domingo, 16 de diciembre de 2012

Marco de San San Lourenzo. San Mamede de Laraxe, Cabanas



Marco de San Lourenzo. San Mamede de Laraxe. Cabanas 

Trátase dun pequeno esteo que seguramente procede dunha anta e que hoxe aínda está revestido da aura das pedras que curan.

Parece ser que levaban aos enfermos -segundo conta Vales Villamarín- pola noite, preferentemente os venres, pero tamén os martes, ata o Marco ao que lle tiñan que dar nove voltas. Rezaban determinadas oracións e logo deixaban sobre o marco algunha esmola así como prendas dos pacentes, e diversas outras ofrendas como leite, pelo do gando, aceite...

Os enfermos (ao igual que na pedrafita do Seixo na parroquia de Torres en Vilarmaior) debían coller nove pedras nunha encrucillada e, unha vez diante do Marco, debianas tirar por enriba do ombreiro esquerdo cara ao Marco e mentres o facían debían recitar: "Tanto goce de mín que me queira mal, como eu gozo desta pedra. Un padrenuestro e unha avemaría polo poder de Dios e da Virxe María"

Por último, os ritos asociados ao Marco o están tamén á ermida, de xeito indisoluble. Os ofrecidos, antes de sair da casa, deixan unha vela e un bolo de pan cun coitelo clavado. Despois poden ir xa ao Marco onde se producirá a consabida curación.



Fotografía extraída do artigo,  VALES VILLAMARÍN, F.: "Estudio de un marco dolménico en Cesuras (Coruña) y las leyendas que generó" Anuario Brigantino, nº 22. 1999



 
Imaxe actual do Marco de San Lourenzo


Marco do Monte da Medela. Santaia de Probaos, Cesuras

Marco do Monte Medela. Cesuras

Para chegar: desde Santaia, onde hai dúas tabernas, ao pasalas, coller un desvío á esquerda que baixa costaneiro. A menos dun quilómetro, hai que coller outro desvío á dereita no que hai unha sinal indicadora da ermida de San Xoán do Couto. A catrocentos metros atopamos á ermida.

O Pico da Medela atópase a 468 ms de altitude e, no lugar onde está asentado o Marco, eríxese unha pequena ermida adicada a San Xoán Bautista. Moi cerca emprazábase unha mámoa da que asomaban dous esteos da cámara. Segundo Vales Villamarín, un destes esteos salvouse porque fai de marco de termo entre as parroquias de Loureda e Paderne. Tamén conta que a tampa ou pedra cobertora do devandito monumento megalítico atópase no chan do palco da música.

O humilde Marco do Monte da Medela destaca, máis que polas súas características formais, pola cantidade de relatos lexendarios de que está rodeado. Por suposto, o número nove, número máxico onde os haia, aparece impertérrito e inconmovible nas lendas vencelladas ás tradicións máxico-curativas deste mínimo elemento que se engrandece cunha soberbia pátina de propiedades extraordinarias.

É unha visita recomendable desde moitos puntos de vista, tanto polos elementos reseñados como polas extraordinarias vistas: amplos horizontes recordan á inmensidade do universo...





Fotografía extraída do artigo,  VALES VILLAMARÍN, F.: "Estudio de un marco dolménico en Cesuras (Coruña) y las leyendas que generó" Anuario Brigantino, nº 22. 1999