venres, 24 de xullo de 2026

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DA ESTADA. Santa María de Xeve, Pontevedra.

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DA ESTADA

"Ninguna guerra tiene la honestidad de confesar: Yo mato para robar."

Eduardo Galeano


Debuxo versión de Moncho Boga, 2026.

É, sen dúbida, un gusto voltar ás pedrafitas, voltar cun novo exemplar, cun pequeno marco cuxo coñecemento venme propiciado pola mirada avezada de Alberte Alonso: mirada que escudriña e que atopa as pedrafitas alí onde estean, no mais recóndito, no mais lonxano, camufladas..., naquiles lugares onde os demais só ven pedras. Alberte ten a estraordinaria cualidade de clarexar aspectos do noso megalitismo  ocultos, solapados entre unha morea de tebras, a facultade de traer á luz o que para a maioría é escuridade.


Situación do Marco da Estada en relación coa cidade de Pontevedra.

Pois ben, esta vez Alberte envíame fotografías e información sobre unha pequena pedrafita-marco que está emprazada nos límites entre os concellos de Pontevedra e Moraña. Trátase, efectivamente, dun marco de termo, un marco de termo reaproveitado para tal fin: unha pedrafita que continuou a súa existencia cambiando a función, pero non a súa naturaleza como referente simbólico ao longo das noites e dos días...


O Marco da Estada no ano 2016. Fotografía de Alberte Alonso.

Estou diante dun territorio, ademais, prolixo neste tipo de monumentos: moi preto atópase a gran e mítica pedrafita A Lapa de Gargantáns; tamén a pedrafita ou estátua-menhir Cabeza de San Pedro, a Pedrafita de Marcón, Cerpozóns..., unha área ben coñecida  e mellor estudada por Alberte Alonso. 


Fotografía de Alberte Alonso, 2016.

A Pedrafita da Estada ten forma, segundo a perspectiva na que se mire, lixeiramente cónica, ás veces tamén triangular, fusiforme..., e probablemente se poda adscribir á tipoloxía de pedrafitas "falicas", segundo a clasificación de Alberte Alonso. A situación nunha pequena vagoada, a presenza de mananciais así como o seu pequeno tamaño..., poden ser criterios mais que suficientes para incorporala ao amplo abano das pedrafitas galegas. Estou completamente de acordo con Alonso cando considera que estamos diante dunha "copia en pequeno da irmá maior a Lapa de Gargantáns", que se atopa, como vimos, moi preto destoutra pedrafita.


Fotografía de Alberte Alonso, 2016.

A ubicación da humilde e cativa pedrafita hai que buscala na aba que forma o Coto de Acebedo, a 539 m de altitude. Ao seu carón discorre a estrada EP-0018 que leva de Pontevedra a Moraña. Mananciais e depósitos de auga para as parroquias aledañas xalonan a contorna inmediata.


Fotografía de Alberte Alonso, 2016.

Mide case un metro e medio de altura e, para o grosor no perímetro da base, acada case dous  metros. E, como todo non pode ser tan bonito, veu algún salvaxe e ocurriuselle converter a pedrafita nunha fonte: cun potente taladro (supoño) fixeron un burato de lado a lado e procederon á colocación dunha negra mangueira... Triste destino e desafortunada actuación, triste destino para un fito que permaneceu ergueito sen maiores altercados durante milenios. Nas fotografías que me enviou Alberte Alonso do ano 2016, aínda non sufrira esta tremenda agresión.


Fotografía de Alberte Alonso, 2026. 
Reconvertida en fonte!!!


Talvez a maneira mais axeitada de analizar esta mais que probable pedrafita sexa escrutanto o topónimo vencellado co contexto arqueolóxico. O contexto espacial da pedrafita permite supoñer que o significado de "estada" ten relación estreita cun camiño pretérito, prehistórico, cun paso, "un lugar de parada". Sería o fito que sinalaba un punto especial e concreto dunha ruta de tránsito pirmitiva: neste caso conservouse como un moxón que sinala lindeiros e está vencellado á devandita vía de comunicación.


Fotografía de Alberte Alonso, 2026. 

Nesta liña de interpretación, a nosa pedrafita aparece mencionada no Catastro do Marqués da Ensenada (1751-53) cando se describen os límites da parroquia de Santa María de Xeve, como "marco mojón antiguo nombrado da Estada". E este é un dato de suma importancia: vemos que xa no século XVIII era considerado un fito antiguo, talvez como as "petra fictas" da documentación medieval. E dicir, o marco xa estaba alí desde moito antes. O contexto orográfico tamén pode ofrecer pistas fecundas: atópase ubicado unha divisoria de augas, o que adoita coincidir cos percorridos dos camiños prehistóricos.


Fotografía de Alberte Alonso, 2026. 

Pero tampouco a pedrafita é un elemento illado, senon que se atopa nunha das paisaxes arqueolóxicas mais importantes da provincia, ocupando un tipo de emprazamento (vía de tránsito, lindeiro) con elementos prehistóricos moi cercanos: varias pedrafitas, necrópoles megalíticas, paneis de petróglifos, castros... Por iso, como xa é unha constante  noutros moitos lugares de Galicia, ollamos o claro vencellamento entre os monumentos prehistóricos  e as vías de comunicación que foron empregadas  ata a época moderna.


Fotografía de Alberte Alonso, 2026. 

Por todas istas razóns, a pedrafita tuvo sempre unha importancia a nivel simbólico como referente desde, posiblemente, o Neolítico. Xa vimos comprobando, noutras moitas pedrafitas tamén vencelladas con vías de tránsito, mámoas e petróglifos..., o mesmo marco pero con diferente significado simbólico. Cambian os tempos, cambian os costumes.


Fotografía de Alberte Alonso, 2026. 

Tamén temos que vencellar os mananciais, as fontes, o nacemento dos ríos, aos lugares sagrados prehistóricos, lugares sacros por excelencia. Non só é un culto simple ás fontes, senon que éstas condicionan e condicionaron, á beira das vías de comunicación, o lugar de ubicación das pedrafitas. Neste caso o Marco da Estada ("parada") que tamén adopta certa forma fusiforme, actúa coma unha sinal indicadora, anunciadora do lugar sagrado, do manancial, da fonte...


Debuxo versión Moncho Boga, 2026. 

Por iso, coma tantas outras das nosas pedrafitas, á primixenia función de marcar unha vía de tránsito, hai que lle engadir a de anunciar unha paraxe sagrada. Tamén é importante subliñar, por extensión, aquila función apotopraica de proteción, de todo aquil que camiña, contra todo tipo de espíritus malignos que pululan e acechan ameazantes e arrepiantes en todos os camiños.

Para chegar, coordenadas: 

42.516700, -8.585810

EN SIGRÁS, NAS DATAS PREVIAS Á GALAICOI DE 2026
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!

BIBLIOGRAFÍA E ENLACES

Alberte Alonso: "O uso das pedrafitas no neolítico galego. Estudo das Pedrafitas de Observación Astronómica e das Pedrafitas Fálicas". Ed. SAGA. Monografías da Sociedade Antropolóxica Galega, Nº 1.

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-falicas.html

https://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com/search?q=Sobrado+dos+Monxes

https://arqueotoponimia.blogspot.com/2022/03/castro-monelos-bascuas.html

Google maps