viernes, 16 de febrero de 2024

ANTA-DOLMEN DA MOURA, Santa María de Madanela. Monterrei.

ANTA-DOLMEN DA MOURA, Santa María de Madanela. Monterrei.


"Qui bene latuit, bene vixit". Tristia, III, 4, 25. Ovidio.

Hoxe vou facer outra viaxe pola nosa Galiza megalítica, talvez un  dos lugares da Europa atlántica con mais densidade deste tipo de monumentos por quilómetro cadrado. Aínda que esto non é importante, posto que non sería nin é xusto xulgar pola cantidade... Pero desde logo o mapa do megalitismo galego cambiou sustancial e radicalmente desde a década dos oitenta do século pasado, no senso da cantidade precisamente.



Anta-dolmen ou Cista da Moura.
Debuxo de Moncho Boga, 2024.

Vai ser unha viaxe diferente: hoxe non vou temer as inclemenzas merereolóxicas, cousa que tampouco me importa demasiado. Si chove, que choiva. Nesta viaxe non utilizarei automóbil, nin móbil, nin GPS, nin  me perderei gustosamente polas reviradas estradas da nosa terra. Hoxe vou escribir unha entrada que será froito dunha viaxe virtual. Unha viaxe polas misteriosas e inestables, inextricables, ondas ou píxeles, ou o que sexa, do perigoso universo virtual: un insondable temor sígueme a acechar aínda cando me mergullo nestes truculentos ámbitos. Maila estes relativos medos, teño que recoñecer que grazas a este  infinito e incógnito medio, podo saber o que se está a descubrir por todos os recunchos da nosa xeografía.  Nestes anos de abandono do blogue, non abandonei, sen embargo, a búsqueda: todo canto saiu e  puiden rastrexar ao redor do descubrimento de novos dolmenes, pedrafitas, estelas ou círculos líticos, funo almacenando silenciosamente nas carpetas da miña vida.



Anta-dolmen Cista da Moura.
Fotografía de Bruno Rúa, 2013.

E un destes elementos novidosos vai ser o protagonista da entrada de hoxe, unha anta-cista atopada como froito da mais lamentable desgraza para o noso monte, para a nosa terra: efectivamente, a cista foi descuberta polos intrépidos investigadores das terras de Ourense José Luis Lozano Rúa e Bruno Rúa, despois dos grandes e espantosos incendios que tiveron lugar no ano 2013.

Esta fermosa cista-anta confórmase a nivel estrutural a través de  cinco esteos que forman a cámara e unha tampa que, polo movimento dun dos esteos da cámara,  está desequilibrada, fora do seu sitio, como se pode apreciar na primeira das fotografías. As medidas van deste o metro e vintecinco centímetros de altura, ata os dous metros de anchura. Atópase moi preto da Mámoa do Madorriño aínda que, segundo os seus descubridores, "o estilo de construción difiere" do que é habitual nas antas galegas co que entenden e deducen que debe corresponderse a unha etapa posterior e/ou diferente do megalitismo a saber, un enterramento tipo "cista". Segundo Bruno Rúa, a súa importancia radica en que a única desta tipoloxía "coñecida por agora na provincia de Ourense".



Anta-dolmen Cista da Moura.
Fotografía de Bruno Rúa, 2013.

Bruno Rúa conta que o Monte da Moura, que a separa da chaira do castro Cidade de Saceda, ten un nome moi suxerente e está cheo de relatos lexendarios. Maila que non atopou tradición  vencellada a esta cista, moi preto consérvase a lenda que relata que desde a aldea de A Saceda os Mouros lanzaban un martelo desde a Igresiña das Mouras á Cidá de Saceda.

Nesta comarca hai catalogadas ao redor de 30 mámoas que están emprazadas nas penechairas de Cualedro e Monterrei ao pé do Larouco e nas terras altas que bordean o Val do Támega: Serras de Meda, Queixa, Penas Libres, Portela da Fraira, A Urdiñeira... 

Sen dúbida algún día subirei ás montaraces terras de Monterrei e Cualedro: sei que me están esperando.

En Sigrás, febreiro de 2024

Saúde e sorte!