Amosando publicacións coa etiqueta Terra de Allariz-Maceda. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Terra de Allariz-Maceda. Amosar todas as publicacións

xoves, 2 de xaneiro de 2025

PEDRAFITA-MENHIR DO COUTO DE XOCÍN. San Cibrao de Lama Má, Baños de Molgas

PEDRAFITA-MENHIR DO COUTO DE XOCÍN

"Toda verdad pasa por tres etapas. Primero, es ridiculizada. En segundo lugar, es violentamente rechazada. En tercer lugar, es aceptada como evidente por sí misma."

Arthur Schopenhauer



Debuxo versión de Moncho Boga, 2024.

Tamén denominado Marco das Rozas, atópase no lugar de Xocín, ao carón da estrada OU-0109, nunha zona penechaira que cae suavemente cara ao leste, por onde serpentea o río Arnoia.

Este pequeno marco-pedrafita está chantado nun valo, como marco de demarcación do Couto medieval de Xocín. Precisamente na documentación medieval manexada por José Antonio Gavilanes, aparece nomeado como "Coto Villa Joachini", que evolucionou a "Joacín", como se pode comprobar no Catastro do Marqués da Ensenada: “...la confrontación del L. (levante) es con camino del lugar de Calvelo y principia en el Marco o Mojon que se llama de Rozas..."



Fotgrafía de José Antonio Gavilanes

Segundo Gavilanes o marco foi chantado como marco de termo e hoxe fai de peche dun antigo camiño de carro ou corredoira. A cara da pedrafita que dá ao antigo camiño de transo amosa unha cruz gravada, feita con suco profundo. Non aparecen á vista outro tipo de gravuras, a non ser que non sexan visibles por mor da gran cantidade de liquens que están a cubrir este pequeno esteo. 

Dicía antes que o marco atópase chantado nun muro e amosa unha altura dun metro e medio desde o chan; na base mide uns corenta centímetros e na croa ao redor de trinta. A forma é tendente a cadrangular e vai diminuindo dende a base ata a croa.



Fotgrafía de José Antonio Gavilanes

Cabe a posibilidade de que se trate dun emprego primitivo e dicir, un reaproveitamento dunha antiga pedrafita, feito que consideran tanto José Antonio Gavilanes como Alberte Alonso. Na contorna inmediata e como contexto arqueolóxico apareceron non últimos anos unha boa xeira de paneis de petróglifos que fan que nos inclinemos por esa consideración. Tamén na contorna aparecen diversos topónimos como Costa das Antas que nos levan tamén a esa posible e hipotética conclusión. 

En Sigrás, no primeiros días do ano 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


SITIOS DE MOITO INTERESE

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/05/pedrafitas-do-medievo.html

http://pares.mcu.es/Catastro/servlets/ServletController?

https://patrimoniogalego.net/index.php/64993/2014/10/marco-de-rozas-no-couto-de-xocin/

martes, 1 de xullo de 2014

PEDRAFITA-MENHIR DE MARZÁS. Ponte Ambía, Baños de Molgas

PEDRAFITA-MENHIR DE MARZÁS.

Hai xa algún tempo, o extraordinario e incombustible investigador e acérrimo defensor do noso patrimonio, José Antonio Gavilanes, envioume unhas cantas fotografías e algunha reflexión sobre esta posible pedrafita. Isto é, pouco máis ou menos, o que me contou:

A aldea de Marzás pertence á parroquia de Santa María de Ponte Ambía, do concello ourensán de Baños de Molgas. Ata hai uns vinte anos, os veciños desta aldea, para ir á igrexa (que se ubica no lugar de Vilar), tiñan que percorrer unha longa distancia pois, aínda que a igrexa atópase cerca en liña recta, a corredoira que as unía non permitía o tránsito de veículos. Foi así que arranxouse a corredoira para facer unha pista que une eses dous puntos e agora sí é transitable. Nesta antiga ruta atópase a nosa pedrafita: está chantada formando parte dun muro e servindo de columna para unha portela na que se garda o gando. Para Gavilanes a pedrafita non está no seu lugar de orixen, senon que probablemente foi trasladada  cando se construiu a pista.




A hipótese de Gavilanes é que a pedrafita procede dun lugar denonimado A Medorra, a cerca dun quilómetro de distancia. 

Por útlimo, engadir que a pedrafita amosa algunhas gravuras a xeito de cazoliñas e que posiblemente foi cortada para adaptala ao novo uso de "portela".

Debido a esas consideracións, non podemos asegurar a súa definición como "pedrafita", talvez sexa o esteo reaproveitado dunha mámoa destruida procedente do lugar de A Medorra.










Fotografías e información proporcionada por José Antonio Gavilanes.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

xoves, 22 de agosto de 2013

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO VELLO: arranxo dun desaguisado evitable

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO VELLO: arranxo dun desaguisado evitable.


Fai de marco de termo ou demarcatorio entre os concello de Xunqueira de Espadañedo, Parada do Sil e Nogueira de Ramuín.

En maio deste ano publiquei unha entrada da pedrafita "O Marco Vello" na que denunciaba o "salvaxe atentado" que estivo a sufrir este fermoso testemuño do noso pasado megalítico. As fotografías fóranme enviadas por José Antonio Gavilanes. Días despois o amigo Xabier Moure (o 27 de maio) presentou unha denuncia diante do Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia. Este feito xenerou un amplo eco nos medios de comunicación locais e tamén dixitais. Algúns meses despois o cartel do TECOR foi retirado aínda que segundo me conta Moure (súa é a actual fotografía) os parafusos deixaron uns buratos no lugar onde se debuxa un N invertido gravado nun rebaixe da pedra. 

A pesar deses desperfectos parece que por unha vez as denuncias dan algún resultado. Parabéns, compañeiros.


                                      


               
                                      


Arriba: fotografía con cartel do TECOR.
Abaixo: fotografía despois de retirar o devandito cartel.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

luns, 27 de maio de 2013

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO VELLO. San Pedro de Os Pensos. Salvaxe atentado

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO VELLO 

A pedrafita O Marco Vello, posible e mais que probable, actual marco de termo entre os concellos de Xunqueira de Espadañedo, Parada do Sil e Nogueira de Ramuín, acaba de ser obxecto dun tan salvaxe como inexplicable atentado. Ubícase no lugar do Campo do Eirado.

A información e as fotografías envioumas o incansable e admirable investigador José Antonio Gavilanes, que estase a convertir nun auténtico buscador e defensor da arqueoloxía nas fermosas terras de Ourense,  reserva espiritual da nosa Galicia.

Como ben conta o amigo Gavilanes, indignado coma nós, esta verdadeira e solitaria pedrafita, testemuña muda (para que non a queira oir) do paso dos milenios, segue a sufrir estes atentados inexplicables na época da información. O logotipo da Xunta de Galicia na chapa metálica do "Tecor Societario" é evidendia máis que elocuente da ineficacia das nosas institucións. O que conservaron con agarimo e respeto reverencial centos de xeneracións, é obxecto dos desmáns e da desidia oficial: un exemplo máis dos continuos atentados contra o noso patrimonio.

Tamén é espléndida a marca dun PR-G, extraordinaria pegada dos nosos axentes "culturais".
Sinalado con número 79 no noso índice, foi publicado en novembro de 2012. Tamén podedes obter máis información na páx. patrimoniogalego.net, con información científica de José Antonio Gavilanes.





venres, 9 de novembro de 2012

PEDRAFITA-MENHIR DO COUSO. Santa Olaia de Esgos e Zorelle-Maceda

PEDRAFITA-MENHIR DO COUSO


Atópase ubicada no Alto do Couso, a uns setecentos metros de altitude, con dirección ao lugar de As Lamas.



Fotografía de José A. Gavilanes

Como outras moitas posibles pedrafitas, está a cumplir a función de marco de termo entre varios concellos, neste caso entre o de Esgos e o de Maceda. Presenta varias cazoliñas hemiesféricas e un rebaixe ou acanaladura na parte superior que, como xa sabemos, segundo Alberte Alonso, é un indicio probable da súa primitiva función astronómica. Hai que dicir, para concluir, que é probable que xa non estea na súa posición orixinal.



Fotografía de José A. Gavilanes


Como estaba a dicir mais enriba, atópase á beira dun camiño primitivo, talvez prehistórico, que atravesa os lugares de As Lamas, Seara Vella... Conta o amigo Alonso que non moi lonxe da actual ubicación da pedrafita nace un pequeno regato que desemboca no río do Grañal. E como tamén dicía antes, a pedrafita-marco de poisble observación astronónica, fai de moxón limitador de varias parroquias dos concellos de Esgos e Maceda.


Outra fotografía de José A. Gavilanes.


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

ENLACES

https://patrimoniogalego.net/index.php/11075/2011/12/pedrafita-do-couso/
https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-de-observacion-astronomica.html
http://onosopatrimonio.blogspot.com 
http://patrimoniogalego.net/

PEDRAFITA-MENHIR DO MARCO VELLO. Noqueira de Ramuín, Parada do Sil e Xunqueira de Espadañedo

PEDRAFITA-MENHIR DO MARCO VELLO

Actualmente atópase ubicado como fito delimitador ou "marco de termo" entre os concellos de Nogueira de Ramuín, Parada do Sil e Xunqueira de Espadañedo.


Fotografía de José A. Gavilanes

Segundo Antonio G. Rodicio (recollido de Xabier Moure) é probable que en principio sinalase os límites dos coutos xurisdicionais dos mosteiros de Santo Estevo de Ribas de Sil, Santa María de Xunqueira de Ambía e San Pedro de Rocal, de xeito que tamén, probablemente, se tratase do "Cautum Sancti Stephani de Pedrafita" ao que alude o Privilexio do rei Afonso VII no ano 1153, como fito delimitador do Couto de Rocas.



Fotografía de José A. Gavilanes

Trátase dun gran esteo de sección case cadrangular que mide ao redor dun metro e medio de altura e amosa tres cruces gravadas, típicas dos marcos de termo.

Atópase no lugar do Campo do Eirado (Pardeconde), á beira dun camiño prehistórico que leva desde Ourense, o Castro de Litoria e Astorga. Sinala Alonso que moi preto do marco xurden algúns nacementos de pequenos regatos como o Barrranco do Porto de Carros. É probable que se trate dunha pedrafita de observación astronoómica.



Fotografía de José A. Gavilanes



En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

BIBLIOGRAFÍA E ENLACES

García Rodicio, A.: "Vía romana de Astorga a Orense por el Castro Litoria", Baletín Auriense, nº XXV. 1997

http://onosopatrimonio.blogspot.com
http://riberasagrada.blogspot.com
http://patrimoniogalego.net/
https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-de-observacion-astronomica.html

PEDRAFITA-MENHIR DO MARCO NOVO. Nogueira de Ramuín, Xunqueira de Espadañedo e Esgos

PEDRAFITA-MENHIR DO MARCO NOVO.

Esta fermosa pedrafita atópase facendo de impertérrito marco de termo entre os concellos ourensás de Nogueira de Ramuín, Xunqueira de Espadañedo e Esgos. Posiblemente fose reaproveitada ou reutilizada na Idade Media para esta nova función, como parecen testemuñar as doce cruces gravadas por todas a súa superficie.

Parece ser que á súa beira transitaba o vía romana ou "verea" que unía Ourense, co Castro de Litoira e Astorga.



Fotografía de José A. Gavilanes

Na coroa da pedrafita hai unha marca, unha especie de rego e contán na bisbarra que foi feito polo cabalo de Santiago ao saltar desde o Marco Vello que se atopa a máis dun quilómetro de distancia.


Fotografía de José Antonio Gavilanes



BIBLIOGRAFÍA

García Rodicio, A.: "Vía romana de Astorga a Orense por el Castro Litoria", Baletín Auriense, nº XXV. 1997

http://onosopatrimonio.blogspot.com
http://riberasagrada.blogspot.com
http://patrimoniogalego.net/