miércoles, 11 de septiembre de 2024

PEDRAFITA-MENHIR DA BIGHOIA. Codeseda, A Estrada.

PEDRAFITA-MENHIR DA BIGHOIA. 


"Todo ser humano es parte de la naturaleza, y su bienestar radica en vivir en armonía con ella."

Baruch de Espinoza



Debuxo versión idealizada de Moncho Boga, 2024.


A inopinada pedrafita da Bighoia (ou Vighoia) atópase nunha leira alcumada precisa e casualmente A Bighoia, e foi inventariada e estudada, en primeiro termo, por Calros Solla, integrante do espectacular Colectivo Capitán Gosende, outro dos grupos que, espallados pola nosa terra, adican boa parte do seu tempo a defender e protexer, dar a coñecer, unha gran parte do patrimonio galego que doutro xeito estaría abocado á desaparición. Outro nome polo que se coñece é Pedrafita de Casadeabaixo, que foi o lugar onde apareceu formando parte dun muro de peche da finca.



Silvia Pampín Faro de Vigo


Cando tiven noticia deste nova pedrafita, aló polo ano 2018, e cando comencei a investigar e informarme sobre as súas características e sobre as circunstancias do seu achado, non puiden mais que admirar e asombrarme da capacidade de supervivencia das nosas pedrafitas, que van aparecendo no momento oportuno, nun momento no que aínda teñen algunha oportunidade de sobrevivir: aletargadas, mimetizadas nos muros, escondidas nos montes inaccesibles, enterradas ás veces, confundidas con marcos..., e de repente aparecen, renacen espléndidas, como dando a entender que estes fillos probes do megalitismo galego tamén están aí. E falan...



Foto de Luis Soto en La Voz de Galicia


As peripecias deste xa non tan nova pedrafita foron contadas polo miudo por  Calros Solla e Luis Porto, polo que non me vou estender na explicación dos feitos. Simple, breve ou tan só, vou contar que a familia de Casadeabaixo, logo de varios cambios de lugar, decatáronse das características físicas que semellaban facer da pedra un elemento singular, posto que cando formaba parte dos muros estaba perfectamente camuflada. Foi entón cando avisaron a Solla e aos membros do Colectivo Capitán Gosende para que fixeran unha valoración do  achádego. Solla, en diversos xornais e na páxina web Historia de Galicia, fixo unha completa descrición da pedrafita e dos avatares que posibilitaron o seu descubrimento. 


Fotografía de  Calros Solla
na web Historia de Galicia

En efecto, a pedrafita da Bighoia ou de Casadeabaixo non fixo mais que viaxar ao longo dos anos, dos séculos, dos milenios: si os primeiros estudos de Calros Solla se verifican, esta orgullosa  pedra antropomorfa pasou da Cruz da Grela a Casadeabaixo e aí andivo trasneando dun muro a outro ata que os donos da casa decatáronse das raras peculiaridades deste  esteo que semella andivo escondéndose, tímido e temeroso, para pasar desapercibido. Luis Porto, na páxina web www.codeseda.com, tamén elabora un descriptivo artigo aportando novos datos.



Fotografía de Luis Soto en
www.codeseda.com

En varios xornais galegos apareceu a nova firmada por Solla no ano 2018.  Relataba que se trataba dunha pedrafita con rasgos antropomorfos con cabeza e pescozo, cara con ollos, boca, nariz e ata buratiños para sinalar as orellas.

As medidas totales desde o chan ata a croa acadan o metro e vinte centímetros, calculando outro metro enterrada no chan, polo que o tamaño total acadaría os dous metros e vinte centímetros. En palabras de Solla:

"Tomando como referencia a anatomía humana, a cabeza da figura posúe unhas dimensións de 25 cms de alto, 20 cm de perfil e 12 cms de frente. Por debaixo da fendedura do pescozo, o resto do corpo visible ten as seguintes dimensións: 95 cms de alto, 25 cms de costado e 15 cms de peito/espalda".



Foto de Luis Porto, de codeseda.com.

Engade que, no que semella a espalda, atópase o elemento mais destacado da pedrafita: o que ten todas a trazas de ser unha cabeleira rizada.

Pero ademais, todas as caras da pedrafita están cubertas de cazoliñas ("coviñas"), contabilizándose 37 destes elementos: a partir da constatación da presenza das cazoliñas, diversos arqueólogos corroboraron sen lugar a dúbidas a súa adscrición ao neolítico (ou polo menos á prehistoria), posto que este é o principal criterio que a arqueoloxía considera para darlle carta de natureza prehistórica a todos estes solitarios e humildes esteos.



 Fotografía de Calros Solla
na Web Historia de Galicia

Como colofón a este pequeno "refrito" de informacións verídicas, aínda dispoñemos de munición adicional para intentar contextualizar unha peza que agora mesmo está sen dúbida descontextualizada. As pistas, proceden das investigacións  de Luis Porto. A presenza da Cruz da Grela a uns cantos metros de Casaldeabaixo, e que pertenceu noutras datas á familia deste lugar, está fincada  enriba dunha gran pedra cuberta de cazoliñas, o que pode levarnos, e nos leva, a considerar que ese sería o lugar orixinal da pedrafita, como indicador no cruzamento de camiños así como fito anunciador da necrópole megalítica cercana. Por iso mantemos, con Solla e Porto, que a hipótese mais plausible é que a pedrafita da Bighoia está vencellada á necrópole megalítica emprazada antes da Cruz da Grela. Os propietarios, descendentes de canteiros, opinan que ao considerar a pedrafita como unha excelente e apropiada columna para un peche de fincas, a trasladaron de lugar e  fincaron como sustituta a coñecida como Cruz da Grela.


ALGUNHA COUSAS MAIS PARA COMPLETAR A VAXE A CODESEDA

Codeseda é unha das 51 parroquias que conforman o Concello de A Estrada, casi no corazón de Galicia. Os elementos histórico-artístico e naturais son inxentes tanto en canto a calidade como a cantidade, de xeito que é imposible neste pequeno foro recomendar algo porque non nos chegaría o día, nin a semana, nin o mes para achegarnos siquiera un anaquiño aos múltiples tesouros do Concello capital da Terra de Tabeirós.

Quedan aí, estes tres argumentos que vos poden servir de pista cara a outros moitos:


Igrexa de orixe románica de San Xurxo de Codeseda.
Fotografía de codeseda.com



Cruz da Grela.
Fotografía de codeseda.com



Fervenza das Quintas.
Fotografía de codeseda.com


Saúde, sorte e literatura!!!!!
En Sigrás, preparándonos para o outono de 2024.

PARA MAIS E XERAL COÑECEMENTO

https://codeseda.com/?s=menhir+da+bighoia

https://www.tabeirosmontes.com/arquivo.html

https://www.facebook.com/capitangosende/

https://historiadegalicia.gal/?s=Menhir+da+Bighoia

https://historiadegalicia.gal/2018/06/achado-un-menhir-antropomorfo-na-estrada/

https://www.galiciaconfidencial.com/noticia/74880-aparece-suposto-menhir-forma-humana-estrada

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/a-estrada/2018/06/23/menhir-codeseda/0003_201806D23C59910.htm

https://www.farodevigo.es/deza-tabeiros-montes/2021/01/26/menhir-da-casadeabaixo-pieza-culto-31133134.html

https://www.farodevigo.es/deza-tabeiros-montes/2018/06/30/pedrafita-codeseda-petroglifo-quireza-15955397.html

https://codeseda.com/camino-medieval-portugues-de-santiago-portugal-a-estrada/





No hay comentarios:

Publicar un comentario