martes, 29 de mayo de 2012

Círculo Lítico do Freixo. As Pontes de García Rodríguez

INTRODUCIÓN. O MEGALITISMO EN AS PONTES

Desde a perspectiva arqueolóxica, a comarca das Pontes foi estudada minuciosamente polo erudito Federico Maciñeira a finais do século XIX e na primeira metade do século XX. Os datos que aportoua serven aínda hoxe en día para o estudo do megalitismo e é un exemplo para presentes e futuros investigadores, sobre todo tendo en conta que a disciplina arqueolóxica estaba en pañais nesas datas en Galicia.



Círculo Lítico grande da Mourela. Foto de Maciñeira. 

Na cubeta de As Pontes xa non quedan restos de cámaras megalíticas pero, pola contra, consérvanse un elevado número de mámoas: nunha superficie de vinteoito quilómetros cadrados houbo un total de 125 mámoas, o que dá pé a considerala como a estación megalítica máis importante do país, sobre todo en canto á densidade.

Destacaban os núcleso da Veiga de Vilavella, os círculos de pedra da Mourela e o núcleo do Alto das Seixas, na actualidade estragados polos traballos da Mina. A mámoa 245 da Veiga de Vilavella acochaba unha cista formada por oito esteos verticais coroados por unha pedra cobertora monolítica. O enxoval eshumado compoñíase por dous cinceis, un mazo toneliforme, catro sacheos e unha machada de sección cadrada. Entre as mámoas da zona apareceron monumentos representativos de todos os tipos da cultura megalítica.



Círculo pequeno da Mourela. Foto de Maciñeira.

Pero tamén hai peculiaridades, en canto ao horizonte megalítico, que a individualizan con respecto doutras comarcas: as mámoas acostuman ter dimensións reducidas e amosan grandes coirazas de pedra. O mesmo sucede no que respecta ás cámaras que corresponden á tipoloxía definida pola cámara poligonal e corredor corto con esteos de reducidas dimensións. O emprazamento, aproveitando os penecháns dos puntos máis altos da Serra, fai pensar na estética como motivo posible desa ubicación. Outras interpretacións falan da importante práctica dos pobos primitivos de elexir lugares elevados para invocar aos deuses, ao supoñer que nas cumes dos montes tiña o seu asento a divinidade.


ESQUEMA DOS CÍRCULOS LÍTICOS E DA NECRÓPOLE DA MOURELA: versión de Ramón Boga a partir dos debuxos de Federico Maciñeira.




Tratábase dunha necrópole composta por cinco mámoas e dous círculos de pedra. Tres das mámoas acochaban no interior as antas debuxadas no ángulo superior esquerdo. Conservábase tamén unha especie de "calle" ou camiño abandonado de medio quilómetro de lonxitude, cun ancho constante de cinco metros e cunha serie de pedras desiguais de cuarzo sin labrar. A súa forma natural era alongada e sobresaína entre 30 e 50 centímetros.


O CÍRCULO LÍTICO DE O FREIXO

Para chegar cómpre seguir a estrada que, desde As Pontes, leva a Mañón e a Ortigueira pola Serra Faladoira. Auns dez quilómetros veremos un desvío á dereita cun indicador de madeira que sinala "Finca Cabalar", da Xunta de Galicia. Despois de circularao redor de 10 kms, deixando atrás Somede, o desvío do Freixo e a entrada da Finca O Cabalar, chegamos a unha bifurcación no alto: a estrada da esquerda vai ao Vidueiral, a da dereita leva ao Círculo que está emprazado á esquerda nunha pequena chaira do cumio a pouco menos de 50 ms do desvío.

O Círculo de Pedra do Freixo acada unha lonxitude para o diámetro de 9,40 ms, debuxando un círculo perfecto e, aínda que está formado por rochas rudas de pequeno tamaño, parece que se atopa en bo estado para o seu estudo.



Fotografía de Ramón Boga, 1993.

Está construido a base de desiguais e toscas rochas, en maior medida miúdas, excepto na entrada, que son algo máis grandes. As rochas de cuarzo branco, moi abondosas na zona, forman un anel circular dunha anchura media de dous metros e trinta centímetros, e non sobresaen máis de corenta cms, ao que hai que engadir numerosos anacos de pizarra, tamén moi abondosos na cume. Esta morea de pedras non deixa espazos libres apreciables entre si. Como dicía o diámetro máximo N-S acada os nove metros e corenta centímetros. No sur, unha gran pedra que parece non está fincada no chan acada 93 centímetros de largo por corenta cms de ancho.

A entrada está orientaca ao nacente e forma un corredor froito da interrupción das fiadas de rochas, limitando cos maiores esteos do conxunto. A máis grande das rochas que forman a entrada, acada ao redor dun metro de lonxitude e o van mide uns setenta centímetros. 



Porta de acceso ao Círculo. 1993. Fotografía de Ramón Boga.

Talvez o máis salientable do círculo sexa unha curiosa ringleira de pequenas lousas chantadas verticalmente no cha da entrada e orientadas nun sentido decrecente de Leste a Oeste. Están imbricadas entre sí e profundamente chantadas. Son cinco lousas de pizarra que parecen dividir o acceso ao círculo en dúas metades.

Como ocurre cos desaparecidos círculos de pedra de A Mourela, o círculo do Freixo emprázase no máis alto, no Alto da Serra, desde o que se divisa unha ampla e fermosa panorámica do encoro do Eume e dos vales adxacentes.

4 comentarios:

  1. Bo traballo ando a documentarme sobre os circulos liticos obrigado

    ResponderEliminar
  2. Hola Moncho ando na procura de fotos e informacion sobre circulos liticos para facer un traballo de recopilacion e publicar no fACE para os compañeiros de enlace co teu permiso

    ResponderEliminar
  3. Bidueiral lugar da parroquia de Somede non do Freixo.

    ResponderEliminar
  4. Thanks for sharing, nice post! Post really provice useful information!

    Hương Lâm chuyên cung cấp máy photocopy, chúng tôi cung cấp máy photocopy ricoh, toshiba, canon, sharp, đặc biệt chúng tôi có cung cấp máy photocopy màu uy tín, giá rẻ nhất.

    ResponderEliminar