sábado, 25 de enero de 2025

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DO COUTO MIXTO I. San Xoán de Randín, Calvos de Randín.

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DO COUTO MIXTO I


"Cando eu era neno, un día fun co meu avó ata Gudes, a visitar o Pazo onde nacera a súa nai, Felicidad Vallejo de Luaces. Cando volvíamos, despois de merendar, díxome que detrás dos montes que quedaban ás nosas costas, houbera unha república pequeniña, composta por tres aldeas, na que non podían entrar os gardas, nin os españois nin os portugueses, para prender aos criminales que se aloxaban alí. Un destes delincuentes, un tal Casimiro, do que oira falar na súa infancia, roubáralle a besta que era dun cura, e acabara vivindo naquel lugar, burlándose do señor Abade, que ía cazar preto por se aínda tiña unha oportunidade de collelo fóra do seu sitio".

CARLOS CASARES, 1998. "Couto Mixto". La Voz de Galicia, 7 de junio.



Debuxo versión de Moncho Boga, 2025.

Hoxe vou de cabeza ao sul mai sur de todos os sures de Galicia: unha área con especial relevancia e atractivo para min, unha comarca que destaca, transfonteiriza, por innumerables valores. Natureza, primitivos e ancestrais camiños, etnografía, megalitismo, cultura castrexa, romanización, Alta e Baixa Idade Media, mosteiros, castelos, vilas, pobos petrificados no tempo, fauna e flora únicas, ríos escandalosos, tristes encoros, arquitectura endémica, construcións adxetivas..., todo un microuniverso escondido, agazapado, entre as brumas lexendarias das profundas fronteiras, mistura de costumes, mistura de formas, de xentes, de idiomas. Unha fala, un pobo con identidade de seu.


Mapa de José de Castro López, 1863.

Nunha área deste sur mais sur atópanse os concellos de Calvos de Randín e Baltar: é nestes dous concellos onde a maxia, a historia, a paisaxe e as tradicións mais recónditas, estanlle a conferir unha espectacular e variada caracterización.

Nesta entrada e noutras próximas, voume ocupar de dúas pedrafitas que funcionaron e se mantiveron ao longo dos séculos como marcos de termo, como marcos territoriais no Concello de Calvos de Randín integrante, xunto ao Concello de Baltar, do curioso e único caso en Europa do que vense a denominar unha República Independente. Malia que non existise esa denominación, o certo é que efectivamente, durante un tan longo período de tempo como son setecentos anos, existiu de feito o mítico Couto Mixto.



Mapa turístico da Baixa Limia.

Trátase dunha zona fronteiriza de vintesete quilómetros cadrados, constituída como territorio independente desde o século XII ata o XIX. Desde o principio estivo vencellado ao Castelo da Piconha (preto de Randín), logo coa Casa de Bragança e posteriormente coa Casa de Lemos e Monterrei.

O Couto Mixto mantiña unha organización propia, alonxada das inxerencias portuguesas e españolas: tratábase dunha especie de cativiño Estado ao marxe doutros poderes xurisdicionais ou políticos. Abranguía as parroquias de Santiago, Rubiás e Meaus. A forma de goberno baseábase na República Federal coa parroquia de Santiago como capital administrativo-política, Rubiás como a vila mais grande e populosa, e Meaus como núcleo económico-comercial.



Carta topográfica do Julgado de Montalegre, 1836.
Fidencio Bouman, couto misto.

Non só era unha  organización democrática, senon que disfrutaba dunha xeira de avantaxes como non pagar imostos, non ser chamados a filas, podían portar armas, podían elexir entre entre ser cidadanos do Couto ou ben ser españois ou portugueses; non facían o servizo militar e tiñan completa libertade, tanto no comercio como no tipo de cultivos. 



Meaus hoxendía. Fotografía da web Galicia Máxica.

A xurisdición favorecía as actividades económicas, incluso o contrabando, para o que dispoñían dun camiño libre de peaxes, de servidumes, inmune das gardas fronteirizas, que comunicaba o Couto Mixto con vila portuguesa de Tourém. Estamos diante do asombroso CAMIÑO PRIVILEXIADO, que acadaba uns once quilómetros de lonxitude: tratábase dunha auténtica vía comercial que serpenteaba as terras de Randín, bordeaba o Outeiro da Piconha e mergullábase nas terras lusas, rematando na citada Tourém. Este extraordinario percorrido atopábase marcado, sinalizado, con estacións, vías e sinais, sobre todo con poderosos marcos, pedrafitas reaproveitadas para este novo uso, marcadas con cruces.



Penedo onde estaba encaramado o Castelo da Piconha.
Fotografía de 
https://proxectopiconha.wordpress.com/

Os habitantes do Couto Mixto tiñan dereito a participar nas feiras das comarcas veciñas sen pagar taxa ou imposto algún. Ao permitir o libre comercio, converteuse nun punto estratéxico na economía da bisbarra. Pero non todo dura eternamente: o Couto Mixto desapareceu finalmente no ano 1864, así como os privilexios do Camiño Privilexiado, malia que as actividades de contrabando a través das poderosas montañas, continuaron no tempo. E a súa memoria foi "asolagada"...



A Cruz marcando o Camiño na Pedrafita I.
Fotografía de Elixio Vieites.

As pedrafitas que vou a amosar  funcionaron como marcas sinalizadoras do Camiño Privilexiado, e é necesario subliñar que tiven novas deles a través das  informacións de Elixio Vieites, na páxina web patrimoniogalego, que tamén as denominou como Pedrafita-Marco I e II.



Pedrafita-Menhir Marco do Couto Mixto I.
Fotografía de: 
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/calvos-de-randin-comarca-da-limia-ourense-camino-privilexiado-63522178/photo-42179387

Nesta texto, seguindo a Vieites, ocuparemos en primeiro lugar da pedrafita número I. Esta Pedrafita Marco atópase nunha zona chaira e está situada entre o Río Barxa e o Rego da Bouza, na beira do Camiño Privilexiado; trátase do treito dun ancestral camiño, posiblemente transitado desde a prehistoria, como semella atestiguar a presenza non moi lonxana de diversas necrópoles megalíticas, sobre todo na contorna do Río Salas. 



Pedrafita-Menhir Marco do Couto Mixto I.
Fotografía https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/couto-mixto-camino-privilexiado-y-regreso-por-paradela

A Pedrafita-Menhir Marco do Couto Mixto, amosa una imaxe case cadrangular tirando hacia o cilindro, un poderoso esteo que amosa nunha das dúas caras a gravura dunha cruz feita a xeito de sulco, marca propia do Camiño. Entre a toponimia destacan A Veiga dos Cousos, Marco do Castelo, Marco dos Pesos, Gandorpe, Ourille... En definitiva, unha Pedrafita reaproveitada como marco medieval e que perdura ata os nosos días orgullosa como unha testemuña muda dun pasado que xa non voltará.



Coordenadas da  Pedrafita-Menhir  Marco I
Lat 41º 54´15,47´´N Lon 7º 51´ 39,23´´ O
865 m.s.n.m.



En Sigrás, rematando unha terrible costa, 2024.
Saúde, sorte e libros!!!


POR SI QUEREDES PROFUNDIZAR

Barros, Carlos (1994). " O Couto Mixto. Unha república esquecida". Medievalismo.

Cairo, Heriberto; Godinho, Paula (2013). «El tratado de Lisboa de 1864: la demarcación de la frontera y las identificaciones nacionales». Historia y política: Ideas, procesos y movimientos sociales (30).

Brandón, Delfín Modesto (1907)."Interesante Historieta del Coto Mixto: con una digresión político-social-religiosa". A Coruña: Tierra Gallega. 

García Mañá, L. M. (2005) Couto Mixto, unha república esquecida. Ed. Xerais.

López Mira, A. X. (2008) O Couto Mixto: Autogoberno, fronteiras e soberanías distantes. U. Vigo, Madrygal.

Rodríguez Cruz, José (2006). «O Couto Mixto: Lendas de tradición oral», en Lethes: Cadernos Culturais do Limia, nº. 7

https://proxectopiconha.wordpress.com/
https://vialethes.es/picona-fortaleza-couto-mixto
https://patrimoniogalego.net/index.php/74493/2015/04/marco-no-camino-privilexiado-do-couto-mixto-ii/
https://patrimoniogalego.net/index.php/74493/2015/04/marco-no-camino-privilexiado-do-couto-mixto-ii/
https://patrimoniogalego.net/index.php/74484/2015/04/marco-no-camino-privilexiado-do-couto-mixto/
https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/05/pedrafitas-do-medievo.html
http://www.calvosderandin.com/webjoomla/index.php/es/coutomixtoesp/historia2
http://www.calvosderandin.com/gl/content/o-couto-mixto
https://www.talesofawanderer.com/blog/2015/02/08/couto-mixto/
http://www.calvosderandin.com/webjoomla/index.php/es/turismoesp/rutas-senderismo
https://patrimoniogalego.net/index.php/67469/2015/01/camino-privilexiado/
http://www.calvosderandin.com/webjoomla/index.php/es/coutomixtoesp/historia2
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/calvos-de-randin-comarca-da-limia-ourense-camino-privilexiado-63522178/photo-42182201
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/couto-mixto-camino-privilexiado-y-regreso-por-paradela-126226818/photo-80625687
https://www.talesofawanderer.com/blog/2015/02/08/couto-mixto/
https://fronteiraesquecida.eu/fichas/couto-mixto-meaus/
https://galeguizargalicia.gal/espana-fascinante-couto-mixto-el-estado-gallego-que-fue-independiente-700-anos/

Documental de Isabel Martínez “A República dos Soños” (O Couto Mixto), 2007 http://canletv.agadic.info/curta/a-republica-dos-sonos/
DGMP 1085 La Raya Seca (Desde Galicia para el Mundo) https://youtu.be/-VmRjHO4F50
O Couto Misto/O Couto Mixto-(Galicia, Cruce de Miradas) TVG) https://youtu.be/DZ-ScGjMc7k