sábado, 1 de septiembre de 2012

Anta-dolmen de Aiazo (Frades) e Medorra do Coto do Lobo (Marzoa-Oroso)

Anta-dolmen de Aiazo (Frades) e Medorra do Coto do Lobo (Marzoa-Oroso)

Anta de Aiazo. Frades

Trátase dun exemplo estupendo (non por elo menos dramático) de expoliación do noso patrimonio. Grazas aos esforzos de Manolo Pazos e á Asociación Obradoiro da Historia de Ordes, puiden coñecer o que queda desta que fora grandiosa anta.




A historia é ben simple: despois da nova organización espacial feita na zona pola Parcelaria (destrución de corredoiras, tala de bosques centenarios...) unha máquina escavadora achanzou a zona destruindo a gran mámoa na que se acochaban seis enormes esteos que constituían a cámara megalítica.

A denuncia da Asociación Obradoiro da Historia non puido conseguir máis que os grandes esteos permanecesen tirados no arredor dos terrenos nos que se asentaba.




Por iso hoxe en día podemos imaxinar unha anta de enormes dimensións que fora coñecida co nome de Peneda de Guntín: seis esteos atópanse espallados á beira da pista. O máis grande deles acada case cinco metros de longo, co que se pode comparar en dimensións aos grandes esteos que compoñen Dombate.



Fotografías realizadas por Ramón Boga Moscoso no ano 1996
.


Medorra do Coto do Lobo. 

Atópase no lugar de Recouso, parroquia de San Martiño de Marzoa, concello de Oroso.

Aínda que non conserva restos de cámara megalítica á vista,  non puiden evitar a tentación de engadir esta mámoa polo que supón  de carar á conservación do Patrimonio, sendo un exemplo do interese dalgunhas entidades veciñais a favor da defensa do devandito patrimonio.


Fotografía do Xornal La Voz de Galicia

Efectivamente, a Asociación de Veciños da parroquia de Marzoa, en colaboración con Manolo Pazos, acondicionou e puxo en valor a mámoa. Trátase sen dúbida dunha iniciativa de extraordinaria importancia para a conservación do patrimonio a partir do ámbito humano inmediato. O acondicionamento realizouse baixo a supervisión de técnicos de Patrimonio da Xunta de Galicia: procedeuse á delimitación, limpeza e desbroce dos terrenos onde se ubica a mámoa. Sobre a superficie tumular sementouse herba.

A Asociación veciñas de Marzoa solicitou que no proceso da concentración parcelaria os terrenos da Mámoa do Coto do Lobo sexan calificados como masa común, protexida e aberta ao disfrute público.


Mámoa do Coto de San Nicolao. Frades

Noticia e fotografía extraída do Xornal La Voz de Galicia sobre a destrución do patrimonio no Concello de Frades. En concreto trátase da destrución por maquinaria pesada de gran parte dunha mámoa coñecida co nome de Coto de San Nicolao.

Outra vez os membros da Asociación Obradoiro da Historia denunciaron publicamente este enésimo atentado contra o patrimonio arqueolóxio.



Fotografía do Xornal La Voz de Galicia