sábado, 27 de setembro de 2025

PEDRAFITA-MENHIR PEDRA LONGA. San Bieito de Vilameán, Tomiño.

PEDRAFITA-MENHIR PEDRA LONGA

"¡Tan sagrado es el don de las Musas para los hombres! De las Musas y del flechador Apolo descienden los aedos y citaristas que hay sobre la tierra; y de Zeus, los reyes." 
"Antes que todas las cosas, en un comienzo, fue el infinito Caos."

HESÍODO. Cosmogonía



Debuxo de Moncho Boga, 2025.

Curiosa e ao mesmo tempo maxestuosa pedrafita feita de xisto que permanece semisoterrada e tamén cunha sensible inclinación, case tirada horizontalmente. Atópase no lugar de O Castro, nunha aba que descende con dirección ao leste, moi preto do castro homónimo e á beira dun primitivo camiño talvez pegada dunha ruta prehistórica, testemuñada tanto pola presenza da Pedrafita coma do Castro.

Vilameán de Treba, terra de bucólicas reminiscencias, no barrio -como dícia antes- de Castro, dise que cando chegaron os mouros unha vella moura traía a pedrafita na cabeza e ao mesmo tempo fiaba cunha roca. A continuación procedeu a deixar a roca sobre a Pedrafita sinalando así que alí estiveran os mouros..., nunca mais se soubo deles.



Fotrografía extraída da páxina web: 
misteriosleyendasdegaliciayasturias.wordpress.com

Outra verídica lenda narra que a Pedrafita ten un Encanto e debaixo dela hai unha morea de ouro gardado por unha cobrexa de sete cabezas. Para desfacer o encantamento e poder facerse co preciado ouro, ten que ir un cura na compaña de sete cans. Ao chegar o can número sete, desaparecerá o Encanto e entón poderase entrar por debaixo da pedrafita e coller o ouro que está alí agochado.

Mais tamén hai diversas probas  que falan da presenza dos mouros neste lugar: varias covas e un primitivo forniño onde cocían o pan. A Eira Morrosa, onde se podía ver  a roupa posta a secar desde a lonxanía, semellaba un espexismo pois cando alguien se achegaga  xa non había nada, debido a que era a máxica vestimenta dos nosos míticos mouros.



Fotrografía extraída da páxina web: 
misteriosleyendasdegaliciayasturias.wordpress.com

A enorme riqueza arqueolóxica, e por ende megalítica,  do País Galego posibilitou que a nosa terra atesourara un impresionante legado etnográfico. As lendas de temática moura son as mais abondosas e a polisemia do termo refírese tanto á antigüidade como ao enigma ou ao misteiro: o folclore conforma a antigüidade vivente polo que case sempre representa un intento de racionalización dos mitos anteriores. É así que a nosa cultura tradicional emprega o "imaxinario" como algo que é diferente do real, pero tamén como unha parte do real.

A meirande parte das lendas de mouros (como a que nos ocupa) fan referencia aos tesouros que acochan gardándos debaixo da terra ou tapándoos con enormes pedras/pedrafitas: tamén os acochaban nas antas e nos castros. Por iso a misión mais importante dos mouros é a vixianza e proteción deses tesouros que defenden unhas veces con encantamentos e outras con veleno.

 

Fotografía de Óscar Franco da páxina web:
patrimoniogalego.net

En definitiva, as actividades dos mouros son as mesmas que as do campesiño: os míticos mouros empréganse no imaxinario popular para expresar simbólicamente conceptos que preocupan á nosa sociedade tradicional. Son o doble simbólico dos campesiños e utilizan ideas  como as de "humanidade" (o mouro non é humano), a idea da muller (a moura é fermosa e rica pero, pola contra, é moi perigosa), a valoración positiva do traballo para mellorar en contraposición co tesouro atopado sen esforzo...


otografía de Óscar Franco da páxina web:
patrimoniogalego.net

Como todo universo mitolóxico, os mouros posúen un espazo de vivenda propio e diferenciado, desenvolven diversas actividades e non se relacionan cos cristianos. Para a nosa cultura popular, os mouros nin morreron nin marcharon de Galicia: vivían e viven nos montes, penechairas e vales onde se atopan os restos arqueolóxicos ou os elementos da paisaxe que, sen ser naturais, tampouco son propios dos humanos (pías, pedras oscilantes, figuras natropomorfas naturais, etc).



Fotografía extraída da páxina web:
www.xoanarcodavella.com

Dos estudos  publicados sobre o tema, pódense extraer dúas conclusións que serven de punto de partida: por unha banda, a mitoloxía ao redor dos mouros amósase uniformemente por todo o territorio sen excepción; pola outra, as lendas atópanse relacionadas directamente con lugares de gran potencialidade arqueolóxica.

E, como todo sistema mitolóxico, debaixo das lendas dos mouros subxace toda unha racionalidade que explica fenómenos que non se podían entender doutro xeito, un esquema explicativo de todo aquilo que preocupaba e preocupa aos galegos, unha cosmogonía.



Fotografía extraída da páxina web:
www.xoanarcodavella.com

Pedrafita-menhir a Pedra Longa de Vilameán constitúe un bo exemplo da pervivencia da temática moura no país galego, que se repite por todos os currunchos da nosa xeografía.


Coordenadas: 

Lat. 42º 1´33.06´´ N Lon. 8º 44´44.73´´ O
145 m.s.n.m.


En Sigrás, finalizando setembro de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


ENLACES OBRIGATORIOS


https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/04/pedrafitas-con-outras-funcions.html

https://misteriosleyendasdegaliciayasturias.wordpress.com/2017/12/15/leyenda-de-pedra-longa-piedra-larga/

https://patrimoniogalego.net/index.php/82684/2016/02/a-pedra-longa/

http://www.xoanarcodavella.com/2013/09/pedra-longa-lenda.html
http://ocio.farodevigo.es/planes/rutas-excursiones/pla-2388-vilamean-caminos-tradicion.html
https://galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=18&id=2570

https://misteriosleyendasdegaliciayasturias.wordpress.com/2017/12/15/leyenda-de-pedra-longa-piedra-larga/