mércores, 17 de outubro de 2012

ESTATUA-PEDRAFITA-MENHIR DE TROITOSENDE. Santa María de Troitosende, A Baña.

ESTATUA-PEDRAFITA-MENHIR DE TROITOSENDE.

Atopouse na aldea Eira de Vilacova, pertencente á parroquia de Troitosende, do concello de A Baña.

Aínda que a bibliografía tradicional sobre o tema cualifica esta peza como "estatua-menhir", existen moitas voces que cuestionan hoxe en día esa adscrición tanto tipolóxica como crono-cultural. A peza exhíbese actualmente nas dependencias do Museo de Pontevedra.


Trátase dun gran bloque de granito plano e case rectangular que mide un metro e corenta e dous centímetros de altura e, para o ancho, acada uns corenta centímetros. A decoración realízase en rexistros horizontais en base a barras, aspas e triángulos, e disponse a través de catro franxas sobre a cara da fronte, rematando cunha cabeza circular ou discoidea na que se poden apreciar os rasgos da cara.

En canto á cronoloxía, atribúeselle tradicionalmente un arco que leva desde o Neolítico ata a II Idade do Ferro pasando pola Idade do Bronce (López Cuevillas, Anati, Bueno...) e outros como Filgueira Valverde, Fariña (1979) ou Vázquez Varela (1980) que lle atribúen unha adscrición á época romana. Landau (1977) considera que as estatuas-menhir do Noroeste pertencerían ao Bronce Final, probablemente contemporáneas das Estelas Decoradas do Sudoeste.Vázquez Varela afirma que a estatua-menhir de Troitosende pertencería a un grupo particular do conxunto galego de estelas funerarias romanas, case todas elas dos  séculos II e III a. C. A partir das consideracións de Vázquez Varela no artigo de 1980, a cuestión da cronoloxía desta peza quedou en suspenso. 



Sen embargo, no ano 2001 un artigo de Maya e Álvarez (2001), despois da consideración de diversos parelelismos, conclúen que a idade da nosa estatua-menhir debería acercala á época sueva, cunha cronoloxía de entre os séculos V e VI d. C.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

BIBLIOGRAFÍA

Maya González, J.L., álvarez Arza, R. "La estatua-pilar de Santa María de Tarañes (Ponga-Asturias) y su relación con la de Troitosende". Complutum, 12. 2001.

Landau, J. "Les representations anthropomorphes megalitiques de la region mediterraneé (3 au 1 millenaire) CNRS, Paris 1977.

Vázquez Varela, J.M. "La estela de Troitosende: uso y abuso de paralelismos en el Arte Prehistórico" Brigantium, nº 1. 1980.

Barceló, J.A.: "Introducción al razonamiento estilístico aplicado a la arqueología: un análisis de las estelas antropomorfasde la Península Ibérica". Trabajos de Prehistoria, 45. 1988.

Bueno Ramírez, P. "Estatuas-menhires y armas en el Noroeste de la Península Ibérica".

ESTATUA-MENHIR DE MUÍÑO DE SAN PEDRO. San Pedro de Queizás, Verín.

Estatua-menhir de Muíño de San Pedro. Oimbra-Verín

Foi atopada no ano 1985 nas proximidades do río Támega, no concello de Verín, próximo á parroquia de Oimbra. Estaba ao carón dun camiño, nunha zona de aterrazamento, achairada, a uns cen metros das ruínas do Muíño de San Pedro, aos pés do lexendario Monte Ladario, moi preto dos límites entre os concellos de Verín e Oímbra.

Estruturalmente amosa unha forma troncocónica cun lixeiro aspecto antropomorfo e acada unha altura que non sobrepasa o metro e sesenta centímetros. Atópase labrada en todo o perímetro.



Fotografía da páxina,  www.musarqourense.xunta.es


Na base acada un metro e sesenta e catro centímetros de perímetro e vai diminuindo pouco a pouco ata a coroa, que non sobrepasa o metro e catro centímetros. Na parte da fronte aparece unha inscrición funeraria desenvolvida a través de catro liñas. Na parte superior destaca un rostro humán inciso que se conseguiu a través dun resalte, o que permite diferencialo do resto do corpo. Nesa sinxela cabeza, apenas esbozada, debúxanse tamén os riscos das orellas. O epígrafe romano pódese datar con case total seguridade a finais do século I d. XC. Pero, como veremos, estamos diante dunha peza reutilizada en época romana.

Debuxo da páxina,  www.musarqourense.xunta.es


A plasticidade desta pedrafita resáltase a través do relevo que rodea a cabeza, que se vai alongando pola parte de atrás, debuxando unha posible melena longa. Paradóxica e curiosamente, ese relevo prolongado tamén resalta o seu nítido aspecto fálico.

As demais características físicas son moi sinxelas, como as incisións que marcan os ollos, a nariz, a boca e as orellas.

Debuxo da páxina, 
 
www.musarqourense.xunta.es


Aínda que, pola inscrición, débese adscribir cronolóxicamente ao mundo galaicorromano, pensamos, con Fábrega, que posiblemente desta estatua-menhir se podan deducir tres ámbitos cronolóxico-culturais ben diferenciados, a través de sendas reutilizacións. Efectivamente, un aspecto destacado das estatuas-menhir é a súa pervivencia, de xeito que foron menhires fálicos transformados posteriormente en estatuas-menhir. Na estatua-menhir do Muíño de San Pedro, maniféstase, ademais da transformación de menhir fálico a estatua-menhir, unha terceira transformación en epígrafe funerario por medio da inclusión dun texto de época romana.



Fotografía de Xabier Moure, blog onosopatrimonio


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


BIBLIOGRAFÍA

Fábrega-Álvarez, Pastor; Fuente, Joao; González García, Francisco Javier, "Las sendas de la memoria. Sentido, espacio y reutilización de las estatuas-menhir en el NO de la Península Ibérica".

Peza do mes. Xaneiro de 2002 PDF.
Museo Arqueológico Provincial de Ourense
www.musarqourense.xunta.es

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/estatuas-pedrafitas.html

ESTATUA-MENHIR DE VILAR DE SANTOS, OURENSE.

ESTATUA-MENHIR DE VILAR DE SANTOS. Ourense


A estatua-menhir de Vilar de Santos apareceu no mes de marzo de 1982 e formaba parte do muro dunha finca.

Trátase dun bloque de granito de sección oblonga e acada unha altura de 56 centímetros, 52 centímetros de fronte e 36 centímetros de cumprimento. O perímetro máximo é de 1,56 metros.

En canto á descrición, a parte superior desenvólvese por medio dunha prominencia redondeada que amosa unha oquedade nunha das súas caras, de xeito que semella a cabeza. Resáltase así o aspecto antropomorfo do cipo. Ademais, na parte inferior da devandita cabeza, sobresae unha escotadura duns 10 centímetros de altura que serve para afirmar a imaxe dunha figura humán cos brazoa pegados ao corpo.


Fotografía da páxina, www.mesarqourense.xunta.es


Oquedades no peito, unha incisión no pescozo..., e unha especie de machada no lateral, así como un rebaixe central que marca o remate dos brazos, contribúen a resaltar aquel máis que evidente aspecto antropomorfo.

Contan que as vacas, cando pasaban á beira da estatua-menhir, restergábanse cando estaban preñadas, cousa que presaxiaba un nacemento venturoso.

Todas as anteriores características, xunto co contexto arqueolóxico, levan a unha adscrición crono-culturral na Idade do Bronce.

Segundo Fábrega, un aspecto destacado das estatuas-menhir é a súa pervivencia: probablemente foron en principio menhires fálicos e, posteriormente, foron transformados en estatuas-menhir, de forma que se poden detectar dúas fases cronolóxicas ben diferenciadas.


BIBLIOGRAFÍA

Fábrega-Álvarez, Pastor; Fuente, Joao; González García, Francisco Javier, "Las sendas de la memoria. Sentido, espacio y reutilización de las estatuas-menhir en el NO de la Península Ibérica".

Pieza do mes. Setembro de 2002 PDF Museo Arqueológico Provincial de Ourense
www.musarqourense.xunta.es

martes, 16 de outubro de 2012

ESTATUA-MENHIR DO TAMEIRÓN. A Gudiña, Ourense

ESTÁTUA-MENHIR DO TAMEIRÓN. A Gudiña


Trátase dunha gran pedra antropomorfa atopada casualmente no mes de agosto de 1992, mentres se realizaban labouras agrícolas na leira na que apareceu. Atopouse tumbada coas gravuras na parte non visible, soterrada, de xeito que se pode concluir que foi feita para estár fincada.


Beatriz Comendador, ver bibliografía.


Logo do achádego foi catalogada por técnicos de Patrimonio da Xunta de Galicia e a continuación foi trasladada a dependencias municipais de A Gudiña ata que foi chantada nun xardín do Toural, preto do albergue de peregrinos.



Fotografía Beatriz Comendador, ver bibliografía.

Atopábase na Serra da Urdiñeira e ademáis doutros restos prehistóricos, moi preto hai dúas mámoas. Esta área da Urdiñeira atópase na zona meridional do concello de A Gudiña. 

O lugar onde se atopou é coñecido polo nome de Cabeza do Cichón e, ademáis de non estar erguida, tamén amosaba signos evidentes de estar fracturada na base.



Fotografía Beatriz Comendador, ver bibliografía

Trátase dunha escultura en vusto redondo feita en granito cunha forma xeral antropomorfa coa insinuación do inicio dos brazos e da cintura. Na parte superior aparece crebada. As medidas totais son duns 2,3 metros de altura, 63 centímetros de ancho e 26 centímetros de grosor. Pesa ao redor de 250 quilogramos.



Fotografía de Beatriz Comendador, ver bibliografía.


Unha das caras amosa un debuxo subrectangular en relevo, conha forma de "estola" alongada, realizada mediante un rebaixe do grosor, non é exactamente nunha gravura.

Debido a que a área arqueolóxica inmediata ofrece moitos incidios de ocupación da Idade do Bronce (entre outras moitas razóns), Beatriz Comendador adscríbea a esta etapa da prehistoria.



Fotografía de Beatriz Comendador,
ver bibliografía.

En canto as intepretacións, considera esta mesma investigadora, que ben podería ser un marcador dun lugar no que se realizarían rituais conmemorativos vencellados coa morte.



Fotografía:
 http://urdinheira.blogspot.com.es





BIBLIOGRAFÍA

"Estelas e Estátuas-menires: da Pré à Proto-história". Mobilidade e materialidade: uma aproximação à análise da localização das estátuas-menir transfronteiriças (Norte de Portugale Sul da Galiza).
Pastor Fábrega-Álvarez 1, João Fonte, Francisco Javier González García.

"A estatua menhir do Tameirón no contexto dos resultados do proxecto de intervención arqueolóxica na Serra da Urdiñeira e o seu contorno (Riós-A Gudiña, Ourense)"
Comendador, B.; Rodríguez, V.; Manteiga, A.



Proxecto Urdiñeira: http://urdinheira.blogspot.com.es

ESTATUA-MENHIR A PEDRA ALTA. Castrelo do Val, Ourense

ESTATUA-MENHIR A PEDRA ALTA. 

Trátase dunha enorme pedra de granito (atopada nun lugar onde predomina o esquisto) que se localizou no ano 2010 nun lugar coñecido como Pedra Alta. O descubridor, persoa comprometida coas cousas de antes, foi o propietario da finca a saber, José Luis Lozano Rúa. Precisamente o topónimo, con toda seguridade, refírese á nosa pedra cando estaba en posición erguida. 


                                                          http://www.menudaeslahistoria.com

Amosa un perfil claramente antropomorfo con catro escotaduras labradas, dúas a dúas, feito que se interpreta como un intento de definir unha silueta humana de forma moi arcaica.
Tipolóxicamente adscríbese ás chamadas estelas que se coñecen co alcume de "estelas do suroeste", de xeito que a de Castrelo do Val é a estela atopada máis ao norte. A característica que as individualiza é a presencia do escudo, da lanza e da espada. Probablemente pertence á Idade do Bronce.


 Fotografía de J. Gil

                                                          
Efectivamente, a estatua-menhir de Pedra Alta consiste nunha gran peza de granito que amosa unha clara forma antropomorfa e acada un metro e oitenta centímetros de altura. Aproximadamente o seu peso oscila entre os oitocentos e os mil quilos. Á parte da forma antropomorfa, a peza destaca polas gravuras que amosa en toda a súa superficie: aparece o que semella un guerreiro pertrechado con escudo, espada e lanza. Tamén aparece o devandito carro de guerra tirado por dous animais, sendo a primeira representación deste tipo que se coñece no noso país.



  A Estatua Menir do Museo Etnográfico de Castrelo do Val.

                                          
Desde que se atopou a peza e desde o momento en que se dilucidou a súa importancia, a situación é pouco menos que surrealista: a peza foi reclamada por Patrimonio, polo Concello e polo Museo de Ourense... Sen entrar en detalles desternillantes, a situación está lonxe de mellorar. Desde aquí consideramos que o mellor lugar para ubicar a peza é o sitio do achádego, e dicir, Castrelo do Val.


    
 http://urdinheira.blogspot.com.es

                                        

http://urdinheira.blogspot.com.es

                                      


                                              http://www.tempodelecerourense.com.

                                              Peza do mes de outubro: "A Pedra Alta de Castrelo do Val"
                                              Sala San Francisco - Museo Arqueolóxico Provincial (Ourense)
                                              Do 1 ao 31 de outubro de 2012.



PARA REMATAR


16 de febrero de 2012

Carta do descubridor da “Estela do Guerreiro” de Castrelo do Val.

Esta carta que reproduzo aquí foi escrita polo descubridor da Estela do Guerreiro, D. José Luís Lozano para enviar o defensor do pobo e outras entidades co fin de que a devandita estela se quede en Castrelo do Val.


Fai case tres anos que un menhir da Idade de Bronce saíu da terra nunha pequena finca da Galicia rural. Un veciño da localidade, irmán do dono e amante da historia deuse conta do seu valor histórico e asociou o descubrimento cos seus recordos.
Ese veciño son eu, vivo na comarca de Monterrei, na provincia de Ourense. Esta comarca está bendita polo Río Támega, que deu nome as tribos que se encontraron os romanos e as que deron o nome xenérico de “Tamagani”. Mil anos antes dos romanos, un home puliu unha pedra de granito, traída dende varios quilómetros, para facer a forma dun guerreiro, erguido e cas súas armas. Estivo en pé tres mil anos, os últimos corenta baixo terra, antes deso formou parte dun muro, ao pé dunha calzada romana que vai paralela ao río que da vida a esta comarca.
Ese menhir representa unha oportunidade única de axudar a esta comarca, facendo que represente un inicio, o que evitaría que emigrara tanta xente. Eu persoalmente non coñezo a maior parte da miña familia  por estar ela en Arxentina de fai setenta anos. A xeración de 1970 a cal pertenzo encóntrase hoxe en Cataluña, Pais Vasco ou o máis ousado en Australia.
Esta razón non sería suficiente para pedir que se quede na comarca, pero se engadimos que en Verín hai tres balnearios de principio do século XX que funcionan como poden,outros dous en ruínas, existe tamén un castelo medieval do século X e que pertence a Casa de Alba. Hai varios castros nun aceptable estado de conservación e que se poden visitar ao estar cerca das vías de comunicación. O Val é tamén unha vía cara Portugal e a porta de entrada a un parque natural de media montaña como é o “Invernadeiro”. Case toda España coñece o entroido de Verín.
Na miña aldea, Castrelo do Val, hai un castro sen escavar e unha necrópole romana onde se atopou unha ara romana cunha inscrición dedicada a un soldado, o primeiro home do que se ten constancia escrita na comarca.
Esta estela e mil anos anterior, e tamén deixa constancia en forma de petroglifo doutro habitante da comarca, un guerreiro e posible xefe de clan que foi admirado e recordado polos seus coetáneos.
Son todas boas razóns para que o menhir, chamado “Estela do Guerreiro de Pedralta”se quede. Lamentablemente a lei di  que ten que estar nun museo, o Museo Arqueolóxico de Ourense, que leva doce anos pechado, para estar ao lado doutras estelas, partes da historia doutras comarcas, partes que quedan ocultas e descoñecidas para moita xente.
Se finalmente e trasladada a capital, toda esta historia perderase, quedará fóra de contexto ó estar acompañada doutros obxectos alleos e ó non poder ver a paisaxe e sentir o clima que rodea cada pedazo de historia.

 José Luís pretende con esta carta acadar todo o apoio posible para que a estela se quede onde lle pertence. A xente xa se empeza a mobilizar na súa defensa (ameázano cunha multa de entre 60.000 e 150.000 euros) e alguén creou un grupo de Facebook para a causa.

 (http://www.facebook.com/pages/QUEREMOS-A-PEDRA-DO-GUERREIRO-EN-CASTRELO-DO-VAL/191890507523989?sk=wall).



En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


PARA SABER MAIS:

-blog capítulo 0.

-"Un gráfico da Cultura Galega.org", "Como entender a estela dun Guerreiro", por Manolo Gago. 
www.culturagalega.org

-http://urdinheira.blogspot.com.es

-http://www.menudaeslahistoria.com




martes, 9 de outubro de 2012

ANTA-DOLMEN DE MAZOI. Santa Catarina de Pousada, A Pastoriza.


 ANTA-DOLMEN DE MAZOI.

Para chegar. Si collemos a estrada de Oviedo con dirección a Lugo, aparece un desvío á dereita que sinala "Prevesos-4" e "Castro de Rey-10". Por unha estreita estrada, en moi malas condicións, a poucos quilómetros, aparece, á man esquerda, unha curiosa lousa de pizarra a xeito de moxón que sinala "Conxunto megalítico de Pedrasalves". Seguindo por una carreiro que é lindeiro dunha gran leira, chegaremos diante doutro cartel indicador que sinala "Dolmen de Mazoy visible en su túmulo". Un carreiro de eucaliptos, xalonado de diversos carteis e cruces, vai acompanando ata uns 100 metros despois, que chegaremos á anta.





A Anta de Mazoi atópase no medio dunha mámoa de dimensións medias. Trátase dun megalito adscrito á tipoloxía de tipo poligonal con corredor desenvolvido. Conserva a pedra cobertora ou tampa da camara, pero non as do corredor. No extremo final do corredor alguien colocoulle unha cancela de madeira, o que lle confire un aspecto un tanto extrano e incluso extravagante.




-Improbable Pedrafita de Mazoi

Por un camiño que parte das inmediacións da anta e a poucos metros desta, aparece outra lousa indicadora que sinala con letras vermellas moi rechamantes "Menhir". Seguindo a dirección sinalada por unha poderosa frecha tamén de cor vermello, aparece moit preto unha pedra fincada de sección cadrangular que non sobresae máis dun metro e cincoenta centímetros. Ammosa sección cadrangular na base e as caras moi ben traballadas con arestas rectas.

Á falta de máis referencias e dun análise máis detido, a primeira impresión é que non se trata dunha pedrafita.



Fotografías extraídas do blog:
http://destruccionpatrimonio2004-07-patinho.blogspot.com.es/

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

venres, 14 de setembro de 2012

ANTAS-DÓLMENES E PEDRAFITAS DE A LARACHA.

ANTAS-DÓLMENES E PEDRAFITAS DE A LARACHA.

A Laracha e un concello que se pode adscribir a terra de Bergantiños ou a terra de Ordes. En canto ao horizonte megalítico, dicir que os elementos que todavía se conservan nesta terra son tan absolutamente espectaculares como absolutamente descoñecidos.

Eu tiven a sorte de visitalos por primeira vez tendo por guia a unha persoa indispensable para o coñecementos deste concello, a saber, o amigo Masús. Sen a axuda deste defensor acérrimo das cousas de antes, nunca coñecería estes espectaculares monumentos.

Dicir tamén que aínda non tiven a oportunidade de estudar polo miúdo os elementos que vos vou a amosar, cousa que espero facer en breve. Ata entón, aquí van unhas cantas  fotografías das maravillosas antas da Terra da Laracha.

A verdade é que aquel día do ano 2009 foi unha xornada extremadamente placenteira. Xantamos, Masús e eu, nunha casa de comidas en Soandres e, inmediatamente, fumos de excursión megaliteira.

O recordo máis grande é o das toxeiras e das silvas: non había parte do corpo que non quedase furada por estes senlleiros habitantes da nosa floresta varia. 


-Forno dos Mouros das Brañas de Espindro. Soandres






-Forno dos Mouros do Coto de Altamira. Soandres










-Forno dos Mouros de Silvoso, Carballal. Soandres





-Pedrafita-menir Pedra Gaiada. Montemaior







 
Fotografías realizadas por
 Ramón Boga Moscoso no ano 2009.



-Anta das Medorras, Fonte do Ouro, Ferreira. Montemaior




En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!