miércoles, 30 de mayo de 2012

Antas-dolmenes da Madroa e Candeán. Vigo

Esta sobranceira necrópole atópase a unha altitude de 313 ms no barrio da Devesa, da parroquia de San Cristovo de Candeán. Ubícase nunha dorsal e está composta por catro mámoas.


ANTAS-DOLMENES DA NECRÓPOLE DE CHAN DOS TOUCIÓS, Candeán.


ANTA-DOLMEN nº 1

Para chegar debemos dirixirnos cara ao local da A.VV. deixando atrás a encrucillada que vai pola dereita ao Zoo. Cincuenta metros máis adiante hai outro cruzamento do que se colle  dirección á Protectora de Animais. Antes de chegar a ese cruzamento, nun monte de piñeiros e eucaliptos, atópanse as dúas mámoas, á dereita. Dicir tamén que están sinalizadas. O cemiterio está á beira.



Ramón Boga, 1993

A mámoa na que se insire mide ao redor de 16 por 18 ms nos seus eixes. A altura aproximada é de 1,5 ms. Atópase en bastante boas condicións a pesar das diversas alteracións.

Aprécianse algunhas pedras que poderían formar parte da estrutura tumular, así como a cámara con corredor. No corredor de entrada pódese ver un dos esteos da cuberta e outro chanto máis caído cara ao sul do funil de violación. A cámara é de tipo poligonal composta por cinco esteos e un pequeno corredor con dous esteors orientado ao leste. A altura máxima dos esteos é dun metro e trinta e cinco cms.

Esta pequena anta foi obxecto de varias escavacións furtivas.




Ramón Boga, 1993



ANTA-DOLMEN nº 2

Sitúase a uns trinta ms da anterior cara ao sudoeste, no mesmo piñeiral que a anterior, pero á beira da estrada. Tamén está bastante esnaquizada posto que foi escavada clandestinamente.



Ramón Boga, 1993


O túmulo mide 16  por 14 ms no seu eixo máis longo, e unha altura de ao redor dun metro e medio. Amosa un gran funil de violación.



Ramón Boga, 1993


En canto á cámara, quedou ao descuberto unha cámara poligonal con nove esteos e un corredor máis desenvolvido que o da anta anterior, conservando unha pequena pedra cobertora. Esta tampa acada os dous metros de longo e os setenta e cinco cms de ancho. O esteo máis grande da cámara ten, para a altura, un metro e setenta cms. 



Ramón Boga, 1993



Dicíase que conserva nove ortostatos da cámara: oito deles están fincados. Outros tres corresponden ao corredor. Aprécianse numerosas pedras espalladas que poderían formar parte da estrutura tumular.


ANTA-DOLMEN nº 4

Está parcialmente destruída pola construción do cemiterio, e  estaba formada por once esteos.




Hai uns anos que a Comunidade de Montes, en colaboración co Concello de Vigo, puxo en valor esta necrópole. Publicitouse en diversos foros e sinaláronse os principais elementos megalíticos, todo elo acompañado por unha senda peatonal.





ANTAS-DOLMENES DA NECRÓPOLE MEGALÍTICA DA COSTA DA FREIRÍA-FERRADOURO. 

ANTA-DOLMEN DE HERMINDE

Ao pasar Herminde, un pouquiño antes dunha casa illada á dereita, hai unha corredoira de monte á esquerda que vai sair á mesma estrada preto de medio quilómetro máis enriba, pouco antes de chegar ao Monte Vixiador.



Ramón Boga, 1993

Trátase dunha construción megalítica formada por unha mámoa pquena á que lle falta a parte superior, quedando ao descuberto unha sinxela cámara poligonal formada por sete esteos de moi pequeno tamaño. A mámoa acada 12 por 13 metros no eixo máis grande e atópase bastante arrasada. Na parte occidental está moi alterada debido ao paso dun camiño antigo. Consérvanse nove pequenos esteos da cámara que conforman unha planta poligonal.



Ramón Boga, 1993



ANTA-DOLMEN Nº 1 DA COSTA DA FREIRÍA. San Cristovo de Candeán

Polo mesmo camiño forestal, ou bordeando pola estrada que leva ao Monte Vixiador, cento cincoenta ms antes de chegar á estrada principal, seguindo unha ruta sinalada, vanse atopando ás mámoas desta necrópole.

A primeira vez que estiven nesta anta, estaba oculta por unha espesa vexetación de acacias e era moi dificil de atopar. Hoxe a anta foi escavada e restaurada e atópase moi fácilmente.



Fotografía da anta 1 no ano 1993, por Ramón Boga.

A mámoa na que se acocha a anta mmide ao redor de 16 ms de diámetro (N-S) e 16,5 no diámetro E/O, cunha altura aproximada de 1,80 ms. Estaba, antes da escavación arqueolóxica, bastante alterada polo lado do leste e amosaba un amplo funil de violación debido ás actuacións furtivas. Dentro acocha unha cámara con corredor que conserva 10 esteos, oito da cámara e dous do corredor.

Seguramente esta é unha das antas escavadas polo matrimonio Leisner nos anos 50.







ANTA-DOLMEN Nº 2 DA COSTA DA FREIRÍA

Esta pequena mámoa mide 10 ms no eixo N-S e 13,70 no eixo L-O, acadando unha altura de medio metro, aproximadamente. Da mámoa sobresaen varios esteos de moi pequeno tamaño.




ANTA-DOLMEN Nº 3 DA COSTA DA FREIRÍA

A mámoa na que se acocha esta pequena anta, mide 17 ms no eixo N-S e 17 ms no L-O, cunha altura aproximada dun metro. A mámoa está alterada polo leste. 

Ao redor desta estrutura tumular pódense observar varias pedras que probablemente pertenzan ao recubrimento tumular. En canto á estrutura arquitectónica da anta, confórmase a través de sete ortostatos dos cales tres están desprazados fóra do seu lugar orixinal.





ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DO MONTE VIXIADOR. Candeán, Vigo

Atópase formando parte dunha necrópole composta de once mámoas ubicadas no alto do Monte Vixiador, nun curuto a 430 m.s.n.m., e foi escavada por Santiago Vázquez Collazo da empresa Tomos Conservación-Restauración S.L no ano 2007.

A mámoa acada unhas medidas máximas de entre 23 metros e medio por 25. Sobresae en altura ao redor de metro e medio. No centro aparecía un profundo funil de violación de máis de seis metros de diámetro e un metro de profundidade.



Fotografía de Santiago Vázquez Collazo, 2007


A cámara non ocupaba o centro da mámoa e só conservaba in situ dous esteos e outros dous fóra da súa posición orixinal. Puidose definir a tipoloxía da anta grazas ás improntas e á situación de dous esteos do corredor: así conseguiuse fixar a posición exacta de nove esteos, de xeito que se definiu unha cámara composta por nove esteos e catro mais nun corredor corto de dous tramos. Estamos así diante dunha cámara poligonal con corredor pouco desenvolvido e tamén pouco diferenciado en planta, pero si no alzado. Atinxe unha altura total de catro metros e a pedra da cabeceira mide 2,70 ms de lonxitude e 1,20 de longo.

Froito da escavación arqueolóxica exhumáronse 145 fragmentos de cerámica, 82 líticos e 55 obxectos metálicos.

Sen embargo un dos descubrimentos máis importantes consistiu nos restos de pintura, tanto pola calidade como pola cantidade conservada: trazos vermellos discontinuos e liñas ondulantes horizontais, sobre todo. Tamén apareceron, noutro esteo, gravados de liñas ondulantes verticais recubertos de pintura branca.

A mámoa foi finalmente retumulada. Só quedou á vista unha pequena parte do extremo superior de catro dos esteos da cámara.


BIBLIOGRAFÍA

Vázquez Collazo, S.: "Intervención arqueolóxica no túmulo do Monte Vixiador, Candeán, Vigo (Pontevedra)" Actuacións Arqueolóxicas. Ano 2007. Xunta de Galicia 2009.























Anta-dolmen Casa dos Mouros. Candeán, Vigo

ANTA-DOLMEN CASA DOS MOUROS. Candeán, Vigo

A necrópole na que se sitúa esta anta atópase na estrada que vai ao Zoo de Vigo. Desde a estrada de Vigo a Peinador, hai que coller o desvío que leva ao zoolóxico pasando por Candeán. Seguindo esa estrada, chegamos á rotonda do zoo e collemos a estrada da dereita: ao chegar ao rueiro da Devesa, despois dos campos de adestramento do Celta, a uns vinte metros, logo dun muro moderno ameado, temos que coller un carreiro que se introduce no monte. A uns  trinta ms está a anta, no lugar coñecido como Coutada Vella.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso

O horizonte megalítico da Terra de Vigo atópase moi ben representado e está en consoancia con outra zonas da terra galega. As antas que irei describindo forman parte de necrópoles amplas e os lugares de ubicación das mámoas adoitanse situar por enriba dos 300 ms de altitude. Hoxe en día é unha comarca ben coñecida para o megalitismo grazas, sobre todo, aos traballos exhaustivos de prospección feitos por un grupo de colaboradores do Museo de Pontevedra.

A anta Casa dos Mouros é un colosal dolmen formado por cinco esteos coa cobertora apoiada nun dos chantos da cámara. A planta é poligonal e non hai restos visibles da mámoa. A pedra cobertora acada unha lonxitude máxima de dous metros con sesenta e oito cms por un ancho de dous metros con cincoenta e nove cms.



Fotografía realizada por Ramón Boga, 1993.


O recinto da cámara mide, no eixe L-O, case os dous metros e medio e, no eixe N-S, os tres metros e trinta e seis centímetros. O esteo meirande da cámara acada dous metros e medio de altura e un metro con sesenta cms de ancho. O corredor, se o tivese á vista, é posible que se orientase ao necente.

As necrópoles da Madroa e do Monte Vixiador en Vigo probablemente sexan unha prolongación da gran necrópole de Monte Penide en Redondela.



Fotografía realizada por Ramón Boga, 1993.



Fotografía realizada por Ramón Boga, 1993.





Na subida á Madroa hai unha mámoa que aínda conserva resto dos esteos da cámara. Trátase  da coñecida co nome de Mámoa 1 da subida á Madroa, situada moi preto da Casa dos Mouros que tamén se coñece co nome de Mámoa 2 da subida á Madroa.  Acóchase nunha mámoa de 16 ms no eixe N-S e sobresae cerca dun metro. Está cortada no oeste por un muro de peche dunha casa e, no norte, por un camiño. Amosa un cono de violación de 2,60 ms (N-S) e 3 m no eixe L-O. Conserva no interior catro ortostatos da cámara.




Planta da Mámoa 2 da subida á Madroa.



Anta-dolmen de Abuíme. O Saviñao, Lugo.

ANTA-DOLMEN DE ABUIME. O Saviñao, Lugo

Para chegar. Pártese de Escairón -capital municipal do Concello de O Saviñao- con dirección a Currelos e despois a Seteventos. A anta está ubicada nunha chaira preto dunha leira  (que ás veces ten nabos) ao carón dun monte de piñeiros e detrás dunha escola en ruínas.




Desta senlleira anta consérvanse cinco esteos da cámara de boas proporcións. A planta mide ao redor de tres metros e medio de ancho. Aínda que non é posible reconstruir a planta na súa totalidade, é probable que sexa das do tipo poligonal con corredeor. Non conserva a pedra cobertora ou tampa. O esteo máis grande da cámara (que posiblemente sexa a cabeceira) sobresae dous metros e vinteseis centímetros e ten para o ancho máximo corenta e cinco centímetros.


Debuxo de Ramón Boga Moscoso

Un esteo da Anta de Abuíme foi convertido por un canteiro da zona nunha pía para beber o gando e logo trasladada á casa dun veciño de Vilasante. Nunha mámoa do Saviñao había unha peneda que partiu á metade; unha metade levárona, mais a outra voou ata pousar no río Miño. Na mamoíña de Rebuxós aparecen moitas veces as mouras peiteando os seus cabelos. Algúns viron dous mouros vestidos cunha bata vermella que relucían coma o sol.


A Anta de Abuíme no ano 1993, por Ramón Boga.