miércoles, 14 de noviembre de 2012

Pedrafita-menhir do Chan do Marco. A Franqueira-A Cañiza-As Neves

Pedrafita-menhir do Chan do Marco. A Franqueira-A Cañiza-As Neves

Atópase na serra do Paradanta, no límite entre os concellos de A Cañiza e das Neves. Trátase dun marco que, á parte de dar nome a esta chaira, ten propiedades milagreiras relacionadas cos ritos de fecundidade, sobre todo coas rogativas da choiva ou do sol.




Forma un conxunto de dous esteos que están marcados con cruces de diversos tamaños. Unha é máis pequena e está deitada no chan coa cara na que hai gravada unha cruz mirando cara arriba. A súa forma é piramidal. A outra pedra atópase chantada verticalmente enriba da outra e en tres das súas caras amosa unha cruz gravada. Tamén ten forma piramidal. Segundo Fernández de la Cigoña, a posición facía que cadrasen as cruces da pedra dabaixo coa da pedra erqueita, feito absolutamente necesario se se precisaba o bo tempo. 


Fotografías de Fernández de la Cigoña. Ver bibl.

A pedra que está de pé, atópase na banda de Franqueira, pero cando necesitan que haxa choiva lévana a un regato que se atopa na parroquia de Batalláns, concello de As Neves.

Estanislao Fernández de la Cigoña e Núñez: "O poder das pedras. O mito da fecundación en Galicia" AGCE e IGEM. Mos 2003.

Pedrafitas-menhires da Porteliña de Tomonde. Cerdedo, Pontevedra

Pedrafitas-menhires da Porteliña de Tomonde. Cerdedo

Son coñecidos tamén co nome de "Os Santiños de Tomonde" e trátase de dous curiosos e raros menhires de dificil encadre dentro da tipoloxía xeral das pedrafitas galegas. Si efectivamente se adscriben crono-culturalmente ao megalitismo, estaríamos diante dalgún dos casos máis raros de elementos megalíticos no ámbito europeo. Pódese dicir que son pedrafitas "vivas", en continuo movemento, cambio: poden alongar o seu tamaño en virtude das necesidades. Tamén hai que dicir que non se precisa o seu traslado para os ritos de fecundación.


Pedrafita de Tomonde femia. Fotografía de Fernández de la Cigoña, ver bibl.

Atópanse moi preto (a uns setecentos metros) da igrexa parroquial de Santa Mariña de Tomonde, nas ladeiras do Monte da Porteliña. O seu lugar de ubicación é unha gran laxe de forma case circular e moi lisa.

Da parella de pedrafitas, unha é considerada a femia e outro o macho, condición absolutamente necesaria para que o rito sexa efectivo. O macho ten forma de cilindro e mide case dous metros, e componse por moitas pedras colocadas unhas enriba das outras. A femia non é tan alta e amosa figura xeral de cono: a súa altura é de un metro e corenta centímetros. Sen embargo hai que dicir que as medidas son variables, posto que unhas veces engádenselle pedras e outras sácanse en función das necesidades de auga ou de sol. 

Á parte de ser indespensables nas rogativas de choiva ou sol, os santiños tamén teñen a propiedade de evitar as chispas ou os raios...



Os Santiños de Tomonde, femia e macho. Fotografía de Fernández de la Cigoña, ver bibl.

Estanislao Fernández de la Cigoña e Núñez: "O poder das pedras. O mito da fecundación en Galicia" AGCE e IGEM. Mos 2003.