ANTA-DOLMEN MÁMOA DAS TECEDEIRAS
"Todos los seres derivan de otros seres mas antiguos por transformaciones sucesivas."
Anaximandro
Debuxo de Moncho Boga, 2025. |
Coma sempre nos últimos anos, o meu destino megaliteiro está absolutamente vencellado a viaxar polos misteriosos sendeiros das redes sociais e dos buscadores. A ilusión da viaxe permanece intacta, a ilusión da búsqueda tamén, pero as posibilidades de viaxar na realidade xa non son as mesmas, excepto en ocasións puntuais.
Sendo así as cousas (lamentablemente), nunha destas incursións viaxeiras virtuais, atopei, nunha nova do ano 2016, un artigo na páxina web Historia de Galicia, no que se relataba polo miudo o achado dunha nova anta en Lalín. Realmente non foi un descubrimento, posto que a mámoa estaba catalogada: o importante é o que quedou á vista e pasou a ser coñecido pola comunidade.
O acontecemento prodúxose cando, despois do desbroce dun terreo, quedaron á vista no interior da mámoa os restos da súa cámara megalítica. O mais característico e, se cadra, único ou fóra da norma habitual, é que o funil de violación ou saqueo non estaba na croa da mámoa, senón nun dos laterais, na aba da mámoa.
Por iso, a pesares do saqueo (ou lamentablemente grazas ao saqueo) agora é posible albiscar boa parte da cámara megalítica a saber, a anta probablemente completa que semella estar conformada estruturalmente por seis esteos, así como a existencia e/ou conservación da pedra cobertora ou tampa.
Fotografía de megaliticiablogspot.com |
A mámoa das Tecedeiras acada uns vinte metros de diámetro e sobresae ao redor de dous metros e medio de altura. Como dicía antes, no interior acubilla unha anta que conserva prácticamente toda a súa estrutura arquitectónica, e que se conforma a traves de seis chantos e a súa correspondente tampa.
Probablemente, segundo conta González Alén, a mámoa formase parte dunha necrópole megalítica que se compoñía por dúas mámoas mais: unha desfeita ao construir unha estrada na que se atopou o vaso campaniforme das Tecedeiras (conservado no Museo de Pontevedra), e a outra, moi esnaquizada, preto dun circuito de motocrós que actualmente atópase abandonado.
González Alén, por último, matizaba e lanzaba aos catro ventos a necesidade imperiosa de proceder a unha correcta sinalización desta mámoa así como a unha completa e eficaz protección. Un grito diante da necesidade de protexer o noso importante e impresionante patrimonio cultural.
EN SIGRÁS, NOS DEBASTADORES E INCENDIARIOS DÍAS DO VERÁN DE 2025.
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!
ENLACES FUNDAMENTAIS
https://megaliticia.blogspot.com/2017/05/dolmenes-pontevedra.html
https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de_9.html
https://historiadegalicia.gal/2016/11/como-e-unha-mamoa-por-dentro/
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/a-estrada/2023/08/27/diez-bienes-zona-corren-grave-riesgo-desaparicion/0003_202308D27C19914.htm
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/2016/11/13/gonzalez-alen-pide-senalizacion-proteccion-mamoa-as-tecedeiras/0003_201611D13C4991.htm