xoves, 24 de xullo de 2025

ANTA-DOLMEN DE FERREIRÚAS. Santa María de Cabanela, Navia de Suarna.

ANTA-DOLMEN DE FERREIRÚAS

"Es de sabios prestar oídos no a mí, sino a la palabra ("logos") , y reconocer que todas las cosas son una."

Heráclito de Éfeso



Debuxo de Moncho Boga, 2024.

Segundo relataba nunha entrada, neste mesmo blogue (3 de xuño de 2012), adicada ás Antas-dólmenes de Fonsagrada, para chegar, hai que ir, explicaba, pola estrada que leva a Becerreá indo pola Tambeadoira. A anta está á esquerda desa estrada, no lugar de Ferreirúas ou de Montefrío. Coido, hoxe, desde aquí, que con estas indicacións case é imposible chegar, pero non teño outras. O amigo Xabier Moure, sen embargo, clarexa un pouquiño mais o xeito de chegar: atópase ubicada á man dereita da estrada que vai ao Alto do Restelo á Tambeadoira. Sexa como sexa, con estas indicacións é pouco probable chegar..., o mellor é ir ben equipados co XPS ou acudir a un veciño da zona.



Fotografía da década de 1980. Autor: Enrique López Fernández.

Voltei a este necrópole, a esta anta, pola necesidade de actualizar os diversos datos da anterior entrada: a anta está en Navia de Suarna, non na Fonsagrada, por exemplo. Ata aquí, nada mais que actualizar. É mais, segundo as investigacións de Moure, a descrición xeral da mámoa e da anta seguen a ser prácticamente as mesmas que eu describía nesa entrada e que foron recollidas da publicación de Enrique Fernández López  do ano 1992.



Fotografía da década de 2020. Autor: Xabier Moure.

A Anta-dolmen de Ferreirúas forma parte dunha necrópole situada no alto de Campa das Penas e, segundo o investigador que a deu a coñecer, a anta, que se acubilla nunha gran mámoa de mais de trinta metros de diámetro, describe unha planta das da tipoloxía poligonal (con posible corredor desenvolvido) conformada a través de sete grandes ortostatos compostos de lousa e cuarcita. O esteo da cabeceira, o meirande de toda a estrutura, acada unha medidas dun metro e medio de alto. A tampa ou pedra cobertora atópase un pouco desprazada e a súa composición é de pizarra: acada unhas medidas dun metro e noventa centímetros de longo por un metro e trinta centímetros no ancho. O resto dos esteos son un pouco mais pequechos que a pedra da cabeceira. A cámara megalítica, no interior, mide, no eixo N-S un metro e cincoenta centímetros na base e noventa centímetros de altura. No eixo L-O,  na base é dun metro e sesenta centímetros e, na parte de arriba ou superior, un metro e trinta centímetros. A entrada e o posible corredor de acceso semella que están orientados ao S-L.


Fotografía do ano 2016 do Colectivo Patrimonio dos Ancares.

Segundo Xabier Moure, nunha visita á anta a primeiros da década de 2020, corroboraron a descrición xeral de Fernández López e, ademais, constataron unha agresión á pedra cobertora que foi esnaquizada pola metade.



Fotografía da década de 1980. Autor: Enrique López Fernández.

Logo das denuncias e comunicados ao Concello e ao Servizo de Patrimonio Cultural por parte do Colectivo Patrimonio dos Ancares, a primeiros do ano 2021, a necrópole foi sinalizada pola Deputación Provincial de Lugo a través da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses.


EN SIGRÁS, SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!

ENLACES E BIBLIOGRAFÍA IMPRESCINDIBLES

https://patrimoniogalego.net/index.php/31681/2013/01/anta-de-ferreiruas/

https://arqueoloxiadosancares.blogspot.com/2011/01/mamoas-petroglifos-e-castros-navia-de.html

Vázquez Seijas, M. "Monumentos megalíticos. A Casía da Arquela" Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo. Tomo 1, nº 2. 1942.

Vazquez Seijas, M. "Lugo en los tiempos prehistóricos" Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo, 1943.

López Fernández, Enrique. "Megalitos y mámoas en el ayuntamiento de Fonsagrada" Boletín do Museo Provincial de Lugo, 1992.

PEDRAFITA-MENHIR EN LEBOREIRO. A Baixa Limia

PEDRAFITA-MENHIR EN LEBOREIRO

SOSPEITOSOS HABITUAIS IX

"Aunque estés solo, no debes decir ni hacer nada malo. Aprende a avergonzarte más ante ti que ante los demás."

Demócrito de Abdera



Debuxo de Moncho Boga, 2024.

Como tantas outras veces,  sumerxido  nese global mundo internetiano, atopei, nunha ruta desas que deseñan e publican en wilkiloc, unha fotografía dun gran esteo en cuxo pé sinalábase "Pedrafita do Leboreiro". Nada mais sei deste esteo, deste poderoso sospeitoso habitual... O único que podo dicir é que ten forma cilíndrica, que debe medir mais de dous metros de altura e, o mais importante, sitúase na penechaira da Serra do Leboreiro, na Raia Seca, nesa mítica fronteira entre Portugal e España onde se empraza unha das mais grandes concentracións de mámoas de toda a península ibérica, sin esaxerar.



Ruta e mapa extraídos de: 
https://carris-geres.blogspot.com/2020/02/mapa-do-circuito-dolmenico-da-serra-do.html

Lugares míticos xa no imaxinario real megaliteiro, situados nestas terras de fronteira como Outeiro das Augas, Portela do Pau, Penedos da Canteira, Outeiro de Ferro Penagache... Emprazamentos de grandes antas e poderosas mámoas, a mais de mil douscentos metros de altitude, unha gran penechaira nesta insondable Serra do Leboreiro, onde se cadra destaca, polo seu descomunal volume, a Mota Grande de Verea: a impresionante cámara que agocha no interior componse de grandes esteos completamente decorados con gravuras e pinturas case únicas.



Ruta e mapa extraídos de: 
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/circular-serra-do-leboreiro-28208113

En algunhas das mámoas chantaron vértices xeodésicos e diversos moxóns que van sinalando a fronteira; tamén algunha mámoa fai por si mesma de moxón fronteirizo como a Mota Grande. É evidente que no caso deste esteo, nin se trata dun vértice xeodísico nin se parece en nada aos diversos marcos que van sinalando a fronteira entre os dous países.




Por iso, neste contexto tumular, onde se erixen mais de cento trinta mámoas en ambos os dous lados da fronteira,  e onde se alza este novo exemplar, considero  que ben poidera ser engadido ao catálogo das pedrafitas-menhires do país galego.

Tanto o contexto como a morfoloxía suxiren a posibilidade nada desdeñable de constatar a súa cualidade megalítica.


En Sigrás, saúde, sorte e  libros!!!

ENLACES

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/outeiro-de-augas-a-mota-v-xeodesico-pau-mamoas-alto-da-portela-do-pau-peneda-geres-serra-do-laborei-21601500/photo-13595546

https://carris-geres.blogspot.com/2020/02/mapa-do-circuito-dolmenico-da-serra-do.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/circular-serra-do-leboreiro-28208113

https://carris-geres.blogspot.com/2020/03/o-megalitismo-da-serra-do-leboreiro.html