mércores, 21 de outubro de 2026

PEDRAFITA-MENHIR DE MOAS OU DO MONTE DA COSTA. Laxosa, San Miguel de Gurgueiro. Agolada

PEDRAFITA-MENHIR DE MOAS OU DO MONTE DA COSTA

"En la guerra, la verdad es la primera víctima". 

Esquilo


Debuxo versión de Moncho Boga, 2026.

Dicía na anterior entrada que non sería a última vez que me achegaría ás fermosas terras de Agolada, dicía que este territorio dará e seguirá arroxando novos elementos megalíticos para engrosar este patrimonio prehistórico para disfrute de todas. Volto, polo tanto, de forma espiritual ao xeito dun pantasma, voltou moito antes do previsto... Volto debido ao casual descubrimento dun novo elemento que nos diversos foros alcúmase como un panel de petróglidos, como unha rocha partida da que non se sabe onde está o outro anaco, feito co que non estou de acordo, malia as debidas reservas.


Vista dos ondulados. Fotografía de Alex Negreira extraída do 
seu blogue megaliticia.blogspot.com

Para chegar, hai que percorrer pouco mais de tres quilómetros desde a parroquia de Ventosa: a pedrafita atópase á beira da estrada e é moi dificil de atopar debido sobre todo á vexetación frondosa de monte baixo e as diversas repoboacións forestais, na que predominan os piñeiros. Atópase, dicía, á esquerda da estrada indo desde Ventosa, nun lugar indeterminado. Desde Ventosa, repito, collemos a EP-6010 con direción a Laxosa e, aproximadamente a un quilómetro e seiscentos metros, abandonamos esa estrada e collemos á dereita: desde este desvío hai que circular pouco mais dun quilómetro e trescentos metros ata chegar a outra estrada. Aí hai que coller tamén á dereita. Uns setecentos metros despois atópase a pedrafita á esquerda da estrada, como adiantaba mais enriba. Como sempre, debo aconsellar que se dispoñemos das coordenadas, é moito mellor buscala co impertinente XPS.


Mapa do percorrido para chegar. Google maps.

Como estaba a contar, a nosa presumible pedrafita atópase á beira da estrada escondida, timida, entre a abondosa vexetación de monte baixo (xestas, toxos...) e algunha repoboación forestal. Tamén atópase inserida nun contexto  de diversos paneis de petróglifos, da necrópole megalítica de Parada e,  así mesmo, posiblemente, moi preto da pedrafita do Coto das Fontelas. 

A superficie á vista da pedrafita (que se atopa abatida) amosa un conxunto de gravuras que se cifran en uns seis ou sete cruciformes e dúas liñas onduladas que se desenvolven, unha no senso horizontal e a outra no senso vertical. Ademais, talvez algúns buratiños, que se poden apreciar na superficie á vista, poidan ser efectivamente cazoliñas.


Debuxo idealizado da pedrafita coas gravuras. 
Versión de Moncho Boga.

A pedrafita ten unha forma xeral cónica: un corte limpo na parte mais ancha, que sería a base enterrada,  vaise estreitando pouco a pouco ata chegar a unha zona onde aparecen dúas escotaduras, feito que lle confire un claro aspecto fálico.


Vista dos ondulados. Fotografía de Alex Negreira extraída do 
seu blogue megaliticia.blogspot.com

Toda a cara á vista, a pesares dos liquens que a están a cubrir, amosa unha superficie puída e regularizada coa intención clara de construir unha pedrafita. A presenza cercana de necrópoles megalíticas, a ubicación no planalto e a súa forma xeral fan pensar nunha mais que plausible adscrición neolítica.


Vista dos cruciformes. Fotografía de Alex Negreira extraída do 
seu blogue megaliticia.blogspot.com

Os motivos ondeados e/ou os serpentiformes constitúen gravuras que se repiten en numerosas antas galegas (tanto en gravuras como en pinturas); é menos habitual atopalas nunha pedrafita (si exceptuamos a Lapa de Gargantáns). Os motivos serpentiformes e os ondeados en xeral poden representar ou aludir ao movimento da vida, talvez á fertilidade, a rexeneración cíclica. Á espera de coñecer mais, semella plausible que a pedratida funcionase como estela anunciadora, tamén se pode adscribir ás da tipoloxía de tipo fálico (fertilidade) e posteriormente a un reaproveitamento como marco de termo.


 Fotografía de Alex Negreira extraída do 
seu blogue megaliticia.blogspot.com

Por outra banda, como xa vimos ollando con profusión, as cruces son moi típicas nos marcos de termo, para marcar un territorio, un couto..., pero tamén son empregadas moi a miudo como elementos para cristianizar lugares ou santuarios de primixenios cultos pagáns.


Outra vista-versión da Pedrafita de Moas.
Moncho Boga, 2026.

Por todo iso non se pode desbotar a posibilidade do seu reaproveitamento como marco de termo en datas medievais, considerando ademais a cercanía da Pedrafita Marco de Termo  Coto das Fontelas. Por último concluir que a Pedrafita de Moas está catalogada como petróglifo.

 

 Fotografía de Alex Negreira extraída do 
seu blogue megaliticia.blogspot.com

En canto a un dos topónimos con que é coñecida a saber, "moa", moitas veces, ao estar estes elementos en áreas chairas, altas, a tradición popular rematou alcumando tanto a moitas antas como a moitas pedrafitas co devandito topónimo. Ademais, "moa" tamén adoita empregarse para denominar afroramentos rochosos e penas con forma aplanada. Deste xeito, popularmente asociaronse as estruturas prehistóricas como moas xigantes.


EN SIGRAS, NO OITAVO MES DOS ROMANOS DE 2026.
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!


ENLACES E BIBLIOGRAFÍA: OBRIGATORIOS

https://megaliticia.blogspot.com/2016/11/petroglifo-da-pedrafita-de-moas.html

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-falicas.html

https://ospendellos.blogspot.com/2026/02/san-miguel-de-gurgueiro-agolada.html

https://www.blogger.com/blog/post/edit/8441542851340460340/8231637665618687921

Bello Diéguez, J. M. (1995): "Un siglo de arte megalítica en Galicia." Gallaecia, 14/15, pp. 247-280.

Fábregas Valcarce, R. e Fuente, F. de la (2005): "Las manifestaciones artísticas del megalitismo gallego: una aproximación." En Actas del III Congreso del Neolítico en la Península Ibérica, Santander.

Carrera Ramírez, F. e Fábregas Valcarce, R. (2002): "Do papel ao píxel: a documentación e estudo da arte megalítica galega." Sapiens: revista de historia e arqueoloxía, Nº. 2.

Carrera Ramírez, F. : "El arte parietal megalítico en el Noroeste peninsular: esencias, iconografías y soportes." Servicio de Publicacións da Deputación de Pontevedra, 
2011 .