ANTA-DOLMEN MÁMOA DO COUSO.
"La filosofía es el arte de descubrir la verdad y trascender los límites de la realidad."
Giovanni Pico Della Mirandola
Debuxo de Moncho Boga, 2024. |
Hai xa algúns anos, curioseando por aquí e por aló, atopei un pequeno artigo de Xabier Moure na páxina web Historia de Galicia. Era, e é, un pequeno artigo informando das súas andanzas co Colectivo Patrimonio dos Ancares, ao xeito dos exploradores do século XIX. Son contínuas as incursións e os descubrimentos de Moure e do Colectivo no mais "profundo" das altas serras galegas e no mais "alto" dos silenciosos vales do país, no mais espectacular da nosa terra: exploradores con causa, defensores e descubridores de novos elementos patrimoniais que pasan a engrosar e incrementar o noso inmenso legado arqueolóxico.
No devandito artigo informaba da nova do descubrimento, no mes de outubro de 2019, dunha mámoa non catalogada e polo tanto inédita (perdoade a obviedade), no Concello de Negueira de Muñiz. A anta atópase, segundo a súas informacións, no Monte do Teso do Espiñeiro, entre os lugares-aldeas de O Foxo e do Vilar. Aséntase a uns seiscentos cincoenta metros de altitude e limita cun camiño primitivo, antiga vía de comunicación entre Vilar e Castelo.
A mámoa acada ao redor dos vinte metros de diámetro e case os dous metros de altura. O lugar do asentamento está completamente cuberto de monte baixo, sobre todo de xestas. A característica mais salientable da mámoa é que no seu interior eríxese unha construcción circular de case dous metros de diámetro e un metro de altura, construida a base de lousas de grandes dimensións.
Segundo Moure, semella que a mámoa foi reutilizada para construir unha especie de chozo, feito pouco común nas mámoas galegas, aínda que non illado. Para o noso amigo, esa estrutura pétrea circular é un antigo chozo onde se recollían os pastores nas longas noites do inverno ou diante de fenómenos atmosféricos adversos, posto que nestas montesías paraxes practicábase a ancestral actividade pecuaria do pastoreo, sobre todo da especie caprina. Apoiase, para fundamentar esta hipótese, na constatación de que o lugar onde se asenta a mámoa denomínase "Couso" que, na zona, fai alusión a un depósito de pedra onde se gardaban os cereais, ou ben a un foxo para cazar alimañas... Por outra banda, tamén se pode identificar cos términos "arca" e "ucha", denominación, como sabemos, que cadra coas antas galegas.
Abundando na boa nova deste descubrimento, a mámoa tamén ten lenda. É unha dos feitos polos que me chamou poderosamente a atención e que define esta mámoa dun xeito cualitativo e cuantitativo. O minucioso traballo de campo de Moure sempre arroxa resultados espectaculares, polo tanto. Parece ser que un veciño informente de Ouviñao, contoulle a existencia da mámoa e tamén, seguindo a ancestral costume dos galegos de contar contos ao calor da lareira, a lenda do Pozo Encantado.
Cando este galego das Terras de Nogueira era un meniño, oiulle a un home de Vilauxín contar que debaixo da mámoa do Couso había un pozo negro, un pozo negro que estaba encantado, que tiña un encantamento. Parece ser, segundo o de Vilauxín, que deste profundo burato saía unha voz que chamaba á xente e aos animais e, cando se achegaban atraidos pola voz, remataban engulidos nas profundidades, desaparecendo para sempre. Por iso os veciños, diante deste tráxico fenómeno, decidiron construir un muro ao redor do pozo para que, incluso oindo a voz, niguén desaparecese dentro do pozo víctima de tan taimada chamada.
CONCELLO DE NEGUEIRA DE MUÑIZ: NON VISITALO É UNHA NEGLIXENCIA
ALGUNHAS POUCAS IMAXES
En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!
ENLACES
https://historiadegalicia.gal/2019/10/a-mamoa-que-engulia-nas-suas-profundidades-aos-que-se-achegaban-a-ela/
https://patrimoniogalego.net/index.php/103287/2019/10/mamoa-do-couso/
https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de.html
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/negueira-de-muniz/2019/10/28/atopan-unha-mamoa-negueira-muniz/00031572262073022407492.htm
https://patrimoniodenegueira.blogspot.com/2013/06/patrimonio-arqueoloxico.html
https://mapcarta.com/es/N10562951057
https://concellodenegueira.es/turismo/rio-navia/
https://concellodenegueira.es/municipio/
https://www.visitarlugo.com/fonsagrada/
Ningún comentario:
Publicar un comentario