PEDRAFITA-MENHIR O MARCO CAMÍN OU DAS XUNQUIÑAS
"¿Por qué el ojo ve las cosas más claras en los sueños que en la imaginación cuando nos levantamos?"
O Marco Camín segundo versión de Moncho Boga, 2024. |
As únicas e inestimables referencias de que dispoño ao redor deste singular marco-pedrafita, proceden do tremendo blogue de Xabier Moure onosopatrimonio.
Trátase dun marco de término, posiblemente unha pedrafita reaproveitada como tal, que divide ou limita os Concellos de Cervantes e Navia de Suarna, nos grandiosos Ancares galegos.
A súa ubicación, poderosamente chantada, localízase xunto a unha estrada ou pista asfaltada que leva desde a Braña do Brandozo ata o límite coa provincia de León, xa no Bierzo.
![]() |
Fotografía de Xabier Moure en patrimoniogalego.com |
Conta Moure que, seguindo as súas metódicas investigacións, na cartografía figura co nome equivocado de Marco das Xunquiñas ou do Pozo. O topónimo Xunquiñas tamén nomina a un pequeno regato e a un monte, aledaños ou nas cercanías.
No seu meticuloso rastrexo buscando información, descubriu que os veciños de Murias (Rao-Navia de Suarna), Poso (Pando-Cervantes) e os de Balouta e Suárbol no Bierzo o coñecen co nome de Marco de Camín ou de Xunquiñas: descubriu que os veciños de Poso tamén o denominan como Marco de Xunquiñas ou de Poso, de xeito que é probable que a denominación actual de Pozo sexa unha deturpación do nome deste pequeno núcleo rural galego.
A fermosa pedrafita Marco de Camín acada unha altura á vista de pouco mais de metro e medio e, afondando na súa función de marco de término, non só separa dous concellos, senón que tamén está a delimitar desde pretéritos tempos (posiblemente desde a prehistoria) o monte da Cospedosa en Cervantes e o Monte de Murias en Navia de Suarna.
Nas súas pescudas, ademais de descubrir que o topónimo actual é errado, tanto a partir das testemuñas veciñais, tamén descubriu a orixe deste erro na documentación histórica. Un Veciño de Murias, José Fernández alias Vilarín, aportoulle documentación onde xa se fala do Marco de Xunquiñas, como tamén acontece nos interrogatorios do Catastro da Ensenada.
Moure subliña ademais que o Marco do Pozo era outro moxón situado non moi lonxe, que foi sustituido por un marco de cemento (alcumado así talvez polo lugar coñecido como Pozo do Tesouro) e que delimita hoxe en día as provincias de Lugo e León e ata non hai moito tempo limitaba ou marcaba os lindeiros das aldeas de Pouso e Moreira no Concello de Cervantes, Murias de Navia de Suarna e Suárbol na provincia de León.
![]() |
Fotografía de Xabier Moure en patrimoniogalego.com |
Como corolario, o Marco de Xunquiñas ou do Pozo, leva hoxe como ostentoso ornato ou anuncio con letras gravadas do coto de caza a saber, "Coto N. de Caza" por unha cara e, pola outra, "Coto de Caza LU 1022...", a pesar de estar prohibido por Lei.
Sinalar, por último, como vimos mantendo ao longo dos anos, a persistencia da utilización das pedrafitas como marcos de término desde as profundidades da historia: os monumentos megalíticos en xeral, e as pedrafitas en particular, desempeñaron desde sempre, entre outras funcións, unha función espacial, como marcos delimitadores de territorio e dicir, un papel socio-territorial. Esa significativa función de estruturación da paisaxe (marcadores do territorio, de espacios habitables, de lugares de tránsito...) foron funcionando de forma recurrente como marcos identificadores en datas históricas. Polo tanto concluimos, seguindo os estudos de Martinón Torres, coa constatación do concepto de CONTINUIDADE como un feito consustancial á existencia do megálito. Dese xeito ábrese o reto de reconstruir a historia, unha histroia que abre unha ventá para comprender a nosa paisaxe e por ende a nosa cultura:
"Es una historia de la que son partícipes los constructores de megalitos, pero también los campesinos, las mouras encantadas, los buscadores de tesoros, los paseantes ilustrados, los canteros desvastadores, los propios prehistoriadores... Todos los que, a la largo de la vida de los monumentos, hemos tenido relación con ellos" (Martinón Torres).
Saúde, sorte e libros!!!
En Sigrás, un día gris de febreiro de 2025.
QUE VER NOS ANCARES?
TODO.
BIBLIOGRAFÍA
https://patrimoniogalego.net/wp-content/files_mf/cache/th_7f48715928dfe0c3d117a6df4d299302_Navia-de-Suarna-Marco-de-Xunqui%C3%B1as5.jpg
https://patrimoniogalego.net/index.php/60473/2014/05/marco-de-xunquinas/
http://arqueoloxiadosancares.blogspot.com.es/2011/07/toponimia-do-concelo-de-navia-de-suarna.htmlhttp://arqueoloxiadosancares.blogspot.com.es/2011/01/toponimia-do-concello-de-cervantes_23.html
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/firmas/2014/07/13/mala-sorte-corren-os-marcos-historicos-ancares/0003_201407L13C10991.htm