martes, 16 de decembro de 2025

PEDRAFITA-MENHIR A4 DA BAIXADA DE XAN XOSÉ. San Salvador de Cabreiroá, Verín.

PEDRAFITA-MENHIR A4

4. RUTA DAS PEDRAFITAS-MENHIRES DA BAIXADA DE SAN XOSÉ.

"Es mejor cojear por el camino que avanzar a grandes pasos fuera de él. Pues quien cojea en el camino, aunque avance poco, se acerca a la meta, mientras que quien va fuera de él, cuanto más corre, más se aleja."

Agustín de Hipona

Debuxo de Moncho Boga, 2024.

Si fixésemos a ruta físicamente, agora mesmo estaríamos exhaustos, maiados, cansos; o percorrido lévanos por lugares tan fermosos como inhóspitos e ademais imaxino que eu quedaría na metade da costa, na metade do bo desnivel que hai que salvar.

Debuxo de Moncho Boga, Sigrás 2025.

Sen embargo, seguimos adiante, incansables, admirando e intentando comprender como uns homes de hai milenios, sen a tecnoloxía que nós pensamos axeitada, poideron erixir estes colosais monumentos. O Camiño da Baixada de San Xosé segue sepenteando rodeado de rochas parlanchinas, de rochas labradas, de rochas escritas nunha linguaxe que non somos quen de interpretar: son glifos, siños marcados na pedra, son petróglifos.

Fotografía de Bruno Rúa.

E por fin chegamos case a metade do percorrido, á pedrafita signada por Rafa Castro co número catro. Neste punto teño que facer unha pequena consideración. Na páxina web patrimoniogalego.net aparecen varias entradas do gran investigador, tremendo coñecedor e escudriñador das cousas das Terras de Verín-Monterrei, Bruno Rua, na que cataloga esta pedrafita como un panel de petróglifos, sinalándoo co número 6 da estación de As Quintas. Malia iso engade que este gran esteo, gravado con sete cazoliñas, puido ser un monolito. As medidas que aporta son as seguintes: dous metros e medio de lonxitude e un metro de ancho, localizado a carón do camiño vello de As Quintas.

Croquis de Bruno Rúa.

Para Rafa Castro e para min trátase dunha auténtica pedrafita, cuberta de coviñas na parte á vista: sen dúbida estamos diante dunha pedrafita feita para estar en posición vertical, de feitura artificial, como un fito demarcacor dunha ruta sacra, dunha ruta mítica que funcionou como referente visual polo menos desde o neolítico. Bruno Rua, na páxina web sinalada mais enriba, cataloga once paneis con petróglifos que non sei si se atopan á beira da Baixada de San Xosé. Os petróglifos catalogados son na meirande parte de cazoliñas.

Fotografía de Rafa Castro.

Estamos no lugar de As Quintas, en pleno Camiño da Baixada de San Xosé, no tramo da Veiga de Meás en Cabreiroá, si non o dixen antes. Camiños vellos, corredoiras, corgas, antigos, cincelados polo paso dos tempos e das xentes, camiños que unen lugares, persoas e ideas, sitios tan imaxinarios como reais, lugares onde habitan os monstros e tamén as divinidades ancestrais: son auténticas vías sacras, vías que levan ao lugar onde ten o asento a divinidade, malia que hoxe só perviva o Demo.

Foto extraída de wilkiloc: https://ca.wikiloc.com/rutes-senderisme 

Distintas funcións pero referentes desde sempre: é posible rastrexar nesta área unha secuencia ocupacional desde o neolítico ata a Idade Media.

Segundo a súa función, Alberte Alonso encadra esta pedrafita no epígrafe "pedrafitas on outras funcións", para diferencialas das que teñen función astronómica, das que son estatuas ou estelas-menhires, fálicas..., malia que poideron cumplir ou funcionar con algunha ou con varias destas funcións.

Fotografía do xornal La Región.

Rafa Castro, para a tipoloxía en canto á forma, a encadra nas no Tipo A e dicir, trátase dunha pedrafita de sección cadrada tendendo a rectangular e co remate ou croa mais ben afiado ou picudo. A lonxitude acada o metro e setenta centímetros. Clarexa, ademais, que esta fermosa pedrafita atópase esnaquizada, rachada, e non lle foi posible atopar os anacos que faltan buscando polos arredores.

ETNOGRAFÍA, CONTOS, LENDAS..., VERDADEIR@S.

Bruno Rua conta unha lenda que procede dun posible castriño ubicado nun pequeno e antigo outeiro da zona. Trátase dun relato de "mouros" que a min me gustan especialmente. Neste caso cóntase que unha Moura que estaba a contar ouro enriba dun penedo do castro (preto dos petróglifos) viu chegar a un paisano de Lamadarcos: o home quedou asombrado ao ver tanto ouro, polo que lle preguntou á Moura si lle podía dar un pouquiño. A Moura contestoulle, supoño que con semblante simpático e modais esquisitos, que si o quería a puñados ou a ferrados. 

Penedo do Mouro.

O home sen dubidalo respostoulle que o quería a ferrados. E a Moura, que tamén supoño con cabelos longos e loiros, díxolle que fose buscar a devandita medida. O paisano de Lamadarcos sen pensalo iniciou a rápida marcha na busca do ferrado. Cando voltou, a Moura e o ouro xa desapareceran. O home pensou e concluiu que si dixese a puñados agora tería algún ouro, pero debido ao seu afán cobizoso, evidentemente quedou sen nada.

En Sigrás, no Nadal incombustible de 2025
Saúde, sorte e libros!!!

ENLACES E ALGUNHA BIBLIOGRAFÍA

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/04/pedrafitas-con-outras-funcions.html

Rafael Castro Vaamonde: "Novas exploracións no contorno do Pozo do Demo e das Fragas de Abedes." Traballo inédito.

Taboada Chivite, X.: "Folklore de Verín". Ourense, La Región.

Taboada Chivite, X.: "O Culto ás Pedras no Noroeste Peninsular". Vigo, Real Academia Galega, 1966.

https://patrimoniogalego.net/index.php/70396/2015/03/as-quintas-6/

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-falicas.html

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

https://www.diariodotamega.es/articulo/verin/verin-quere-facer-do-pozo-do-demo-maior-museo-natural-do-sur-galicia/20220214204758021561.html

ttps://www.laregion.es/comarca-de-monterrei/verin-recuperara-ruta-menhires-milenarios_1_20220223-2278229.html

https://osil.info/verin-proxecta-desenvolver-no-pozo-do-demo-o-maior-atractor-turistico-do-sur-de-galicia-cos-next-generation/

https://venagalicia.gal/noticia/2022/02/15/verin-quiere-convertir-pozo-do-demo-museo-aire-libre-referente-turismo-galicia/0003_202202O15C4991.htm

https://www.farodevigo.es/ourense/2021/02/27/denuncian-abandono-yacimiento-arqueologico-o-35760402.html

O_Bouzadoiro_un_xacemento_romano_unico_e.pdf

https://www.gciencia.com/retro/localizan-en-verin-o-castelo-medieval-de-cabreira/

https://estarvivobajoelcieloazul.blogspot.com/2013/03/pozo-do-demo.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/verin-comarca-de-verin-ourense-prg-150-sendeiro-do-pozo-do-demo-22216460/photo-14031936

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/punto-geodesico-de-montemaior-44984183/photo-29545613

https://verin.es/turismo/

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/pozo-do-demo-banco-con-vistas-a-verin-82126178/photo-53159527

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/ourense/lagar-rupestre-y-capilla-de-san-anton-de-abedes/

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/prg-150-sendeiro-de-o-pozo-do-demo-87716142

https://www.wikiloc.com/hiking-trails/fcced-uvigo-2018-r31-sendeiro-do-pozo-do-demo-verin-ourense-24679766

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/pozo-do-demo-banco-con-vistas-a-verin-82126178/photo-53159519

https://ca.wikiloc.com/rutes-senderisme/pr-g-150-sendeiro-de-o-pozo-do-demo-7005677/photo-3946322

sábado, 13 de decembro de 2025

PEDRAFITA-MENHIR A3 DA BAIXADA DE SAN XOSÉ. San Salvador de Cabreiroá, Verín

PEDRAFITA-MENHIR A3 

3. RUTA DAS PEDRAFITAS-MENHIRES DA BAIXADA DE SAN XOSÉ.

"De hecho, la gente se pelea por una superstición tanto como por una verdad, o incluso más. Ya que una superstición es tan intangible que es difícil demostrarla para refutarla, y la verdad es un punto de vista, y por tanto, se puede cambiar."

Hipatia de Alejandría

Debuxo de Moncho Boga, 2025.

Chega un momento no que hai que clarexar algunha dúbida: non é posible chegar a estas pedrafitas si non imos acompañados das coordenadas xeográficas. Son elementos que, ademais de estar arroxados no chan, poden pasar desapercibidos e confundirse con outras rochas que abondan profusamente por todo o percorrido. Por iso esta ruta pedrafiteira que estou a propoñer, idea de Rafa Castro, non existe mais que no papel, na plantilla do ordenador. As imaxes e a descrición  desta ruta non poden sustituir ao traballo de campo: non poden nin deben. Polo tanto, tamén debo suliñar que o seguimento desta ruta internetiana non garantiza  atopar estes senlleiros exemplares.

Fotografía de Rafa Castro.

Non obstante, desde aquí, desde a poltrona, continúo desenvolvendo o roteiro baixo as atentas e abraiantes indicacións de Rafa Castro.

Seguindo a tipoloxía proposta por Alberte Alonso, que ten e conta sobre todo a función, as pedrafitas que non podemos adcribir claramente a algún dos apartados, as encadra baixo o epígrafe "pedrafitas con outras funcións": ou ben comparten varias das funcións ou ben son aquilas que poden adcribirse, por distintos motivos, a deferentes épocas para cumplir tamén diferentes funcións, segundo posibles reutilizacións: pedrafitas de termo, como sinalizadoras, con función rogativa...

Vistas do contorno do Pozo do Demo. Foto wilkiloc.

Como xa sabemos, todas as pedrafitas da Baixada de San Xosé atópanse deitadas, arroxadas no chan, fóra da súa posición, posible e necesaria, vertical. A pedrafita número tres que nos ocupa, pódese encadrar dentro da tipoloxía formal que Rafa Castro denomina Tipo A: amosa sección cadrangular tendente a rectangular e a croa ou cume remata acusadamente afiada, picuda. A lonxitude total sobrepasa os dous metros e sesenta centímetros.

ALGO DE ETNOGRAFÍA

Como ben conta a tradición popular, unha das lendas relata e vencella o Pozo do Demo co tétrico emprazamento onde a Inquisición procedía á queima dos herexes. Tamén se conta, redundando no mesmo tema, que os reos condenados por heréticos eran arroxados ao fondo do Pozo onde morrían queimados, abrasados.

Detalle dunha zona do Pozo do Demo. Fonte, wilkiloc.

En xeral, como veremos nas entradas vindeiras, a meirande parte do petróglifos atópanse vencellados ou asociados ás crenzas cristianas.

COORDENADAS: N41° 55.093' W7° 24.439'

En Sigrás, no chuvioso outono de 2025.

Saúde, sorte e libros!!!

ENLACES TAN IMPORTANTES COMO NECESARIOS

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/04/pedrafitas-con-outras-funcions.html

Rafael Castro Vaamonde: "Novas exploracións no contorno do Pozo do Demo e das Fragas de Abedes." Traballo inédito.

Taboada Chivite, X.: "Folklore de Verín". Ourense, La Región.

Taboada Chivite, X.: "O Culto ás Pedras no Noroeste Peninsular". Vigo, Real Academia Galega, 1966.

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-falicas.html

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

https://www.diariodotamega.es/articulo/verin/verin-quere-facer-do-pozo-do-demo-maior-museo-natural-do-sur-galicia/20220214204758021561.html

ttps://www.laregion.es/comarca-de-monterrei/verin-recuperara-ruta-menhires-milenarios_1_20220223-2278229.html

https://osil.info/verin-proxecta-desenvolver-no-pozo-do-demo-o-maior-atractor-turistico-do-sur-de-galicia-cos-next-generation/

https://venagalicia.gal/noticia/2022/02/15/verin-quiere-convertir-pozo-do-demo-museo-aire-libre-referente-turismo-galicia/0003_202202O15C4991.htm

https://www.farodevigo.es/ourense/2021/02/27/denuncian-abandono-yacimiento-arqueologico-o-35760402.html

O_Bouzadoiro_un_xacemento_romano_unico_e.pdf

https://www.gciencia.com/retro/localizan-en-verin-o-castelo-medieval-de-cabreira/

https://estarvivobajoelcieloazul.blogspot.com/2013/03/pozo-do-demo.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/verin-comarca-de-verin-ourense-prg-150-sendeiro-do-pozo-do-demo-22216460/photo-14031936

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/punto-geodesico-de-montemaior-44984183/photo-29545613

https://verin.es/turismo/

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/pozo-do-demo-banco-con-vistas-a-verin-82126178/photo-53159527

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/ourense/lagar-rupestre-y-capilla-de-san-anton-de-abedes/

xoves, 11 de decembro de 2025

PEDRAFITA-MENHIR A2 DA BAIXADA DE SAN XOSÉ. San Salvador de Cabreiroá, Verín

PEDRAFITA-MENHIR A2 DA BAIXADA DE SAN XOSÉ 

2. RUTA DAS PEDRAFITAS-MENHIRES DA BAIXADA DE SAN XOSÉ.

"Igual como los padres en la vida privada enseñan sabiduría a sus hijos, así lo hacen [los poetas] en la vida pública a sus ciudades."

Filón de Alejandría

Debuxo de Moncho Boga, Sigrás 2025.

E prosigo polas tremendas terras de Verín, continúo imaxinando outros mundos, outros seres que seguro non eran tan distintos a nós: cos seus rituais, coas súas crenzas, cos seus santuarios, coas súas rutas sagradas..., supoño e imaxino que estes avezados construtores, ávidos de erixir dólmenes, pedrafitas, rodas e círculos líticos, inundando a xeografía galega destes misteriosos elementos megalíticos, non serían tan distintos a nós polo esaxerado e mesmo desmedido afán construtor.

Portada do Folleto da ruta do Pozo do Demo editado polo Concello de Verín.

E prosigo polas terras da parroquia de San Salvador de Cabreiroá, onde a toponimia é como un val florido: Veiga de Meás, Pozo do Demo, Malpaso, Abedes, Rego de Quintas... Prosigo a miña imaxinaria viaxe sen levantarme da cadeira, sen cruzar as fronteiras míticas do imaxinario. E imaxino a Taboada Chivite, a Cuevillas ou a Manciñeira que percorrían o país ao lombo das súas cabalgaduras, polo medio das selvas mais recónditas do país galego. Non sei que pensarían hoxe.

Mapa da área do Pozo do Demo. Rafa Castro.

E volto con outro elemento megalítico, outra pedrafita das catalogadas por Rafa Castro na Baixada de San Xosé: a mesma lenda que temos en Cambre e en innumerables lugares de Galicia sobre a fuxida de San Xosé o Neno e a Virxe ao lombo da burra, tentando burlar a persecución homicida de Herodes. Baixada flanqueada de petróglifos, de cazoliñas (como a cama da Virxe en Cambre, a Pena da Nosa Señora), flanqueada dun tipo de insculturas que habería que saber ler, que nos queren falar e que talvez non entendamos a súa pétrea linguaxe de milenios. Se cadra berran palabras de anguria, talvez, impertérritos, nos queiran transmitir unha mensaxe sideral, unha mensaxe que nunca saberemos traducir, unha mensaxe da que descoñecemos o código. Por iso mesmo é necesario conservar, protexer e mimar estes inanimados e mudos seres que habitan a nosa terra.

Pedrafita A2 da Baixada de San Xosé. Fotografía de Rafa Castro.

A pedrafita A2, considerada polo amigo Alberte Alonso dentro dunha categoría indeterminada (outras funcións) talvez nela se manifesten unha ou todas as categorías polas que podemos constatar que unha pedra chantada é unha pedrafita-menhir: de observación astronómica, fálicas... Por outra banda, formalmente, seguindo a tipoloxía proposta por Rafa Castro,  esta pedrafita habería que encadrala morfolóxicamente no apartado das do tipo A e dicir, sección rectangular con catro caras, a punta ou croa moi afiada e supera os dous metros e noventa centímetros de lonxitude. Unha constante que se pode vislumbrar é o contexto do camiño prehistórico, tantas veces nomeados e tantas veces consustanciais á colocación de pedrafitas ou de necrópoles megalíticas.

Ruta do Pozo do Demo. Wilkiloc.

Marcadores espaciais desde sempre, fitos referentes para as mulleres e os homes de todas as épocas ata que, nalgunha momento da nosa historia, deixaron de ter importancia, deixaron de existir: os tempos e os costumes requerían outros referentes. Como mantén Alberte Alonso, esta é unha área profusamente sacralizada, transformada posteriormente con outras crenzas, outros ritos, de xeito que ese tremendo espazo plagado de petróglifos, de pedrafitas, de lagares prehistóricos, de penas abaladoras..., foron borrados do mapa mental e imaxinario das xentes da bisbarra ata chagar a un esquecemento total e absoluto.

A enorme pedrafita A2, felizmente, saiu do esquecemento milenario grazas as meticulosas e teimudas pescudas do gran Rafa Castro.

-Coordenadas da Pedrafita A2: Lat 41º 55´0,99´´ N Lon 7º 24´ 2,87´´ O 549 m.s.n.m.

ALGO DE ETNOGRAFÍA, ALGO DE LENDAS, ALGO DA VERDADEIRA REALIDADE

Seguindo os prolíficos e sistemáticos estudos de Rafa Castro, os relatos lexendarios que vencellan o Pozo do Demo co lume poderían proceder dos rituais que acontecen en Galicia, e na zona de Verín, que teñen que ver coa celebración dos solsticios, celebrados na bisbarra até hai ben pouco tempo: por exemplo, na Ermida de San antón en Abedes aínda se está a celebrar (atópase próxima ao Pozo do Demo) o acendido de lumeiras no monte, onde asan diversos viandas.

Unha vista do Pozo do Demo. Wilkiloc.

Ademais desta interesante constatación da relación do lume coas festas solsticiais a carón do Pozo do Demo, tamén conta a verídica nova que no fondo do Pozo vive o Demo que neste caso reviste a forma dun sapo.

Ermida de San Antón en Ábedes. Fotografía da páxina web galiciamáxica.

Xa Taboada Chivite mantivera que a denominación do Pozo do Demo remite inexorablemente aos nomes populares dos elementos megalíticos, de xeito que o inxente panteón mítico asociado a esta zona, viría a reforzar a demostración da devandita sacralidade que se proxecta desde a profundidade da noite dos tempos e cuxos ecos retumban silenciosamente por toda a bisbarra, por toda Galicia.

En Sigrás, no outono de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!

BIBLIOGRAFÍA ESENCIAL

Rafael Castro Vaamonde: "Novas exploracións no contorno do Pozo do Demo e das Fragas de Abedes." Traballo inédito.

Taboada Chivite, X.: "Folklore de Verín". Ourense, La Región.

Taboada Chivite, X.: "O Culto ás Pedras no Noroeste Peninsular". Vigo, Real Academia Galega, 1966.

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-falicas.html

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

https://www.diariodotamega.es/articulo/verin/verin-quere-facer-do-pozo-do-demo-maior-museo-natural-do-sur-galicia/20220214204758021561.html

ttps://www.laregion.es/comarca-de-monterrei/verin-recuperara-ruta-menhires-milenarios_1_20220223-2278229.html

https://osil.info/verin-proxecta-desenvolver-no-pozo-do-demo-o-maior-atractor-turistico-do-sur-de-galicia-cos-next-generation/

https://venagalicia.gal/noticia/2022/02/15/verin-quiere-convertir-pozo-do-demo-museo-aire-libre-referente-turismo-galicia/0003_202202O15C4991.htm

https://www.farodevigo.es/ourense/2021/02/27/denuncian-abandono-yacimiento-arqueologico-o-35760402.html

O_Bouzadoiro_un_xacemento_romano_unico_e.pdf

https://www.gciencia.com/retro/localizan-en-verin-o-castelo-medieval-de-cabreira/

https://estarvivobajoelcieloazul.blogspot.com/2013/03/pozo-do-demo.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/verin-comarca-de-verin-ourense-prg-150-sendeiro-do-pozo-do-demo-22216460/photo-14031936

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/punto-geodesico-de-montemaior-44984183/photo-29545613

https://verin.es/turismo/

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/pozo-do-demo-banco-con-vistas-a-verin-82126178/photo-53159527

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/ourense/lagar-rupestre-y-capilla-de-san-anton-de-abedes/

martes, 9 de decembro de 2025

PEDRAFITA-MENHIR A1 DA BAIXADA DE SAN XOSÉ. San Salvador de Cabreiroá, Verín.

PEDRAFITA-MENHIR A1 DA BAIXADA DE SAN XOSÉ

1.RUTA DAS PEDRAFITAS-MENHIRES DA BAIXADA DE SAN XOSÉ.

"El hombre tiene el poder de elevarse hasta los dioses, o de caer hasta los demonios."

Giovanni Pico Della Mirandola

Debuxo de Moncho Boga, Sigrás 2025.

O primitivo Camiño que hoxe en día comunica os lugares de A Veiga de Meás no Concello de Vilardevós e Cabreiroá en Verín, desenvolve un trazado que é extremadamente sinuoso debido sobre todo ao acusado desnivel que debe superar.

Segundo o riguroso traballo de Rafa Castro, nas súas minuciosas pescudas explorando o Camiño e os accesos ao Castro, aparecen diversos e poderosos esteos de feitura aparentemente artificial (coas caras labradas e puídas) tirados no chan, abatidos, cuxa posible función debería ser a de estar en posición vertical, chantados. Ademais, algún deles amosan diversos petróglifos nas caras que están á vista, sobre todo os de forma hemiesférica a saber, as sempiternas cazoliñas ou coviñas.

Debuxo: Moncho Boga, 2025.

Todos estes poderosos esteos, como dicía na entrada anterior, están á beira dun tramo da Baixada de San Xosé (no contorno inmiediato do Pozo do Demo) o que posibilita deducir ou supor que foron feitas para xalonar un camiño cunha mais que evidente función sacra do tipo que sexa. Malia esas consideracións,  non se atopou ningún tipo de constancia documental nin tesemuña algunha que poideran constatar si ese é o lugar orixinal do emprazamento das pedrafitas; tampouco se atoparon evidencias na toponimia.

Fotografía de Rafa Castro.

A pedrafita A1 que nos ocupa atópase no lugar de As Quintas e semella que pode adscribirse ás pedrafitas de tipo fálico. Na descrición da entrada neste mesmo blogue de maio de 2024, dicía que o contundente esteo apareceu neste posible camiño prehistórico e seguramente estaba a xalonar, chantada verticalmente, parte do seu trazado. Atópase decorada cunha boa xeira de cazoliñas na sua cara superior e visible. A peza apareceu durante os devanditos traballos para o desigual arranxo do Camiño da Baixada de San Xosé.

Debuxo de Rafa Castro.

Sen dúbida trátase dunha das pedrafitas mais interesantes que teño visto: como dicía, amosa na súa cara á vista un conxunto de cazoliñas que se distribúen na parte superior. Nas inmediancións da pedrafita aparecen,  xalonando tamén o camiño, numerosos petróglifos (a meirande parte do tipo coviñas ou cazoliñas) e asi mesmo algún círculo concéntrico. Na parte inferior pódese observar un rebaixe que hipotéticamente podería ter sido labrado para o encaixe noutra peza, ou ben para ser chantado no chan rochoso.

Fotografía de Rafa Castro.

Segundo a tipoloxía proposta por Rafa Castro, esta pedrafita adscríbese ás do tipo A a saber, a sección é cadrada tendente a rectangular, a punta afiada e picuda e cunha lonxitude que neste caso case chega aos tres metros.

Debuxo: Moncho Boga, 2025.

Sen ningún tipo de dúbidas a Pedrafita A1 da Baixada de San Xosé é un dos exemplares paradigmáticos e extraordinarios de de toda a xeografía pedrafiteira galega.

Coordenadas da Pedrafita A2: Lat 41º 55´0,99´´ N Lon 7º 24´ 2,87´´ O 549 m.s.n.m.

ETNOGRAFÍA, LENDAS: MITOLOXÍA

Malia que segundo escribe Rafa Castro, non atopou ningún tipo de lenda vencellada ás pedrafitas que nos ocupan, a contorna do Pozo do Demo ábresenos coma un libro aberto, un completo compendio de mitoloxía galaica. Unha das curiosidades a subliñar é que, paradóxicamente, sendo un lugar caracterizado e ligado á auga, feito pola auga, a meirande parte das lendas teñen como fío argumental o lume. 

Extracto do Folleto turístico do Concello de Verín sobre o PRG-150: Ruta Pozo do Demo.

Por exemplo a cuestión da profundidade do Pozo: cando  os veciños animáronse a comprobar a súa profundidade, ataron cunha longa corda unha pedra e introducírona no burato sin que esta tocara fondo e, ademais, ao sacar a corda, a pedra desaparecera e o cabo co que estaba atada aparecía queimado... Unha versión do intento de mensura conta que tanto a corda como a pedra retornaron chamuscadas, queimadas...

Fotografía de Rafa Castro: o burato Pozo do Demo.

"O regato das Quintas entra no val por entre rochedos graníticos sometidos a un fortísimo
proceso de meteorización que ten coma consecuencia a formación dun relevo característico.Na súa entrada forma unha fervenza e ao pe desta un fondo buraco nos penedos do leito. Este
buraco que presenta sección circular cun diámetro duns 80 cm. (IL. 6) é o chamado Pozo do Demo, fonte de lendas e mitoloxía popular."

Rafael Castro Vaamonde: "Novas exploracións no contorno do Pozo do Demo e das Fragas de Abedes." Traballo inédito.

Nas vindeiras entradas irei relatando outra interesante xeira de relatos mítico-lexendarios ao redor do fabuloso Pozo do Demo e da Baixada de San Xosé.

En Sigrás, no preludio doutro Nadal mais, esperando o 2026.

Saúde, sorte e libros!!!

BIBLIOGRAFÍA INDISPENSABLE E NECESARIA

Rafael Castro Vaamonde: "Novas exploracións no contorno do Pozo do Demo e das Fragas de Abedes." Traballo inédito.

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-falicas.html

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

https://www.diariodotamega.es/articulo/verin/verin-quere-facer-do-pozo-do-demo-maior-museo-natural-do-sur-galicia/20220214204758021561.html

ttps://www.laregion.es/comarca-de-monterrei/verin-recuperara-ruta-menhires-milenarios_1_20220223-2278229.html

https://osil.info/verin-proxecta-desenvolver-no-pozo-do-demo-o-maior-atractor-turistico-do-sur-de-galicia-cos-next-generation/

https://venagalicia.gal/noticia/2022/02/15/verin-quiere-convertir-pozo-do-demo-museo-aire-libre-referente-turismo-galicia/0003_202202O15C4991.htm

https://www.farodevigo.es/ourense/2021/02/27/denuncian-abandono-yacimiento-arqueologico-o-35760402.html

O_Bouzadoiro_un_xacemento_romano_unico_e.pdf

https://www.gciencia.com/retro/localizan-en-verin-o-castelo-medieval-de-cabreira/

https://estarvivobajoelcieloazul.blogspot.com/2013/03/pozo-do-demo.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/verin-comarca-de-verin-ourense-prg-150-sendeiro-do-pozo-do-demo-22216460/photo-14031936

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/punto-geodesico-de-montemaior-44984183/photo-29545613

https://verin.es/turismo/

domingo, 7 de decembro de 2025

PEDRAFITAS-MENHIRES DA BAIXADA DE SAN XOSÉ. San Salvador de Cabreiroá, Verín.

PEDRAFITAS-MENHIRES DA BAIXADA DE SAN XOSÉ

RUTA DAS PEDRAFITAS-MENHIRES DA BAIXADA DE SAN XOSÉ. 

"La razón humana tiene, en una especie de sus conocimientos, el destino particular de verse acosada por cuestiones que no puede apartar, pues le son propuestas por la naturaleza de la razón misma, pero a las que tampoco puede contestar, porque superan las facultades de la razón humana."

I. Kant: "Crítica de la Razón Pura"

Debuxos e panel de Moncho Boga, 2025.

INTRODUCIÓN XERAL

O Concello de Verín anunciaba, en febreiro de 2022, unha reordenación dos recursos turísticos do contorno natural do Pozo do Demo, feito no que estaba implicado con absoluto entusiasmo o amigo megaliteiro de Verín Rafa Castro. Pois ben, desde aquila, nada de nada, para disgusto do amigo descubridor deste tremendo itinerario pedrafiteiro e para disgusto meu tamén.

Vista da garganta do Pozo do Demo.

Anunciábanse naquel ano actuacións cunha perspectiva "revolucionaria": a implementación dun Museo Natural ao aire libre que sería visitable por medio da realización de seis roteiros temáticos. Entre esas rutas, que abarcaban una amplo espectro do patrimonio natural e cultural, atopábase a recuperación das pedrafitas descubertas por Rafa, das pedrafitas da Baixada de San Xosé. Sería un roteiro que deambularía por entre pedrafitas e petróglifos: un paradigmático roteiro sagrado da prehistoria, probablemente único.

Vista da garganta do Pozo do Demo.

Dese xeito, segundo o Plan Director do Pozo do Demo (ao que aludían nas novas de toda a prensa), a concreción dese Plan suporía por en valor un "megarrecurso turístico, unha zona dun potencial que ven delimitada pola súa riqueza natural."

Fraga do Pendón.

O aproveitamento, como recurso turístico, centraríase no contorno do Pozo do Demo, na chamada Baixada de San Xosé (un auténtico camiño prehistórico, entrada natural á Meseta) e no Rego das Quintas: cachón, campo megalítico, castelo medieval, castro, xacemento romano...

Unha das Pedrafitas da contorna do Pozo do Demo.

A intención das autoridades municipais era convertelo nun recurso turístico para a previsible chegada de ¡cen mil visitantes ao ano!. O reclamo, por suposto, era o xigantesco "museo natural" ao aire libre, e así disfrutar dunha "das paisaxes de maior beleza da provincia, un balcón ao Val de Monterrei."

Petróglifo das Quintas. Foto, La Región.

Un total de seis rutas, accesibles, temáticas, por área de interese xeolóxico, megalítico, romano, medieval, flora e fauna e historia do evento de 1909.

O roteiro megalítico engadiría megálitos e petróglifos da Baixada de San Xosé. Posiblemente o nome da ruta sería "Ruta das Pedrafitas e Petróglifos da Baixada de San Xosé".

Escavacións na Villa romana de O Bouzadoiro.

Pero desde o ano 2022 até hoxe (2025) non voltei  saber nada dese ambicioso e interesante proxecto. E falei con Rafa Castro: o devandito proxecto probablemente quedou acochado nun caixón, reducido ás estancias do esquecemento. E no esquecemento tamagano quedaron tamén as nosas pedrafitas...

Nestes outeiros localizaron os restos do Castelo de Cabreira.

Nesta introdución, neste pequeno limiar, onde estou a estruturar unha senda, ruta, roteiro que só existirá na miña imaxinación, vou tentar ordear os poucos coñecementos que fun acopiando paseniñamente ao redor desta máxica e ancestral área do universo, tan imaxinario como real, arqueolóxico e etnográfico galego.

Ruta PRG do Pozo do Demo.
Extraído do blogue estavivobajoelcieloazul.blogspot.com

Tamén quero deixar constancia que nos últimos anos a Terra de Verín-Monterrei amósase como unha das grandes áreas megalíticas de Galicia, sendo a Baixada de San Xosé a de maior concentración de pedrafitas-menhires nunha zona tan reducida espacialmente. Si a esto lle engadimos a gran cantidade de petróglifos que flanquean este camiño máxico, atopámonos sen ningún tipo de dúbida, diante dun camiño ritual, dun camiño de importancia real e simbólica para os homes do neolítico e referentes para as xentes da bisbarra até épocas históricas.

Regueiro das Quintas. Foto wilkiloc.

Metodolóxicamente o traballo de Rafa Castro parte da hipótese  seguinte: a consideración significativa de todos os elementos con relación práctica, histórica e/ou simbólica. O contexto e a interrelación destes elementos pode aportar unha compresión significativa global.

Castro da Baixada de San Xosé. De wilkiloc.

O ancestral Camiño da Baixada de Xan Xosé comunica os lugares de A Veiga das Méás (Concello de Vilardevós) e Cabreiroá (Verín). Trátase dun sinuoso trazado que serpentea a través dun acusado desnivel. O topónimo "Baixada de San Xosé" probablemente se debe  á enorme  cantidade de petróglifos do do tipo "coviña" que van xalonando todo o camiño: segundo a lenda as coviñas son a marca que deixou o "caxato  de San Xosé" cando deambulaba por estes lugares na compaña da Virxe e do Neno  para fuxír da furia asasina de Herodes.

Sinalización, foto de wilkiloc.

O Camiño está a conservar as rodeiras-sucos perforados no transcurso dos séculos por carros: esa pervivencia foi truncada por unha desafortunada actuación do Concello de Verín (2013) provocando danos irreparables. Nas beiras deste Camiño Rafa Castro atopou varias posibles (e mais que probables) pedrafitas de gran tamaño, tiradas no chan, e algunhas delas decoradas con petróglifos tipo cazoliñas ou coviñas hemiesféricas.  O Camiño da acceso á Igresiña dos Mouros e á porta sur dese Castro. Neste Camiño desemboca o Camiño de Malpaso, preto do posible emprazamento do mítico Castelo de Capraria.

Imaxe de Mapcarta

Rafa Castro sistematizou e nomeou as oito pedrafita-menhires da Baixada de San Xosé a través de letras e números que están a seguir unha dirección lóxica ao longo do prehistórico camiño. Son as seguintes:

1. Pedrafita A1. Amosa, segundo Alberte Alonso, trazos fálicos e atópase entre as parroquias de San Pedro de Osoño (Concello de Vilardebós) e San Salvador de Cabreiroá (Concello de Verín).

Debuxo de Moncho Boga, 2025.

 -Coordenadas da pedrafita A1: Lat 41º 54´ 92,30´´ N Lon 7º 24´ 31,2´´ O 580 m.s.n.m

2. Pedrafita A2.  Na Baixada de San Xosé, entre o treito da Veiga de Meás. Na clasificación de Alberte Alonso encádranse na tipoloxía de "pedrafitas con outras funcións" e dicir, que poden ter varias das que se consideran ou ben algunha outra función descoñecida.

Debuxo de Moncho Boga, 2025.

 -Coordenadas da Pedrafita A2: Lat 41º 55´0,99´´ N Lon 7º 24´ 2,87´´ O 549 m.s.n.m.

3. Pedrafita A3. 
Na Baixada de San Xosé, entre o treito da Veiga de Meás.

Debuxo de Moncho Boga, 2025.

-Coordenadas da Pedrafita A3: Lat 41º 55´0,93´´ N Lon 7º 24´ 4,39´´ O 436 m.s.n.m.

4. Pedrafita A4. Na Baixada de San Xosé, entre o treito da Veiga de Meás.

Debuxo de Moncho Boga, 2025.

-Coordenadas da Pedrafita A4: Lat 41º 54´9,47´´ N Lon 7º 24´ 4,01´´ O 591 m.s.n.m.

5. Pedrafita A5. Na Baixada de San Xosé, entre o treito da Veiga de Meás.

Debuxo de Moncho Boga, 2025.

-Coordenadas da Pedrafita A5: Lat 41º 54´9,89´´ N Lon 7º 24´4,48´´ O 671 m.s.n.m.

6. Pedrafita A6. Na Baixada de San Xosé, entre o treito da Veiga de Meás.

Debuxo de Moncho Boga, 2025.

-Coordenadas da Pedrafita A6: Lat 41º 55´0,93´´ N Lon 7º 24´4,39´´ O 582 m.s.n.m.

7. Pedrafita B1. Pedrafita con características fálicas, segundo a clasificación de Alberte Alonso. Atópase entre as parroquias de San Pedro de Osoño (Concello de Vilardebós) e San Salvador de Cabreiroá (Concello de Verín).

Debuxo de Moncho Boga, 2025.

-Coordenadas da Pedrafita B1: Lat 41º 54´ 92,10´´ N Lon 7º 24´ 31,9´´ O 580 m.s.n.m

8. Pedrafita B2. Na Baixada de San Xosé, entre o treito da Veiga de Meás.

Debuxo de Moncho Boga, 2025.

-Coordenadas da Pedrafita B2: Lat 41º 54´9,39´´ N Lon 7º 24´3,31´´ O 670 m.s.n.m.

A ruta completarase con outras dúas pedrafitas e un posible círculo lítico que se atopan no contorno imnediato da Baixada de San Xosé, nas increíbles paisaxes do Pozo do Demo. Son a Pedrafita da Fraga Grande e o Toco das Cabras.

9. Pedrafita Toco das Cabras. 

10. Pedrafita da Fraga Grande.

11. Posible Círculo Lítico nunha das terrazas do Castro da Baixada ou Viña de San Xosé.

Todas as conclusións e/ou liñas principais de investigación desta entrada, así como a inxente recolleita de dados, a analise morfolóxica e as interpretacións, foron extraídas do inxente traballo elaborado polo incombustible investigador tamaguiano Rafa Castro, logo de moitas horas de laborioso e meticuloso traballo de campo polas abruptas terras do Val de Monterrei, polas reviradas costas do Pozo de Demo, polas empinadas rutas da Baixada de San Xosé, polas envexables paraxes da parroquia de Cabreiroá, no Concello de Verín. O espléndido traballo, inédito, de Rafa Castro, títúlase "Novas exploracións no Contorno do Pozo do Demo e das Fragas de Abedes". Toda esa intensa actividade, plasmada nese fabuloso traballo, foi realizada entre os anos 2013 e 2015.

Ruta Pozo do Demo, en wilkiloc

Para rematar coa introdución, gostaríame facelo coas palabras do meu amigo megaliteiro Alberte Alonso, extraídas do seu blogue catalogacióndepedrafitasdegalicia a saber, "...dende o cumio do Pozo do Demo, área moi posiblemente sacralizada e posteiormente transformada, por medio da conversión ao cristianismo, esnaquizando lugares de culto tradicionais, ou aplicanda a obliteración, demonizando aos deuses indíxenas, ou criminalizando como bruxaría prácticas relixiosas ancestrais, onde é probable unha secuencia ocupacional dende o neolítico ata o medievo, pódese atopar o rexistro arqueolóxico de períodos e tipoloxías diferentes: círculos líticos, pedrafitas, trilitos, pedras abaladoiras, petróglifos, lagares rupestres, pías, castros, necrópole, así como o folclore ligado ao rexistro antropolóxico e etnográfico da área."

En Sigrás, nun día húmido e chuvioso do Nadal de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!

ENLACES QUE NON SE PODEN ESQUECER