mércores, 6 de agosto de 2025

ANTA-DOLMEN MÁMOA DOS CARRÍS 4. San Xoán de Parada, Outeiro de Rei.

ANTA-DOLMEN MÁMOA DOS CARRÍS 4

RUTA ARQUEOLÓXICA DE O ACEVEDO IX


"Pensar y amar son cosas distintas. El pensamiento en sí mismo es inaccesible al amor; engendra el amor y lo gobierna, pero no es el amor."

Georg Wilhelm Friedrich Hegel


Debuxo de Moncho Boga, 2024.

Se cadra estamos diante dunha das mámoas mais interesantes da necrópole, non tanto en canto á calidade ou cantidade dos restos conservados, como en canto á existencia dunha gravura plasmada nunha das caras do esteo mais grande da cámara megalítica. 



Mapa: mapcarta.com

Xa Núñez Jato cando visitou esta anta-dolmen, achou a masa tumular da mámoa moi arrasada e constatou tamén a existencia de catro esteos da estrutura arquitectónica ou anta. Precisamente nun dos esteos describe unha gravura que interpreta como antropomorfa. Dos esteos da cámara, dous deles son relativamente grandes (sen especificar a súa altura) e os outros dous son significativamente mais pequenos. No esteo meirande atópase un gravado que corresponde a unha forma ou figura circular (moi erosionada) cuns trazos verticais inferiores que case non se aprecian a simple vista. 



Fotografía dos paneis da Ruta Arqueolóxica de O Acevedo.

A gravura é semellante ao gravado de Galva e a outros esteos e antas do Concello de Outeiro de Rei, sen paralelos nin na provincia de Lugo nin  no resto de Galicia. O chanto onde está a gravura é o mais grande e é o que está nunha posición mais vertical, o resto dos chantos están lixeiramente inclinados cara a dentro ou colmatados parcialmente. Considera, deste xeito e a partir deses datos, que isas posicións gardan relación coa natureza do gravado a saber, un fito territorial de separación de montes de man común entre parroquias.



Fotografía megaliticiablogspot.com

A masa tumular  estaba e está moi achanzada e, nos tramos de maior altura do zócalo natural, non se diferencia do chan vexetal. As medidas da mámoa van desde os dezaoito metros no eixo N-S ata os dezaseis metros no eixo L-O; a altura non sobrepasa os sesenta centímetros. 

Como vimos ollando nestas entradas do megalitismo da Ruta Arqueolóxica de O Acevedo, así como en outras parroquias do Concello de Outeiro de Rei, hai varias gravuras semellantes tanto en antas como en fitos diversos. As interpretacións ao redor destes posibles antropomorfos son variadas e suxestivas.

Foron Xabier Moure e Brais Rodríguez Romero quenes documentaron en Aspai, Martul e Parada varios penedos gravados coa mesma tipoloxía de gravura ou  símbolo. Describírono como unha figura cun circo superior que, desde a parte de abaixo, saían unhas liñas verticais cruzadas, nalgúns casos por un arco. Normalmente atopábanse gravadas en fitos tipo pedrafitas moi preto de necrópoles megalíticas e, como é o caso, nalgúns esteos das cámaras megalíticas. 



Fotografía megaliticiablogspot.com

Plantexouse así un problema con respecto ao significado destas gravuras que manifestouse tan ou mais complexo que o soporte onde foran gravados. E mais problemático todavía era que non existían nin existen paralelos nin no resto da provincia de Lugo nin en Galicia enteira, como estaba a dicir mais enriba. 


En Sigrás, no mes do Santiago de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!

ENLACES MOI FRUCTÍFEROS

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-69241883

https://megaliticia.blogspot.com/2021/04/Tumulos-dos-Carris.html

https://outeiroderei.gal/turismo/

https://pasomiudo-rutadoacevedo.blogspot.com/

https://www.elprogreso.es/articulo/comarca-lugo/grabados-varios-dolmenes-outeiro-rei-son-deslindes-siglo-xix/201904092229131370020.html

https://mapcarta.com/N10693750958

https://megaliticia.blogspot.com/2015/12/grabado-dos-carris.html