". Verín, 2021.

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/roteiro-de-pena-boeira-castrelo-do-val-157529752/photo-98878315

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-de-observacion-astronomica.html

https://asombradebouzapanda.wordpress.com/?s=Pena+Boeira

https://toponimiaxove.blogspot.com/2013/06/toponimia-do-concello-de-xove.html

https://castrelodoval.gal/o-concello/patrimonio-natural/

martes, 16 de outubro de 2012

ESTATUA-MENHIR A PEDRA ALTA. Castrelo do Val, Ourense

ESTATUA-MENHIR A PEDRA ALTA. 

Trátase dunha enorme pedra de granito (atopada nun lugar onde predomina o esquisto) que se localizou no ano 2010 nun lugar coñecido como Pedra Alta. O descubridor, persoa comprometida coas cousas de antes, foi o propietario da finca a saber, José Luis Lozano Rúa. Precisamente o topónimo, con toda seguridade, refírese á nosa pedra cando estaba en posición erguida. 


                                                          http://www.menudaeslahistoria.com

Amosa un perfil claramente antropomorfo con catro escotaduras labradas, dúas a dúas, feito que se interpreta como un intento de definir unha silueta humana de forma moi arcaica.
Tipolóxicamente adscríbese ás chamadas estelas que se coñecen co alcume de "estelas do suroeste", de xeito que a de Castrelo do Val é a estela atopada máis ao norte. A característica que as individualiza é a presencia do escudo, da lanza e da espada. Probablemente pertence á Idade do Bronce.


 Fotografía de J. Gil

                                                          
Efectivamente, a estatua-menhir de Pedra Alta consiste nunha gran peza de granito que amosa unha clara forma antropomorfa e acada un metro e oitenta centímetros de altura. Aproximadamente o seu peso oscila entre os oitocentos e os mil quilos. Á parte da forma antropomorfa, a peza destaca polas gravuras que amosa en toda a súa superficie: aparece o que semella un guerreiro pertrechado con escudo, espada e lanza. Tamén aparece o devandito carro de guerra tirado por dous animais, sendo a primeira representación deste tipo que se coñece no noso país.



  A Estatua Menir do Museo Etnográfico de Castrelo do Val.

                                          
Desde que se atopou a peza e desde o momento en que se dilucidou a súa importancia, a situación é pouco menos que surrealista: a peza foi reclamada por Patrimonio, polo Concello e polo Museo de Ourense... Sen entrar en detalles desternillantes, a situación está lonxe de mellorar. Desde aquí consideramos que o mellor lugar para ubicar a peza é o sitio do achádego, e dicir, Castrelo do Val.


    
 http://urdinheira.blogspot.com.es

                                        

http://urdinheira.blogspot.com.es

                                      


                                              http://www.tempodelecerourense.com.

                                              Peza do mes de outubro: "A Pedra Alta de Castrelo do Val"
                                              Sala San Francisco - Museo Arqueolóxico Provincial (Ourense)
                                              Do 1 ao 31 de outubro de 2012.



PARA REMATAR


16 de febrero de 2012

Carta do descubridor da “Estela do Guerreiro” de Castrelo do Val.

Esta carta que reproduzo aquí foi escrita polo descubridor da Estela do Guerreiro, D. José Luís Lozano para enviar o defensor do pobo e outras entidades co fin de que a devandita estela se quede en Castrelo do Val.


Fai case tres anos que un menhir da Idade de Bronce saíu da terra nunha pequena finca da Galicia rural. Un veciño da localidade, irmán do dono e amante da historia deuse conta do seu valor histórico e asociou o descubrimento cos seus recordos.
Ese veciño son eu, vivo na comarca de Monterrei, na provincia de Ourense. Esta comarca está bendita polo Río Támega, que deu nome as tribos que se encontraron os romanos e as que deron o nome xenérico de “Tamagani”. Mil anos antes dos romanos, un home puliu unha pedra de granito, traída dende varios quilómetros, para facer a forma dun guerreiro, erguido e cas súas armas. Estivo en pé tres mil anos, os últimos corenta baixo terra, antes deso formou parte dun muro, ao pé dunha calzada romana que vai paralela ao río que da vida a esta comarca.
Ese menhir representa unha oportunidade única de axudar a esta comarca, facendo que represente un inicio, o que evitaría que emigrara tanta xente. Eu persoalmente non coñezo a maior parte da miña familia  por estar ela en Arxentina de fai setenta anos. A xeración de 1970 a cal pertenzo encóntrase hoxe en Cataluña, Pais Vasco ou o máis ousado en Australia.
Esta razón non sería suficiente para pedir que se quede na comarca, pero se engadimos que en Verín hai tres balnearios de principio do século XX que funcionan como poden,outros dous en ruínas, existe tamén un castelo medieval do século X e que pertence a Casa de Alba. Hai varios castros nun aceptable estado de conservación e que se poden visitar ao estar cerca das vías de comunicación. O Val é tamén unha vía cara Portugal e a porta de entrada a un parque natural de media montaña como é o “Invernadeiro”. Case toda España coñece o entroido de Verín.
Na miña aldea, Castrelo do Val, hai un castro sen escavar e unha necrópole romana onde se atopou unha ara romana cunha inscrición dedicada a un soldado, o primeiro home do que se ten constancia escrita na comarca.
Esta estela e mil anos anterior, e tamén deixa constancia en forma de petroglifo doutro habitante da comarca, un guerreiro e posible xefe de clan que foi admirado e recordado polos seus coetáneos.
Son todas boas razóns para que o menhir, chamado “Estela do Guerreiro de Pedralta”se quede. Lamentablemente a lei di  que ten que estar nun museo, o Museo Arqueolóxico de Ourense, que leva doce anos pechado, para estar ao lado doutras estelas, partes da historia doutras comarcas, partes que quedan ocultas e descoñecidas para moita xente.
Se finalmente e trasladada a capital, toda esta historia perderase, quedará fóra de contexto ó estar acompañada doutros obxectos alleos e ó non poder ver a paisaxe e sentir o clima que rodea cada pedazo de historia.

 José Luís pretende con esta carta acadar todo o apoio posible para que a estela se quede onde lle pertence. A xente xa se empeza a mobilizar na súa defensa (ameázano cunha multa de entre 60.000 e 150.000 euros) e alguén creou un grupo de Facebook para a causa.

 (http://www.facebook.com/pages/QUEREMOS-A-PEDRA-DO-GUERREIRO-EN-CASTRELO-DO-VAL/191890507523989?sk=wall).



En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


PARA SABER MAIS:

-blog capítulo 0.

-"Un gráfico da Cultura Galega.org", "Como entender a estela dun Guerreiro", por Manolo Gago. 
www.culturagalega.org

-http://urdinheira.blogspot.com.es

-http://www.menudaeslahistoria.com