viernes, 1 de noviembre de 2024

PEDRAFITA- ESTATUA-MENHIR DO REBORDIÑO. San Pedro do Castro de Laza. Verín

PEDRAFITA-ESTATUA-MENHIR DO REBORDIÑO



"Y tú que deseas representar por medio de palabras la forma del hombre y todos los aspectos de su membrificación, renuncia a esa idea. Porque cuanto más minuciosamente describas, más limitarás la mente del lector, y más lo mantendrás alejado del conocimiento de lo descrito. Y entonces es necesario dibujar y describir".

Leonardo da Vinci



Pedrafita estátua-menhir do Rebordiño.
Debuxo de Moncho boga, 2024.

Atópase convintemente escondida, agazapada, no Lugar de Soutelo Verde, na parroquia de San Pedro do Castro, pertencente ao Concello de Laza.

No ano 2015 publicábase, en distintos xornais, a nova  do descubrimento-achádego, sorprendente por inesperado, dunha posible estatua-menhir no devandito Concello. Efectivamente, un extraordinario descubrimento feito por un tamén extraordinario e incansable investigador  da nosa terra en xeral, e das impresionantes terras de Verín-Monterrei en particular a saber,  Bruno Rúa. Relatábase nas novas xornalísticas que este inconmensurable e apaixoado investigador  atopou un enorme esteo chantado no mais profundo (é un decir) da selva galega, no medio dun monte de toxos, dunha espesa toxeira, de aí o seu case inexpugnable escondite de milenios.

Esta gran pedrafita está así chantada, impertérrita, allea aos difíciles tempos nos que nos tocou vivir, nun recóndito paraxe de Soutelo Verde, nos arredores aledaños do Castro dos Mouros: dous fermosos topónimos para este insospeitado achádego que, sen lugar a dúbida, pasará a formar parte do catálogo das nosas pedrafitas, con personalidade de seu.



Pedrafita estátua-menhir do Rebordiño.
Fotografía: Bruno Rúa

As características físicas, formais, da pedrafita estatua-menhir, apuntan á súa fasquía sospeitosamente antropomorfa: unha protuberancia na parte superior a xeito de cabeza, e un intento apenas insinuado (a un terzo de altura aproximadamente) de representación dos brazos: dúas escotaduras intentan definir as extremidades superiores, pegadas ao corpo. Acada mais de dous metros de altura, setenta centímetros de ancho, e o perímetro máximo sobrepasa o metro. Trátase, polo tanto, dunha das estatuas-menhires mais grandes de Galicia.

Segundo Bruno Rúa, é interesante, e cando menos curioso, que a pedrafita se asente nunha zona xistosa e abondosa en seixo, sendo a pedrafita  de granito tipo ollo de sapo. É así que, con casi total seguridade,  foi trasladada desde as abas occidentais da Serra de Meda, a mais dun quilómetro en liña recta, que é o lugar de onde prodedería este granito de grao medio groso do que está feita a nosa pedrafita.

Curiosamente non se trata dun marco reutilizado, non separa lugares nin parroquias nin coutos, como ten pasado na maioría dos casos de pedrafitas reutilizadas,  grazas ao que se conservaron ata hoxe. Esa, se cadra,  é a razón que pode explicar a falta de memoria por parte da veciñanza. Probablemente a inaccesibilidade do lugar contribuiu a que permanecese ergueita e incólume durante milenios: moitas das que están aparecendo nesta comarca, e en outras moitas de Galiza, aparecen enterradas, tiradas, fóra do seu lugar orixinal.



Pedrafita estátua-menhir do Rebordiño.
Fotografía: Bruno Rúa

A proximidade do Castro dos Mouros (a uns cen metros) podería poñer en relación a estatua co mundo celta, circunstancia que ocorre noutros moitos lugares, pero que é un feito aínda non ben estudado, descoñecido polo momento. A falta doutros datos, cabe subliñar que as investigacións por estes inhóspitos recunchos da xeografía galega, permitíronlle a Bruno Rúa contabilizar mais dunha centena de petróglifos, acontecemento de especial relevancia si adscribimos, cronoculturalmente, a estatua-menhir á Idade do Bronce.

Como sempre, o contexto é determinante, ou polo menos pódenos dar pistas ao redor da pedrafita, non só o contexto arqueolóxico, senon  tamén o etnogŕafico. Efectivamente, Bruno Rúa recolleu unha cantas lendas sobre os "mouros", os nosos lexendarios "elfos". Onde hai mouros, sempre hai algo sustancial que contar: os mouros, seres máxico-míticos aportan contundentes relatos acerca das nosas atávicas costumes, da nosa diferente e propia idiosincrasia. 

Relata Bruno Rúa que unha veciña de Soutelo (que no ano 2015 acadaba a idade de 93 anos) contoulle que á beira da pedrafita abríase o chamado Pozo da Moura, un pozo que sempre estaba cheo de auga. Cando as mociñas ían coas vacas aos prados da Escaeira, unha Moura teimaba peitealas ao carón do Pozo. Ademais, como dicía antes, moi preto, casi ao carón,  ábrese o gran foxo do Castro dos Mouros, que foi feito por culpa dunha guerra moi antiga, de fai mais de mil anos, segundo o verídico relato da anciá.


Pedrafita estátua-menhir do Rebordiño.
Fotografía: Bruno Rúa

A todo isto, Rúa engade o relato dun vello pastor de Carraxo que lle contou que a  pedrafita, a pedra, era un home que se arriscou a sustraer a Trabe de Ouro que suxeita a bóveda que hai debaixo do Castro dos Mouros, e que o Rei Mouro o converteu, ante a gravidade do intento e polo tamaño desmán e descarada ousadía, en pedra, na pedrafita do Rebordiño.

Como sempre, estamos diante dun achádego polo cual nos indican que hai que ser cautos, suspender o xuizo... Pois ben, baixo a miña consideración, primeiro hai que protexer o achádego, catalogalo, defendelo e, a continuación, xa se procederá á cuestión da súa adscrición crono-cultural. Estamos en momentos en que hai que deixar atrás a mirada que nunca foi, a mirada que nunca mirou, esa é hoxe, ou debe ser, unha mirada atenta, avezada; unha mirada que posibilita que aparezan pedras chantadas ás que nunca antes se lles fixera caso, elementos que talvez non son megalíticos, pero que pola súa especial disposición merecen polo menos a protección das pezas etnográficas. Non podemos negar a realidade cada vez mais abondosa destes fitos vencellados a lendas, a castros, a mámoas, a camiños prehistóricos, a ermidas, a petróglifos  a lindes territoriais... Son monumentos na paisaxe que xa nunca mais pasarán indadvertidos, ignorados, vapuleados. Si non son pedrafitas megalíticas ou da Idade do Bronce ou castrexas, son polo menos esteos chantados pola man do home, claramente artificiais, e postos neses especiais lugares por algunha ignota razón que talvez nunca poderemos chegar a coñecer, pero si polo menos interpretar, admirar e contemplar.


ALGO QUE VER EN LAZA, A MAIORES

Desde logo, teño que comezar polo Entroido de Laza, probablemente un dos mais antigos de Galiza e de mais sona. O sinal de saída, o comenzo, é o día primeiro do ano, cando soan por vez primeira os cintos dos "chocos". Merece a pena baixo todos os puntos de vista.


Mirador de O Corno do Toro.
Foto: galiciamaxica.

Polo término municipal, si hai algo que destacar (que é moito, bo e bonito), recomendo a Igrexa de Santa María de Retorta, a Estación de Arte Rupestre das Pisadiñas e o Mirador de O Corno do Toro.



Estación de Arte Rupestre das Pisadiñas.
Foto: La Región.


Laza e a Terra de Verín-Monterrei non merecen só unha visita, senon moitas: sempre haberá algo que admirar, sempre haberá algo co que soñar.


Igrexa románico-gótica de Santa María de Retorta.
Foto: galiciamaxica


En Sigrás, o día dos mortos, das castañas, das cabazas...
Saúde, sorte e libros!!!!


ENLACES PARA SABER UN PETISCO MAIS

http://patrimoniogalego.net/index.php/73446/2015/04/pedrafita-de-rebordino/

http://patrimoniogalego.net/index.php/73446/

http://patrimoniogalego.net/index.php/73446/2015/04/pedrafita-de-rebordino/

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/laza/2015/04/11/descubren-estatua-menhir-4000-anos-monte-laza/0003_201504O11C8991.htm

siotuga.xunta.gal/siotuga/documentos/urbanismo/LAZA/documents/26331CA013.PDF

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/estatuas-pedrafitas.html

https://terraeantiqvae.com/m/group/discussion?id=2043782%3ATopic%3A347755

https://gl.wikipedia.org/wiki/Pedrafita_de_Rebordi%C3%B1o

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/estatuas-pedrafitas.html

http://www.laza.es/images/contidoEstatico/turismo/DIPTICO-PISADINAS-2020(1).pdf

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/ourense/comarca-de-verin/laza/mirador-de-o-corno-en-toro/

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/ourense/iglesia-de-santa-maria-de-retorta/

https://www.laregion.es/articulo/monterrei/pisadinas/202103121028491012576.html