Amosando publicacións coa etiqueta Mariña Occidental. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mariña Occidental. Amosar todas as publicacións

martes, 10 de marzo de 2026

PEDRAFITA-MENHIR PEDRA DO PIÓN. Santiago de Bravos, Ourol.

PEDRAFITA-MENHIR PEDRA DO PIÓN.

"Todos somos genios. Pero si juzgas a un pez por su capacidad de trepar árboles, vivirá toda su vida pensando que es un inútil." 
Albert Einstein


Debuxo versión Moncho Boga, Sigrás 2025.

Hoxe apetéceme mergullarme nesta rara pedrafita da que non sei prácticamente nada: nin estiven alí, nin sei onde está, tampouco podo dicir moitas cousas dela..., mais atráeme coma un imán. O que si sei de certo é que se me antoxa moi semellante á pedrafita Pedra Chantada na Terra Cha, tanto pola forma coma polo material arrugado polo tempo con que están labradas ambas as dúas. Mágoa non ter as vistas das posibles catro caras: malia que semella cilíndrica, probablemente, como acontece coa Pedra Chantada de Vilalba, a sección debe ser cadrangular coas arestas moi achanzadas, conferíndolle un aspecto case cilíndrico.

Podería dicir que o Marco do Pión é un punto na xeografía moi elevado e situado no Concello de Ourol. Emprázase nunha área  montesía, de serra, de cordal, que se caracteriza por debuxar unha paisaxe singular rural e boscosa do interior da Mariña lucense Occidental.


Fotografía de José Puentes.

O término "marco", como é ben sabido, tanto na cartografía como no eido arqueolóxico, adoita nomear un fito ou un mollón de pedra que delimita terras, parroquias, concellos e incluso provincias. "Pión" refírese ao nome específico deste alto monte e fai de referencia  ao "camiñante": é unha zona de paso relevante, moi preto do antigo "Camiño Real", no contorno inmediato da divisoria de augas do río Sor. O lugar, por iso, forma parte do patrimonio arqueotoponímico da comarca, marcando rutas de transo que conectaban o interior coa costa norte galega, mariñana, igual que pasa polas terras ortegalianas da Serra Faladoira, na outra vertente). Tamén hai que dicir que se atopa vencellado a necrópoles megalíticas: a divisoria de augas da bacía hidrográfica do río Sor, tanto o Camiño Real como as necrópoles megalíticas atópanse prácticamente na mesma divisoria.


Mapa de Domingo Fontán: pódese ver a parroquia de Bravos e
o Pico do Pión. Desde aí as augas verquen cara á bacía do Sor; desde a meirande
parte da parroquia, verquen cara á bacía do Landrove.

Como moitas outras veces, é significativa a análise de Dolores González de la Peña, que incide na frecuencia con que se menciona o Camiño Real no Catastro da Ensenada (1753), sobre todo nas delimitacións das parroquias que se atopan na bacía do río Sor ou nos seus lindeiros: na delimitación da parroquia de Bravos noméase o Marco do Pión, Coto do Peón, e a continuación o Camiño Real, que ven formando a fronteira natural.


Fotografía de José Puentes.

A bacía do Sor, limitada pola divisoria de augas da devandita bacía pola man esquerda amosa unha gran densidade de necrópoles, dólmenes, mámoas e pedrafitas, así como o camiño prehistórico dos arrieiros. Sen embargo pola parte dereita non amosa a mesma densidade (talvez porque non se lle adicaron os mesmos estudos e propeccións). Segundo Dolores a análise da microtoponimia podería axudar a descubrir novos elementos, así como exhaustivas prospeccións, engado eu. Redundando na importancia que debeu ter este Camiño Real, poderíanse relacionar coas aras adicadas aos Lares Viais achadas en Ourol, de xeito que probablemente este camiño xa sería unha ruta importante na prehistoria. A Ara Vial de Casas Vellas (Miñotos, Ourol) atopouse á beira do Camiño Real empotrada no muro dunha finca.

Como marco de termo, posiblemente pedrafita reaproveitada para esta nova función, separa as parroquias de Santiago de Bravos (Ourol), San Pantaleón de Cabanas (Ourol, Santa María de Cabanas (O Vicedo) e Santa María de Galdo (Viveiro).

Todos estes elementos, que teñen que ver co contexto inmediato e coa caracterización prehistórica da beira da Faladoira, falan da mais que probable adscrición tipolóxica da Pedrafita do Pión ao extraordinario universo megalítico galego.

En Sigrás, despois dunha semana da maldita guerra, 2026.

Saúde, sorte e libros!!!

NON Á GUERRA!!!


ENLACES RECOMENDADOS

https://jmpuentesr.wordpress.com/category/fotografias/

https://arqueotoponimia.blogspot.com/2021/06/divisoria-de-augas-do-sor.html#:~:text=As%C3%AD%20por%20exemplo%2C%20na%20delimitaci%C3%B3n%20da%20fegres%C3%ADa,cami%C3%B1ante)%20e%20de%20seguida%20o%20Cami%C3%B1o%20Real%2C

Dialnet-DedicatoriasALosLaresVialesEnLaProvinciaDeLugo-963560%20(1).pdf

https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/200525000145/pr-g-204-ruta-ribeira-do-bispo-miradoiro-de-augas-caidas?langId=es_ES&tp=6&ctre=23

domingo, 15 de febreiro de 2026

PEDRAFITA-MENHIR DE PEREIRA PARDA, PEDRA PARDA OU DE CATAROU. Santa María de Galdo, Viveiro.

PEDRAFITA-MENHIR DE PEREIRA PARDA


"Vivimos en un mundo donde desafortunadamente la distinción entre verdadero y falso parece ser cada vez más borrosa por la manipulación de hechos, por la explotación de mentes acríticas y por la contaminación del lenguaje".

Arne Tiselius

 


As catro vistas da Pedrafita de Pereira Parda. Debuxos
de Moncho Boga, en Sigrás no ano 2026.


Sempre é un pracer voltar ás mariñanas terras de Viveiro: ás feraces e frondosas xeografías entre o mar e a terra, cinguidas polo fermoso mar Cantábrico. Sempre é e será un dos espacios vitais e incomprensibles, imprescindibles, da miña biografía mítica.


Captura extraída de mapcarta.

A pedrafita que me ocupa hoxe, malia que xa a publiquei noutra entrada deste blogue co nome de pedrafita de Catarou, hoxe en día teño algúns datos mais para que mereza a pena outorgarlle un espazo meirande. Dicir tamén que foi catalogada (valga a excepción) no ano 2008 coa referencia GA27066031: intitúlase como "posible menhir".

Para chegar, no qasombroso caso de non dispor de XPS nin das coordenadas, podemos sair da espectacular Vila de Viveiro e dirixirmonos cara ao río Landrove: salvamos a ponte e debemos iniciar necesariamente o traxecto dun desvío á dereita con dirección á parroquia de Santa María de Galdo. Dese xeito deberíamos chegar ao lugar de Pé da Ruba ou Rubia (si non é así, inevitablemente estamos perdidos). Nese lugar, como amoso na captura de google maps, hai que coller outro desvío tamén á dereita onde veremmos unha sinal que indica Souto, Catarou e A Peteira. A aproximadamente uns centovinte metros outra pista á dereita levarános, logo de percorrer uns corenta metros, ao que denominan na ficha de patrimonio "posible menhir": atópase á dereita da pista na dirección da marcha.


Imaxe estraída de google maps.

Orográficamente atópase emprazada, erecta e impasible, moi preto da base da aba meridional do monte que se eleva en suave  pendente. O contorno inmediato adícase a labouras agrícolas e está salpicado de diversas construcións tradicionais. O contorno menos inmediato está cuberto de mares infinitos de eucaliptos.



Fotografía de Xabier Moure.

Como estaba a contar mais enriba, o lugar de emprazamento (Sobrevila, Catarou) é unha zona de maina pendente, achairrada. A nosa pedrafita está feita de cuarcita: atópase ao caron da pista que leva de Sobrevila a Catarou de Arriba, non moi lonxe do Rego do Cristo da Paleira.

A imaxe xeral da  pedrafita, malia que tende claramente ao cadrado en canto á súa sección, a meirande estreitura da cara que mira ao leste confírelle un certo aspecto triangular. Esa sección cadrangular debuxa suaves arestas coa cima redondeada e non sobresae do chan moito mais dun metro e vinte centímetros. Ese aspecto redondeado sobre todo na cima fai que o amigo e experto en pedrafitas Alberte Alonso a encadre dentro das pedrafitas de tipo fálico.

Estruturalmente, a cara que mira ao norte é bastante plana e moi ben regularizada, sobresaíndo do chan ao redor de noventa e cinco centímetros, así como uns trinta centímetros na parte de mais anchura. Na cara do sul acada unha altura dun metro e vinte centímetros, corenta e un centímetros na base, trinta e sete centímetros a unha altura media e vintecinco centímetros no extremo superior antes da croa. A cara do leste, com dicía nates, é moito mais estreita e algo convexa, sobresaíndo case un metro de altura e uns vinte centímetros na parte mais ancha. Para a cara que mira ao oeste a altura acada un metro e dez centímetros e trinta e dous centímetros na parte mais ancha. 


A xeito de conclusión engadir algunha nota ao redor do topónimo "pereira". En xeral pode tratarse dun topónimo transparente, e dicir denotar o que parece: do latín "pira" que sifnifica a árbore que dá peras. Mais tamén podería referirse a un terreo pedregoso a partires do latino "petra" e derivados "petrariu" e "pretaria". Neste senso, para Navaza, tanto "pereira" como "pereiro", nalgún caso, poderían significar "pedreira". No caso da Pedrafita Pereira Parda paréceme claro ese significado tanto mais que o outro nome co que se coñece é Pedra Parda.

En definitiva, estamos diante dunha cativa pedrafita de tipo fálico encravada nos aledaños inmediatos da mariñas luguesa, mirando ao mar, entre cachitos de historia, arte e natureza que se misturan dun xeito agradablemente marabilloso.

En Sigrás, no entroido de 2026.
Saúde, sorte e libros!!!


ENLACES 

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-falicas.html

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html


xoves, 5 de setembro de 2024

ANTA-DOLMEN DE GUILÁN. San Pedro de Xuances, Xove.

ANTA-DOLMEN DE GUILÁN. XOVE. 

"Ir en busca de una explicación y admirarse, es reconocer que se ignora. Y así, puede decirse, que el amigo de la ciencia lo es en cierta manera de los mitos, porque el asunto de los mitos es lo maravilloso. Por consiguiente, si los primeros filósofos filosofaron para librarse de la ignorancia, es evidente que se consagraron a la ciencia para saber, y no por miras de utilidad. El hecho mismo lo prueba, puesto que casi todas las artes que tienen relación con las necesidades, con el bienestar y con los placeres de la vida, eran ya conocidas cuando se comenzaron las indagaciones y las explicaciones de este género. Es por tanto evidente, que ningún interés extraño nos mueve a hacer el estudio de la filosofía."

Metafísica de Aristóteles. Edición Trilingüe por Valentín García Yebra. Ed. Gredos S.A., Segunda Edición, Madrid 1982. 



Anta-dolmen de Guilán, segundo versión de Moncho Boga, 2024.

Foi aló polo ano 2017 cando comezaron a chegarme novas sobre o descubrimento dunha anta nova na Mariña Occidental de Lugo, concretamente no Concello de Xove. Todas esas informacións xornalísticas sobre todo, pero tamén de amigos megaliteiros, funas arquivando e, pouco a pouco, xuntei unha morea de datos que vou tratar de recensionar nesta nova entrada. Quero subliñar que o universo sideral, insondable, misterioso e tamén  perigoso, de internet e das redes sociais, foi o medio  polo que me acheguei a esta nova anta, un elemento megalítico mais que pasa a engrosar a xa numerosa lista de megálitos da Mariña de Lugo.

A devandita nova e inefable anta foi atopada por un incansable grupo de activos gardas (auténticos detectives) do patrimonio galego, centrado na ben caracterizada comarca da Mariña Lucense, denominado "Colectivo de defensa cultural Mariña Patrimonio". 



Mámoa de Guilán, Xove. Foto de A Mariña Patrimonio, 2017.


Aínda que poderíamos colexir que foi atopada por casualidade, a casualidade non existe cando se traballa arreo buscando e defendendo os nosos recursos arqueolóxicos, históricos e naturales. Efectivamente, esta anta foi descuberta e dada a coñecer, como dicía antes, pola Asociación Mariña Patrimonio cando estaba a indagar sobre fotografía aérea os elementos que destacan na paisaxe pola súas características especiais: ata que detectaron un "bulto enorme no medio dunha chaira", un "grano", con todas as implicacións que eso conleva. 



Anta-dolmen de Guilán. Foto de Paleorama.

Unha vez trasladados a esas espectaculares paraxes para rastrexar o que viran nas imaxes aéreas, atoparon a mámoa no lugar de Guilán, parroquia de Xuances. Estes feitos aconteceron no ano 2017. 



Anta-dolmen de Guilán. De megaliticia.


O que atoparon, dicía, foi unha enorme e contundente mámoa que acada unha lonxitude de mais de trinta metros para o diámetro e que sobresae en altura uns dous metros e medio, sendo talvez unha das mámoas mais grandes da Mariña Lucense.

A anta-dolmen de Guilán, coa súa gran mámoa, descansa immpertérrita no seu silencio de milenios, nunha extensa penechaira no Concello de Xove, case limitando co Concello de Viveiro.



Anta-dolmen de Guilán. De Turismo Xove.

A anta  sobresae do interior da poderosa mámoa que amosa o cansabido funil de violación, e, estruturalmente, está a conservar seis esteos da cámara e a pedra cobertora en bo estado de conservación. Como subliñaba mais enriba, e coma case sempre nas antas galegas, o burato de violación posibilitou que a cámara permanecera á vista, o que permitiu tamén a descrición da devandita estrutura arquitectónica.



Anta-dolmen de Guilán. Foto de Mariña Patrimonio.

Una vez mais, outra mais, o traballo inxente de colectivos e asociacións vencellados á nosa terra por un nexo ancestral de arraigo, amor e sensibilidade, posibilitou que un novo  elemento do noso inxente patrimonio fose estudado, inventariado e, polo tanto, posto en valor para o xeral coñecemento.

A "Ruta do Pau da Vella", promovida polo Concello de Xove, conecta a Anta-dolmen de Guilán coa estela-menhir do Pau da Vella, descrita neste blogue 17 xuño de 2012.


OUTRAS COUSAS ESPECIAIS DO CONCELLO DE XOVE

Podría dicir que o Concello non ten nada destacable e, sen embargo, destaca por todo. Situado ao norte da provincia de Lugo, ocupa unha franxa costeira na Comarca da Mariña Occidental (Rías Altas galegas) e linda ao norte co Mar Cantábrico, ao leste co Concello de Cervo, ao sur co Concello do Valadouro e ao oeste co de Viveiro. 



Praia de Portocelo. Fonte: Turismo de Xove.

Orográficamente, físicamente, divídese en tres partes ben diferenciadas e con personalidade de seu: a zona do litoral (con abruptos cantís e fermosas praias); a zona de val sulcada polo río Regueira; e o ecosistema montañoso que acada a máxima altura no monte do Pau da Vella a 705 ms de altitude, situado nos montes de Buio.

Temos, por unha banda, o bordo litorial que se singulariza como área de interese polo seu valor natural, ecolóxico e paisaxístico..., conformado por unha extraordinaria sucesión de cantís e praias, destacando as praias de Portocelo, Muiñelas, Esteiro, Lago... Neste mesmo bordo litoral localízanse tamén parte dos xacementos arqueolóxicos do concello, sobre todo os castros.



Prospección do Castro de San Tirso. Fonte: Turismo de Xove.


Pola outra banda, atópanse na Rede Natura 2000 os espazos naturais de Monte Maior (no oeste), a Serra do Xistral (no extremo suleste) e as illas de Sarón e Nitos, así como a Costa da Mariña Occidental da que xa engadimos algúns datos. 

Si entrades na web municipal podedes atopar unha diversidade de roteiros de enorme interese a saber: Ruta das Fadas, Ruta Camiño natural do Cantábrico, Ruta Camiño do Mar..., entre outros.



Fervenza de Guilán. Fonte Turismo de Xove.

Desde este blogue recomendo tres roteiros que  me parecen  moi atractivos e de gran interese: a Ruta Circular do Pau da Vella, que conecta esta extraordinaria  estela-pedrafita, límite de concellos, e a anta-dolmen de Guilán; a ruta do Círculo de Lavandeiras, onde se atopa un auténtico Henge ou Roda ou Círculo, un dos mais grandes de Galicia e o mais grande da Península Ibérica (como dirían os irmáns portugueses), con oitenta metros de diámetro; e, por último, a Ruta dos Muíños onde alternan uns nove muíños con outras tantas pontes, construidas unhas  de madeira e outras  de pedra.

Ben vale unha visita a este pequeno recuncho da Mariña Occidental, unha parada, unha mirada detida..., unha mirada avezada perimitirá "mirar", contemplar, un pequeno universo de efervescencia cultural, histórica, natural;  un momento único da vosa-nosa vida.



Estela-menhir Pau da Vella. Fonte, Turismo de Xove.


Desde Sigrás, nun día calquera de finais do estío de 2024.
Saúde, sorte e moitos libros!!!!


ENLACES IMPRESCINDIBLES

https://mrpatrimonio.blogspot.com/search?q=M%C3%A1moa+de+Guil%C3%A1n

https://es.wikiloc.com/rutas-outdoor/mamoa-de-guilan-e-circulo-litico-17515517/photo-11044087

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/xove/2017/03/07/marina-patrimonio-anuncia-hallazgo-monumental-mamoa-guilan-xove/00031488891300839648413.htm

https://megaliticia.blogspot.com/2016/11/mamoa-de-guilan.html

https://arqueologiaenred.paleorama.es/2017/03/documentan-en-xove-lugo-una-mamoa-de-30.html

https://turismo.xove.es/es/arqueoloxia/

https://elpais.com/ccaa/2017/03/07/galicia/1488892752_047682.html

https://www.galiciapress.es/texto-diario/mostrar/696777/piden-mamoa-guilan-xove-catalogo-yacimientos-arqueologicos

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de.html

https://historiadegalicia.gal/2017/03/atopan-un-dos-monumentos-megaliticos-mais-grandes-e-espectaculares-da-marina/

https://turismo.xove.es/es/historia/parroquias/

https://turismo.xove.es/turismo-activo/

https://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com/search?q=Pau+da+Vella


xoves, 30 de maio de 2013

ANTA-DOLMEN DA CRUZ DO LOUREIRO. Santo Isidoro do Monte, Xove

ANTA-DOLMEN DA CRUZ DO LOUREIRO.

Atópase inserida nunha necrópole megalítica composta por cinco mámoas. Segundo información de Xabier Moure no seu blogue onosopatrimonio, polo menos en dúas das mámoas da devandita necrópole pódense albiscar restos da súa estrutura arquitectónica. Concretamente na mámoa sinalada co número 3, pódnse constatar a existencia de cinco esteos, aínda que catro deles aparecen fóra do seu lugar orixinal.

Semella unha mámoa de considerables dimensións, que tamén se pode aplicar aos esteos, posto que un deles parece acadar unha lonxitude de máis de setenta centímetros.




Fotografía e información extraída do blogue onosopatrimonio de Xabier Moure Salgado

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

mércores, 6 de marzo de 2013

PEDRAFITA-ESTELA-MENHIR "O CRISTO DA LAGOA". San Miguel de Negradas, O Vicedo.

PEDRAFITA-ESTELA-MENHIR "O CRISTO DA LAGOA"

Pequena e tosca cruz chantada nun valado dunha corredoira. Tamén se observa unha desproporción entre os brazos e a parte alta polo que semella unha cruz latina volta do revés. Na interseción dos brazos do cruceiro, aparece unha cruz gravada sinxela. 

A tosquedade na forma fai pensar nunha estela menhir, cos brazos cortos e a cabeza moi estilizada. O pé, pola contra, é mais achaparrado en consonancia cos brazos.

Neste lugar, segundo Xabier Moure, paraban as comitivas dos enterros e tamén contan os veciños que aquí enterrábanse aos nonnatos: como en outras moitas parroquias de Galicia, nestes lugares contan que se enterraban os cativos que non daba tempo a bautizar.



Fotografía e información extraida do blog de
Xabier Moure, patrimonio do concello do Vicedo
.
En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


martes, 29 de xaneiro de 2013

PEDRAFITA-MENHIR DE CATAROU. Santa María de Galdo,Viveiro

PEDRAFITA-MENHIR DE CATAROU.

Atópase no lugar de Catarou, pertencente á parroquia de Galdo. Estamos diante dunha pequena pedrafita que non sobresae máis que un metro e quince centímetros. Segundo a fotografía de Xabier Moure, semella e é probable que a súa planta sexa tendente ao triángulo e o remate moi redondeado. Tamén parece que as súas caras atópanse moi puídas.

Non sabemos máis do contexto tumular e xeográfico, aínda que semella que se atopa nunha chaira. Segundo Moure, esta pedrafita foi citada por Federico Maciñeira.



Fotografía realizada por Xabier Moure Salgado, 
no blogue onosopatrimonio



En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

venres, 25 de xaneiro de 2013

PEDRAFITA-MENHIR DA CRUZ DO CAMPO. Santa María de Cabanas, O Vicedo

PEDRAFITA-MENHIR DA CRUZ DO CAMPO.

Curioso exemplar dado a coñecer por Xabier Moure despois dos seus meticulosos traballos de catalogación de cruceiros no concello de O Vicedo, en Lugo. Digo curiosa pedrafita porque semella un caso extraordinario e paradigmático para o tema que nos ocupa: trátase, efectivamente, dun máis que probable menhir ao que se lle engadiu en época histórica unha cruz latina. Segundo as investigacións de Moure, a pedrafita atopábase ubicada no camiño antigo que levaba á igrexa de Santa María de Cabanas, e logo foi trasladada a este novo lugar, onde o amigo Xabier colocouna  en posición ergueita.

Segundo nos relata Moure, a cruz fora gravada por un home da bisbarra, reaproveitando o esteo granítico. Ademais a pedrafita tamén servía como fito sanador de diversas doenzas do gando.


 
Fotografía de Xabier Moure

Estamos pois diante dun caso evidente de reaproveitamento ou reconversión dunha pedrafita en cruceiro, sendo un dos pouquísimos casos que se poden testemuñar en Galicia. Por iso, aquila antiga hipótese (Castelao) que mantiña que a inexistencia de pedrafitas en Galicia debíase á sustitución daquilas por cruceiros, veríficase neste caso. Sen embargo, como podemos comprobar nos últimos anos, en Galicia debemos consideralos como feitos totalmente distintos, e dicir, o cruceiro non foi quen de eliminar ás pedrafitas. E dicir, ante a gran cantidade de pedrafitas que se foron descubrindo nos últimos anos, podemos considerar que tanto estas como os cruceiros tiveron case sempre vidas separadas.

Segundo a foto de Moure, parece que se trata dun bloque case cilíndrico que remata dunha forma curiosa: debúxanse unha especie de hombreiros e algo así como a cabeza. Se esto é así, non estaríamos lonxe de poder considerala unha especie de estatua-menhir, como ocorre noutros moitos casos en Galicia.

Información obtida do blog onosopatrimonio de Xabier Moure Salgado

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!