mércores, 27 de xuño de 2012

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DA ANTA. Santa María de Erboedo, Laracha


PEDRAFITA-MENHIR MARCO DA ANTA. 

Ubícase nos Montes de Santa Leocadia, no lugar de Loureiro. Para chegar hai que subir por un cortalumes a uns qms despois de pasar o Campo de Golf de Larín en Arteixo.




Fai de marco de término ou divisorio entre os concellos de Arteixo e Laracha, motivo polo que seguramente se conservou ata hoxe. Desde o debuxo que fixo Monteagudo en 1950 ata hoxe, a pedrafita prácticamente non cambiou nada, conservando intacta a súa imaxe.


 

O Marco da Anta acada unha altura de máis de dous metros . Trátase dunha garn pedra coa base tendente ao prisma trinagular pero con forma xeral cóncavo-convexa, en palabra de Monteagudo. Segundo este mesmo autor, o seu aspecto fálico débese a que amosa un sulco preto da punta que é producido a unha veta de cuarzo de catro cms de ancho que se continua cara ao O por un rego de pegadas pouco perceptibles. Aó pé da base consérvanse tres grandes pedras que probablemente servían de calzos para a pedrafita.






Fotografías realizadas no ano 1999 polo autor
.

Na actualidade (xullo de 2025) o acceso é doado, está sinalizado e o Concello de A Laracha mantén en boas condicións tanto os accesos como o lugar de emprazamento da pedrafita. Para ver e estado acutal podesde ollar a entrada do 10 de xaneiro de 2014 titulada "Unha incursión megalítica".

En Sigrás, saúde, sorte e libros

martes, 26 de xuño de 2012

PEDRAFITA-MENHIR DE CASAS VELLAS. Lugar Chan de Currás, Santa María do Campo, Marín.


PEDRAFITA-MENHIR DE CASAS VELLAS. 

Denomínase tamén "A Pedra Fincada" ou "A Pedra Longa".

Hai uns anos Alberte Alonso, apaixoado investigador das pedrafitas galegas, envioume varias fotografías dunha pedrafita que fora escavada e trasladada do seu lugar orixinal en Marín. Chamaba a atención o amigo Alberte contra o abandono e desidia total por parte das autoridades cara a estes senlleiros elementos do noso megalitismo. Tamén me enviaba un serio e riguroso traballo sobre a relación destes elementos megalíticos cos fenómenos metereolóxicos e/ou astronómicos. Por suposto a chamada de Alberte no caeu en saco roto e púxenme rápidamente ao  traballo. Localicei ao escavador, pois antes do traslado (con motivo da realización da nova variante de Marín) a pedrafita fora obxecto dunha escavación arqueolóxica. Así o escavador tivo a xentileza de enviarme un resumo disas escavación do que eu vou facer outro resumo. Desde aquí, grazas ao escavador Miguel Vidal pola súa desinteresada colaboración.



Fotografía de Miguel Vidal


Velaí vai o resumo. Entre xaneiro e febreiro do ano 2003 realízase unha escavación arqueolóxica no denominado menhir de Currás, no Concello de Marín. Ata o momento da escavación dubidábase da súa adscripción ou non como pedrafita, aínda que eran evidentes os gravados da cara do leste e ademáis amosaba unha manifesta actividade antrópica no esteo. Ao final, despois da intervención, a pedrafita foi trasladada e recolocada nas proximidades do seu lugar orixinal, pero fóra do lugar primixenio.



Fotografía de Miguel Vidal


En canto á descrición, trátase dun gran bloque de granito de grano medio-groso de morfoloxía xeneral irregular se ben  ao nivel da base poderíase considerar seccionada na planta, triangular de tendencia convexa e no alzado rectangular con remate lixeiramente apuntado. Ubicábase na parte inferior dunha ladeira de pendente pronunciada e orientada ao S-O.



Fotografía de Miguel Vidal


No sector central da cara do leste hai nove cazoliñas así como outra probable, dispostas seguendo dúas aliñacións paralelas ao eixo maior do soporte. Tamén documentouse na mesma zona a presencia de dúas liñas moi abrasionadas dispostas de xeito lexeiramente oblicua ao soporte. 



Croquis da cazoliñas
de Miguel Vidal


Opina Miguel Vidal, e eu estou completamente de acordo, que non se pode clasificar seguindo a terminoloxía clásica como unha estela antropomorfa, ídolo ovoide, nin ídolo-estela. A terminoloxía máis axeitada, segundo o arqueólogo, sería a clásica de menhir ou incluso de menhir-estela a xulgar pola súa forma estelar e a cara leste decorada. Para Vidal trátase dun exemplo excepcional do megalitismo "non-funerario" do Noroeste.



Fotografía de Miguel Vidal

En canto ás dimensións, acada na cara leste unha lonxitude máxima total de máis de tres metros e pesa unhas tres toneladas e media.

Na escavación arqueolóxica descubriuse un sistema de calzos no interior a xeito de preparación; un bolo granítico que actuaba de plataforma de anclaxe ou zócalo coa superficie de contacto directa co monolito, bastante nivelada. O material exhumado durante a intervención consistiu en 39 rexistros que foron recuperados no contorno do nivel basal da pedrafita.



Fotografía de Miguel Vidal


OS ESTUDOS ARQUEOASTRONÓMICOS DE ALBERTE ALONSO

Alberte Alonso considera esta pedrafita como un "verdadeiro descubrimento para a arqueoloxía galega", afirmando que o uso da pedrafita é astronómico. A clave para esta interpretación, logo de numerosas investigacións experimentais, é a orientación cara ao oeste, tendo como función fundamental sinalar e verificar os desprazamentos do sol para ter un coñecemento exacto da estación climática do ano coa finalidade de realizar as diversas labores do campo, os rituais, etc.



Fotografía de Alberte Alonso.

A outra clave para a súa interpretación son as cazoliñas e as gravuras da pedrafita de Casas Vellas que parecen facer referencia, efectivamente, ao desprazamento do sol desde o quinoccio de primavera ata o de outono, coa particularidade de que engade o paso polo solsticio do verán.

Ademáis, unha fendedura con forma de ángulo agudo na cara do leste, podería server para enfocar en liña recta o solpor dos equinoccios.

Conclúe Alberte Alonso considerando que entre as caras do leste e do oeste aparece un burato duns cinco cms de profundidade no que se pode introducir un obxecto cilíndrico que sinalaría no horizonte o lugar onde morre o sol no solsticio de verán, e dicir, en dirección N-O. 

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

PEDRAFITA-MENHIR A LAPA DE GARGANTÁNS. San Matiño de Gargantáns, Moraña.

PEDRAFITA-MENHIR A LAPA DE GARGANTÁNS. 


Para chegar. Partiremos de Moraña con dirección a Campo Lameiro e, a un quilómetro aproximadamente, debemos coller o desvío que leva ao santuario dos Milagres de Amil. A poucos metros deste desvío xa podemos ver a sinalización deste monumento.



Fotografía do ano 1991, Ramón Boga.


Ata hai pouco tempo a Lapa era considerada pola maior parte dos prehistoriadores galegos como a única pedrafita existente en Galicia, feito que hoxe xa non se pode manter. 

Pénsase que a pedrafita foi trasladada do seu lugar orixinal ata o novo emprazamento posto que a base atópase cortada polo que tamén debía ser máis alta. Atópase nunha zona arqueolóxica con numerosos xacementos prehistóricos. Foi descuberta no ano 1958.



Fotografía do ano 1991. Ramón Boga.


Así, antes de ser cortada acadaba os dous metros e corenta cms de altura e, logo da súa restauración e novo emprazamento, a altura chega a un metro e noventa e dous centímetros.  Posúe forma cónica coa base cadrada e os lados curvos. Todas as superficies das súas caras foron moi traballadas posto que podemos aprecier zonas pulidas, un total de vinte cazoliñas e algunhas ferraduras. 


 
Debuxo versión dos gravados
da Lapa de Gargantáns.


Esta senlleira pedrafita permaneceu tirada no chan ata que os arqueólogos do Museu de Pontevedra restaurarona axeitadamente e voltaron a erguela ao seu presumible estado e lugar orixinal.  Calcúlase que data no neolítico final, aproximadamente entre o 2.500 e o 2.000 a XC. Hoxe en día a Lapa aínda está a servir como lindeiro ou pedra de termo entre dúas parroquias, feito que puido ser decisivo para que chegara ata a actualidade.

Aparece como enseña no escudo municipal do Concello de Moraña.


 Serpentiforme na Lapa de Gargantáns,
segundo Balbín e Bueno 1997


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

domingo, 24 de xuño de 2012

ANTAS-DOLMENES DE MELIDE E TOQUES. Forno dos Mouros, Pena da Moura, Pena do Raposo, Forno de Varela, Antas do Lombao, Necrópole Monte da Arca, Cistas de Agro de Nogueira, Anta de San Cidre.

ANTAS-DÓLMENES DE MELIDE E TOQUES:

1.-ANTA-DOLMEN FORNO DOS MOUROS
2.-PEDRAFITA-MENHIR NATURAL A PENA DA MOURA
3.-ANTA-DOLMEN PENA DO RAPOSO
4.-ANTA-DOLMEN FORNO DE VARELA 1
5.-ANTAS-DÓLMENES DA NECRÓPOLE DO LOMBAO (Anta nº 3 e 4)
6.-ANTA-DOLMEN DA NECRÓPOLE DE PONTE DA PEDRA (Anta nº 3)
7.-ANTA-DOLMEN DA NECRÓPOLE DE MONTE DA ARCA
8.-NECRÓPOLE DE CISTAS DO AGRO DA NOGUEIRA
9.-ANTA-DOLMEN DE SAN CIDRE


ANTA-DOLMEN FORNO DOS MOUROS. A Moruxosa, Toques

Antes de chegar a Toques debemos coller a estrada da esquerda que sinala Sobrado, ata chegar ao alto do Bocelo e, tras pasar Castro de Lobos e a aldea da Moruxosa, despois de catrocentos metros, hai unha pista de terra á dereita: a douscentos metros hai outra pista tamén á dereita desde a que, ata a anta, hai outros catrocentos metros.



Ubícase nunha penichaira no sector setentrional da serra, na divisoria de augas de mesma, nunha zona cha. Está á beira do Camiño Real que percorre a cima da Serra do Bocelo e foi escavado en diversas campañas a aprtir do ano 1987.



Fotografía do ano 1992. Ramón Boga.

A mámoa está constituída por terra de cor pardo negruzco no que se parecian moitas pedras espalladas. Nun dos perfiles superiores dunha cata arqueolóxica atopoue a 65 cms de profundidade, unha estreita capa de terra de cor vermello. As medidas acadan no eixo N-S os 19, 2 m e, no eixo L-O, máis de 22 ms. A morfoloxía xeral da mámoa atópase en bo estado. 



Planta segundo versión de Ramón Boga

No centro da mámoa atópase a anta que describe planta poligonal de grandes dimensións, con corredor de dous tramos. Non se conserva a pedra cobertora do corredor. 



Fotografía do ano 2008.
Ramón Boga.

No interior hai colocado un sistema de entivado e unhas vigas de ferro cara ao exterior que foron colocadas despois das intervencións arqueolóxicas.



Fotografía do ano 2008.
Ramón Boga.

A cámara posúes sete esteos  e o corredor catro. Case todos os esteos do corredor están profusamente decorados: predomina a cor negra e roxa sobre un enlucido branco, formando zigue-zagues e algúns puntos illados. 


Fotografía do ano 2008. Ramón Boga.

O enxoval exhumado nas diversas escavacións axústase ás características xerais dos enxovais galegos, a saber, a pobreza da súa composición, polo que se pode dicir que o que individualiza a este monumento con respecto a outros é o seu tamaño, as pinturas atopadas nos esteos da cámara, o bo estado da estrutura tumular e arquitectónica e o anel peristalítico.









Restos das pinturas nos esteos da cámara
do Forno dos Mouros




Debuxo de Ramón Boga Moscoso


PEDRAFITA-MENHIR "NATURAL" A Pena da Moura

Trátase duns espectáculares penedos tallados de xeito natural pola caprichosa natureza. Son moi interesantes as lendas que chegaron ata nós: por iso considero importante e necesario engadir este elemento á lista de monumentos megalíticos.
 


Pedrafita natural A Pena da Moura. Fotografía do autor, 1990

A Pena da Moura disque trouxoa unha unha vella fiando, pero ao sentir que o peso dos penedos era excesivo, a señora dixo: "vaite pena, que aínda pesas ben, veña un raio que te parte". Iso, por suposto, ocurriu e por iso tamén podemos ver hoxe un anaco do penedo que lle tirou o raio.

Segundo outra lenda, a Pena da Moura foi enfeitizada cunha caldeira de cobre chea de ouro, un adival e un bastón. Enrolaron o adival na caldeira e fixeron tres cruces co bastón dicinco: "o que daquí te desencantare tres paus con este bastón che ha de dare". O adival converteuse nunha terrorífica serpe.


ANTA-DOLMEN PENA DO RAPOSO. Meire, Melide

Para chegar. Debemos coller a estrada de Melide a Lugo e, logo de dous quilómetros, cruzaremos o río Furelos e, inmediatamente á esquerda, hai un desvío que leva a Meire. Cerca de dous quilómetros despois, hai outro desvío tamén á esquerda que acaba nunha granxa de porcos. Ao carón da entrada ubícase a anta.



Fotografía de Cuevillas na década de 1920

Como dicía, está moi cerca da igrexa de San Pedro de Meire. Cuevillas a deu a coñecer con nome de Pena do Raposo, si ben  a zona onde se asenta é coñecido co nome de Pedra do Carbón.




Planta versión de Ramón Boga,  segundo a planta de Cuevillas

Posúe dez esteos dos que oito están in situ e dous caídos no interior da cámara. É unha anta de camara poligonal e corredor pouco desenvolvido, debuxando unha forma xeral en "V".



Fotografía do ano 1991. Ramón Boga.

Atópase en mal estado de conservación posto que as pedras que a conforman hoxe en día están moi remexidas. Dos dez esteos á vista, que son de grandes dimensións, o máis alto mide un metro e corenta centímetros, un metro e oito de ancho e corenta e nove centímetros de grosor.



Fotografía do ano 1991. Moncho Boga

Aínda que na planta debuxada por cuevillas había unha pedra cobertora do corredor, cando eu a visitei non puiden determinar si está ou non, debido sobre todo á moita vexetación que a estaba a cubrir por isa beira.


Enxoval exhumado por Cuevillas









ANTA-DOLMEN FORNO DE VARELA I. Toques

Trátase de dúas mámoas ubicadas no sector central  no Bocelo. P ara chegar debemos partir desde  o lugar do Río de Ameneiros. Unha vez percorridos uns 500 m hai que coller un camiño en dirección NO que leva ao Camiño Real. Seguindo cara á esquerda a uns 130 ms, xa podemos ver inmediatamente os túmulos á beira esquerda do Camiño, nunha zona recentemente  repoboada de piñeiros.



Felipe Criado, 1980

As dimensións da mámoa Forno de Varela I amosa unhas dimensións de 20 ms no eixe N-S e uns 16 ms para o eixo L-O. Sobresae ao redor dun metro e medio. Espalladas pola mámoa afloran algúns bloques de cuarzo que seguramente forman parte da estrutura tumular.



Matilde González, década de 1990


No interior da mámoa aprécianse os restos dunha cámara composta por tres esteos verticais e unha gra pedra cobertora, todas elas de granito.







 Foto de Ramón Boga Moscoso, 2007

Cando visitei esta anta con Fidel Méndez, a mámoa atopábase absolutamente cuberta de poderosos toxos que impedían a súa visibilidade.


 Fotos de Ramón Boga Moscoso,  2007

ANTAS-DOLMENES DA NECRÓPOLE DO LOMBAO. Toques

Os probes restos desta anta atópanse nunha mámoa que se insire nunha necrópole composta de nove mámoas. Atópanse sobre unha aba alta dunha dorsal das estribacións da serra de O Careón, a certa distancia da aldea de Porto Salgueiro: desde este lubar hai un camiño de terra que sube en dirección O. Unha vez percorrido cerca dun quilómetro aparece un cruzamento no que hai que coller o camiño da esquerda, que chega a un pequeno regato. Unha vez vadeado, continuaremos cara ao monte de enfronte, onde se emplaza a necrópole. 


ANTA-DOLMEN nº 3 do Lombao

Aínda que non se conservan cámaras enteiras, en varias das mámoas hai restos das estruturas arquitectónica que se cifran en varios esteos. A sinalada co número 4 insírese nunha mámoa moi pequena que conserva un esteo da cámara megalítica. Mide de ancho uns corenta centímetros e sobre cincuenta centímetros de altura.



Fotografía de Matilde González Méndez

A mámoa é moi pequena amosando as seguintes dimensións: catorce metros e medio no eixo N-S e dazasete metros no L-O. Aproximadamente sobresae uns corenta centímetros.


ANTA-DOLMEN nº 4 do Lombao

A mámoa na que se ubica é tamén de pequenas dimensións e no centro eríxese unha anta moi pequena -como corresponde- conformada por catro esteos.



Fotografía de Matilde González Méndez

ANTA-DOLMEN DA NECRÓPOLE DE PONTE DA PEDRA. 

Trátase dunha necrópole composta por catro mámoas. Para chegar, desde o lugar de Souto (capital municipal) hai que coller a estrada de Melide ata atopar un cruzamento á esquerda sinalizado como "Ponte da Pedra". Seguindo por ese desvía  ata chegar a uns cen metros antes de Ponte da Pedra onde as mámoas atópanse do lado dereito. 


ANTA-DOLMEN DA PONTE DA PEDRA nº 3.

Insírese nunha mámoa de dimensións medianas no que  pódese albiscar un esteo que seguramente pertence á cámara.



Fotografía de Matilde González Méndez
   
ANTA-DOLMEN DA NECRÓPOLE DE MONTE DA ARCA.

Atópase na cima da Serra do Careón, nas terras máis altas. Componse de once mámoas. Para chegar hai que partir desde San Xiao e coller un camiño que leva ao Monte da Arca en dirección NL. As mámoas 1, 2 e 8 amosan restos da cámara megalítica.



Fotografía de Matilde González Méndez
.

 
NECRÓPOLE DE CISTAS DO AGRO DA NOGUEIRA.

Atopouse co galo da escavación dunha villa romana rustica: este asentamento construiuse por enriba dunha necrópole de fosas e cistas adscritas cronolóxicamente á Idade do Bronce.

Para chegar hai que partir do lugar de Piñeiro e atópase moi cerca do Castro de Piñeiro.

Debaixo do nivel romano (villa agropecuaria romana adscrita ao s IV a XC)  apareceu un xacemento da Idade do Bronce do que se constataron ao redor de 11 sepulturas. 

Dentro da variedade de estruturas funerarias destacamos o achado dunha cista sen violar, conformada por cinco esteo que debuxan un espazo poligonal de dimensións moi pequenas, como corresponde á época. No interior atopouse un único elemento do enxoval, a saber, un vaso cerámico liso.



Fotografía de
Matilde González Mendez

ANTA-DOLMEN DE SAN CIDRE. Serra do Careón, Toques.

Trátase dos restos dunha anta descubertos debaixo das ruínas da antiga capela de San Cidre, nos altos da Serra do Careón. Efectivamente, ao estudar os restos da capilla, no que sería a ábsida, atopouse a estrutura case circular dunha anta das que se conservan pequenos esteos que formarían parte da cámara, con tipoloxía poligonal tendente ao círculo. 

Os veciños pretendían reconstruir a capela da que só quedaban os alicerces dos muros e un cruceiro chantado no muro do oeste. Sen embargo as autoridades optaron, esta vez saviamente, por estudar os restos e reconstruir a capela uns metros máis abaixo. Por iso poideronse atopar os restos da anta.

Estamos diante doutro exemplo do que supuxo a cristianización de moitos elementos prehistóricos. Concluir dicindo que aínda non hai ningunha publicación sobre a prospeción destes restos.




En primeiro termo, restos da anta dentro dos muros da ermida primitiva. Ao fondo, a nova ermida de San Cidre. Foto de Ramón Boga, 1997







Fotografías de Moncho Boga, 1997



BIBLIOGRAFÍA

González Méndez, Matilde: "La revalorización del Patrimonio Arqueológico. La definición de un programa para el Ayuntamiento de toques (A Coruña)" Xunta de Galica. Arqueoloxía/Investigación 8, 2000.

Criado, F. (dir.): "Arqueología del Paisaje. El área Bocelo-Furelos entre los tiempos paleolíticos y medievales" Santiago de Compostela, Xunta de Galicia.

López Cuevillas et al.: "Terra de Melide". Santiago, Seminario de Estudios Galegos, Ediciós do Castro.




En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!