PEDRAFITA-MENHIR MARCO DE SACEDA.
Trayendo yo muchas veces a la memoria los tiempos antiguos, siempre me han parecido muy felices, oh hermano Quinto, aquellos hombres que habiendo florecido en la mejor edad de la república, insignes por sus honores y por la gloria de sus hechos, lograron pasar la vida sin peligro en los negocios o con dignidad en el retiro. Ha llegado el tiempo en que a todos parecería justo (y sin dificultad me lo concederían) que yo comenzase a descansar y aplicar el ánimo a nuestros estudios predilectos, cesando ya en mi vejez el inmenso trabajo de los negocios forenses y la asidua pretensión de los honores.
Marco Tulio Cicerón: "Diálogos del Orador". Ed. Verbum, S.L., 2023
Debuxo versión de Moncho Boga, 2025. |
Volto ás fronteirizas terras de Cualedro, ás terras tamaguenses, ás terras de Verín-Monterrei: pero non volto físicamente, volto co corazón, volto coa mente, coa ensoñación, con ilusión. E volto por eses tan misteriosos medios coma este que estou empregando. Volto polas vías da imaxinación que me permite internet. Tempos procelosos, tempos de inquedanza: Oh tempora, oh mores, como diría Cicerón. Sen embargo, estoulle agradecido a internet: podo acceder a elementos aos que antes non podería acceder, a terras ás que talvez nunca viaxe, a mundos extraordinarios, a universos como Cualedro que é un mundo en si mesmo, un mundo de homes neolíticos, de celtas, de romanos... Un pequeno universo (valga a contradición) no que están representadas as miñas inquedanzas e os meus amores, os meus gustos e as miñas querencias. Terras de Monterrei-Verín, unha das poucas reservas espirituais e máxicas do País Galego.
Continuando coa chaira onde se asentan a mámoa e a pedrafita do Madorriño, neste lugar atópase tamén a posible Pedrafita-Menhir Marco de Saceda. Outro elemento se cadra megalítico reaproveitado ao lonto dos tempos e das historias, dos máxicos amenceres, das mesmas ou semellantes inquedanzas, como lugar pensado desde sempre como un ámbito especial, referencia espacial paras as xentes de todas as épocas.
Situado nunha extensa chaira, rodeado de necrópoles megalíticas, de petróglifos, de castros, de rutas ancestrais: outro elemento megalítico que ben pode pasar a formar parte dese necesario catálogo de pedrafitas-menhires de Galicia.
Atópase no Lugar de A Costa en A Saceda, á beira da estrada OU-1060, nunha gran chaira, rodeado de mámoas e, na súa base, unha gran rocha-panel de petróglifos. Podemos constatar que o pedrafita está a cumprir toda unha xeira de criterios para considerala unha pedrafita-menhir: a presenza de mámoas, camiños primitivos, petróglifos... Puido funcionar como estela anunciadora da necrópole megalítica.
Coordenadas: Lat 41º 56´09,98´´ N Lon 7º 37´20,06´´ O
767 m.s.n.m.
CUALEDRO, UN CONCELLO DE FRONTEIRA
Unha terra tamén de castros: o Castro de San Millao e o Castro de Saceda constitúen dous dos xacementos castrexos mais impresionantes, importantes e diferenciados do suleste galego. Terra de fronteira, de circulación de xente, mercadurías e ideas. Fronteira coa antiga Lusitania, terra da Serra do Larouco, do deus indíxena Larouco, terra de, ás veces inquietantes, ás veces sorprendentes, grandes formacións pétreas forxadas polo devir do tempo, da erosión e dos movimentos tectónicos: a Pena da Muller, a 950 m.s.n.m, talvez reflicta, como ningunha outra, este carácter máxico das insondables terras de Cualedro. Trátase dunha formación antropomorfa, de granito e de espectaculares resonacias.
O Concello de Cualedro, en suma, da Terra de Verín-Monterrei, desenvólvese aos pés da devandita Serra do larouco, considerada toda ela un impresionante monumento natural. Fai falla ir a Cualedro, é necesario, coma o aire que un respira.
En Sigrás, en días intermedios do inverno do ano 2025.
Saúde, sorte e libros!!!
ENLACES QUE TEÑEN INTERESE
https://www.cualedro.es/pena-muller/
https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/04/pedrafitas-con-outras-funcions.html
httphttps://www.cualedro.es › patrimonio › es
https://patrimoniogalego.net/index.php/category/comarcas/verin/cualedro/
https://www.cualedro.es/patrimonio/pena-muller.html
https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html