ANTA-DOLMEN PICO DAS PALLAS
RUTA ARQUEOLÓXICA DE O ACEVEDO V
"La vanidad nos persigue hasta en el lecho de la muerte. La soportamos con entereza porque deseamos superar su terrible grandeza y cautivar la admiración de los espectadores."
Santiago Ramón y Cajal
Debuxo de Moncho Boga, 2024. |
E sigo coa miña ruta particular, ruta dos sonos, dos megalitos que me levan a épocas ignotas perdidas nas brumas dos tempos, pouco coñecidas, das que non facemos mais que imaxinar, que construir un mundo que seguramente non se acerca nin de lexos á mais remota realidade. Pero atrae coma un imán, atrae sen compasión, sen deixar acougo, estimulando unha imaxinación que talvez non sexa lexítima, pero que sen dúbida constitúe todo un placer.
![]() |
Fotografía de Núñez Jato. |
A Anta-dolmen do Pico das Mallas atópase encravada no Coto de Province, na parroquia de Aspai, nun alto con amplo dominio visual sobre toda a contorna. Foi documentado na memoria de prospección realizada por Núñez Jato no ano 1990, onde aclaraba que o seu emprazamento estaba moi próximo á Anta Forno dos Mouros, na cima dun outeiro moi próximo. Tamén clarexaba que o Pico das Mallas facía de marco de termo entre os concellos de Friol e Outeiro de Rei.
Segundo o ubicuo e incansable investigador Xabier Moure, foi documentada por el mesmo en outubro de 2016. Sen embargo Núñez Jato no ano 1990, como dicía antes, xa definia e documentaba esta cámara megalítica do seguinte xeito, pouco mais ou menos: conserva catro esteos da cámara, e na parte superior dun deles aparecía gravado un cadrado, aínda que o debuxo estaba moi erosionado. No lado oeste da mámoa aparece escavado un dos muros que antiguamente empregábanse para separar os terreos particulares.
Sexa como sexa, a anta-dolmen Pico das Mallas atópase a case quinientos cincoenta metros de altitude e está inserida nunha mámoa que mide ao redor de catorce metros de diámetro por uns dous metros de altura.
En calquera caso e en definitiva, o conxunto componse a través dun túmulo de forma hemiésferica apreciándose en toda a súa superficie abondosas pedras que, con seguridade, formaban a coiraza pétrea. Na parte superior ou croa destaca o funil de violación que está a acubillar a cámara que conserva tres chantos da súa estrutura arquitectónica. A mámoa acada nos eixos meirandes ao redor de dezaseis metros e a altura non chega aos dous metros.
Parece ser que non se aprecian alteracións significativas con respecto á descrición de Núñez Jato nin do informe realizado no ano 2016 por G. Meijide e J. Senín.
Moure cóntanos que non moi lonxe da anta do Pico das Mallás aparecen ao redor dunha ducia de túmulos e algúns petroglifos que él mesmo localizou o mesmo día do ano 2016.
Semella que no ano 2016, segundo Moure, non estaba catalogada; sen embargo, a día de hoxe a anta denominada Pico das Mallas I, está catalogada en Patrimonio da Xunta de Galicia co códico GA27039087, despois da comunicación de Moure a Patrimonio.
En Sigrás, nos mes dos maios e das frores, 2025.
Saúde, sorte e libros!!!
INFORMACIÓN MOI ÚTIL
https://outeiroderei.gal/turismo/natureza/rutas/ruta-arqueoloxica-de-o-acevedo
https://patrimoniogalego.net/index.php/90099/2016/11/mamoa-do-pico-das-mallas/
https://megaliticia.blogspot.com/2015/12/mamoa-do-pico-das-mallas.html
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-69241883#lb-embedhttps://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de.html