ANTA-DOLMEN MÁMOA DA PEDRA POUSADEIRA
"El sentido del conocimiento, y, por tanto, también la medida de su autonomía, no se puede explicar de ningún modo si no es mediante el recurso a su relación con el interés."
Jürgen Habermas: "Conocimiento e interés". Ed. Taurus.
Debuxo versión de Moncho Boga, 2024. |
Hoxe vou retornar á Terra da Paradanta, ao Concello de Arbo, territorio vagoroso, entre montañas e grandes vales encaixonados ao redor do río Miño, do noso río, do Río por antonomasia.
Fotografía de megaliticiablogspot.com |
O Concello de Arbo atópase, no entanto, entre os Montes da Paradanta e a ribeira do Miño, que fai de fronteira natural e administrativa entre Portugal e España. Trátase do curso baixo do Miño, entre Salvaterra e Crecente, ao redor de vintecinco quilómetros, no sureste da Provincia de Pontevedra. Os outros lindeiros do Concello de Arbo son os concellos de As Neves, A Cañiza e Crecente.
Fotografía de megaliticiablogspot.com |
Os restos maltratados da Anta Mámoa da Pousadeira atópanse nunha zona montesía e a eles accédese por unha pista sen asfaltar, polo que chegar a ela é moi dificultoso. Para non perderse, o mellor é dispoñer dun XPS. Aínda así, malia complicación para atopala, o último tramo hai que facelo andando: desde a estrada PO-400 hai que desviarse cara á estrada E-5204 á esquerda. Pouco mais ou menos ubícase entre os lugares de A Fenteira ao norte e A Muraña ao oeste; a Cigarreira cara ao leste. En definitiva, aínda que pertence á parroquia de San Miguel de Cequeliños, ben puido funcionar, noutrora, como fito demarcatorio entre a devandita parroquia e San Cristrovo de Mourentán.
Fotografía de megaliticiablogspot.com |
A Anta atópase moi esnaquizada e chea de silvas e vexetación invasiva e está circundada por un valo de madeira para protexela. O estado de conservación é extremadamente malo. Polas fotografías de que dispoño pódese inferir que se están a conservar cinco esteos descolocados nun gran funil de violación que debe afectar a toda a estrutura tumular e arquitectónica. Toda esta área atópase ben representada a nivel toponímico con términos como Mourentán ou A Moura, que se aplica a unha parroquia, a camiños, a montes e a petróglifos.
O topónimo pousadoira ou pousadeira fai xeralmente referencia a terrenos especialmente preparados, algo así como unha plataforma, unha pequena chaira. Pola situación orográfica considero que neste caso pode facer referencia a lugares de pasto, asentamentos de verán, cuxo significado sería equivalente ao de "brañas". Tamén pode aludir a un lugar de descanso, como adoitaba acontecer nas vías transitadas, onde había lugares onde descansar, onde "pousar" as mercadurías.
Fotografía de megaliticiablogspot.com |
En toda esta área hai unha boa representación de petróglifos, unha mámoa mais e, no Concello, a necrópole megalítica de Chan do Rei. O camiño-pista que serpentea preto da anta denomínase Sendeiro da Moura e, non moi lonxe, atópase o Couto da Moura. Petróglifos como os de Fentiño Verde, Couto da Moura, Fanacabritos ou Pousadeira falan elocuentemente da potencia arqueolóxica desta zona. Desde o Coto da Moura unhas extraordinarias panorámicas permiten vislumbrar boa parte do Val do Río Deva e un extenso horizonte das paisaxes da beira portuguesa.
Precisamente, polos lugares aledaños serpentea a Ruta da Moura: trátase dun sendeiro circular de dificultade media. Entre os nove quilómetros e medio e os once, si se sigue a derivación que leva ás ribeiras do río Deva, tributario do Miño. Aldeas abandonadas, muíños, fragas de ribeira... Comenza e finaliza na Ponte de Mourentán. Nun dos tramos mais maltratados paisaxísticamente, atópase o Couto da moura, plagado de petróglifos, así como a Mámoa da Pousadoira, que non se inclúe no percorrido.
Arbo, un concello talvez sublime, talvez fermoso, espléndido sen dúbida, amosa certamente valores incontestables e, nos últimos anos, está loitando denodadamente por recuperar poboación e por poñer en valor os múltiples valores e recursos dos que dispón con profusión, a través do patrimonio histórico-artístico, natural, arqueolóxico, paisaxístico, antropolóxico... Entre os roteiros para coñecer este excelente patrimonio, destacamos os seguintes: Ruta dos Pescadores, Ruta das Pesqueiras, Paseo Fluvial do río Miño-Deva e o xa sinalado Sendeiro da Moura.
Terra de Albariños e Condados e, sobre todo, capital mundial da Lamprea. O Museo Arabo está adicado precisamente a amosar o mundo do viño e da lamprea, ensinando un variado universo enogastronómico vencellado a unha milenaria cultura. É así que o río Miño e a Lamprea seguen a ocupar un lugar central: as Pesqueiras ou Pescos, que aínda se están a conservar e a utilizar, son o prototipo de construción como síntesis perfecta entre arquitectura e enxeñería, un modo de vida para a economía local. Séguese, hoxendía, a empregar na pesca da lamprea esa técnica ancestral.
Sempre merece a pena voltar ás profundas terras da Paradanta, ás terras do Miño, ao Concello de Arbo.
En Sigrás, nos turbulentos tempos de febreiro de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!
ONDE CONSULTAR ALGO MAIS
pousadeira.htmlhttps://megaliticia.blogspot.com/2015/11/mamoa-da-pedra-pousadeira.html
https://concellodearbo.es/eportal/portal/?id_seccion=110
https://concellodearbo.es/eportal/portal/?id_seccion=6
pousadeira.htmlhttps://megaliticia.blogspot.com/2015/11/mamoa-da-pedra-pousadeira.html
https://concellodearbo.es/eportal/portal/?id_seccion=110
https://concellodearbo.es/eportal/portal/?id_seccion=6
https://es.wikipedia.org/wiki/Arbo
https://concellodearbo.es/eportal/portal/?id_seccion=114
https://www.queverengalicia.com/2012/08/que-ver-en-arbo.html
file:///C:/Users/monchoboga/Downloads/Sendeiro%20da%20Moura%20Exterior%20(1).pdf
https://concellodearbo.es/eportal/portal/index.php?id_seccion=143
file:///C:/Users/monchoboga/Downloads/Sendeiro%20da%20Moura%20Exterior%20(1).pdf
https://concellodearbo.es/eportal/portal/index.php?id_seccion=143
https://concellodearbo.es/eportal/portal/index.php?id_seccion=114
Planeamento urbanístico Arbo
Planeamento urbanístico Arbo