sábado, 11 de enero de 2025

ANTA-DOLMEN MINA DE BURÉS. Santa María de Asados, Rianxo.

ANTA-DOLMEN MINA DE BURÉS



"La lectura es una forma de crear mundos, de viajar a través del tiempo y el espacio sin moverse físicamente."

Walter Benjamin: "Terminología filosófica I" Ed. Taurus.



Anta-dolmen Mina de Burés, segundo debuxo de 
Moncho Boga, 2024.


O Burés, Alto de Paradegua, Os Campiños..., sitios máxicos do megalitismo da terra do Barbanza, do megalitismo galego. Rianxo: recordo nítidamente cando iamos cos mapas do Topográfico Nacional, por estradas reviradas, por traxectos sempre por descubrir; recordo nítidamente cando nos primeiros anos da década de 1990 estiven a buscar, infructuosamente, a Anta de Mina de Burés, Cova dos Mouros ou Mámoa do Couto de Burés. A información que levaba era contrastada, a ruta para atopala, tamén. Era unha información tan contrastada que amósovos o plano que debuxei para chegar a ela en base aos mapas do Topográfico Nacional, 1:25000:



Neste mapa podemos apreciar como a ubicación da Anta
coincide perfectamente coas actuais do google maps.
Debuxo de Moncho Boga, 1996.

E sen embargo, non a din atopado. Recordo tamén as antas de Paradegua e as dos Campiños, cubertas de espeso toxo, cubertas de maleza, abandonadas, xa un pouco esnaquizadas. Pero, dicía, non atopei a Anta Mina de Burés. Tampouco, o único veciño que atopei, nunha mañanciña dun día calquera, soubo dicirme nada desta anta que se escondía  preto e terca, insondable,  na espesura densa, aledaña das terras de labranza, preto do lugar de Burés. Talvez non souben plantexar a pregunta correcta... A anta non quixo de ningunha maneira presentarse diante de min, non quixo darse a coñecer, permaneceu oculta aos meus ollos ata hai ben pouco.



Fotografía do blogue megaliticia.blogspot.com

Malia todo iso, deixei unha breve reseña no meu libro, publidado no ano 1997, "Dólmenes de Galicia. Arquitectura das grandes pedras", sabendo que esa anta e a súa mámoa seguía a estar alí, tímida e recollida entre a devandita espesura, a uns poucos centos de metros de Burés. Nesa publicación constataba, de xeito absolutamente impreciso que  para chegar "Hai que coller un camiño de monte á esquerda. 



Foto refoxeiro do blogue miradoirodarevoltinha

A mámoa está ao Sur do Lugar de Burés, nunha paraxe montesía." E continuaba: "Esta mámoa tamén foi escavada e abandonada nas mesmas lamentables condicións que as anteriores (referíame as antas da Necrópole de Bexo): atópase cuberta de buratos que probablemente non fagan mais que afondar na ruína deste fermoso exemplar. No interior acocha unha cámara que seguramente é de planta poligonal e corredor de entrada corto". Páx. 86.



Foto refoxeiro do blogue miradoirodarevoltinha

Efectivamente, sabía que  a mámoa fora sondeada, prospectada, na década de 1970, prospeccións supervisadas por Acuña Castroviejo. Por iso, hai xa algúns anos, tiven a inmensa alegría de atopar na prensa a nova de que uns mozos que percorrían estas antigas veredas, atoparon por sorpresa unha "inmensa mámoa" cuxo interior acubillaba unha anta formada por sete esteos de mais de dous metros de altura cada un.



Foto de Refoxeiro no blogue miradoirodarevoltinha

Eran tres rapaces que pensaron que estaban diante dun novo achado; tres mozos que inmediatamente se puxeron en contacto co inmenso divulgador da Cultura Galega, Manuel Gago. O amigo Gago rapidamente comunicou o feito á Xunta de Galicia, posto que o fenomenal monumento redescuberto nin estaba catalogado nin figuraba no Plan Xeral do Concello de Rianxo. 



Fotografía do blogue megaliticia.blogspot.com

Os acontecementos fóronse precipitando. Os técnicos da Xunta corroboraron o excepcional estado de conservación da anta e tamén incidiron nas novas das que eu sempre dispuxen: que a mámoa era coñecida nos círculos especializados, que aparecía nalgunhas publicacións, que inexplicablemente non fora catalogada e que, como dicía mais enriba, xa fora obxecto dalgunha prospección na década de 1970, ao igual que algunhas antas da Necrópole de Bexo, nos cercanos montes de Paradegua.

Todo isto aconteceu no ano 2015. Cando se falaba de descubrimento, ou de redescubrimento, falamos cara a fora, por así dicilo: os veciños de Burés, por suposto, sempre coñeceron a súa existencia.



Fotografía do blogue megaliticia.blogspot.com

Estrutural e formalmente, o monumento conserva boa parte da súa estrutura tumular ou mámoa, de xeito que se pode colexir o seu sorprendente bo estado de conservación. Desenvólvese, arquitectónicamente, como unha cámara megalítica de planta poligonal e corredor presumiblemente curto. Estalle a faltar a pedra cobertora e os esteos que conforman a camara atópanse perfectamente imbricados. Aínda que era, insisto, unha anta coñecida, foi considerado como un novo descubrimento.

En Sigrás, paponeando entre antas, 2025.
Súde, sorte e libros!!!


PARA SABER ALGUNHAS COUSAS MAIS

Ramón Boga Moscoso: "Dólmenes de Galicia. Arquitectura das Grandes Pedras". Ed. Baía, A Coruña 1977.

http://patrimoniogalego.net/index.php/80507/2015/12/mamoa-do-couto-de-bures/

https://megaliticia.blogspot.com/2015/10/mina-de-bures.html


No hay comentarios:

Publicar un comentario