martes, 19 de noviembre de 2024

PEDRAFITA-MENHIR DO OUTEIRO DAS CAPAS. San Xoán de Torea, Muros.

PEDRAFITA-MENHIR DO OUTEIRO DAS CAPAS


"No hay edificio sin caminos que conduzcan a él, ni tampoco hay edificios sin recorridos interiores, sin pasillos, escaleras, corredores o puertas".

Jacques Derrida.




Debuxo da pedrafita segundo Moncho Boga, 2024.

Atópase, case esquecido polos tempos e polos homes, no Lugar de Outeiro das Capas, á beira do Parque Eólico "Pedregal-Tremuzo", moi preto dun primitivo camiño que unía varias aldeas. A pedrafita hoxe en día non funciona como marco de termo, o que non é obice para deducir que a súa perduración no tempo fose debido a esa posible función práctica. Facemos esta consideración porque a uns quinientos metros atópase o límite actual entre os concellos de Mazaricos, Serra de Outes e Muros, feito que se cadra non é casual. 



Pedrafita Outeiro das Capas.
Fotografía de Elixio Vieites.

Na súa contorna inmediata parece que nacen os regos de Acuiña, de Osedo e a Fonte do Covo. Ademais pódese constatar a existencia dalgunha necrópole megalítica, paneis de petróglifos e varios xacementos castrexos.

Mide desde a base, para a altura, ao redor de dous metros e medio; amosa sección acusadamente redondeada, cilíndrica, que vai diminuindo a  medida que medra na altura. Aos seus pés aparecen dúas pedras de tamaño considerable que debuxan unha forma case esférica, elementos que poden estar vencellados dalgunha maneira coa nosa pedrafita, como acontece noutros exemplares do noso país.



Pedrafita Outeiro das Capas.
Fotografía de Elixio Vieites.

É significativo o decatarse que cando se construiu o Parque Eólico do Pedregal-Tremuzo no ano 2004, nos traballos de prospección arqueolóxica non figura a existencia desta pedrafita: non aparece catalogada,  nin siquiera cunha consideración etnográfica.

Tamén é moi de ter en conta a toponimia circundante, sinalada por Alberte Alonso a saber: Outeiro dos Bois, Cabeza de Riomao, Fonte do Ouro, A Casoliña, Pedra da Arca, Niño do Corvo, etc.



A Pedrafita Outeiro da Capas,
foto de Elixio Vieites.

Malia que non se fala de cazoliñas ou de ningún tipo de gravuras, considero que este gran esteo, chantado na soidade das cumes de Terra de Muros, pode ser considerado outro dos elementos salientables do megalitismo galego, no que atinxe ao universo das pedrafitas-menhires.


QUE PODEMOS VISITAR EN MUROS?

A propia Vila de Muros xa é unha disculpa suficiente para achegarnos a estas terras. Aínda asi, no Museo do Muíño de Marea podemos contemplar a Cista do Bico; os petróglifos da Laxe das Rodas; a ría de Muros en todo o seu esplendor, o Monte Louro... Paga a pena perderse polos recunchos de Muros (que son moitos, variados e impresionantes) deixándonos levar pola intuición do que é fermoso, significativo,  deixando que as cousas se presenten a nós.


En Sigrás, nun outonal e inquedo día de 2024.

Saúde, sorte e libros!!!


PARA SABER ALGO MAIS

http://patrimoniogalego.net/index.php/78418/2015/10/pedrafita-do-outeiro-das-capas/

http://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com.es/2014/03/mapa-das-pedrafitas-de-galicia.html

https://themurostimes.com/2016/05/07/pedrafita-do-outeiro-das-capas/

jueves, 14 de noviembre de 2024

 

ANTA-DOLMEN DO GUIDOIRO AREOSO

"La ecología no es sólo una moda. La salvación de la biosfera no es un programa que hay que dejarse para los ingenuos filántropos o los profetas desarmados; podrá ser eficaz -o no serlo- en la medida en que sea un cálculo responsable, nacido del conocimiento científico y la sabiduría política de todos los que participen en el juego".

PAOLO CASINI: "Naturaleza" Editorial Labor, S.A. Barcelona 1977.



Anta-dolmen do Guidoiro Areoso, segundo

versión de Moncho Boga, 2024.


Atópase nunha paraxe marítima espectacular á beira da Illa de Arousa, Illa mítica onde as haia, da que o continente estaba illado, pero ao que se uniu artificialmente na década de 1980 coa construción dunha ponte que rematou con esa separación milenaria en que estaban sumidas as xentes de terra firme.

O Illote do Guidoiro Areoso (ou Ghidoiro ou Xidoiro) atópase a pouco mais dun quilómetro da Illa. O lugar mais cercano é a Punta Quilma, desde onde se poden reservar embarcacións para achegarse a este idílico e cativo promontorio de pouco mais de 600 metros de longo e douscentos no mais ancho. Un pequeno itsmo está a separar pouco a pouco a parte mais rochosa da área dunar: é un indicio claro da subida do nivel das augas do mar e da erosión que ese evento provoca.



Illote Guidoiro Areoso.
Foto: https://historiadegalicia.gal/
.

Non me agradan moito os epítetos con que se ven alcumando este precioso illote desde hai xa algún tempo: illa dos mortos, o caribe galego..., que malia que teñan razón e base suficiente para chegar a estes alcumes, para mín é a illa dos dólmenes, a illa das antas, das cistas, das mámoas: a illa da prehistoria.



A Illa de Arousa. Abaixo, o Illote do Guidoiro.
Fotografía: https://x.com/SabiasGalicia/status/

Pero non só o Illote: si temos en conta que hai milleiros de anos a Illa de Arousa e os seus satélites illotes estaban unidos a terra firme, como unha especie de barra ou península, probablemente debamos considerar  a Illa e os seus illotes coma un todo. O xacemento de Riasón, diversos descubrimentos, a posible pedrafita de Pedra Quilma (de dubidosa adscrición prehistórica) e a gran cantidade de dólmenes do Illote do Guidoiro, fannos pensar non só que esta bisbarra foi habitada desde datas remotas, senon tamén que o fenómeno megalítico non debe ser únicamente cousa do Illote que nos ocupa.


A Anta nº 4 antes da escavación, despois da construción

do muro de contención, no ano 2011.
Foto: Patrimonio Galego.

Nada menos que cinco antas e catro cistas nun espazo tan reducido..., todo esto permite deducir que a acción do mar deixará á vista novos elementos. Aparecen de vez en cando, ciscallados por aquí e por alá, restos de ósos humanos, de animais, restos de cerámica, de metáis, útiles líticos, etc. 



Mámoa 4 segundo versión de Moncho Boga, 2024

Ata o de agora, absolutamente todos os xacementos megalíticos do Guidoiro sitúanse nunha área intermareal onde a implacable acción do mar vainos deixando ao descuberto e/ou destruindoos directamente; o interior está case completamente ocupado por un complexo dunar. Hai cinco monumentos megalíticos identificados, todos eles na metade sul da illa. En toda a extensión da praia foi aparecendo abondoso material arqueolóxico do Calcolítico, da Idade do Bronce (cerámica e restos de comida), da Idade do Ferro e romano. Seguramente nos vindeiros tempos aparecerán moitos mais restos que os temporais irán descubrindo.



O estado da anta da M4 antes da escavación.
Foto: file:///E:/A%20ILLA/DOLMEN-AREOSO-3.webp

A historia das actuacións arqueolóxicas comenzou a finais dos anos oitenta do século XX, cando o arqueólogo Xosé Manuel Rey levou a cabo actuacións en dúas antas e rexistrou-catalogou a anta número 4, que daquela aínda estaba cuberta con toda a masa tumular. 



Muro de contención, anta e mámoa antes da escavación de 2017.
Fotografía: Xoán Arco da Vella.


No ano 2010, diante do tan repetido avance das mareas, comezáronse unha xeira de intervencións sistemáticas posto que quedou á vista parte da anta nº 4 (antes toalmente cuberta polo túmulo) e destruiuse totalmente a nº 5.  Nestas datas construiuse o muro de contención para protexer a mámoa 4. Unha publicación, do ano 2012, asinada por Xosé Manuel Rey García e de  Xosé L. Vilaseco, estúda as cinco mámoas do illote, dando conta das súas caracteristicas, dos materiais atopados ata entón e do grao en que estaban e están sendo afectadas polas mareas. 



Muro de contención e mámoa.
Fot: xoán Arco da Vella.

No ano 2015 levouse a cabo unha intervención arqueolóxica, sondaxes valorativas e labouras de conservación (nos últimoas 25 anos realizáronse catro campañas arqueolóxicas). Como estaba a expor antes, a acción do mar segue deparando novos achádegos (dúas cistas pequenas) e, a Asociación Pendulleiros" (activo colectivo  que entre os seus obxectivos están a preservación de todos os valores da Illa), descubriu restos óseos e alertou sobre a fraxilidade deste cativo territorio insular e da necesidade de protección, tanto da acción natural como da acción antrópica. 

Outro feito importante que se debe subliñar, é que debido á súa ubicación insular, só se pode acceder en lancha, feito que probablemente posibilitou que estas mámoas non fosen expoliadas en datas históricas, o que fai que sexa un dos xacementos megalíticos mais importantes de Galicia.



A Anta nº 4 antes da escavación arqueolóxica.
co muro de proteción de 2011.
Foto: https://lamagiadelaspiedras.blogspot.com/2013/08/guidoiro-areoso-pontevedra.html


Durante a escavación sistemática da mámoa nº 4, que se iniciou no ano 2017, contabilizáronse cinco mámoas (unha delas desaparecida pola acción do mar) e atopáronse restos de diversas épocas. A mámoa nº 5 era un túmulo duns nove metros de diámetro recuberto con coiraza pétrea e a súa estrutura arquitectónica compoñíase con seis esteos, feito que tamén a singulariza con respecto ao resto do megalitismo galego, que adoita posuir entre 5 e 7.



Foto aérea da M4 durante a intervención arqueolóxica.
Fotografía:  https://guidoirodixital.wordpress.com/: .


A mámoa nº 4, catalogada nos anos oitenta, conservaba toda a súa estrutura tumular, enteira, e puidose documentar unha parte da coiraza que a estaba a recubrir. Foi no ano 2011 cando se comprobou que a acción marítima estaba a destruir  boa parte da mámoa que ata entón estaba completa: esta acción provocou un corte transversal no perfil do norte, o que deixou á vista a anta que hoxe podemos contemplar escavada, consolidada e reconstruida. 



Foto da escavación extraida da publicación "Lo que nos
cuenta la marea" (Ver bibliografía)

A análise da estrutura que quedou á vista foi o seguinte:  a planta da cámara megalítica semellaba alongada, tendendo ao rectángulo e mide dous metros e sesenta centímetros  de longo por un metro e cincoenta centímetros de alto; o largo non se coñecía porque estaba acochado no interior mámoa. Esta, pequena, acadaba uns dez metros de diámetro por un metro e vinte centímetros de altura: probablemente a cámara afroraría en altura. A composición da mámoa era de terra negra recuberta por unha coiraza de pedras de granito. Foi así, diante destas conclusións, e logo da análise correspondente, que  o Servizo Provincial de Costas de Pontevedra do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, acometeu as obras de construción dun gran muro de contención para protexer a anta da acción das mareas.



Foto da escavación extraida da publicación "Lo que nos
cuenta la marea" (Ver bibliografía)

E chegammos ás escavacións do ano 2017. Unha vez rematada esa escavación comprobouse que a cámara megalítica estaba conformada por oito esteos de granito, cun espazo interior de dous metros e vintecinco centímetros por dous metros con 60 centímetros. Debuxa unha planta lixeiramente alongada e aberta ao leste-suleste. Un par de lousas, nesa mesma orientación, delimitan o corredor dun só tramo, que non supera o metro de anchura. A cámara estaba cuberta por unha tampa, aínda que unha soa lousa estaba en posición similar á orixinal. Segundo as evidencias, outra lousa cubriría o corredor, e dúas lousas a cámara.


Fotografía José Blanco do Colectivo A Rula.
Extraída do blog megaliticia.

O feito de que non fose expoliada en datas históricas posibilitou o achado de significativos restos arqueolóxicos in situ: pezas líticas, machados, esferas de granito, esferas circulares de xisto..., en total case 3000 fragmentos cerámicos, ao redor de 650 líticos e 7 pezas metálicas. Por iso o interior da cámara é de extraordinario valor debido a que poucas veces en Galicia foi posible realizar unha escavación arqueolóxica nun xacemento non alterado desde épocas prehistóricas. Neses estratos arqueolóxicos sen alterar atopáronse obxectos en posición primaria e dicir, na mesma posición e colocación na que foron postas aí, destacando, como dicía, varias machadas de pedra e algunha cerámica, coma unha cunca enteira completamente decorada. A todo isto hai que engadir mais de 70 mostras, malacofauna, carbóns...



Fotografía de: https://historiadegalicia.gal/.

Especialmente salientable foi a aparición dun cuncheiro na marxe surleste, na zona do corredor de acceso. Este cuncheiro probablemente foi formado durante a Idade do Bronce. Grandes bloques graníticos e alongados desprazados á esquerda da entrada da cámara indican que posiblemente nesas datas prodúxose o primeiro expolio: alterouse parte da estrutura central e da coiraza, descolocando todas as grandes pedras, algunhas do sistema de peche da cámara. Neste cuncheiro apareceron sobre todo restos de lapas, mexilóns e ostras. Tamén restos de dourada e farro, ósos de gando vacún, de ovella e de cabra. Así mesmo a prospección sistemática do illote permiiu rexistrar tres novas cistas (escaváronse dúas), unha mandíbula humana e unha fíbula: a mandíbula é o único resto humano da Idade do Ferro achado en Galicia. 



Fotografía da páxina: https://guidoirodixital.wordpress.com/.

Outro dos aspectos que se estudou durante a escavación foi a orientación da cámara. En xeral, en Galicia a orientación sempre é ao surleste, orientación que adoita coincidir coa saída do sol nos meses do outono-inverno, momento nos que as raiolas do noso astro iluminarían a maior superficie do interior da cámara. Sen embargo, a orientación da M4 é leste-surleste: non está precisamente orientada ao solsticio de inverno, senón a uns meses antes e despois desas datas. Polo tanto a súa orientación é singular posto que a iluminación do interior non está centrada no solsticio do inverno como é habitual nas cámaras megalíticas galegas.



Fotografía do blog Galicia Máxica.

A empresa TOMOS, S.L. foi a encargada da escavación, consolidación e restauración da Anta da Mámoa nº 4 do Guidoiro, traballos que combinaron coa colaboración de diversos expertos nas mais diversas disciplinas, o que converteu a escavación nun auténtico traballo interdisciplinar: edafólogos e xeomorfólogos (Ramón Blanco e Manuela Costa), especialistas en metalurxia (Beatriz Comendador), bioloxía (Teresa Rivas), canteiros, zooarqueoloxía (Carlos Fernández), xeocronoloxía (Elías López e Jorge Sanjurjo), fotogrametría Dixital Xeorreferenciada, especialistas en pintura parietal (Fernando Carrera), arqueosatronomía (César González-García). A directora da escavación foi a arqueóloga Patricia Mañana Borrazás.



Foto José Blanco-Colectivo a Rula. Extraído do blog megaliticia.

Para rematar, vou a introducir unha sempre interesante e produtiva consideración toponímica resumida dos estupendos estudos de Dolores González de la Peña. Segundo argumenta no seu blogue arqueotoponimia, a etimoloxía de Moralejo Laso da forma Guidoiros (Ghidoiros, con gheada), se explica polo gótico "wida: guía". Desde esta posición explicativa, serían ou servirían de auténticos faros, guías ou  guidoiros e dicir, referencias de navegación para ubicar elementos de singular importancia. Sen embargo,  Dolores inclínase por un caso de castelanización, sendo Xidoiro  o topónimo orixinario, talvez do latín "adjutorium" (protección, amparo, auxilio).  Por iso vencella o topónimo coa necrópole: atopa o étimo galaico-romano  "sciterium" ou "scitorium" que procede do latino "asciterium", homólogo de "monasterium", término que en moitos lugares da Europa Atlántica  se asocia con megalitos, se aplica aos lugares con antas. Serían, os dólmenes, considerados monasterios ou asciterios, templos pequenos, lugares de contemplación habitados por ascetas.



Mámoa 4 despois da escavación e reconstrución.
Debuxo versión de Moncho Boga, 2024.

Un dos aspectos mais interesantes e posiblemente fructíferos do equipo que acometeu a intervención arqueolóxica no Guidoiro, atañe á vulnerabilidade dos xacementos costeiros diante do cambio climático, sobre todo con respecto ao nivel do mar: estes efectos están sendo dramáticos, senon desastrosos, no Guidoiro Areoso. A diagnose do equipo de investigación corrobora e asegura que a erosión continuará nos vindeiros anos, especialmente baixo as condicións de ascenso actual do nivel do mar que afectará lamentablemente ao rexistro arqueolóxico do illote.



A  M4 na hoxe en día.
Foto: file:///E:/A%20ILLA/Outros/PHOTO-2022-08-09-14-13-01-scaled.jpg.webp

O patrimonio cultural e natural do  Illote do Guidoiro e/ou Xidoiro, así como todo o patrimonio da Illa de Arousa, debe ser estrictamente protexido, respetado e preservado, posto que non só é un singular espazo, senon que tamén é perigosamente vulnerable.


En Sigrás, no mes do magosto e do San Martiño de 2024.
Saúde, sorte e libros!!!!


PÓDESE VISITAR ALGO MELLOR QUE A ILLA?

A Illa de Arousa (A Illa) é un concello ao que sempre hai que voltar: non ten nada sobresaínte e, sen embargo, todo é sobresaínte: é un TODO HARMÓNICO. Calquera rúa, calquera recuncho, cabo, golfo, reviravolta, praia, cala ou monte, ofrecen unhas estampas panorámicas difíciles de superar. O seu illamento milenario fixo que estas xentes e estas paisaxes adquirisen unha forte concencia de seu, unha forte raigame e unha sabiduría propia das xentes con identidade propia. 


ONDE MIRAR E APRENDER MAIS

Patricia Mañana-Borrazás, Ramón blanco-Chao, Mª José Bóveda Frenández, Daniel Cajade-Pascual, Manuela Costa-Casais, Alejandro Güimil-Fariña, Elías López-Romero, Santiago Vázquez Collazo e Xosé L. Vilaseco-Vázquez: "Lo que nos cuenta la marea. Prehistoria en el islote de Guidoiro Areoso (A Illa de Arousa, Galicia) a la luz de las últimas intervenciones" 2020. En "Actualidad de la Investigación Arqueológica en España I. (2018-2019)" Conferencias impartidas en el Museo Arqueológico Nacional. (PDF)

María Guadalupe Castro González: "La cerámica del Bronce Antiguo en la Mámoa 4 de Guidoiro Areoso (A Illa de Arousa, Pontevedra). 2020 (PDF).

"Arqueoloxía/Informes". Xunta de Galicia, 1991, 1995.

Elías López-Romero, María Pilar Prieto Martínez, Alejandro Guimil-Fariña, José M. Rey García, Patricia Mañana-Borrazás, X. Ignacio Vilaseco Vázquez, Carlos Otero Vilariña:  "Ocupación humana y monumentalidad durante la Prehistoria Reciente en el islote de Guidoiro Areoso (Ría de Arousa, Pontevedra): investigaciones en el marco de las dinámicas litorales atlánticas actuales".  Na Revista Trabajos de Prehistoria. CSIC,  2015.

https://guidoirodixital.wordpress.com/los-yacimientos-arqueologicos/

http://apedradoencanto.blogspot.com, de Beatriz Comendador Rey.

https://www.manuelgago.org/blog/2012/01/14/unha-viaxe-a-illa-dos-mortos/

https://arqueotoponimia.blogspot.com/2013/02/xidoiros.html?m=1

https://www.raidoviajeros.com/visitar-la-isla-de-areoso/

https://www.isloteareoso.com/tesoros-ocultos-del-islote-de-areoso/

https://www.nobbot.com/entrevista-arqueologa-patricia-manana/

http://patrimoniogalego.net/index.php/78211/2015/09/ghidoiro-areoso/

https://megaliticia.blogspot.com/2015/11/dolmenes-guidoiro-areoso.html

https://historiadegalicia.gal/2019/02/xa-podes-conecer-todos-os-segredos-dos-dolmenes-na-conecida-como-illa-dos-mortos-na-ria-de-arousa/

https://gazeta.gal/web/a-illa-guidoiro-areoso-a-illa-das-mamoas-parte-2-ria-arousa-pontevedra/

https://estonoesloquepareze.com/visitar-islote-areoso-ria-arousa/

https://lamagiadelaspiedras.blogspot.com/2013/08/guidoiro-areoso-pontevedra.html

http://www.xoanarcodavella.com/2012/10/mamoa-do-guidoiro.html

https://x.com/SabiasGalicia/status/1575206289092886545
    
https://www.bing.com/images/search?

view=detailV2&ccid=CB8%2Bhc39&id=7E8836CAEB49B0EF27988B87D4223AF79E847E36&thid=OIP.CB8-

 hc39tUUsECBVgVKJSwHaFz&mediaurl=https%3A%2F%2Fpbs.twimg.com%2Fmedia%2FFdxBxFOX0AAoHC5.jpg&exph=533&expw=680&q=Fotos+a%C3%A9reas+do+Guidoiro+Areoso&simid=6080167

                               



viernes, 1 de noviembre de 2024

PEDRAFITA- ESTATUA-MENHIR DO REBORDIÑO. San Pedro do Castro de Laza. Verín

PEDRAFITA-ESTATUA-MENHIR DO REBORDIÑO



"Y tú que deseas representar por medio de palabras la forma del hombre y todos los aspectos de su membrificación, renuncia a esa idea. Porque cuanto más minuciosamente describas, más limitarás la mente del lector, y más lo mantendrás alejado del conocimiento de lo descrito. Y entonces es necesario dibujar y describir".

Leonardo da Vinci



Pedrafita estátua-menhir do Rebordiño.
Debuxo de Moncho boga, 2024.

Atópase convintemente escondida, agazapada, no Lugar de Soutelo Verde, na parroquia de San Pedro do Castro, pertencente ao Concello de Laza.

No ano 2015 publicábase, en distintos xornais, a nova  do descubrimento-achádego, sorprendente por inesperado, dunha posible estatua-menhir no devandito Concello. Efectivamente, un extraordinario descubrimento feito por un tamén extraordinario e incansable investigador  da nosa terra en xeral, e das impresionantes terras de Verín-Monterrei en particular a saber,  Bruno Rúa. Relatábase nas novas xornalísticas que este inconmensurable e apaixoado investigador  atopou un enorme esteo chantado no mais profundo (é un decir) da selva galega, no medio dun monte de toxos, dunha espesa toxeira, de aí o seu case inexpugnable escondite de milenios.

Esta gran pedrafita está así chantada, impertérrita, allea aos difíciles tempos nos que nos tocou vivir, nun recóndito paraxe de Soutelo Verde, nos arredores aledaños do Castro dos Mouros: dous fermosos topónimos para este insospeitado achádego que, sen lugar a dúbida, pasará a formar parte do catálogo das nosas pedrafitas, con personalidade de seu.



Pedrafita estátua-menhir do Rebordiño.
Fotografía: Bruno Rúa

As características físicas, formais, da pedrafita estatua-menhir, apuntan á súa fasquía sospeitosamente antropomorfa: unha protuberancia na parte superior a xeito de cabeza, e un intento apenas insinuado (a un terzo de altura aproximadamente) de representación dos brazos: dúas escotaduras intentan definir as extremidades superiores, pegadas ao corpo. Acada mais de dous metros de altura, setenta centímetros de ancho, e o perímetro máximo sobrepasa o metro. Trátase, polo tanto, dunha das estatuas-menhires mais grandes de Galicia.

Segundo Bruno Rúa, é interesante, e cando menos curioso, que a pedrafita se asente nunha zona xistosa e abondosa en seixo, sendo a pedrafita  de granito tipo ollo de sapo. É así que, con casi total seguridade,  foi trasladada desde as abas occidentais da Serra de Meda, a mais dun quilómetro en liña recta, que é o lugar de onde prodedería este granito de grao medio groso do que está feita a nosa pedrafita.

Curiosamente non se trata dun marco reutilizado, non separa lugares nin parroquias nin coutos, como ten pasado na maioría dos casos de pedrafitas reutilizadas,  grazas ao que se conservaron ata hoxe. Esa, se cadra,  é a razón que pode explicar a falta de memoria por parte da veciñanza. Probablemente a inaccesibilidade do lugar contribuiu a que permanecese ergueita e incólume durante milenios: moitas das que están aparecendo nesta comarca, e en outras moitas de Galiza, aparecen enterradas, tiradas, fóra do seu lugar orixinal.



Pedrafita estátua-menhir do Rebordiño.
Fotografía: Bruno Rúa

A proximidade do Castro dos Mouros (a uns cen metros) podería poñer en relación a estatua co mundo celta, circunstancia que ocorre noutros moitos lugares, pero que é un feito aínda non ben estudado, descoñecido polo momento. A falta doutros datos, cabe subliñar que as investigacións por estes inhóspitos recunchos da xeografía galega, permitíronlle a Bruno Rúa contabilizar mais dunha centena de petróglifos, acontecemento de especial relevancia si adscribimos, cronoculturalmente, a estatua-menhir á Idade do Bronce.

Como sempre, o contexto é determinante, ou polo menos pódenos dar pistas ao redor da pedrafita, non só o contexto arqueolóxico, senon  tamén o etnogŕafico. Efectivamente, Bruno Rúa recolleu unha cantas lendas sobre os "mouros", os nosos lexendarios "elfos". Onde hai mouros, sempre hai algo sustancial que contar: os mouros, seres máxico-míticos aportan contundentes relatos acerca das nosas atávicas costumes, da nosa diferente e propia idiosincrasia. 

Relata Bruno Rúa que unha veciña de Soutelo (que no ano 2015 acadaba a idade de 93 anos) contoulle que á beira da pedrafita abríase o chamado Pozo da Moura, un pozo que sempre estaba cheo de auga. Cando as mociñas ían coas vacas aos prados da Escaeira, unha Moura teimaba peitealas ao carón do Pozo. Ademais, como dicía antes, moi preto, casi ao carón,  ábrese o gran foxo do Castro dos Mouros, que foi feito por culpa dunha guerra moi antiga, de fai mais de mil anos, segundo o verídico relato da anciá.


Pedrafita estátua-menhir do Rebordiño.
Fotografía: Bruno Rúa

A todo isto, Rúa engade o relato dun vello pastor de Carraxo que lle contou que a  pedrafita, a pedra, era un home que se arriscou a sustraer a Trabe de Ouro que suxeita a bóveda que hai debaixo do Castro dos Mouros, e que o Rei Mouro o converteu, ante a gravidade do intento e polo tamaño desmán e descarada ousadía, en pedra, na pedrafita do Rebordiño.

Como sempre, estamos diante dun achádego polo cual nos indican que hai que ser cautos, suspender o xuizo... Pois ben, baixo a miña consideración, primeiro hai que protexer o achádego, catalogalo, defendelo e, a continuación, xa se procederá á cuestión da súa adscrición crono-cultural. Estamos en momentos en que hai que deixar atrás a mirada que nunca foi, a mirada que nunca mirou, esa é hoxe, ou debe ser, unha mirada atenta, avezada; unha mirada que posibilita que aparezan pedras chantadas ás que nunca antes se lles fixera caso, elementos que talvez non son megalíticos, pero que pola súa especial disposición merecen polo menos a protección das pezas etnográficas. Non podemos negar a realidade cada vez mais abondosa destes fitos vencellados a lendas, a castros, a mámoas, a camiños prehistóricos, a ermidas, a petróglifos  a lindes territoriais... Son monumentos na paisaxe que xa nunca mais pasarán indadvertidos, ignorados, vapuleados. Si non son pedrafitas megalíticas ou da Idade do Bronce ou castrexas, son polo menos esteos chantados pola man do home, claramente artificiais, e postos neses especiais lugares por algunha ignota razón que talvez nunca poderemos chegar a coñecer, pero si polo menos interpretar, admirar e contemplar.


ALGO QUE VER EN LAZA, A MAIORES

Desde logo, teño que comezar polo Entroido de Laza, probablemente un dos mais antigos de Galiza e de mais sona. O sinal de saída, o comenzo, é o día primeiro do ano, cando soan por vez primeira os cintos dos "chocos". Merece a pena baixo todos os puntos de vista.


Mirador de O Corno do Toro.
Foto: galiciamaxica.

Polo término municipal, si hai algo que destacar (que é moito, bo e bonito), recomendo a Igrexa de Santa María de Retorta, a Estación de Arte Rupestre das Pisadiñas e o Mirador de O Corno do Toro.



Estación de Arte Rupestre das Pisadiñas.
Foto: La Región.


Laza e a Terra de Verín-Monterrei non merecen só unha visita, senon moitas: sempre haberá algo que admirar, sempre haberá algo co que soñar.


Igrexa románico-gótica de Santa María de Retorta.
Foto: galiciamaxica


En Sigrás, o día dos mortos, das castañas, das cabazas...
Saúde, sorte e libros!!!!


ENLACES PARA SABER UN PETISCO MAIS

http://patrimoniogalego.net/index.php/73446/2015/04/pedrafita-de-rebordino/

http://patrimoniogalego.net/index.php/73446/

http://patrimoniogalego.net/index.php/73446/2015/04/pedrafita-de-rebordino/

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/laza/2015/04/11/descubren-estatua-menhir-4000-anos-monte-laza/0003_201504O11C8991.htm

siotuga.xunta.gal/siotuga/documentos/urbanismo/LAZA/documents/26331CA013.PDF

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/estatuas-pedrafitas.html

https://terraeantiqvae.com/m/group/discussion?id=2043782%3ATopic%3A347755

https://gl.wikipedia.org/wiki/Pedrafita_de_Rebordi%C3%B1o

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/estatuas-pedrafitas.html

http://www.laza.es/images/contidoEstatico/turismo/DIPTICO-PISADINAS-2020(1).pdf

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/ourense/comarca-de-verin/laza/mirador-de-o-corno-en-toro/

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/ourense/iglesia-de-santa-maria-de-retorta/

https://www.laregion.es/articulo/monterrei/pisadinas/202103121028491012576.html


lunes, 28 de octubre de 2024

PEDRAFITA-MENHIR ENTRE NARLA E TRASMONTE. FRIOL

 

PEDRAFITA-MENHIR ENTRE NARLA E TRASMONTE

SOSPEITOSOS HABITUAIS V

"Este texto de Borges me ha hecho reír durante mucho tiempo, no sin un malestar cierto y difícil de vencer. Quizá porque entre sus surcos nació la sospecha de que hay un desorden peor que el de lo incongruente y el acercamiento de lo que no se conviene; sería el desorden que hace centellear los fragmentos de un gran número de posibles órdenes en la dimensión, sin ley ni geometría, de lo heteróclito; y es necesario entender este término lo más cerca de su etimología: las cosas están ahí "acostadas", "puestas", "dispuestas" en sitios a tal punto diferentes que es imposible encontrarles un lugar de acogimiento, definir más allá de unas y de otras un lugar común".

Michel Foucault: "Las palabras y las cosas" . Siglo XXI editores, 1984.




Debuxo idealizado da Pedrafita por Moncho Boga. 2024.

Volvo unha vez mais, como case sempre nos últimos tempos, a mergullarme sen baLón de osíxeno polas intransitables  veredas de internet. Un mundo, un universo que semella que todo o vai engullir. Con imaxes, con fotografías, con textos espúreos: xa non estamos con aquelas fotografías que representaban o mundo, "as imaxes do mundo", senon que nos vemos envoltos nun "mundo de imaxes" no que case todo vale.

E volvo con outra sospeitosa, unha mais que sopeitosa habitual, unha posible e necesaria pedrafita no corazón das terras luguesas, en Friol. Esta vez, unha vez mais, vou á Terra de Lugo, a un lugar  ao que  lle teño especial querencia: o femoso e inefable Concello de Friol ao que, por tantos e diferentes derroteiros, retorno tanto física como internautamente.



Pedrafita-menhir entre Narla e Trasmonte.
Fotografía de Xabier Moure.


E esta vez volto da man dun compañeiro de inquedanzas arqueolóxicas, o gran Xabier Moure, incansable investigador e trotamundos por terras de Lugo, pero tamén por toda Galicia. Xabier está continuamente no candeleiro, sempre atopa algún elemento indiscutible e sempre atina nas súas sabias interpretacións. E contribúe á protección do noso patrimonio con contiunas denuncias pertinentes diante das autoridades competentes.

Nos últimos anos, nas derradeiras décadas, Xabier Moure tamén contribuíu de xeito alucinante ao incremento e por ende ao coñecemento dos recursos arqueolóxicos por estas terras, neste caso unha sospeitosa pedrafita situada estra as parroquias de Narla e Trasmonte: foi en xullo de 2018 cando, despois de recibir un aviso sustancial, achegouse  ata Friol para contemplar in situ a existencia de outra posible pedrafita.

Así as cousas, xunto a Brais Romero, examinaron os restos dun gran monolito asentado entre os montes de Parada (Trasmonte) e da Pedra do Couto (Narla) que está a seguir a cumplir a misión de marco de termo entre ambas as dúas parroquias.



Os dous anacos da Pedrafita-menhir.
Fotografía de Xabier Moure.


O fenomenal esteo, achaparrado, mide pouco mais dun metro de latura, metro e medio de longo e sesenta e cinco centímetro de ancho. Nunha das caras da posible pedrafita Moure chegou a contar mais de trinta cazoliñas de distintas medidas. Aos seus pés aparece outra gran pedra que funciona como calzo, como suxeción. 

Non só esto: á beira deste esteo, aparece outro que semella encaixar á perfección enriba do anterior, como si fose esnaquizado pola metade.  Este outro esteo, a posible metade,  mide noventa centímetros de altura. Como é obvio si lle sumanos as medidas do anterior para altura, acadaría uns dous metros.

Esta sospeitosa pedrafita atópase no contexto dunha gran necrópole megalítica a saber, a da Pedra do Couto e a da Purreira. E por supoñer, supoñemos que tamén por estes lares serpenteará algunha ruta de tránsito, algún camiño...

Para rematar xa temos considerado noutros apuntamentos que moitos dos marcos de termo medievais, que aínda se erixen por Galicia adiante, non son mais que pedrafitas reaproveitadas, como pode ser tamén este singular caso. 

E así as pedrafitas sospeitosas galegas están aí, acostadas, postas, dispostas..., polo que é necesario definir mais aló dunhas e das outras un lugar común. 

Sendo así as cousas, non podo mais que apostillar que este poderoso esteo pode pasar a formar parte da listaxe de pedratias sospeitosas habituais do universo pedrafiteiro galego.


COORDENADAS: 42º 51´ 57´´ –  7º 10´ 108´´.


En Sigrás, nunha irregular xornada do outono de 2024.

Saúde, sorte, libros e ilusións!!!!


ALGUNHAS OUTRAS COUSAS PARA DISFRUTAR EN FRIOL

Como xa sabedes, Friol e todos os concellos adxacentes, constitúen unha estación megalítica de primeiro orden. Neste blog tedes indicacións dos distintos elementos que se poden visitar do mundo dolménico nesta bisbarra.



Reconstrución dun castro onde se celebran
as principais actividades do FRIULIO.
Foto: es-es.facebook.com/acastronela/photos/

Gustaríame subliñar o gran acontecemento que ten lugar en maio desde hai seis anos e que é obrigatorio visitar e distrutar: o FRIULIO, festa temática adicada ao mundo castrexo e romano, con épicas características  de recreación e marabillosas dúas xornadas onde se amosa o mundo das batallas, da vida cotiá castrexo e romana... Está organizada pola Asociación A Castronela e o Concello de Friol.


BIBLIOGRAFÍA RECOMENDADA

http://www.concellodefriol.es/seccion/14/15/Parroquias.html

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

https://historiadegalicia.gal/2018/07/aparece-outro-posible-mehir-en-friol/

https://es-es.facebook.com/acastronela/photos/

https://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com/search?q=Friol

viernes, 25 de octubre de 2024

PEDRAFITA-MENHIR PENA BOEIRA. Santa Eufemia de Piornedo, Castrelo do Val.

PEDRAFITA-MENHIR PENA BOEIRA

"La tecnología como tal no puede ser separada del empleo que se hace de ella; la sociedad tecnológica es un sistema de dominación que opera ya en el concepto y la construcción de técnicas".


Herbert Marcuse: "El Hombre Unidimensional".



Pedrafita-menhir Pena Boeira, segundo versión
de Moncho Boga, 2024.

Atópase nos arredores do Castro de Pena Boeira, auténtica mole montesía desde a que se contemplan amplos horizontes, e que é visible desde infinitas perspectivas. O lugar onde se encrava a posible pedrafita é Monteveloso, entre Pedra Zancaleóns e a Rega de Veiga. Trátase dunha penechaira  que se asenta moi preto do límite co Concello de Riós. Segundo o gran Alberte Alonso (de onde recollín esta información) moi próximo a este poderoso esteo atópase o nacemento dos regos do Porto e de Portozón. Tamén indicar que na contorna inmediata e mais próxima do monte Pena Boeira, abondan os xacementos arqueolóxicos de diferente adscrición crono-cultural: necrópole megalítica, xacemento castrexo e indicios importantes da presenza romana. Sinala Alberte, co bo criterio que o caracteriza, a probable adscrición desta pedrafita á tipoloxía de observación astronómica. Atópase a uns 950 metros de altitude.



Pedrafita-menhir  Pena Boeira.
Foto: Rafa Quintía.

Coñecín a existencia desta pedrafita a través do blog de Rafa Quintía asombradebouzapanza, que define e describe unha auténtica atalaia, que é o monte da Pena Boeira, como un verdadeiro "niño da águia". Este poderoso monte  álzase contundente e maxestuoso sobre o Val do Támega e a cume está conformada  por unha inmensa formación de seixo: esta característica posibilita que a súa presenza na paisaxe non pase desapercibida. Conta Quintía que aló no mais alto desta gran mole rochosa aséntase a "fortaleza onde viven os mouros", unha fortaleza esquecida.



As escarpadas paredes de Pena Boeira.
Foto: es.wikiloc.com/rutas-senderismo/roteiro-de-pena-boeira-castrelo-do-val


Pois aí, no camiño de acceso, no camiño que leva a esta furibunda fortaleza dos mouros, atópase a posible pedrafita-menhir Pena Boeira. Situación extratéxica de acceso a Galicia, terra de minería desde polo menos os romanos, de camiños  prehistóricos, de vías romanas. Esta situación non é allea ao universo das pedrafitas, algunhas delas vencelladas a xacementos castrexos, feito aínda non bén estudado na bibliografía especializada.

Remexendo por aquí e por acolá con respecto ao significado do Boeira, atopei varias interpretacións: desde lugar de pasto do gando bacún por unha parte; ou aquiles topónimos que engaden a forma "boi", que nomean sitios de grandes formacións rochosas, seguendo a interpretación de "boi" co significado de "pedra", pola outra.


Pena Boeira.
Foto: Rafa Quintía.

Cóntase que no alto de Pena Boeira (no que pode ser un castro ou unha fortaleza altomedieval) viven os mouros, os nosos míticos seres que nos acompañán desde sempre e para sempre, que son parte consustancial e fonda da nosa natureza como pobo ancestral e máxico: os mouros, como excepcionais construtores, teñen túneis que  conducen ata a aldea de Marbán e, ademais, pasan gran parte das xornadas diarias abrillantando as enormes rochas de seixo da súa fortaleza. Deste xeito consiguen que o gran curuto da montaña máxica brille "coma un facho e destacase sobre a xeografía montesía que a circunda", e dicir, as maxestuosas terras de Verín e o Val do Támega.



Pena Boeira.
Foto:  es.wikiloc.com/rutas-senderismo/roteiro-de-pena-boeira-castrelo-do-val


Para rematar, vou deixar unha fermosa lenda recollida do bloque de Quintía que, á súa vez, a recolleu de Bruno Rúa (ver bibliografía). Bruno Rúa, na súa recomendable “Guía arqueolóxica do Alto Támega”, relatou unha lenda que lle escoitou a unha veciña da aldea de Feilas e que, segundo ela, lle acontecera a súa bisavoa:

"A bisavoa desta muller de Feilas tiña un porco que tódalas mañás marchaba cara a fortaleza da Pena Boeira e alí no alto botaba todo o día ata que regresaba a casa polo solpor. O ver a señora que o porco nunca chegaba famento da súa diaria excursión e comprobar que tampouco comía nada na casa pese a estar gordo, forte e fermoso pronto empezou a sospeitar se non lle estarían dando mantenta os mouros que habitan na fortaleza da Pena Boeira. Chegado o tempo da matanza a dona quixo facer do animal o que se fai nestes casos pero seica o porco non quixo acabar feito chourizos e fuxiu para a montaña non volvendo xamais".


COORDENADAS

Lat 41º 59´24,69´´N Lon 7º 21´ 29,96´´ O


QUE PODEMOS VER A MAIORES EN CASTRELO DO VAL?

A indiscutible riqueza natural do Concello individualízase sobre todo na parte norte, coas estribacións da Serra de Queixa e o macizo de Cabeza de Manzaneda, que se van achairando cara ao sur, ao val de Verín. 



Recuncho do Invernadeiro.
Foto: castrelodoval.gal/o-concello/patrimonio-natural


Pero o que marca verdadeiramente a diferenza é o Parque Natural do Invernaderio que forma parte do espazo Serra de Queixa-Montes do Invernadeiro. Conta cunha Aula da Natureza e Sete Rutas marcadas, algunha delas restrinxida ao acceso público.



Vista de Castrelo do Val.
Foto: castrelodoval.gal/o-concello/patrimonio-natural


As parroquias, a etnografía, a estela do Guerreiro de Castrelo do Val (o 16 de outubro de 2012 publiquei unha entrada neste mesmo blogue sobre a estatua-menhir da Pedra Alta), son un conxunto de recursos que se poden tomar coma un harmónico todo onde un ten a posibilidade de afundirse coa natureza e coa arte.



Estela-menhir Pedrra Alta de Castrelo do Val.
Foto: castrelodoval.gal/o-concello/patrimonio-natural


Entre  eses variados elementos de arquitectura, etnografía, natureza, pobos singulares..., teño que subliñar actividades como a Romaría dos Danzantes de Santa Marta de Fontefría e a Noite do Lume Novo en Servoi (San Xoán).


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!!!



BIBLIOGRAFÍA BÁSICA

Bruno Rúa Martínez: "Guía arqueolóxica do Alto Támega". Verín, 2021.

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/roteiro-de-pena-boeira-castrelo-do-val-157529752/photo-98878315

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-de-observacion-astronomica.html

https://asombradebouzapanda.wordpress.com/?s=Pena+Boeira

https://toponimiaxove.blogspot.com/2013/06/toponimia-do-concello-de-xove.html

https://castrelodoval.gal/o-concello/patrimonio-natural/