miércoles, 31 de octubre de 2012

Antas-dolmenes da necrópole das Pedreiras. Zamáns, Vigo

Antas-dolmenes das Pedreiras. Zamáns, Vigo

Ramén se coñece co nome de Necrópole das Xunqueiras. Trátase dunha necrópole megalítica composta por catro mámoas que están ubicadas no Campus Universitario das Pedrafitas/Marcosende. As catro mámoas atópanse en lugares altos, destacados  con moita visibilidade.
Anta-dolmen nº 2 das Pedreiras

Trátase dunha mámoa que acada os dezaseis metros no eixo N-S e outros dezaseis no eixe LÓ e apenas sobresae os setenta centímetros. É así que se amosa moi arrasada e chanzada. No medio debuxa o xa típico funil de violación onde se erixen tres esteos que miden uns oitenta centímetros de altura.





Mámoa nº 3 das Pedreiras

Acada os dezanove metros de diámetro no eixo N-S e dezaoito no eixe L-O. A mámoa acada unha altura duns dous metros e, ao estar nun lugar moi alto, popsibilita unha boa visibilidade.



Fotografías: xosecounhago.com


Antas-dolmenes do Rebullón. Vigo

Antas-dolmenes do Rebullón. Vigo

As mámoas do Rebullón atópanse emprazadas nos lndeiros dos concellos de Vigo e Mos. Actualmente foron trasladados para o "Centro Cultural As Pedriñas" de Mos, onde aparecen dúas antas reconstruidas.

A primeira anta está conformada arquitectónicamente por sete esteos que se distribúen, en planta, de xeito circular.


Anta trasladada do Rebullón. Fotografía: xosecounhago.com

A segunda anta confórmase a través de seis esteos e amosa un corredor corto. A nota característica é a descontextualización destes elementos, dos que non hai ningunha información in situ.

  
Anta trasladada do Rebullón. Fotografía: xosecounhago.com

Anta destruida do Rebullón. Fotografía: xosecounhago.com

martes, 30 de octubre de 2012

Antas-dolmenes de Bembrive e Valadares. Vigo

Antas-dolmenes de Bembrive e Valadares. Vigo

Anta-dolmen da Mámoa de San Cosme

Para chegar. Unha vez pasadas as instalacións do Círculo Mercantil de Vigo, hai un camiño á dereita que rodea esas instalacións. Seguindo ese camiño, despois duns cen metros, aparece a Mámoa, logo dunha pronunciada curva á dereita.

A mámoa mide uns trinta metros de diámetro o sobresae cerca de dous metros e medio. No interior ahi un enorme burato de violación.





Anta-dolmen das Pereiras

Para chegar. Hai que voltar á estrada e, a preto de trinta metros da anterior, entre a primeira e a segunda casa, á dereita da pista, aparece a mámoa.

Trátase dos restos dunha mámoa cortada pola metade debido á construción dunha pista, quedando á vista os restos da cámara. Tamén foi obxecto dunha escavación arqueolóxica. Quedan á vista varios esteos, entre os que destaca os restos da pedra cobertora ou tampa.




Debuxo de Ramón Boga Moscoso

Anta-dolmen da Mámoa de Chan da Seca

Para chegar. Hai que voltar á estrada do Campus Universitario que está a uns seiscentos cincoenta metros. Aparece un cruzamento: de fronte vaise a Zamáns; pola esquerda, a Vigo. A uns cento cincoenta metros con dirección a Vigo, hai outro cruzamento e hai que seguir pola estrada da dereita, novamente cara a Vigo. A uns mil catrocentos metros aparece outro cruzamento cunha isleta ou pequena rotonda: as dúas estradas de fronte  diríxense a Vigo; a da esquerda vai a Beade e a da fronte vai a Valadares. Seguindo por esta, a uns dous mil seiscentos metros, aparec eo Colexio Público de Sobreira. Un pouco antes del hai outra isleta: débese rodeala e ir pola estrada da dereita. A uns trescentos metros, e logo corenta metros máis pola pista forestal de frotne, deixando esta estrada, chégase a unha zona onde a pista atópase cortada pola autoestrada. Á esquerda, un camiño e por él, a corenta metros, de novo á esquerda, nas leiras, pegada ao muro, aparece a mámoa.

A mámoa mide cerca de vintecinco metros de diámetro e ten unha altura de dous metros e medio.




Anta-dolmen Megalito de Chan da Seca

Desde a fronte do Colexio Público de Sobreira, hai que coller á dereita: rodéase a rotonda fronte á estrada do Colexio e hai que ir pola estrada de Seoane. A uns quince metros aparece un camiño pola dereita e , a uns douscentos metros, despois de dúas entradas de leiras á dereita, hai que ir pola leira t amén da dereita: a anta está no interior desa leira a uns cincoenta metros.

Atópase nunha mámoa que acada uns vintecinco metros de diámetro e case dous metros de altura. Amosa un funil de violación salvaxe que chega ao xabre. Nese gran burato aparece ergueito un dos esteos da estrutura arquitectónica.





Tanto as fotografías como a información xeral foron extraidas do libro-guía de Hidalgo Cuñarro et al, titulado "Cultura Megalítica en terras de Candeán, Cabral, Bembrive e Valadares". Ed. Museo Municipal Quiñones de León, Concello de Vigo 1999.

ANTAS DESTRUÍDAS DE BEMBRIVE 




Fotografías: Hidalgo Cuñarro et al: "Cultura Megalítica en terras de Candeán, Cabral, Bembrive e Valadares". Ed. Concello de Vigo 1999

domingo, 28 de octubre de 2012

Antas-dolmenes de Cotogrande (Cabral-Vigo)

 Antas-dolmenes de Cotogrande (Cabral-Vigo)

Para chegar. Desde a estrada de Peinador (PO-322) hai que seguir cara ao aeroporto, despois de deixar a estrada que sube á Madroa. A un quilómetro aproximadamente hai á man dereita un hotel: despois deste establecemento, hai unha estrada que vai ao depósito de augas de Cabral. Por esta pista a uns 30 metros hai outra pista á dereita que leva á anta da mámoa nº 5 de Cotogrande.

Retornando novamente á estrada de Peinador, uns 900 ms máis adiante, á dereita da estrada hai unha subestación de Fenosa. A continuación hai un carreiro que leva cara o monte: despois de pasar sobre o gaseoducto, a mámoa nº 2 atópase nunha zona con moita vexetación á esquerda.

Para chegar á Anta nº 1, hai que seguir por ese carreiro uns douscentos metros ata que se chega a un cruzamento: a mámoa atópsas a uns 50 metros á esquerda.


Anta-dolmen da mámoa nº 1 de Cotogrande

Foi escavada nos primeiros anos da década de 1990. Na devandita escavación descubriuse unha rara cámara megalítica que describe unha planta rectangular cunha gran lousa cuia función é servir de pedra lateral e tamén de pedra cobertora, á vez que estaba sostida por varios esteos de pequeno tamaño.



A mámoa na que se acocha esta anta acada uns vinte metros de diámetro e sobresae un metro e medio de altura. Estaba cuberta por unha potente e ben trabada coiraza de pedra.


Nas escavacións exhumouse un enxoval composto básicamente por láminas de sílex, puntas de frecha, machadas pulidas, aixolas, cerámica, etc.

Anta-dolmen da mámoa nº 2 de Cotogrande

Nas escavacións descubríronse os restos dunha cámara megalítica das do tipo poligonal simple. Só permanecía un dos esteos, de máis dun metro de altura, dos que posuía orixinalmente. A mámoa na que se acocha a anta mide uns vinte metros de diámetro e sobresae un metro e medio. Tamén hai restos dunha potente coiraza. 


De entre o enxoval destacan dúas puntas de frecha, un coitelo de sílex, dúas lascas de cuarcita e tamén varios restos cerámicos.


Anta-dolmen da mámoa nº 5 de Cotogrande

A cámara megalítica atopada durante as escavacións arqueolóxicas deixou á vista unha cámara das do tipo poligonal composta por sete esteos e unha pedra cobertora que mide dous metros de diámetro.



A mámoa acada os 25 ms de diámetro e sobresae uns dous metros. Tamén posúe restos da coiraza. En canto ao enxoval destacan dúas puntas de frecha, un cincel e varios anacos de cerámica.



Tanto as fotografías como a información xeral foron extraidas do libro-guía de Hidalgo Cuñarro et al, titulado "Cultura Megalítica en terras de Candeán, Cabral, Bembrive e Valadares". Ed. Museo Municipal Quiñones de León, Vigo 1999.

jueves, 25 de octubre de 2012

Pedrafita-menhir da Capelada II

Pedrafita-menhir da Capelada II

Descuberta por Fidel Méndez, non se pode asegurar de momento a súa adscrición crono-cultural ao megalitismo. Por estar nunha zona de alta densidade de antas e pola súa forma claramente fálica, redondeada por case todo o contorno, excepto un lado que é plano, non cabe dúbida do seu carácter artificial. Aínda non a poidemos medir nin analizar o seu contexto inmediato. Semella estar profundamente fincado e parece tamén que o aproveitaron como fito demarcador, como marco.

Atópase no medio dun muro de mampostería, sinalando a súa clara función de reaprobeitamento.










Pedrafita-menhir da Serra da Capelada I. A Coruña


Pedrafita-menhir da Capelada I

A Serra da Capelada abrangue os concellos de Cedeira, Vladoviño, Cerdido e Ortigueira.

As antas-dolmenens-mámoas de A Capelada foron catalogadas e/ou prospectadas por Federico Maciñeira a finais do século XIX. No ano 1943 publicou unha serie de artigos que sen dúbida constituiron un fito para a investigación do Megalitismo en Galicia.

As mámoas emprázanse sobre todo na parte central ou en cativas prolongacións desa parte central, cara ao sul. Atópanse nas zonas máis altas e prominentes.

Segundo Maciñeira, nos monumentos megalíticos da comarca pódense atopar algunhas das características arquitectónicas máis salientables do megalitismo desta zona. En xeral as mámoas acadan unhas dimensións que van desde os seis metros de diámetro ata os vintecinco, aínda que os máis frecuentes son as dimensións intermedias e dicir, de entre dez e vinte metros. Ademáis adoitan ser de terra e moitas amosan unha coiraza pétrea exterior composta de pedras medias e pequenas.

Debo dicir que aínda non fun visitar esta enorme pedra fincada e que o coñecemento que teño dela é grazas a este invento que lle chaman internet. A primeira vez que tiven noticia dela foi nun blog que se chama http://altuntun.wordpress.com. Neste blog simplemente se sinala como chegar e ademais achéga fotografías da posible pedrafita. Tamén tiven noticia dela a través do blog, tantas veces nomeado, de Xavier Moure a saber, onosopatrimonio.

Por iso só podo dicir que a forma é bastante irregular, con forma moi apuntada dependendo da vista. Tamén se pode intuir que se cadra sobrepasa os dous metros. Aí van as fotografías:













 Fotografías extraídas do blog http://altuntun.wordpress.com.


Fotografía de Xabier Moure do blog onosopatrimonio 




Antas-dolmenes da Serra da Capelada. A Coruña

Antas-dolmenes da Serra da Capelada. A Coruña

Na década de 1990, cando se estaba proxectando a realización do Museo e da Fundación Federico Maciñeira, realicei (na compaña do meu amigo Fidel Méndez) algunhas incursións por esta maravillosa Serra do crebado norte galego.

Son restos de mámoas e antas que aínda teño sin sistematizar, e tamén, aínda, as teño sin nomear. Este é un traballo que teño pendente e que non sei cando levarei a cabo. Sen embargo non me podo resistir a tentación de amosar unhas cantas fotografías dalgún dos elementos máis salientable que xalonan o horizonte megalítico destas brumosas terras.

Algunhas fotografías son miñas; as outras, ou esas mesmas, realizounas Fidel Méndez.

Dicir tamén que a catalogación sistemática das antas da Capelada foi feita por primeira vez polo ilustre investigador Federico Maciñeira y Pardo de Lama. Esas catalogacións corrobóranse proacticamente na súa totalidade nas modernas prospeccións.


Anta da Penadaaguia

Anta destruida a finais do século XIX. Foi investigada por Maciñeira no ano 1899 e aínda conservaba seis dos esteos que conformaban a cámara e dous do corredor de entrada, así como a tampa ou cobertora que medía dous metros de longo e noventa centímetros de ancho. 

A mámoa na que se insería medía vinte metros de diámetros e a lonxitude total da cámara e do corredor era de cinco metros. O alto máximo era de dous metros e vinte centímetros.

Aínda que se considera desaparecida, todavía quedan restos significativos desta monumental anta.




Outras antas:

























































 





















Mamoa do Chan do Lodeiro

domingo, 21 de octubre de 2012

Pedrafita-menhir de Nostián. A Coruña

Pedrafita-menhir de Nostián. A Coruña

Pouco podo dicir desta tan interesante como descoñecida pedrafita, almacenada hoxe en día nas dependencias do Museo Arqueolóxico de San Antón, na Coruña.


Fotografía do ano 2005

Trátase dunha pequena pedra de planta cadrangular coas arestas redondeadas. Na parte de abaixo aínda se pode observar a marca de soterramento no chan.

É unha pedra coas caras moi traballadas e puídas. Nunha delas amosa concavidades que ben poideran ser cazoliñas e hai diversas gravuras rectas, como liñas, que sen dúbida son artificiais.


Fotografía do ano 2005

Sei que foi obxecto dunha pequena actuación arqueolóxica antes do seu traslado da que non existe publicación algunha.

Aínda que hai serias dúbidas sobre a súa adscrición crono-cultural, desde aquí considero que ben poidera ser obxecto dun estudo en detalle.


Fotografía do ano 2005