ANTA-DOLMEN DE FONTEMOUREIRAS
"Las universidades no enseñan todas las cosas..., así que un médico debe buscar viejas brujas, gitanos, hechiceros, tribus errantes, viejos ladrones y forajidos por el estilo y recibir lecciones de ellos. Un médico debe ser un viajero... El conocimiento es experiencia."
Debuxo de Moncho Boga, 2024. |
Serra de Outes, concello de costa e interior, onde a Ponte Nafonso destaca con personalidade de seu, pero onde o mar e os ríos confirenlle unha idiosincrasia propia. Un concello que non é alleo ao horizonte megalítico de Galicia, onde, estou seguro, aínda hai moitas cousas por descubrir.
Fontemoureira: o topónimo xa é indicativo dun lugar especial, dunha paraxe mítica, dunha paisaxe onde os mouros camparon e camparán sempre ás súas anchas. Os extraordinarios construtores de monumentos megalíticos, de castros, de formacións naturais, de petróglifos, de fontes, de mananciais, seguen a vivir entre nós, a estar con nós, cuidando e nomeando os nosos mais espectaculares elementos arqueolóxicos da prehistoria, do megalitismo atlántico.
Esta anta está situada a uns douscentos metros do panel de petróglifos de Fontemoureira e a mámoa na que se insire acada ao redor de catorce metros de diámetro. A estrutura arquitectónica da anta confórmase e desenvólvese a través de cinco esteos que sobresaen desde o funil de violación.
Atópase situado a uns cento corenta metros de altitude nunha especie de rechán a xeito de aterrazamento cunha ampla visibilidade sobre a ría de Muros e Noia. Está absolutamente rodeado dunha plantación de piñeiros que axfisian toda a súa contorna. A altura da mámoa non chega aos dous metros.
O lugar da parroquia de Sabardes onde se asenta denomínase Cernadas. A propiedade é privada e, como dicía antes, está adicada a unha explotación forestal de piñeiros.
QUE PODEMOS VER EN OUTES.
Tendo ao seu arredor por unha parte Noia e pola outra Muros, semella que o Concello de Serra de Outes queda reducido a un territorio esquecido entre dous grandes recursos históricos e turísticos da ría: nada mais lonxe da realidade. Outes ten moitos e variados recursos e recunchos que ben merecen unha visita.
Ubicado no suroeste da provincia da Coruña, na Ría de Muros e Noia, pertence á Comarca de Noia. A capital municipal é Serra de Outes, e o río Tambre caracteriza con voz propia a esencia do municipio.
Os espectaculares sitios de praia combinan harmónicamente con recursos, ata fai pouco descoñecidos, do interior. Paseos fluviais, sendeiros de montaña, patrimonio arqueolóxico...
Varios puntos moi recomendables desde onde se pode contemplar a Ría de Muros e Noia e boa parte do concello de Outes o constitúen o Monte Tremuzo (531 ms de altitude), a Pedra Serpal, o Monte da Pena e o Miradoiro do Castelo. Son auténticas atalaias e miradoiros desde onde contemplar un universo case infinito.
Douscentos setenta metros de lonxitude acada a Ponte Nafonso, unha das mais famosas e fermosas de Galicia, que salva o cauce do río Tambre e une os concellos de Noia e Outes: vinte arcos, algúns de tipo oxival, e diversas reconstrucións debido ás vicisitudes da historia.
Por variar un pouquiño, paga a pena visitar os Muíños de Albeida no lugar de Rates: conforman un conxunto de muíños dispostos nunha racional disposición ao longo do regato do mesmo nome. Desde este espléndido lugar, comenza unha ruta de sendeirismo que serpentea entre uns oito muíños, circulando por douscentos cincoenta e tres chanzos que levan ata eles.
E, PARA REMATAR, UNHA FERMOSA LENDA
Pero a ponte Nafonso non se limita a ser un necesario, e durante moitos séculos, única vía de tránsito para salvar o esteiro do río Tambre pouco antes da súa desembocadura nos umbrais do Mar Océano: a Ponte Nafonso tamén ten, como debe ser, unha fermosa lenda. Contan os brumosos e anónimos bardos que, na extremeira que bordea os lindeiros con Outes, a ponte debuxa un raro e case paradóxico requebro o cal, segundo as verídicas fontes do pasado lendario, ningún experto facedor e refacedor de pontes foi nunca capaz de enderezar.
Tamén, eses mesmos notarios da antigüidade, relatan que o arquitecto encargado deseñador da ponte (chamado casualmente Afonso) era irmán do arquitecto do mosteiro de Toxosoutos. Ambos os dous comprometéranse a non ver a obra do outro ata que non estivese rematada: Afonso cumpriu a promesa e, a xeito de penitencia, morreu antes de poder ollar a súa propia obra rematada.
En Sigrás, nun mes calquera (preto ou de cheo na primavera) de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!
POR SI QUEREMOS VER E SABER ALGO MAIShttps://patrimoniogalego.net/index.php/100415/2018/08/dolmen-de-fonte-moureira/
https://www.paxinasgalegas.es/dolmen-de-fontemoureira-714741em.html
https://es.wikiloc.com/rutas-outdoor/dolmen-y-petroglifos-de-fontemoureira-27543238
https://turismo.outes.gal/
https://www.elespanol.com/quincemil/vivir/escapadas/20201109/mejores-planes-cosas-ver-outes-visita/534698278_0.html