xoves, 9 de outubro de 2025

PEDRAFITA-MENHIR DE FORMIGUEIROS. Santiago de Formigueiros, Samos.

PEDRAFITA-MENHIR DE FORMIGUEIROS


"El poder de la palabra en relación con los asuntos del alma está en la misma relación del poder de los medicamentos en relación con los asuntos del cuerpo."

Gorgias de Leontinos


Debuxo de Moncho Boga, 2025.

Unha pedrafita coñecida desde hai tempo a través de diversas publicacións e recuperada para a bibliografía das ondas por Alberte Alonso e outros. As fotografías son de Tomé Martínez e, por suposto, tampouco sei nin a localización exacta nin fixen ningunha incursión na súa busca. Coñezo a zona, coñezo a Necrópole de Santa Mariña, as antas da Serra do Édramo e o Castro de Formigueiros, impresionante xacemento arqueolóxico castrexo celta que debería figurar entre os castros de obrigada visita para os amantes da arqueoloxía.


A presente pedrafita atópase no Concello de Samos, pero é probable que funcionase durante séculos como marco de termo, marco demarcatorio entre os concellos de O Incio (Santa Cristina de Viso), Sarria (San Martiño de Loureiro) e Samos (Santiago de Formigueiros).


Fotografía de Tomé Martínez.

Sen coñecer o seu lugar de emprazamento previsiblemente pouco se podería dicir desta tremenda pedrafita. Sen embargo, o contexto arqueolóxico e etnográfico pódennos falar de moitas  cousas sen necesidade de acudir ao lugar.


Ruta polo Monte de Santa Mariña e Serra do Édramo.

O contexto inmediato sitúa a pedrafita entre a Necrópole de Santa Mariña (composta por mais de trinta mámoas) e a necrópole do Édramo, zonas de penechaira con amplo dominio visual sobre o territorio. E dicir, visibilidade do enclave que pode vencellarse directamente ao papel da pedrafita como complemento indicador da necrópole. Esa visibilidade da necrópole de Santa Mariña, unida inextricablemente coa elevada mobilidade dos grupos humáns neolíticos para potenciar o seu protagonismo na paisaxe durante os desprazamentos polos camiños. O papel dos túmulos megalíticos, en consecuencia, como configuradores da paisaxe pode ser explicado tendo en conta que tamén poideron servir como elementos demarcadores do territorio.


Fotografía de Tomé Martínez.

O topónimo Formigueiros, (tamén Castro de Formigueiros ou a parroquia de Santiago de Formigueiros) resulta sorprendente (información de Dolores González de la Peña no seu blogue arqueotopanimia) que se use na Bretaña Francesa o término "turumel" para referirse aos túmulos megalíticos e tamén "formigueiros". Doblemente curioso, afirma Dolores: en Galicia, nalgunhas zonas, as mámoas denomínanse "formigueiros". Aquí non só as mámoas, senon tamén a propia pedrafita.


Monte de Santa Mariña e Serra do Édramo.

Na mesma zona atópase a Pedra do Tempo: posible esteo dunha anta que era empregado tradicionalmente para tentar influir nas condicións climáticas, feito necesario diante do desenvolvemento caprichoso dos elementos. Era unha pedra móbil: erguiase para que fixese bo tempo e acostábase para que chovera.


Pedra do Tempo. Fotografía extraída do bloge onosopatrimonio.blogspot.com
A autoría é de Almagro e Gorbea, 2022.

Non sei nada das medidas e a forma semella tendente a sección cadrangular,  mais picuda na punta. Atópase medio deitada nunha paisaxe que corresponde coa típica zona achairada do horizonte tumular galego.

ALGO MAIS QUE VISITAR NA TERRA DE SARRIA

Si por casualidade atopades a Pedrafita de Formigueiros e aínde tedes tempo de percorrer esas agarimosas terras, non deixedes de visitar tanto a Necrópole de Santa Mariña (BIC), a Necrópole do Édramo como, por suposto, o impresionante Castro de Formigueiros.


Castro de Formigueiros.


Unha das antas da necrópole do Édramo.
Fotografía de Cándido Rico.

En Sigrás, coa constancia do  alboroto, no ano 2025.
Saúde, sorte e libros!!!

ENLACES

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/04/pedrafitas-con-outras-funcions.html

https://arqueotoponimia.blogspot.com/search?q=Formigueiros

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

https://patrimoniogalego.net/index.php/44759/2013/06/necropole-megalitica-de-santa-marina/

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lemos/o-incio/2010/03/25/tesoros-serra-do-edramo/0003_8377614.htm

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/serras-de-santa-marina-e-de-o-edramo-o-incio-14378068

https://ourense-natural.es/calvos/mamoasstamarina.htm

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/somosagro/agricultura/2013/11/20/piedra-milagrosa-llover-salir-sol/0003_201311M20C4991.htm

https://ca.pinterest.com/pin/356910339198463524/