mércores, 17 de outubro de 2012

ESTATUA-MENHIR DE MUÍÑO DE SAN PEDRO. San Pedro de Queizás, Verín.

Estatua-menhir de Muíño de San Pedro. Oimbra-Verín

Foi atopada no ano 1985 nas proximidades do río Támega, no concello de Verín, próximo á parroquia de Oimbra. Estaba ao carón dun camiño, nunha zona de aterrazamento, achairada, a uns cen metros das ruínas do Muíño de San Pedro, aos pés do lexendario Monte Ladario, moi preto dos límites entre os concellos de Verín e Oímbra.

Estruturalmente amosa unha forma troncocónica cun lixeiro aspecto antropomorfo e acada unha altura que non sobrepasa o metro e sesenta centímetros. Atópase labrada en todo o perímetro.



Fotografía da páxina,  www.musarqourense.xunta.es


Na base acada un metro e sesenta e catro centímetros de perímetro e vai diminuindo pouco a pouco ata a coroa, que non sobrepasa o metro e catro centímetros. Na parte da fronte aparece unha inscrición funeraria desenvolvida a través de catro liñas. Na parte superior destaca un rostro humán inciso que se conseguiu a través dun resalte, o que permite diferencialo do resto do corpo. Nesa sinxela cabeza, apenas esbozada, debúxanse tamén os riscos das orellas. O epígrafe romano pódese datar con case total seguridade a finais do século I d. XC. Pero, como veremos, estamos diante dunha peza reutilizada en época romana.

Debuxo da páxina,  www.musarqourense.xunta.es


A plasticidade desta pedrafita resáltase a través do relevo que rodea a cabeza, que se vai alongando pola parte de atrás, debuxando unha posible melena longa. Paradóxica e curiosamente, ese relevo prolongado tamén resalta o seu nítido aspecto fálico.

As demais características físicas son moi sinxelas, como as incisións que marcan os ollos, a nariz, a boca e as orellas.

Debuxo da páxina, 
 
www.musarqourense.xunta.es


Aínda que, pola inscrición, débese adscribir cronolóxicamente ao mundo galaicorromano, pensamos, con Fábrega, que posiblemente desta estatua-menhir se podan deducir tres ámbitos cronolóxico-culturais ben diferenciados, a través de sendas reutilizacións. Efectivamente, un aspecto destacado das estatuas-menhir é a súa pervivencia, de xeito que foron menhires fálicos transformados posteriormente en estatuas-menhir. Na estatua-menhir do Muíño de San Pedro, maniféstase, ademais da transformación de menhir fálico a estatua-menhir, unha terceira transformación en epígrafe funerario por medio da inclusión dun texto de época romana.



Fotografía de Xabier Moure, blog onosopatrimonio


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


BIBLIOGRAFÍA

Fábrega-Álvarez, Pastor; Fuente, Joao; González García, Francisco Javier, "Las sendas de la memoria. Sentido, espacio y reutilización de las estatuas-menhir en el NO de la Península Ibérica".

Peza do mes. Xaneiro de 2002 PDF.
Museo Arqueológico Provincial de Ourense
www.musarqourense.xunta.es

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/estatuas-pedrafitas.html

Ningún comentario:

Publicar un comentario