domingo, 14 de xuño de 2026

ANTA-DOLMEN DO MONTE DAS MÁMOAS. San Cristovo de Arzón, Negreira.

ANTA-DOLMEN MONTE DAS MÁMOAS

ROTEIRO MEGALÍTICO DO MONTE CORZÁN 6

"Nunca pienses que la guerra, por necesaria o justificada que sea, no es un crimen."

Ernest Hemingway


Debuxo de Moncho Boga, 2025.

E xa vai chegando a hora de ir rematando esta rota megalítica polas brumorosas terras de Negreira, terras da Barcala, terras do Río Tambre... Terras primorosas que non hai que deixar de visitar: preto de Santiago, ofrece multitude de recursos turístico-culturais e naturais que se cifran en castros, arquitectura relixiosa, estelas, frondosas paraxes, espectaculares pazos e a burrada do Encoro Barrié de La Maza, unha brutal construción que cambiou para sempre os horizontes que contemplara Murguía aló polos primeiros anos do século XX.


Planta a partir de Sobrino Lorenzo-Ruza.

Malia que seguimos a estar na depresión interior do Monte Corzán, esta anta (que forma parte dunha necrópole de sete ou oito mámoas) atópase xa noutra parroquia polo que tanto pode pertencer, segundo a contradictoria información de que dispoño, á parroquia de San Cristovo de Arzón como á de Santa Baia de Lueiro. A mais recente reseña fala de Arzón e, polo tanto, sen encomendarme nin a Deus nin ao Demo, vouna situar na de San Cristovo  de Arzón.


Fotografía actual extraída do blogue megaliticiablogspot.com

Para chegar é mais que necesario ir ben cubertos cun axeitado XPS. Sexa como sexa, gústame describir o traxecto malia que son conscente de que é moi dificil chegar a través da miña descrición do itinerario. Aí vai: deixando atrás a estrada CP-5602 desde a aldea ou lugar de Barbazán, hai que coller unha pista de terra que sae cara ao norte. Preto duns douscentos metros despois, preséntase á vista un cruzamento. Hai que continuar pola principal que remata por converterse nunha pista forestal. A uns seiscentos metros desde o derradeiro cruzamento, atópase a mámoa a poucos metros.


Sección a partir de Sobrino Lorenzo-Ruza.

Como ben sendo habitual nesta rota megalítica, a mámoa coa súa anta atópase nunha depresión do Monte Corzán nunha lixeira pendente que cae cara ao noreste: unha pequena chaira ao final dunha cativa dorsal. A vexetación é hoxe en día de monte baixo cunha repoboación de piñeiros e eucaliptos. Predominan as espesas toxeiras, a herba e as xestas. Tamén se poden albiscar polos arredores diversos afroramentos rochosos e, a uns cento cincuento metros, serpentea o río Corzán.


Fotografía actual extraída do blogue megaliticiablogspot.com

Foi unha das mámoas que explorou Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza no ano 1951 e é a única que saibamos que amosa na actualidade os mesmos restos da cámara que daquila (mais ou menos).


Perfil a partir de Sobrino Lorenzo-Ruza.

Debido ás remocións e aos incansables e menesterosos quefaceres dos buscadores dos tesouros inexistentes (a mesma estrutura  en sí mesma é un tesouro) é moi difícil definir ou describir a cámara e polo tanto a súa adscrición tipolóxica. Como veremos, probablemente unha das lousas sexa un anaco da tampa ou pedra cobertora, feito que se pode colexir tanto polas súas grandes dimensións, a súa situación no centro así como pola súa forma xeral.


Fotografía actual extraída do blogue megaliticiablogspot.com

A mámoa ou túmulo no que se acochan os restos do dolmen ou cámara é de tamaño medio grande: mide de diámetro uns vintecinco metros e sobresae en  altura case os dous metros. En calquera caso, a súa medición é dificultosa debido á frondosidade da vexetación sobre todo de monte baixo.


Fotografía actual extraída do blogue megaliticiablogspot.com

No centro do funil de violación (que mide catro metros de diámetro e oitenta centímetros de fondo) sobresaen os cinco chantos de que falaba mais enriba: son cinco esteos de granito dos que tres deles semella que están na súa posición orixinal, outro atópase moi inclinado e o último é posible que sexa un anaco ou fragmento da pedra cobertora ou tampa, que está caido no medio e medio da cámara.


Para chegar. Google maps.

O esteo meirande mide case un metro e vinte centímetros de altura, ao redor de oitenta centímetros de ancho e un grosor de vinte centímetros. O mais cativo sobresae desde o chan case setenta centímetros de altura, uns  corenta de ancho e un grosor de dezanove centímetros. O que hipotéticamente podería ser un resto da pedra cobertora mide un metro de altura, un metro de trinta centímetros de ancho e dez centímetros de grosor.


Para chegar. Google maps.

Unha parte da mámoa (que coincide cun terzo dela mais ou menos) está cruzado por un muro de mampostería que fai de muro de división de fincas. Cara ao oeste deste muro a mámoa foi rebaixada no seu volume polo adecentamento para unha pradeira e hoxe en día está repoboada de piñeiros.


Mapa de situación. Google maps.

Para rematar, é necesario e absolutamente obrigatorio denunciar desde esta atalaia, o abandoso dunha área megalítica de singular importancia, impresionante, na que se están a conservar mais de cincuenta mámoas distribuídas en varias necrópoles. O Monte Corzán é un lugar mítico, un monte sagrado, tanto real como dentro da tradición literario-megalítica galega. 


Mapa do Concello de Negreira coas súas parroquias.

Chama a atención o esquecemento tanto por parte das administracións responsables do coidado do noso patrimonio como a desidia por parte das autoridades locais que terían con estes recursos a oportunidade de apuntalar o seu turismo cultural.


EN SIGRÁS, DÍAS ACIAGOS DO ANO 2026.
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!

BIBLIOGRAFÍA E MOITOS ENLACES

Manuel Murguía: "Historia de Galicia".

Sobrino Lorenzo-Ruza, R.: "Megalitos del Monte Corzán". Zephyrus IV, 1953.

García Martínez e E. Shee: "Tres tumbas megalíticas decoradas en Galicia". Trabajos de Prehistoria, T. 30, 1973.

Antón Bouzas Sierra e Fernando Alonso Romero: "Los cercados del macizo del Corzán." (Negreira, A Coruña)

https://megaliticia.blogspot.com/2017/05/monte-das-mamoas.html

https://megaliticia.blogspot.com/2017/05/mamoa-de-espinaredo-e-mamoa-do-raposo.html

https://es.wikiloc.com/rutas-outdoor/dolmenes-corzan-20795179

https://lindeiros.net/negreira-publica-un-mapa-on-line/

https://concellodenegreira.gal/gl/novas/mapa-en-lina-de-turismo-descubrenegreira

https://goo.gl/kWmjbn

https://xurdemoran.blogspot.com/2014/02/mapas-del-camino-fisterra-y-muxia-etapa_4911.html#google_vignette

https://concellodenegreira.gal/uploads/media/document/guia_turistica.pdf

https://concellodenegreira.gal/uploads/media/document/guia_turistica.pdf

https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2016/08/pazo-de-coton-negreira.html

https://loboquirce.blogspot.com/2016/06/ponte-vell-do-maceira-coruna.html

https://es.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=20795179

https://megaliticia.blogspot.com/2017/05/mamoa-de-espinaredo-e-mamoa-do-raposo.html