Amosando publicacións coa etiqueta Círculo Lítico. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Círculo Lítico. Amosar todas as publicacións

venres, 16 de xaneiro de 2026

CÍRCULO LÍTICO DA BAIXADA DE SAN XOSÉ. San Salvador de Cabreiroá, Verín

CÍRCULO LÍTICO DA BAIXADA DE SAN XOSÉ

11. RUTA DAS PEDRAFITAS-MENHIRES DA BAIXADA DE SAN XOSÉ.

"Si es bueno vivir, todavía es mejor soñar, y lo mejor de todo, despertar." 
Antonio Machado



Debuxos das tres pedrafitas do círculo lítico, versión de Moncho Boga, Sigrás 2026.

Inopinadamente, case sen decatarme, xa estou na recta final, case chegando ao fin, case rematando esta viaxe que podería calificarse de iniciática, esta viaxe que me levou polos vieiros da imaxinación e da documentación da mán de Rafa Castro, por un universo pedrafiteiro e etnográfico que estaba lonxe de imaxinar.

Foi e é unha viaxe que remata cos restos dun hipotético círculo lítico que, si as intuicións de Rafa se constatan, sería o ramo, a guinda que coronaría esta espléndida paisaxe megalítica.



Montaxe fotográfico de Rafa Castro sinalando a posición
das tres pedrafitas que se están a conservar erectas do posible 
círculo lítico.

Atópase ao leste do Castro da Baixada de San Xosé, no cumio rochoso que fai de defensa ao recinto por esta beira. É unha pequena chaira ou rechán onde aparecen espalladas numerosas pedras traballadas, cinceladas artificialmente. Dentro desa acumulación sobresaen tres grandes esteos chantados no que parece ser a súa posición orixinal. Sinala Rafa Castro que as obras do tendido eléctrico alteraron significativamente a chaira e os elementos aí erixidos, por iso non é doado especificar si se trata dun círculo lítico ou ben se trata de pedras fincadas típicas para defender o Castro. Diante das fotografías aportadas por Rafa eu inclínome pola adscrición megalítica debido sobre todo ao aspecto redondeado que adoitan ter as pedrafitas, ese aspecto puído e abombado que caracteriza moitas das pedrafitas galegas.

 


Pedrafita do Círculo Lítico.
Fotografía de Rafa Castro.

Para rematar tamén quero subliñar un aspecto de denuncia que Rafa relata polo miudo: a constatación da destrución dunha boa parte do Camiño debido, primeiro, á construción da Autovía das Rías Baixas cando se destruiron xacementos como a Fraga do Zorro, o Penedo da Moura... No ano 2013, a través dun obradoiro de emprego, o Concello de Verín realizou a limpeza do Camiño da Baixada de San Xosé (daquila completamente abandoado), obra que en principio debía ser beneficiosa e que pola contra tivo como consecuencia numerosos danos contrra o patrimonio histórico e arqueolóxico.

 


Pedrafita do Círculo Lítico.
Fotografía de Rafa Castro.

Abriuse así un Camiño Histórico para empregalo como rota de sendeirismo, sen ter en conta o seu verdadeiro interese. Destaca como tráxica a destrución e o desvío do Camiño orixinal preto da porta sur do Castro, onde se abriu unha nova pista sobre a área onde se atopan a meirande parte dos elementos de interese histórico e artístico. 



Pedrafita do Círculo Lítico.
Fotografía de Rafa Castro.

E para rematar, as fermosas verbas de Rafa Castro que redondean o seu espléndido traballo de investigación, que me serveu de guía para as humildes entradas adicadas ás pedrafitas da Baixada de San Xosé:

"Baste contemplar as enormes fragas dende o Campo da Moreira para abraiármonos hoxe en día co anfiteatro natural ornamentado polas singulares formas graníticas entre o que se precipita o cachón do regato das Quintas. Esa sensación de monumentalidade e beleza natural tivo que ser a mesma que a que sentira o artista que realizou as insculturas deste lugar hai varios milleiros de anos.

Sería este o escenario no que os mundos do divino e o humano se xunguiran e a porta entre ambos o lugar onde pedra, auga e lume conflúen: O Pozo do Demo.

Verín 30 de xaneiro de 2015."

Foi un pracer desenvolver, dun xeito sen dúbida fragmentario, a análise e investigacións de Rafa Castro a partir dous seus minuciosos escudriñamentos da marabillosa área tamegana do Pozo do Demo.


En Sigrás, sen saber que nos deparará o futuro. 2026.
Saúde, sorte e libros!!!


ENLACES E BIBLIOGRAFÍA ESENCIAIS


Rafael Castro Vaamonde: "Novas exploracións no contorno do Pozo do Demo e das Fragas de Abedes." Traballo inédito.

Taboada Chivite, X.: "Folklore de Verín". Ourense, La Región.

Taboada Chivite, X.: "O Culto ás Pedras no Noroeste Peninsular". Vigo, Real Academia Galega, 1966.

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/04/pedrafitas-con-outras-funcions.html

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-de-observacion-astronomica.html

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-falicas.html

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-falicas.html

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

https://www.diariodotamega.es/articulo/verin/verin-quere-facer-do-pozo-do-demo-maior-museo-natural-do-sur-galicia/20220214204758021561.html

ttps://www.laregion.es/comarca-de-monterrei/verin-recuperara-ruta-menhires-milenarios_1_20220223-2278229.html

https://osil.info/verin-proxecta-desenvolver-no-pozo-do-demo-o-maior-atractor-turistico-do-sur-de-galicia-cos-next-generation/

https://venagalicia.gal/noticia/2022/02/15/verin-quiere-convertir-pozo-do-demo-museo-aire-libre-referente-turismo-galicia/0003_202202O15C4991.htm

https://www.farodevigo.es/ourense/2021/02/27/denuncian-abandono-yacimiento-arqueologico-o-35760402.html

O_Bouzadoiro_un_xacemento_romano_unico_e.pdf

https://www.gciencia.com/retro/localizan-en-verin-o-castelo-medieval-de-cabreira/

https://estarvivobajoelcieloazul.blogspot.com/2013/03/pozo-do-demo.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/verin-comarca-de-verin-ourense-prg-150-sendeiro-do-pozo-do-demo-22216460/photo-14031936

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/punto-geodesico-de-montemaior-44984183/photo-29545613

https://verin.es/turismo/

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/pozo-do-demo-banco-con-vistas-a-verin-82126178/photo-53159527

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/ourense/lagar-rupestre-y-capilla-de-san-anton-de-abedes/

https://fontesmediae.hypotheses.org/4506

https://nosvolveremosaver.com/pozo-do-demo/



xoves, 7 de novembro de 2013

CÍRCULO LÍTICO DE CASTROTIÓN. Castrotión, Santo Estevo de Oca. A Estrada-

CÍRCULO LÍTICO DE CASTROTIÓN. 

Estes días pasados chegoume un interesantísimo correo de Xabier Moure referente ao Círculo Lítico de Castrotión en Oca. Como ben me comentaba Xabier, as primeiras novas ao redor deste Círculo foron publicadas por Barros Silvelo no ano 1875 e, posteriormente, case uns cen anos despois, por Filgueira Valverde e García Alén na súa monumental obre "Inventario de monumentos megalíticos na provincia de Pontevedra". Diante da posibilidade de que aínda quedasen en pé algúns dos esteos deste círculo á beira dunha desaparecida capela, Moure acerouse polo lugar o día 2 de novembro de 2013 para confirmar a pervivencia do mítico Círculo. 




Os restos que aínda permanecen, efectivamente, atópanse cerca do Centro de Saúde de Oca.

Así, Moure confirmou que ao redor dos restos da Capela (na parte dianteira e na parte traseira) estanse a conservar unha ducia de pedrafitas, seis en cada fronte. Sobresaen do chan entre 50 e 75 centímetros. Polas outras dúas frotnes da capela xa non hai ninguna pedrafita debido seguramente á condtrución dun muro e dun colexio. 




Segundo Xabier non podemos saber si están na disposición orixinal e, ademais, segundo de pode corroborar polas fotografías, están chantadas seguindo unha distribución lineal, ou sexa, que paprecen debuxar un aliñamento.




Fotografías de Xabier Moure, onosopatrimonio.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

venres, 22 de marzo de 2013

CÍRCULOS LÍTICOS AS CHOZAS DA SERRA DA GROBA. Pontevedra

CÍRCULOS LÍTICOS AS CHOZAS DA SERRA DA GROBA. 

Hoxe quero facer unha reflexión en voz alta, unha reflexión que xa hai tempo teño na cabeza pero que ata de agora non me vín con folgos para desenvolver, aínda que sexa dun xeito breve.

A admirable fotografía, como documento, destes tres círculos líticos da Serra da Grova, suxire reflexións que van mais alá das frías estatísticas da cencia arqueolóxica. Efectivamente, estamos diante de tres "curros" (para gardar o gando) coas súas correspondentes cabanas ou chozos. Ata hai poucos anos, como lle aconteceu ás nosas pedrafitas, foron completamente olvidados e incluso desconsiderados pola arqueoloxía oficial e académica galega. Seguramente non foi unha postura tendenciosa, senón que a carón destes elementos visibles non se atopaba ningún resto arqueolóxico que poidese contextualizalos. Sexa como sexa, o certo é que estes misteriosos elementos seguen aí, impertérritos, aguantando impasibles e hieráticos o paso do tempo.

Parece claro que oficialmente adoitanse adscribir a unha época crono-cultural medieval, sobre todo por aparecer profusamente documentada nos documentos medievais como "cousos" ou "curros vedros". Sen embargo este feito empírico non é óbice para consideralos como megalíticos, coa presumible mesma función de cercado para o gando. Tanto estes Curros da Groba como o xa estudado de Santo Tomé (no Valadouro) conservan poderosas pedras -tipo esteos dolménicos- que obedecen a unha talla neolítica, a mesma que nas antas.

Aínda que houbo e hai numerosos curros ao longo da xeografía galega, cada vez quedan menos debido á falta de proteción: moitas das súas poderosas pedras son levadas impunemente para o seu reaproveitamento.

Como ben mantén o amigo Pena Graña, estas mesmas construcións son consideradas monumentos megalíticos en toda a Europa Atlántica, -da que participamos e somos parte consustancial-, conservados, protexidos e estudados con profusión: normalmente estes curros, ademais, están asociados a necrópoles megalíticas e ás grandes pedrafitas que as conforman.

Os curros ou cousos presentan tamén funcións e tipoloxías variables e, nalgún caso, poderían cobixar algún tipo de enterramento. Poden ser circulares, elípticos ou incluso tendentes á forma poligonal. Outra curiosidade é que tamén encerran no seu interior cabanas que incluso (a modo de hipótese) poderían ser reaprovetamentos da época megalítica, o que demostraría a continuidade do seu uso e tamén a continuidade das nosas ancestrais tradicións.




En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


sábado, 20 de outubro de 2012

CÍRCULO LÍTICO DE LOBEIRA. Vilagarcía de Arousa

CÍRCULO LÍTICO DE LOBEIRA.

Para chegar. Hai dúas opcións básicas: si saímos de Vilagarcía, hai que subir por Cornazo cara ao mirador de Monte Lobeira. Antes de chegar ao mirador, débese xirar á esquerda cara ao mirador de Faro das Lúas. Continúase recto, deixando á dereita o cruzamento que leva ao Mirador. Na primeira curva á esquerda xa se atopa o Círculo. Si saimos de Vilanova hai que subir por András cara ao mirador Monte Lobeira. Andes de chegar ao Mirador do Faro das Lúas, xa se pode ver o Círculo.




Trátase dun Círculo Lítico ben coñecido pola historiografía galega a través, primeiro de Murguía e despois de Obermaier. Non foi ata o ano 2006 que volveu a aparecer, posto que se cría desaparecido. No ano 2010 procedeuse a unha pequena intervención arqueolóxica para determinar tanto a súa naturaleza como a súa adscrición crono-cultural.

Para esta pequena reseña sigo o diario das escavacións publicadas por Beatriz Comendador no seu blog "a pedra do encanto".




A intervención arqueolóxica foi realizada por arqueólogos do CSIC coa colaboración de Beatriz Comendador. O obxectivo da intervención foi minimizar o impacto arqueolóxico obtendo o máximo de información, partindo da base dunha posible relación etre a necrópole megalítica aledaña e o Círculo. Dese xeito, planexáronse dúas sondaxes e, a partir de aí, atopouse o que se determinou como un camiño e ademais certificouse que a estrutura das pedras que forman o Círculo era moi superficial, sen ningún tipo de fosa de cimentación.

A partir destas intervencións, e á espera do traballo de laboratorio, o máis plausible é descartar a súa adscrición prehistórica: efectivamente, considérase que o Círculo é bastante posterior aos túmulos posto que o nivel de ocupación atópase moi por enriba dos da mámoa aledaña.




O Círculo de Lobeira está ubicado nunha chaira onde tamén se asentan tres mámoas orientadas do Leste ao oeste. O Círculo mide ao redor de 18 ms de diámetro e atópase a menos de dous metros dunha das mámoas da necrópole. Compónse de pedras amoreadas de case un metro de ancho e, a cada metro aproximadamente, aparecen fincadas pequenas pedras ou esteos deixando un espazo entre elas cuberto de pedras máis pequenas. Cada esteo amosa a cara plana, máis traballada, cara ao exterior.

Despois das sondaxes arqueolóxicas parece máis que probable, como dicía antes, que o Círculo Lítico de Lobeira adscríbase á época medieval. As similitudes cos círculos líticos de A Mourela en As Pontes de García Rodríguez son evidentes, tanto pola súa proximidade a unha necrópole megalítica como a existencia dun camiño primitivo. A todo iso hai agora que engadir a súa cronoloxía medieval, como xa está probado no caso de A Mourela.




Precisamente esta característica e un dos datos máis interesantes, que vinculos hai entre épocas tan disimilares como o megalitismo e a Idade Media? Est apregunta abre novos camiños e perspectivas para o estudo da sociedade tradicional galega e os seus patróns de ocupamento do territorio. Non cabe a menor dúbida de que as investigacións futuras sobre este tema arroxarán lúcidos e fecundos resultados.

Fotografías extraidas do Blog de Beatriz Comendador apedradoencanto.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

domingo, 17 de xuño de 2012

ANTAS-DOLMENES DE SANTO TOMÉ. O Valadouro.


ANTA-DOLMEN DE SANTO TOMÉ, O Valadouro.


Anta-dolmen de Santo Tomé.
Debuxo de Ramón Boga, 1993.


Para chegar. Desde Ferreira do Valadouro, capital municipal, debemos preguntar por Santo Tomé-Rapa das Bestas, lugar ao que se chega sen ningún problema, logo de pasar o Vía Crucis e a Igrexa de Santo Tomé de Recaré. É unha subida con fortes pendentes pola que chegaremos ata unha cancela de ferro. No interior celébrase a rapa das bestas en agosto. Unha vez aquí, hai que seguir subindo e, a uns cen metros á dereita, veremos un cercado de arame fóra do recinto da rapa, que está repoboado de eucaliptos. A menos de 30 ms, no interor dese cercado, atópase a anta.



Planta da Anta de Santo Tomé,
segundo Fidel Méndez.

A mámoa na que se insire o túmulo está composta por moitas pedras que cubren a superficie. Estas pedras parecen formar parte do primeiro nivel da coiraza, que iría seguido dun segundo nivel de terra de cor marrón.  As medidas, de NO-S acadan os 25 ms e no eixo SO-NL os 8 ms.




O alzado pérdese cara ao NL e N baixo unha frondosa capa de vexetación de monte baixo. Un valo de pedras construiuse empregando pedras da devandita coiraza. A mámoa presenta signos de ter sido transitada por maquinaria agrícula, provocando perdas de masa tumular cara ao SSL. A violacíon reduciuse á práctica dun acceso á camara, sen sobreescavar as lousas polo exterior.




A anta estaría totalmente cuberta pola masa tumular antes da súa violación. Trátase dunha cámara de pequenas dimensións das do tipo "cista megalítica" con forma rectangular. Catro esteos son os que dan forma á cámara que está selada por unha gran pedra cobertora. Constátase a existencia dun correor, do que só se conserva o lado esquerdo.  Os meirandes esteos da cámara non sobresaen máis dun metro e cincuenta cms. 



Fotografías de Ramón Boga Moscoso, 1993.


Esta anta colécese tamén como anta do Chan do Padorno ou Mámoa do Curro e incluso O Caselo do Couso, por que está situada no Cortello do Couso. 

Din os paisano da zona que en "Santomé contaban que os mouros tiñan un encanto e un escano de pedra. O lugar onde está a cámara tamén se coñece, por si fora pouco, coma "A Torez". Recentemente atopáronse restos de pintura.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso



CÍRCULO LÍTICO DE PRADO DAS CHANTAS.

Atópase nunha chaira ben delimitada por esteos que teñen unha distancia de separación de 25 cms. Polo que ollamos ao pé do xacemento así como na ortofoto, a tipoloxía do peche non é continua senón que presenta sectores ben diferenciados. No lado N e L amosa ocos que semellan accesos. Na parte O presenta restos dunha estrutura cadrangular pétera de 9x10 ms aproximadamente. Tanto pola súa forma en planta como pola topografía do terreo, parece que en orixe este círculo posuía forma oval orientada L-O e que posteriormente foi ampliada cara ao sur. A súa cronoloxía é dificil de precisar, pero non sería extrano que a construción orixinal fose prehistórica posto que algúns dos esteos do sector NO e N aparecen traballadas de xeito semellante aos esteos das cámaras megalíticas. A ampliación podería ser moderna ou contemporánea.






Fotografías de Fidel Méndez e Moncho Boga, 2008.



MÁMOAS E ALIÑAMENTO DO CHAN DO PADORNO

Na mesma chaira na que se atopan estas dúas mámoas, que presentan cono de violación e algún resto de esteos que poden ser da estrutura arquitectónica ou da coiraza pétrea, aparece un perfecto aliñamento de pedras que non sobresaen máis de medio metro de altura. A súa situación á beira da necrópole fai pensar nunha estrutura prehistórica, peron non podemos precisar si o é ou non. Simplemente quero deixar constancia aquí da súa existencia.



O aliñamento coa mámoa ao fondo á esquerda. 2008.



Dúas fotografías do
posible aliñamento. 2008.
  

OUTRAS COUSAS DOS CHANS DO PADORNO

CÍRCULO LÍTICO DAS PEDRAGOSAS

Para chegar. Chégase por unha pista que sube ao Chao do Lamoso, entre as parroquias do Cadramón e Frexulfe. Descuberta en 2004 por Xesús Pisón.

Este curioso elemento foime amosado por Xesús Pisón, un apaixoado e xa experto coñecedor dos xacementos prehistóricos do Valadouro. Pisón envioume un correo cunha foto espectacular  e rara dentro do contexto megalítico de Galicia. Solicitábame a miña opinión sobre a súa adscrición crono-cultura. 

Contábame que desde que descubrira esa extraña estrutura, amosoulla a José María Bello, a Manuel Lestón a a outros arqueólogos. As opinións foron dispares e a estrutura foi catalogada como unha mámoa.  A xuizo de Pisón, presenta unhas características que non encaixan  nas características tipo dunha mámoa, consideración coa que estou completamente de acordo. Describiáa así, pouco máis ou menos: dous círculos concéntricos feitos con seixos amoreados, algún de maior tamaño fincado no chan. O círculo maior está pechado e ten de diámatros 9,3 ms no eixo N-S e 9,5 no eixo L-O. O círculo mento acada  3,8 ms no eixo N-S e 4,2 no eixo L-O e presenta unha abertura oirentada cara ao leste na que se aprecina deitadas dúas pedras rectangulares de 60 cms aproximadamente de lonxitude. No centro xeométrico do círculo hai unha pedra plana de 115 cms de lonxitude, 78 cm de ancho e uns 20 cms de esperor. 

Para mín que se trata dun círculo de pedra prehistórico. Podería ser o esqueleto dunha mámoa: os círculos de pedras poderían ser os aneis perimetrais dunha mámoa. Si esto fose así, a erosión nesta zona tivo que ser tremenda, non quedando pegada ningunha da mámoa na que se inserían os aneis. Sinalar que a estrutura máis semellante que atopei en Galicia atápase no illote do Guidoiro Areoso, concello da Illa de Arousa, que se amosa tamén neste blogg.



Círculo lítico das Pedragosas.
Fotografía de Xesús Pisón.




ANTA-DOLMEN  ARCA DE SINÁS, O Cadramón.



Está emprazada á beira do Camiño Vello a San Andrés de Teixido. Como tantas outras necrópoles galegas, sempre vencelladas a rotas prehistóricas.

Son dúas mámoas das que a que aquí vemos conserva a posible pedra cobertora apoiada nos esteos da cámara megalítica. Espalladas por enriba da mámoa, unha gran morea de pedras miudas. Como se pode observar na fotografía, amosa planta cadrangular composta por tres esteos. Podemos dicir que, tipolóxicamente, adscríbese ao tipo de monumentos denominados "cistas megalíticas".


Planta da Arca de Sinás a partir de Villaamil. Versión de Ramón Boga.




OUTROS ELEMENTOS NON COMPROBADOS NIN VISITADOS.  Tamén son de problemática adscrición. Curiosidades do Padorno.


O PAU DA VELLA.

Atópase na Serra do Buio, sinalando o límite entre os concellos de Viveiro, Xove, Cervo e O Valadouro. 

Trátase dunha cruz exenta de feitura moi tosca, elaborada nunha soa peza case plana e cos brazos apenas esbozados. Semella unha cruz grega. 

Esta cruz ou estela antropomorfa xa foi publicada por Castelao (1959) e é moi semellante a algunhas estelas descubertas no interior dalgunhas antas. Si Pau da Vella é sinónimo de "Fuso da Bruxa" ou "Fuso da Moura", é probable que se trate dun elemento prehistórico tipo pedrafita, posto que estes topónimos designan en Galicia a estes elementos megalíticos (Pisón).

Acada unha altura dun metro e cinco centímetros; o largo dos brazos é de sesenta e cinco cms e o largo no corpo é de trinta e cinco cms. Está feita de granito e ubícase a 705 ms sobre o nivel do mar.

Xesús Pisón reproduce unha lenda que se repite en moitos currunchos de Galicia: "Algún tempo os curas do Valadouro, de Cervo, de Viveiro e de Xove ían unha vez no  ano ao Pau da Vella  e xantaban sentados en roda arreodor da cruz". Eu engado, cada un na súa parroquia.






CÍRCULO LÍTICO DO PRADO DO XESTO

Información de Xesús Pisón: Sitúase so pé da cabeceira da Fraga das Leiras que delimita as parroquias de Frexulfe e O Cadramón, no territorio natural desta última. O período cronolóxico é impreciso e non se pode determinar.

Trátase dun círculo de pedras de forma ovoidal, pechado con plantas e arames. Actualmente funciona como cercado para o gando.

Parece que se pode ver desde a estrada que sobe ao respaldo dos Penidos, douscentos ms antes do rampla que leva ao Penido Vello; tamén desde a  pista do Chao de Lamoso.



Foto de Manolo Camba.


Esta é a única fotografía que puiden conseguir do Prado do Xesto: apréciase perfectamente a súa forma oval.


PEDRAFITA-MENHIR DE A  VEIGA MOL.

Trátase, segundo a fotografía, dun gran bloque de granito con forma cadrangular tendendo ao círculo, do que descoñecemos case todo: as medidas, se ten algún tipo de gravado, etc. Sen embargo, pola feitura que se aprecia na probe fotografía de que dispoñemos, case con toda seguridade podemos afirmar que se trata dunha peza traballada polas mans do home.




Fotografías de Manolo Camba.


PEDRAFITA-MENHIR DE A ESQUEIRA.

Está ubicada á beira do Camiño Vello do Mosteiro. O mesmo que para case todos estes elementos, non temos case ningún elemento para a análise desta pedra situada á beira do camiño.


Fotografía de Manolo Camba.



GRAN PEDRAFITA-MENHIR.

Prado, Altitude  671 ms.

Atópase  "no centro dunha pista circular eólica á beira da estrada". Parece que mide 10 ms de longo e está partida pola base.  



Fotografía de Manolo Camba.



PEDRAFITA-MENHIR DA SERPE.

Atópase a 510 ms de altitude. Está á beira do "Camiño Real cara ao Grande Asentamento".

"Podería tratarse do marco de “situación” do Grande Asentamento. Fica a 15 ms da ponte. Amosa por unha das súas caras dous trazos (L-O)".



Fotografías de Manolo Camba.



PEDRAFITA-MENHIR DO OUTEIRO DAS PARAÑOAS.

Sen ninguha outra información.



Fotografías de Manolo Camba.



ASENTAMENTO.




Fotografías de Manolo Camba.


Manolo Camba: "Este asentamento poderíamolo clasificar como de privilexiado, pois a súa situación fica nun dos descansos da Veiga Mol, a un paso da forte aba do Lombo da Camposa, dominando toda a extensa área da Chaira. Nestas dúas fotos ollamos a súa parte traseira, con estas penas chantadas xunto cós montículos de terra que fican na súa beira. As fortes penas que forman o asentamento forman uns acougos, no que atopamos unhas cazoletas de bo tamaño. Na súa bisbarra, os grupos pétreos fican un pouco alonxados desta construción".



PEDRAFITA-MENHIR CADRANGULAR.


Lateral esquerdo


Lateral dereito



Burato con surco na zona superior

Gran pedrafita moi cercana ao círculo lítico. Segundo Manolo Camba, "Aínda que podería ser un dos esteos dunha anta, a súa posición e orientación podería ter unha lectura distinta". O amigo Manolo considera que esta é unha pedrafita; para min probablemente é un elemento prehistórico, pero sempre coas dúbidas razonables con respecto a esa consideración.


SEGUNDA PEDRAFITA-MENHIR CADRANGULAR.





Fotografías de Manolo Camba.


A 2ª pedrafita cadrangular fica na aba da Veiga Mol, a uns metros por enriba do camiño que atravesaba a Veiga preto do cercado. Ten a mesma forma que a anterior e distan entre sí uns setecentos cincuenta metros.


As fotografías foron escaneadas da publicación "O Prado das Chantas" Boletín mensual do Conxunto Etnográfico e Arqueolóxico de Santo Tomé-Os Penidos da Liga Céltica Galaica. As fotografías en cor fóronme enviadas por Manolo Camba.












martes, 29 de maio de 2012

CÍRCULO LÍTICO DE O FREIXO. As Pontes de García Rodríguez

INTRODUCIÓN. O MEGALITISMO EN AS PONTES

Desde a perspectiva arqueolóxica, a comarca das Pontes foi estudada minuciosamente polo erudito Federico Maciñeira a finais do século XIX e na primeira metade do século XX. Os datos que aportoua serven aínda hoxe en día para o estudo do megalitismo e é un exemplo para presentes e futuros investigadores, sobre todo tendo en conta que a disciplina arqueolóxica estaba en pañais nesas datas en Galicia.



Círculo Lítico grande da Mourela. Foto de Maciñeira. 

Na cubeta de As Pontes xa non quedan restos de cámaras megalíticas pero, pola contra, consérvanse un elevado número de mámoas: nunha superficie de vinteoito quilómetros cadrados houbo un total de 125 mámoas, o que dá pé a considerala como a estación megalítica máis importante do país, sobre todo en canto á densidade.

Destacaban os núcleso da Veiga de Vilavella, os círculos de pedra da Mourela e o núcleo do Alto das Seixas, na actualidade estragados polos traballos da Mina. A mámoa 245 da Veiga de Vilavella acochaba unha cista formada por oito esteos verticais coroados por unha pedra cobertora monolítica. O enxoval eshumado compoñíase por dous cinceis, un mazo toneliforme, catro sacheos e unha machada de sección cadrada. Entre as mámoas da zona apareceron monumentos representativos de todos os tipos da cultura megalítica.



Círculo pequeno da Mourela. Foto de Maciñeira.

Pero tamén hai peculiaridades, en canto ao horizonte megalítico, que a individualizan con respecto doutras comarcas: as mámoas acostuman ter dimensións reducidas e amosan grandes coirazas de pedra. O mesmo sucede no que respecta ás cámaras que corresponden á tipoloxía definida pola cámara poligonal e corredor corto con esteos de reducidas dimensións. O emprazamento, aproveitando os penecháns dos puntos máis altos da Serra, fai pensar na estética como motivo posible desa ubicación. Outras interpretacións falan da importante práctica dos pobos primitivos de elexir lugares elevados para invocar aos deuses, ao supoñer que nas cumes dos montes tiña o seu asento a divinidade.


ESQUEMA DOS CÍRCULOS LÍTICOS E DA NECRÓPOLE DA MOURELA: versión de Ramón Boga a partir dos debuxos de Federico Maciñeira.




Tratábase dunha necrópole composta por cinco mámoas e dous círculos de pedra. Tres das mámoas acochaban no interior as antas debuxadas no ángulo superior esquerdo. Conservábase tamén unha especie de "calle" ou camiño abandonado de medio quilómetro de lonxitude, cun ancho constante de cinco metros e cunha serie de pedras desiguais de cuarzo sin labrar. A súa forma natural era alongada e sobresaína entre 30 e 50 centímetros.


O CÍRCULO LÍTICO DE O FREIXO

Para chegar cómpre seguir a estrada que, desde As Pontes, leva a Mañón e a Ortigueira pola Serra Faladoira. Auns dez quilómetros veremos un desvío á dereita cun indicador de madeira que sinala "Finca Cabalar", da Xunta de Galicia. Despois de circularao redor de 10 kms, deixando atrás Somede, o desvío do Freixo e a entrada da Finca O Cabalar, chegamos a unha bifurcación no alto: a estrada da esquerda vai ao Vidueiral, a da dereita leva ao Círculo que está emprazado á esquerda nunha pequena chaira do cumio a pouco menos de 50 ms do desvío.

O Círculo de Pedra do Freixo acada unha lonxitude para o diámetro de 9,40 ms, debuxando un círculo perfecto e, aínda que está formado por rochas rudas de pequeno tamaño, parece que se atopa en bo estado para o seu estudo.



Fotografía de Ramón Boga, 1993.

Está construido a base de desiguais e toscas rochas, en maior medida miúdas, excepto na entrada, que son algo máis grandes. As rochas de cuarzo branco, moi abondosas na zona, forman un anel circular dunha anchura media de dous metros e trinta centímetros, e non sobresaen máis de corenta cms, ao que hai que engadir numerosos anacos de pizarra, tamén moi abondosos na cume. Esta morea de pedras non deixa espazos libres apreciables entre si. Como dicía o diámetro máximo N-S acada os nove metros e corenta centímetros. No sur, unha gran pedra que parece non está fincada no chan acada 93 centímetros de largo por corenta cms de ancho.

A entrada está orientaca ao nacente e forma un corredor froito da interrupción das fiadas de rochas, limitando cos maiores esteos do conxunto. A máis grande das rochas que forman a entrada, acada ao redor dun metro de lonxitude e o van mide uns setenta centímetros. 



Porta de acceso ao Círculo. 1993. Fotografía de Ramón Boga.

Talvez o máis salientable do círculo sexa unha curiosa ringleira de pequenas lousas chantadas verticalmente no cha da entrada e orientadas nun sentido decrecente de Leste a Oeste. Están imbricadas entre sí e profundamente chantadas. Son cinco lousas de pizarra que parecen dividir o acceso ao círculo en dúas metades.

Como ocurre cos desaparecidos círculos de pedra de A Mourela, o círculo do Freixo emprázase no máis alto, no Alto da Serra, desde o que se divisa unha ampla e fermosa panorámica do encoro do Eume e dos vales adxacentes.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!