lunes, 19 de mayo de 2025

ANTA-DOLMEN MÁMOA I DE VALDECEBES. Santa Baia de Bendollo, Quiroga.

ANTA-DOLMEN MÁMOA I DE VALDECEBES.


"La tradición de lo oprimido nos enseña que el estado de excepción en el que vivimos es la regla."

Walter Benjamin


Debuxo Versión de Moncho Boga, 2024.

Hoxe vou ás terras magníficas de Quiroga: o ouro, o Sil, a porta do Courel, os castelos, a tremenda romanización, o aceite, as olivas..., e un espectacular universo de fantásticas lendas. Todavía recordo a primeira vez que fixen unha incursión por estas montaraces terras, a primeira vez que vin o río Sil, a tremenda subida para acceder ao Courel, o Castelo de Torrenovaes, Montefurado... Foi un auténtico descubrimento aló polos anos oitenta do século XX.  E esta é aprimeira vez que escribo unha entrada megalítica nestas asombrosas terras, neste mítico solar de romanos e celtas, de suevos e galaicos, de xente galega.

A Anta de Valdecebes está situada moi preto da aldea de Soldón e de Figueirido. Desde Soldón, hai que pasar pola igrexa de Santa Baia de Bendollo (tamén está cerca a ermida da Nosa Señora das Neves) e, despois, hai que encomendarse aos mensaxeiros dos deuses... A distancia, desde a aldea de Soldón e a súa estación de tren, é aproximadamente de tres quilómetros.



Fotografía de Xabier Moure.

Grazas ao blogue, como case sempre, de Xabier Moure, atopei esta cámara megalítica na parroquia de Bendollo, aínda que tamén se pode constatar a existencia de varias necrópoles megaliticas nas parroquias de Bendollo, Cereixido e Vilar do Lor. En Valdecebes, moi preto da anta que amoso aquí, hai outra mais sen estrutura arquitectónica á vista.



Fotografía de Xabier Moure.

As dúas mámoas acadan cadansúa nove e trece metros de diámetro, dispoñen do seu correspondete funil de violación e, a que estamos a analizar, consta dunha estrutura arquitectónica composta de sete esteos. Supoñemos que a estrutura debuxa unha cámara poligonal simple con corredor pouco desenvolvido.



Mapa de mapcarta.com

Algunhas necrópoles megalíticas nas cercanías da necrópole de Valdecebes:


-Necrópole do Monte da Medorra en la Parroquia de Cereixido, lugar de Fiais: 13 mámoas

-Necrópole do Alto da Medorra en la Parroquia de Vilar do Lor, lugar de Orxais. 3 mámoas

-Necrópole do Monte da Medorra en la Parroquia y lugar de Vilar de Lor: 2 mámoas.


IMPOSIBLE RELATAR TODO O QUE PODEMOS VER EN QUIROGA

Podería dicir, seguindo os tópicos,  "descubre os encantos de Quiroga, un tesouro..." Por iso vouno dicir: descubre os encantos de Quiroga, un tesouro case inédito... Quiroga e a súa Comarca é hoxe Xeoparque Mundial da UNESCO, coa denominación "Montañas do Courel", sen dúbida unha distinción merecida e que dará pulo a un turismo sostible. Sen entrar en moitos detalles, parece que xa é unha redundancia subliñar o tremendo e magnífico patrimonio histórico-artístico e natural: neste caso é unha auténtica realidade.




Mapa da Comarca de Quiroga.
 Concello de Quiroga.

O seu marcado carácter montesío ven determinado pola Serra do Courel ao norte e o Canón do Sil ao sur. Por iso é salientable comenzar polo canon do Sil e Montefurado, os paseos fluviais, os conxuntos histórico-artísticos e etnográficos (Aldea de Seara, conxunto histórico-artrístico de O Hospital), a minas romanas de Margaride de Lor, o Castelo de Torrenovaes...



Castelo de Torrenovaes
Foto Óscar Franco

Para os forofos das andainas, unha chea de rutas perfectamente sinaladas: Fonte do Cal a Cereixido, Ruta A Seara ao Pico Pía Páxara, Ruta Cascada de Vieiros, Ruta da Encomenda, Ruta do Val do Río Quiroga, Ruta de Montouto e Dehesa do Cervo...



Lagoa de Lucenza.
Foto: Concello de Quiroga.

Na capital municipal, destacan dous primorosos museos: Museo Etnográfico Municipal e Museo Xeolóxico de Quiroga.

E como semella que me dan mareos cando penso no traballo que me levaría contar todas as marabillosas historias, lendas e costumes da Terra de Quiroga, deixovos coa mel nos beizos para que poidades investigar e visitar  sen ningún tipo de  pereza estas indispensables paraxes, porta da Serra do Courel. Malia isto, aí van dúas cautivadoras lendas.


DÚAS ENCANTADORAS LENDAS

De onde procede o topónimo Torrenovaes ou Torre Novaes? Conta unha preciosa lenda que, coma todas, ten visos históricos verídicos, o nome do castelo procede da contestación dun home do lugar a un forasteiro fidalgo que andaba a preguntar como chegar a ela. Cando chegaron, o guía sinalou ao fronte e díxolle antes de despedirse: "Aquela torre nova é". E o figalgo contestou: "Torre nova é, en verdade". De onde a fortaleza tomou o nome, Torre Novaes ou Torrenovaes.



Vista do río Sil e Quiroga.
Foto, Concello de Quiroga.

Pero aínda hai outra fermosa lenda de tráxico final, como adoita acontecer coas grandes historias. Sucedeu así: o Señor do Castelo de Torrenovaes tiña unha filla loira, de beleza proverbial... Esta fermosa dama  mantiña relacións amorosas cun aposto mozo de baixa condición social. Vianse pola noite entrando polo pasadizo que comunicaba o castelo coa outra ribeira do Sil. Quixo o destino, a mala sorte ou as malas linguas, que o Señor do Castelo se enterase dos para él ilícitos encontros amorosos, de xeito que ordenou que, cando os xóvenes amantes se atoparan no túnel, tapiaran ambas as dúas entradas...



Castelo de Torrenovaes.
Foto, Concello de Quiroga.

A lenda remata aseverando que as pepitas de ouro  que leva o Sil proceden dos dourados cabelos  da xoven dama. Tamén se conta que algúns días, na ribeira do río, non só se escoitan os profundos suspiros dos namorados, senon que tamén téñense visto pasear polas ribeiras  do Sil nas noites de lúa chea.  Un amor eterno, sen dúbida.

En Sigrás, no mes de maio de 2025.

Saúde, sorte e libros!!!


ALGÚNS ENLACES INTERESANTES

https://concellodequiroga.com/es/turismo-en-el-ayuntamiento-de-quiroga/puntos-de-interes-del-ayuntamiento-de-quiroga/

https://mapcarta.com/es/N11758429988/Mapa

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de.html

https://viajocomoquiero.com/que-ver-en-quiroga/

https://patrimoniogalego.net/index.php/23097/2012/08/castelo-de-torres-novaes/

https://concellodequiroga.com/turismo-no-concello-de-quiroga/rede-de-miradoiros-do-concello-de-quiroga/miradoiro-da-conchada-en-san-martino/

https://concellodequiroga.com/es/turismo-en-el-ayuntamiento-de-quiroga/puntos-de-interes-del-ayuntamiento-de-quiroga/castillo-de-los-novaes/