PEDRAFITA-MENHIR MARCO DAS MEIGAS
"La clave de la sabiduría es ésta: el cuestinamiento constante y frecuente, porque dudando somos llevados a cuestionar y cuestionando llegamos a la verdas."
Pedro Abelardo
Debuxo de Moncho Boga, 2025. |
Esta nova e sorprendente pedrafita, atopada documentalmente por Dolores González de la Peña e físicamente por Xabier Moure no ano 2024, é doblemente sorprendente para min por ser xa unha área na que hai elementos con rituais semellantes, tamén semellantes aos dun cruceiro e dun peto de ánimas da miña parroquia. Sorprendente porque na mesma zona aparecen outras dúas pequenas pedrafitas formalmente cos mesmos ritos, facendo de marcos de termo entre os mesmos concellos a saber, Miño e Vilarmaior (tamén Monfero). Pedrafitas ou marcos de termo, ou as dúas funcións, foron publicadas neste blogue: pedrafita-marco da Cartelida e pedrafita-marco de Torres. A primeira estudada polo miudo polo malogrado e inesquecible Papigil e a outra por min mesmo.
Nos blogues dos autores mencionados antes, sublíñase que se trata dun afloramento rochoso: desde aquí semella un bloque de sección rectangular abatido, tirado no chan. Probablemente me equivoque.
Fotografía de Xabier Moure no seu blogue onosopatrimonio.blogspot.com |
O monolito foi atopado por Dolores González nas actas de deslinde do ano 1924 entre os Concellos de Vilarmaior e Miño: aí cítase o Marco do Lugar Vello entre as parrroquias de Carantoña (Miño) e Doroña (Vilarmaior). Descríbese no documento como unha pedra de lousa de forma irregular que mide sete metros de lonxitude, setenta centímetros de altura e setenta e nove centímetros de latidude. Na parte superior remata con forma redondeada e amosa unha cruz "en la que se encontraron dos monedas de cobre." Cando pouco despois a atopou físicamente Xabier Moure, constatou que as medidas coinciden exactamente. No documento de amillaramento afírmase que o marco curaba diversas doenzas si se deixaba unha moeda sobre a cruz e para rematar habería que dar unha volta ao redor da pedrafita. Pero si roubasen as moedas, aquil que o fixera, levaría a enfermidade consigo.
Fotografía de Xabier Moure no seu blogue onosopatrimonio.blogspot.com |
Pero ademais durante as súas pescudas, Xabier Moure enterouse de moitas mais cousas: non só se depositaban moedas, senon tamén roupa. Unha moza que non quedaba preñada, deixou aí os calzóns do seu home e semella que o remedio funcionou. Outro dato é que o que se pedise había que pedilo sen falar con ninguén e tamén se conta que desde aí óllanse sete igrexas.
Estou dacordo con Dolores e Xabier ao considerar que o documento de amillaramento é excepcional: un documento oficial que describa (feito que non é habitual) o ritual non só de deixar as moedas, senon tamén o costume de deixalas sobre a cruz gravada; o que tamén confirma a antigüidade da pedrafita.
Para Dolores de la Peña o rito constata o feito de que os paisanos identifican a cruz de termo coa cruz cristiana e por iso practican o rito-conxuro da enfermidade nos lugares ancestrais que a eles lles parecían cristianos. Unha maneira de formar un culto sincrético que xurde do mais fondo raigame das tradicións galegas.
Para rematar, tanto o alcume Marco das Meigas como o Lugar Vello fan referencia a un espazo que estivo sempre e desde sempre no mesmo emprazamento e que por diversos motivos foi importante simbólicamente para os nosos devanceiros, ata o punto de convertelo nun marco de termo.
En Sigrás, nos primeiros días do outono de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!
ENLACES FUNDAMENTAIS E IMPRESCINDIBLES
https://arqueotoponimia.blogspot.com/search/label/megalitismo
https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html
ENLACES FUNDAMENTAIS E IMPRESCINDIBLES
https://arqueotoponimia.blogspot.com/search/label/megalitismo
https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html