PEDRAFITA-MENHIR DO CASAL.
"Los filósofos, tal como están las cosas ahora, son demasiado aficionados a ofrecer críticas desde arriba en lugar de estudiar y comprender las cosas desde dentro."
Edmund Husserl
Hai uns días puxéronse en contacto comigo, vía correo electrónico, dous activos e inquedos arqueólogos que colaboran asiduamente con Museo da Terra de Melide. Estes mozos son Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez. Ambos os dous enviáronme as fotografías e descrición de tres posibles pedrafitas estudadas por eles e ubicadas nos amplos horizontes de Terra de Melide e Arzúa.
Hoxe vou incorporar no blogue un destes interesantes elementos megalíticos a saber, a Pedrafita do Casal.
Seguindo a breve reseña enviada por estes dous novos amigos, a descrición formal achéganos a un gran megalito con clara forma de pedrafita, feita en gneis. Engaden que as dimensións son moi semellantes as dun ortostato dunha anta. A base, en xeral, adopta forma redondeada con extremo apuntado e a sección é ovalada. En canto ás dimensións, acada ao redor de 5 metros de altura, malia que á vista só sobresae uns 3,30 metros. De ancho non excede dous metros.
Segundo a avezada descrición destes investigadores, semella que foi feita coidando moito o deseño, de xeito que se pode concluir a súa adscrición prehistórica. En canto á superficie, aínda que non amosa gravado algún, está moi ben regularizada.
A xeito de concluisón, segundo Cristina e Xurxo, hai que considerar dúas hipóteses en canto á esta extraordinaria peza: ou ben estamos diante dunha auténtica pedrafita ou, pola contra, podería tratarse dun esteo dalguna cámara megalítica. Con todo, si hai que decantarse ou apostar pola súa tipoloxía, desde aquí, posiciónome claramente pola hipótese pedrafiteira. Por último, dicir que a pedrafita foi atopada no ano 2012.
En Sigrás, nun día calquera, dun mes calquera e dun anto tamén calquera.
Saúde, sorte e libros!!!
PARA SABER MOITO MAIS:
Aportación de fotografías e información de Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz rodríguez.
No Boletín nº 25 do Museo da Terra de Melide aparece un artigo destes autores sobre a devandita pedrafita.