martes, 11 de junio de 2024

ANTA-DOLMEN MÁMOA DA CRUZ. Parada de Alperiz, Lalín.

UNHA EXCURSIÓN EN CATRO ACTOS

ACTO II

"Como ya era bastante tarde, encontraron poca gente en el Kagimoto-ya. Pidieron los famosos fideos soba, hechos a mano, con tempura de verduras de temporada y sorbieron ruidosamente, lo que se considera un gesto de buenos modales".

HIDEO YOKOYAMA: "La Luz del Norte".  Ed. Narrativa Salamandra, Barcelona 2024.


Anta-dolmen Mámoa da Cruz.
Parada de Alperiz, Lalín.
Debuxo de Ramón Boga Moscoso, 2024.

E continuamos polas sinuosas estradas do que podería ser o embigo de Galicia con dirección ao destino final: O Carballiño e o polbo. Iamos ver a miña irmán  maior que estaba de relaxamento no balneario da cidade do Arenteiro.



Os Pendellos, Agolada 2024.
Fotografía de Ramón Boga Moscoso

E dicía que continuamos e fixemos unha primeira e pequena parada técnica para tomar un café. Seguía o tempo revolto: choiva, nubes, nubarróns, claros, sol, nubes, choiva, claros, sol, nubarróns... Pois sí: paramos en Agolada, a Aquam Latam dos romanos. Había uns trinta anos que eu non estivera na Agolada a pesares de que pasei por aí moitas veces desde entón. Recordo moi ben a primeira e única vez que parei nesta vila a primeiros da década de 1990: ía ver e fotografiar a anta de Parada de Alperiz no Concello de Lalín, famosa polas súas gravuras serpentiformes e que había pouco fora escavada por primeira vez. A verdade é que por culpa desa primeira breve estadía non me quedaron gañas de voltar a parar nesta pequena capital municipal, foi unha impresión nefasta e seguramente inxusta: os pendellos esmendrellados, un pobo que semellaba triste, feo, desconchado, como abandonado e insidioso no medio da nada. Dicía que voltei  por esa estrada moitas veces mais pero nunca, nunca, me quedaran gañas de voltar.



Os Pendellos, Agolada 2024.
Fotografía de Ramón Boga Moscoso.

Que inxustos son os recordos ás veces! O día 1 de maio voltei novamente e non teño palabras para describir o que vimos, o que atopamos alí, unha sorpresa maiúscula, unha agradable e marabillosa sorpresa. Xa non era o escuro pobo que eu recorbaba: as rúas arranxadas, moitas casiñas restauradas, a praza do Concello semellaba outra, cambiando radicalmente a pesares de que foi construida (tamén o Concello) a costa dunha boa parte dos pendellos... E había turistas, coma  nós mesmos. 

É necesario recordar que cos anos, cos esforzos titánicos da iniciativa veciñal (blogue os Pendellos) e á teimuda determinación de Manuel Busto entre outros moitos, os Pendellos de Agolada foron finalmente restaurados, feito que eu fun seguindo desde a distancia e desde a inmediatez que proporcionan as redes sociais.



Os Pendellos. Agolada, 2024.

Por todo isto a día de hoxe non podo por menos que recomendar a visita inexcusable a esta fermosa vila, unha visita que paga a pena desde todos os puntos de vista: aínda que falta moito, a meirande parte dos Pendellos están restaurados. Foi un lugar de Feira, de mercado, de cruzamento de camiños, de rotas, de intercambio de ideas e de mercadurías. Os Pendellos son coma un pobo pequeno dentro doutro pobo, con mostradores, tendas, estábulos, prazas..., feitos de grandes pedras de granito ben traballadas, algunhas semellan pedrafitas, outras esteos de cámaras megalíticas. Sexa como sexa, estamos diante da demostración do bo facer dos canteiros galegos. Insisto (espero que no meu descargo e para satisfacer unha inxustiza): visitade Agolada. Ah!, o café estaba moi bo.


ANTA-DOLMEN MÁMOA DA CRUZ. PARADA DE ALPERIZ, LALÍN

E despois desta deliciosa e proveitosa parada na mentada vila de Agolada, continuamos satisfeitos e amodiño cara a Parada de Alperiz, onde se conserva unha espléndida necrópole megalítica que estaba conformada por nove mámoas, das que hoxe só se están a conservar cinco. Distribuíase a través de sete mámoas que formaban o núcleo principal, as Mámoas do Monte Fonteiriño. Había dúas mais a uns catrocentos metros do Altar do Sol, formando o subgrupo da Zarra do Canal. 



Mámoa da Cruz (nº1).
Fotografía de Ramón Boga Moscoso.

Este campo de mámoas atópase emprazado nunha zona chaira  entre o Coto Pedreiras ao W e o río Arnego ao L. O conxunto recibe varias denominacións: A Cruz, O Monte Fonteiriño e a Zarra do Canal. A conversión dos montes en pradeiras constituiu un grave problema para a conservación das antas desta necrópole: catro foron totalmente esnaquizadas (mámoa da Cima e as mámoas números 3, 4 e 5). Consequiron salvarse da desfeita as mámoas número 1, 6, 7 e as mámoas cos números 8 e 9 da Zarra do Canal.



Mámoa da Cruz, 2024.
Foto de Moncho Boga.


Como na meirande parte de Galicia, estes nosos senlleiros monumentos estiveron a sufrir as violacións dos buscadores de tesouros, o reaproveitamento de moitos esteos para diversas construcións tradicionais e, como estaba a dicir antes, a roturación de novas terras e a conseguinte destrucción de moitas carballeiras, así como a apertura de novas pistas..., constituiron e constitúen as súas principais amenazas.



Mámoa da Cruz.
Fotografía de Ramón Boga Moscoso, 2024.

E alí nos plantamos: e malia que é unha mentira pequena, vou contar que a primeira que visitamos foi a Mámoa nº 1 ou Mámoa da Cruz. A mámoa, na que se insiren os poucos restos que aínda fican á vista da súa estrutura arquitectónica, acada entre 25 e 30 metros de diámetro e hai que dicir que semella atoparse en relativamente boas condicións. Denomínase Mámoa da Cruz porque tiña colocada unha cruz inserida nun rebaixe rectangular no lombo do que ben podería ser un bo resto da pedra cobertora da anta. Non se conserva a cruz nin hai recordo dela. Segundo Antonio Presas, a anta foi saqueada xa no século XVII trala licencia real outorgada a Vázquez de Orxas para abrir as tumbas dos xentís galigrecos. A Cruz, como en tantos outros lugares da nosa terra, posiblemente fose colocada para cristianizar o campo de mámoas. A pesares da violación descrita e doutras  que poidesen ter acontecido, semella que se atopa nun estado de conservación bastante aceptable.



Mámoa da Cruz. Furado rectangular para chantar
a cruz que lle dá nome.
Foto de Moncho Boga, 2024.

Cóntase que un veciño, ao perseguir un coello na mámoa que ten a Cruz que da nome ao conxunto, sacou do monumento un recipente de barro que contiña pó de "fungo" que brillaba. Aconteceu que un tratante de gando que pasaba cara á feira de Agolada, dixo que aquelo era "mirra" e que fora unha gran perda tirar con ela. Pero tamén cóntase que por alí hai minas de ouro "en anacos" e abondan os "encantos". As vellas dín que as mámoas as fixeron os "mouros" ou os romanos..., aínda que algúns cren que eran cemiterios e outros que eran parapetos de guerra "de cando andaba a guerra forte" e que se comunicaban coas mámoas de Sabugueiro, tamén en caso de guerra. 

CONTINUARÁ...


En Sigrás, na primavera inconclusa de 2024.

Saúde, sorte e ánimo!!!


PARA SABER MOITAS COUSAS MAIS

-Antonio Presas: "A Necrópole Megalítica de Alperiz (Lalín). PDF.