martes, 12 de junio de 2012

ANTA-DOLMEN COVA DA MOURA. Argalo, Noia.


ANTA-DOLMEN A COVA DA MOURA. Argalo, Noia.

"Humanidad es identidad.  Todos los hombres están hechos de la misma arcilla. No hay ninguna diferencia, al menos aquí abajo, respecto de nuestro destino. La misma sombra antes, la misma carne durante, las mismas cenizas después. Pero la ignorancia, mezclada con la pasta humana, la ennegrece".

Víctor Hugo: "Los miserables". Ed. Edhasa. Barcelona, 2021.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso, 1995.


Para chegar. Hai que coller a estrada á dereita da xeral Noia-Boiro, no pazo do Vizconde S. Alberte, que remata na aldea de Canabal, no lugar do Páramo. A anta atópase á esquerda, nun desvío pouco antes de chegar ao cemiterio municipal de Noia. Pertence á parroquia de Santa María de Argalo.



Fotografía de Ángel del Castillo.

Estamos diante dunha mámoa de tamaño medio con cámara megalítica moi ben conservada de tipo poligonal con corredor corto. Conserva tamén a masa tumular a excepción do cadrante do leste que foi escavado no ano 1980.  Na devandita intervención arqueolóxica exfumouse unha área a xeito de adro delimitada por unha liña de pedras xunto ás que foron localizados 53 obxectos líticos cultuais. 


 
Anta de Argalo no ano 1995. Ramón Boga

A mámoa está composta por terra vexetal, recuberta por unha coiraza de pedras. Despois das escavacións pódese observar una anel que rodea a mámoa pola súa parte perimetral, formado por pedras de variado tamaño. As medidas da mámoa son as seguintes: eixo N-S 20 ms; eixo E-O, 22 ms.



Planta segundo versión de Ramón Boga.

A mámoa atópase recuberta por unha coiraza pétrea e os restos do anel peristalítico descubertos na actuación arqueolóxica foron desmantelados. 



Anta de Argalo no ano 2010.
Fotografía de Fidel Méndez.
  
A estrutura arquitectónica desenvólvese a través dunha cámara poligonal e corredor curto. Consérvanse sete esteos da cámara e dous do corredor no lado do leste. Tamén se están a conservar en catro ortostatos as cuñas orixinais destinadas a taponar a masa tumular. 

Non está a conservar a pedra cobertora, aínda que Murguía sinalaba, no século XIX, que estaba nun lugar próximo. 



Fotografía de Fidel Méndez, 2010

Polo material exfumado na escavación arqueolóxica, inédita, de 1980, pódese considerar aínda hoxe como un dos máis importantes megalitos de Galicia: numerosos restos de cerámica campaniforme, un coitelo de sílex, varios machados de base cadrangular e puntas de frecha de base triangular.

Recentemente atopáronse restos de pintura.



Fotografía de Fidel Méndez, 1910.




Anta-dolmen Pedra do Mouro. Axeitos, Santa María de Olveira, Ribeira.

ANTA-DOLMEN PEDRA DO MOURO. Axeitos

Para chegar. Debemos coller a estrada xeral que vai de Noia a Ribeira e desviarnos á dereita no lugar do Sobridos, con dirección a Corrubedo. A anta atópase a 2,1 qms, aproximadamente.

A mámoa na que se erixe a anta é de grandes dimensións aínda que está moi alterada, sobre todo polas accións antrópicas. A alteración é máis grave na parte norte na que se foi aplanando o terreo. Nas áreas do leste e do sur existe un acusado desnivel causado por unha antiga linde de fincas. No centro desta mámoa atópase a estrutura arquitetónica megalítica semienterrada. As medidas da mámoa van desde os 28 ms para o eixe NO-S ata os 32 ms para o eixe SO-N. A altura non  acada máis de 60 cms.



Planta segundo versión de Ramón Boga

Conserva restos da coiraza na zona norte da mámoa, no entorno da cámara, onde case non hai vexetación superficial. As pedras que afloran forman un grupo homoxéneo situado a un metro aproximandamente da tampa. Pola zona do sur poderemos ollar algunhas pedras do perfil deixado polo deslinde.

Na contorna houbo un gran penedo no que había gravados varios cápridos, que foi destruido na década de 1970 para construir a estrada. A laxe era coñecida polo nome de Pedra das Cabras.



Fotografía do petroglifo Laxe das Cabras.
A Anta de Axeitos pódese ver ao fondo.

En canto á estrutura arquitectónica, estamos diante dunha cámara poligonal con corredor posiblemente desenvolvido. A cámara alóngase no eixo transversal. Está composta por sete ortostatos e tres para o corredor. Seguramente o máis destacable é a súa singularidade tipolóxica. A pedra cobertora suxeitase só en tres puntos. Polo tamaño que se observa dos esteos e da mámoa, poderíamos deducir que aínda permanece enterrada unha boa parte disa estrutura arquitectónica.



Fotografía do ano 1995



Fotografía de Méndez no 2010.


O corredor atópase ben diferenciado da cámara tanto na planta como na altura e confórmase con tres esteos: un deles no lado dereito e dous no esquerdo.

En xeral, as dimensións dos chantos da cámara van desde os dous ms e corenta e catro cms na anchjura, un metro e oitenta cms de altura e sesenta cms de grosor a meirande, ata os corenta e dous cms de ancho e vintedous cms de grosor nos esteos do corredor. 



Fotografía de Ramón Boga.

Todos os esteos da cámara atópanse imbricados e o maior é considerado como a clave do conxunto, xa que o asentamento de todos os demáis supedítase a esta que forma a parede do sur. A pedra cobertora é única no Barbanza posto que se conserva na súa posición primitiva.

En dous dos esteos da cámara parece ser que hai un signo cruciforme e un signo vertical. Segundo Cuevillas e Bouza Brey as figuras son representacións antropomórficas moi estilizadas. O signo cruciforme componse de cabeza, mans e corpo; o signo vertical representa unha persoa camiñando. Brey e Cuevillas consiedran que poden pertencer ao Eneolítico.  E.A. Shee considera, pola contra, que as gravuras son recentes e non contemporaneas do monumento.



Fotografía de Ramón Boga.



Fotografía de Ramón Boga.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso