martes, 15 de julio de 2014

PEDRAFITAS-MENHIRES DE ANDABAO. Boimorto.

PEDRAFITAS-MENHIRES de Andabao.

Hoxe, pola mañanciña, sobre as 12:30, os meus nenos e mais eu, saimos de Sigrás e collimos con dirección ao Concello de Boimorto. Aproveitando as vacacións estivais, enchimos a bolsa isotérmica con diversas viandas e bebidas, e procedimos a aventurarnos por isas benqueridas terras do interior coruñés. Saimos, pois, ben pertrechados e dispostos a pasar unha perfecta xornada estival nas vagorosas terras do Tambre.

Xantamos precisamente nun couto de pesca, entre as parroquias de Castro e Andabao, entre castiñeiros e carballos centenarios, onde falamos amigablemente cun vello pescador de Carral. A calor era abafante, pero o alagre ton cantarín da auga formando unha pequena presa, contribuiu a que pasaramos un tranquilo e fresco xantar.

Pouco logo, levantamos "o campamento" e dirixímonos ao lugar de Torre, onde se ubica a igrexa parroquial: uns metros máis adiante, nun cruzamento, eríxense as tres pedrafitas, descubertas por min nos primeiros anos da década e 1990. Desde entón pouco cambiaron as cousas.

As tres pedrafitas atópanse fora do seu lugar orixinal. Foron chantadas de novo logo de realizar na bisbarra a concentración parcelaria: apareceron tumbadas e enterradas, e os novos  propietarios decidiron chantalas, erguelas, debido seguramente á súa forma particular, nos arredores das súas fincas. As poucas persoas que puiden entrevistar non recordan nada de "mámoas", "medorras", "medoñas", "mouros" ou "tesouros"... Sen embargo, podemos dicir, sen lugar a dúbida, que a chaira na que se asentan está a cumprir moitos os requisitos para considerala unha "área megalítica".



Chaira onde se asentan as dúas primeiras pedrafitas.
                              Fotografía de Candela Boga Neira.
                              

                                  
                                                          Primeira pedrafita. 
                                              Fotografía de Candela Boga Neira.


As dúas primeiras pedrafitas teñen forma cilíndrica, ancha na base e diminuindo pouco a pouco a medida que se eleva cara á cume. A terceira pedrafita forma unha especie de triángulo por unha das súas caras. A forma xeral das dúas primeiras pedrafitas recorda á das pedrafitas do Alentejo portugués, que foron datadas no mesolítico: caracterízanse (segundo Manuel Calado) por estar moi ben puidas e ter unha forma xeral cilíndrica moito máis estreita na cume. Non adoitan ter tipo algún de gravura e non están asociadas a necrópoles, senón  a poboados mesolíticos.


                                              
                                              Fotografía de Candela Boga Neira


s nosas pedrafitas, moi semellantes a moitas daquila rexión portuguesa, parecen cumprir todas isas características, sobre todo porque non hai pegada algunha de túmulos ou de necrópoles megalíticas. Tampouco amosan tipo algún de gravura ou incisión artificial. Están, eso sí, perfectamente puidas en toda a súa superficie, polo menos as dúas primeiras.

A primeira pedrafita acada os dous metros e vinte centímetros de altura. A anchura máxima, na cara que mira ao norte, é de noventa centímetros; na do sur, entre oitenta e noventa centímetros e, no sueste, arredor de setenta centímetros. 

A segunda pedrafita acada unha altura máxima dun metro e noventa e oito centímetros. A sección na base é tendente a triangular, de xeito que podemos definir tres caras que desaparecen a medida que se vai estreitando. Na cara do noreste mide de ancho uns noventa centímetros; na do oeste, arredor de setenta e, na do norte, un metro e un centímetro.

  
                              Pedrfita segunda. Fotografía de Candela Boga Neira.


                                                        
                                                         Pedrafita segunda. 
                                             Fotografía de Candela Boga Neira.



Fotografía de Moncho Boga.
                                                                

A terceira pedrafita non se pode encadrar en ningunha das tipoloxias que manexamos para as pedrafitas do noroeste peninsular, polo que deixamos o seu estudo para outro momento.

Como conclusión, dicir que mantemos que estas pedrafitas (a primeira e a segunda), e a falta de datos arqueolóxicos, a xeito e hipótese de traballo, ben se poderían encadrar dentro da tipoloxía das pedrafitas que o arqueólogo portugués Calado mantén para moitas das pedrafitas do Alentejo lusitano.


MAIS FOTOGRAFÍAS

Primeira pedrafita:



                              






Segunda pedrafita:






3 comentarios: