jueves, 22 de mayo de 2025

ANTA-DOLMEN DA DEGUESA. San Salvador da Xironda, Cualedro

ANTA-DOLMEN DA DEGUESA


"El tiempo es un bandido vengativo que roba la belleza de nuestra juventud. Nos deja con la carne flácida y desgarrada, y las encías ardiendo con las cuencas vacías."

Rafael Sanzio



Debuxo de Moncho Boga, 2024.


O Concello de Cualedro, na extraordinaria e fronteiriza Terra de Verín, terra do Támega, sigue a proporcionar interesantes e impresionantes elementos megalíticos, malia que neste caso aparecese froito dun lance inexplicable, absolutamente reprobable e incluso penado legalmente: a roturación dos terreos para unha plantación forestal realizada no ano 2016.

Segundo as informacións do excepcional investigador das cousas do Támega, Bruno Rúa, estamos diante duns cantos esteos descontextualizados. Un deles semella que está na súa posición orixinal; o outro atópase tirado á súa beira. A ubicación dos restos de esteos da cámara megalítica atópanse nunha penechaira preto da aba do monte Larouco. 



Fotografía de Bruno Rúa.

A roturación foi tan salvaxe que non se aprecia, segundo Rúa, nin se albisca absolutamente ningún resto da mámoa na que con total seguridade se acubillaba. Cabe tamén a posibilidade de que a mámoa xa desaparecese froito das labouras agrícolas que ata ben pouco se viñan realizando nesta área, sementando diversos cereais coma o centeo. O continuado traballo agrario foi achanzando, posiblemente, e diminuindo o volume da mámoa... Como testemuña acertadamente Bruno Rúa, a ubicación responde ás características de ubicación doutras moitas mámoas da bisbarra.



Fotografía de Bruno Rúa.

Un feito destaca sobre calquera outro con respecto aos restos desta lamentablemente novedosa para mín anta megalítica: é o esteo que está arroxado, tirado no chan, que amosa tres coviñas labradas nunha das súas caras á vista e que probablemente teña algunhas mais na cara que non está á vista, segundo lle contou un veciño do lugar. 

Sinala o incombustible Bruno Rúa que en toda a zona adxacente abondan os petróglifos con coviñas, e os veciños comentan a existencia de diversas pedras gravadas con diversas cazoliñas semellantes ás da nosa anta. 

O paradóxico deste caso é que a plantación de piñeiros que se levou a cabo e que esnaquizou esta anta foi promovida por entidades públicas e con financiación tamén pública. 

O Tempora, oh mores!



ALGUNHAS RUTAS POR TERRAS  DE CUALEDRO

O Concello de Cualedro ofrece diversas rutas que non adoitan engadir elementos megalíticos. Aínda así é un territorio que merece unha visita para coñecer, por medio deses itinerarios, a súa espléndida riqueza natural e os seus diversos monumentos histórico-artísticos e arqueolóxicos.  Son rutas bastante accesibles, sen moita dificultade e están ben sinalizadas.

Entre  as rutas, que califican de históricas, recomendamos desde aquí a ruta do Castelo, a Ruta da Igrexa e o Sendeiro do Río.


En Sigrás, no último día de abril de 2025.

Saúde, sorte e libros!!!



PARA INCREMENTAR O NOSO COÑECEMENTO

https://historiadegalicia.gal/2016/10/removen-mamoas-en-cualedro-para-plantar-pineiros/

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2013/11/mamoas-e-antas-de-galiza-ii.html

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/petroglifos-de-galiza-ii.html

https://www.cualedro.es/wp-content/uploads/2018/07/guiaGAL2016.pdf

https://www.galiciamaxica.eu/mini/cualedro-maxico/

https://portalpueblos.com/cualedro/patrimonio-de-cualedro

Bruno Rúa: "Guía Arqueolóxica da comarca de Monterrei."