PEDRAFITA-MENHIR PEDRA DAS ESTANTEGAS OU MARCO DAS TRANTAS
PEDRAFITA DO COTO DE ALDIR II
"¿Puede haber algo más ridículo que la pretensión de que un hombre tenga derecho a matarme porque habita al otro lado del agua y su príncipe tiene una querella con el mío aunque yo no la tenga con él?".
Blaise Pascal
Debuxo de Moncho Boga, 2026. |
E sigo nas agarimosas terras de Covelo, nas a veces abruptas terras de fronteira, nas a veces rudas estampas dunha naturaleza case salvaxe, humanizada e representativa, de numerosos elementos arquitectónicos, prehistóricos, naturais, que caracterizan a antiga e case desaparecida Galicia rural.
Sigo no Coto de Aldir, lugar de pleitos desde sempre, lugar de loitas enconadas polos límites, polos lindeiros, polos marcos... Loita pola pertenza, pola posesión entre varias parroquias, como acontece en toda Galicia. Sen embargo non é a miña misión decidir o lugar de pertenza deste pequeno anaco do Coto de Aldir, desta penecharia onde se asentan dúas características pedrafitas. Un outeiro talvez máxico, sagrado, rodeado de penedos con cazoliñas de diverso tamaño, de penas como tronos, de penas de reis, de minas de auga, mananciais, de necrópoles megalíticas, de poboados castrexos e, por suposto, de dúas pedrafitas que caracterizan este sobranceiro santuario.
Como estaba a relatar na entrada anterior, a chaira con lixeira inclinación, onde se asentan estas dúas e mais que probables pedrafitas, forma parte dun gran outeiro sagrado (de altarius), un santuario ao aire libre onde se amosan todos os ingredientes que permiten a afirmación desta paraxe coma un santuario prehistórico que se mantivo como un fósil desde a prehistoria ata hoxe en día.
A segunda pedrafita desta pequena chaira conservouse ergueita debido á súa reutilización como marco de término, probablemente como as "petra fictas" que aparecen profusamente na documentación medieval galega. E, posiblemente tamén, reutilizouse neste senso debido ao seu carácter simbólico, debido a que constituiuse como un referente para as mentalidades desde a prehistoria, desde os homes que a chantaron nese lugar: mesmo referente, diferentes funcións, distintos significados.
Como apostillaba con respecto á Pedrafita do Coto de Aldir I (e segundo os estudos de Alberte Reboreda) o topónimo Aldir aparece documentado por vez primeira no ano 1151, contituíndose nun Couto medieval situado en Santa Mariña de Covelo, dando nome ao "principal outeiro da nosa parroquia", nun documento do mosteiro cisterciense de Melón. Non é descabelado pensar que a nosa pedrafita xa funcionase daquila como marco delimitador do Couto.
No ano 1756, nun apeo parroquial entre as parroquias de Santiago e Santa Mariña de Covelo co título "Demarcacións que circundan esta Feligresía de Santiago de Covelo y su anejo San Bartolomé de la Lamosa. Por Cuevas ano de 1756", aparece por vez primeira a pedrafita con nome propio:
"Comienza esta Feligresía de Santiago de Covelo a demarcar por la esquina del Norte con la de / Santa Marina, mas abajo del Coto ó piedra llamada de las Estantegas, en el que se junta con la de Maceira con Covelo."
![]() |
Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026. |
Noutro documento de deslinde do ano 1850 entre as mesmas parroquias (promovido polo Alcalde-Pedáneo de Santiago de Covelo) sinálanse os marcos ou mollóns que delimitan ambas as dúas parroquias: "...Piedra de las Estantegas y Coto del Monumento..." Segundo Alberte Reboreda, hoxe en día coñécese co nome deturpado de Marco das Trantas.
Seguindo a Martinón Torres (ver bibl.) os megálitos de término carcterízanse ou teñen asociados tres grandes valores apreciados con distinta intensidade en función dos diversos contextos territoriais a saber, un valor simbóico-mítico, un papel histórico-arqueolóxico e un valor social-territorial. Este emprego como marcadores dun territorio foise perdendo ao longo do tempo ata que quedou case exclusivamente circunscrito ás delimitacións das parroquias, concellos e incluso provincias. Martinón destaca a particular evolución desa consideración social-territorial sobre todo desde a Idade Media: o labrego medieval empregaba como demarcadores uns fitos que xa estruturaban a paisaxe, o territorio, desde sempre. Polo tanto tamén tiña, ese fito reutilizado, un valor mítico, un referente máxico.
Malia que a partir do século XVII a función territorial foi desaparecendo, moitos monumentos megalíticos -engadindo ás mámoas- foron perdendo eses valores e polo tanto xa deixaron de ser imprescindibles. A nosa pedrafita constitúe un exemplo da persistencia do aproveitamento ao longo da noite dos tempos. Aínda que os que construiron os megálitos desapareceron fai miles de anos, as súas construcións permaneceron na paisaxe impertérritas e, polo tanto, foron obxecto de novos usos: novas sociedades e novas culturas foron outorgándolles outros significados e diferentes funcións. Por todo iso non podemos estar mais de acordo con Martinón cando considera que estes singulares monumentos son depositarios de memorias colectivas ancestrais e acumulativas.
A Pedrafita-menhir das Estantegas ou Marco das Trantas mide ao redor un metro e setenta e cinco centímetros. Este marco, este mollón, froito da reconversión dunha pedrafita megalítica nun elemento para acoutar un territorio (valor social-territorial), amosa nas súas caras as letras "C", "M" e "P" que posiblemente se correspondan coas parroquias de Covelo, Maceiras e Pazos. Tamén hai inscrita unha data: 1871.
![]() |
Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026. |
Trátase dun esteo de tipo medio coa base cadrangular (moi achanzada nas arestas) que se vai convertendo en triangular e vaise continuando ata diminuir na croa para adquirir unha forma mais redondeada, case cónica. O mais interesante ao meu xuizo é o claro aspecto fálico que se debe á forma da croa e ás pequenas escotaduras que formarían ou darían lugar ao glande. Na base, unha protuberancia talvez represente os testículos, como acontece no Marco da Anta no concello coruñés de A Laracha. As características mais salientables das pedrafitas de "tipo fálico" son: a curvatura da croa; caras rectas e convexas (norte e sur respectivamente); gravuras como coviñas, cruciformes, ferraduras e antropomorfos. Malia todas istas características, as pedrafitas poden tamén participar de varias manifestacións simbólicas e tamén funcionais e dicir, participan de varias tipoloxías.
Recompilando: o testículo na base (a raíz, unida á pelvis), logo a parte principal ou corpo (parte cilíndrica) cunha parte cóncava e a outra lixeirramente convexa, case recta e, por último, o glande (a punta) ou parte redondeada, cónica. Todo elo confírelle unha espectacular apariencia de falo.
Seguindo as minuciosas investigacións de Alberte Alonso, os cultos que xiran ao redor da fertilidade son de orixe prehistórico: a práctica dunha xeira de rituais para estimular e protexer a fecundidade vexetal, animal e humana. As pedrafitas fálicas estaban a cumplir funcións relixiosas e a súa finonomía asóciase ao culto da fertilidade: xenera renacemento, vida e fertilidade; a forza creativa e fecundadora.
![]() |
Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026. |
Debido á situación desta pedrafita, á beira dunha anta desaparecida, á cercanía doutras tres e ao discorrer dun camaiño primitivo, tamén considero que pode adscribirse á función de pedrafita anunciadora da necrópole megalítica, coma un fito que nos anuncia o lugar da morte, o solar dos ancestros.
Redundando no carácter máxico do outeiro do Coto de Aldir, engadir a cercanía do manancial chamado Mina do Coto de Aldir, as numerosas penedas con cazoliñas de diverso tamaño que delimitan todo o contorno inmediato, as formacións rochosas de formas caprichosas, a necrópole megalítica, o castro, os camiños prehistóricos..., todo iso fai que, á beira destas dúas fermosas pedrafitas, lle confiran a esta paraxe unha cualidade con carácter de seu.
![]() |
No outro lado da estrada pódese ver a Pedrafita de Aldir I. Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026. |
Para rematar, unhas breves consideracións toponímicas. Con respecto ao topónimo "Estantegas" pódese presumir que procede da base "estant-", vencellado con "estar", "permanecer", sitio onde algo se mantén. Mais o sufixo abundancial "-egas", o que viría a dar "lugar onde algo está asentado ou que se mantén". Significaría algo así como aquilo que está de pé, estable. Si o vencellamos co cercano manancial da Mina do Coto poderíamos aventurar que significa zona de rechán onde a auga do manancial queda retida ou rezuma, como terras estancadas. En suma, terras de ladeira onde a auga do manancial permanece, formando un terreo húmido ou encharcado. Pero tamén onde as pedrafitas permanecen, duradeiras e silentes. O topónimo "Trantas" co que tamén se coñece esta pedrafita, é probable que se forme coa raíz "tras- / trans-" que significa "ao outro lado de" ou "mais aló de". A terminación "-as" moitas veces é un plural típico de zonas ou terreos determinados, polo que o topónimo significaría "terreno que está ao outro lade de..."
Un sinceiro agradecemento ás informacións de Maximino Fernández Sendín sobre esta sobranceira zona e un silencioso grito de ánimo na súa teimuda procura para erguer no seu estado vertical a pedrafita do Coto de Aldir I, feito que por fin semella que vai por bo camiño, segundo as propias informacións de Maximino. Saúdos Maximino e moitas grazas por todo.
EN SIGRÁS, COAS PRIMEIRAS RAIOLAS DOS SOL DE 2026.
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!
BIBLIOGRAFÍA E ENLACES INSOSLAIABLES
Marcos Martinón-Torres: "Los megalitos de término. Crónica del valor territorial de los monumento megalíticos a partir de las fuentes escritas." Trabajos de Prehistoria 58, nº 1, 2001, pp. 95 a 108.
Alberte Reboreda, 2022: "Santa Mariña de Covelo. Notas de toponimia, historia e Patrimonio". Imprime: Aceroplus-Ponteareas. Concello de Covelo e Deputación de Pontevedra.
Parcero Oubiña, César: " Lectura de la transición Bronce Final-Edad del Hierro en el NO ibérico. Dinámicas sociales y surgimiento del poblamiento fortificado". CSIC-INCIPIT.
http://www.casamuseopazodacruz.com/
https://www.facebook.com/CasaMuseoPazoDaCruz/?locale=es_ES
https://www.facebook.com/search/top/?q=Maximino%20Fernadez%20Send%C3%ADn
https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/
https://mapcarta.com/es/N1242456128
https://www.facebook.com/maximino.fernandezsendin/videos/coto-de-aldiri-covelo-pontevedra-santuario-prehist%C3%B3rico-en-%C3%A9l-se-registran-un-gr/1652135302623400/
https://www.facebook.com/groups/250663839378459/posts/1596498818128281/
https://www.diarioluso-galaico.com/articulo/area-metropolitana/covelo-municipio-entre-montanas-que-conserva-esencia-rural-galicia/20260316171254062745.html
https://arqueotoponimia.blogspot.com/search?q=Cruz+outa
.webp)

.jpg)







